Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do MVMC Valdeguas, pertencente á CMVMC da Trepa, no concello de Riós, resultan os seguintes
Feitos:
Primeiro. O 6.9.2025 a CMVMC da Trepa presentou unha solicitude (Rexel núm. 2025/2429935) de revisión de esbozo do MVMC Valdeguas, no concello de Riós.
Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:
– Certificación do acordo da Asemblea Xeral do 22.8.2025.
– Memoria e planos.
– Arquivos xeográficos en formato vectorial.
Segundo. O informe do Servizo de Montes do Departamento Territorial de Ourense de data 6 de novembro de 2025 fai constar que o perímetro obxecto de revisión inclúe un tramo duns 500 m situado na fachada oriental do monte, o cal constitúe o seu único lindeiro con propietarios particulares, atopándose o resto de estremas xa definidas en virtude dos deslindamentos con outras comunidades.
A superficie do MVMC Valdeguas, unha vez revisado o esbozo, sería de 96,32 ha fronte ás 125 ha do acordo de clasificación, o que supón unha sensible redución do 22,9 %. Porén, cabe sinalar que o conxunto dos procesos de deslindamento aminorou, en favor das comunidades lindeiras, a súa superficie, que cabería cifrar actualmente en 95,92 ha, e da que se deduciría realmente un incremento do 0,4 %.
Tendo en conta o anterior, infórmase favorablemente a revisión do esbozo solicitada.
Consideracións legais e técnicas:
Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.
De acordo con esta, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade non reúnan as características de fiabilidade e de precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.
De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 6 de novembro de 2025, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 28 de abril de 2026:
Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC Valdeguas, pertencente á CMVMC da Trepa, no concello de Riós.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 12 da citada Lei 13/1989, nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Ourense, 19 de maio de 2026
José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense
