A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada pola Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, determina que o sistema educativo se orientará, entre outros fins, á consecución do pleno desenvolvemento da personalidade e das capacidades do alumnado, á educación na responsabilidade individual e no mérito e esforzo persoal e ao desenvolvemento da capacidade do alumnado para regular a súa propia aprendizaxe, confiar nas súas aptitudes e coñecementos, así como para desenvolver a creatividade, a iniciativa persoal e o espírito emprendedor.
A Orde ECD/1611/2015 do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, do 29 de xullo, pola que se crean e regulan os premios nacionais ao rendemento académico do alumnado de educación secundaria obrigatoria e de ensinanzas artísticas profesionais nos ámbitos de música, danza e artes plásticas e deseño, con base no establecido no artigo 89 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada pola Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, dispón, no artigo 9, que poderá optar aos premios nacionais de ensinanzas artísticas profesionais o alumnado que obtivese previamente premio extraordinario de ensinanzas artísticas profesionais no ámbito de xestión da Comunidade Autónoma na cal finalizase as ditas ensinanzas, fose seleccionado pola súa Administración educativa para participar nos premios nacionais e cumpra os demais requisitos establecidos na citada orde. Así mesmo, dispón que o número de persoas seleccionadas por cada Administración educativa non poderá ser superior a unha por cada especialidade ou familia profesional.
A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, consciente da importancia de recoñecer e valorar publicamente os méritos excepcionais baseados no esforzo e no traballo do alumnado que cursase cun excelente resultado académico as ensinanzas artísticas profesionais na Comunidade Autónoma de Galicia, convoca os premios extraordinarios na modalidade de ensinanzas artísticas profesionais nos ámbitos de música, de danza, e de artes plásticas e deseño.
En consonancia co anterior, no exercicio das competencias atribuídas no Decreto 138/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, por proposta da Dirección Xeral de Formación Profesional, de conformidade co establecido no artigo 9 da citada Orde ECD/1611/2015, e de acordo co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,
DISPOÑO:
Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación
Convócanse na Comunidade Autónoma de Galicia os premios extraordinarios na modalidade de ensinanzas artísticas profesionais nos ámbitos de música, de danza, e de artes plásticas e deseño (código de procedemento ED311F) para o alumnado que finalizase as ensinanzas profesionais de Música, de Danza ou de ciclos formativos de grao superior de Artes Plásticas e Deseño, no curso 2025/26, nun centro docente da Comunidade Autónoma de Galicia e cumpra os requisitos establecidos nesta orde.
Esta convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, ten como obxecto recoñecer o especial aproveitamento do alumnado que cursase na Comunidade Autónoma de Galicia os estudos profesionais de Música, de Danza ou de ciclos formativos de grao superior de Artes Plásticas e Deseño establecidos na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada pola Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro.
Artigo 2. Número, orzamento e características dos premios
1. Poderase conceder ata un máximo de seis premios extraordinarios, coa seguinte distribución: tres (3) premios no ámbito de música, un (1) no ámbito de danza e dous (2) no ámbito de artes plásticas e deseño. Non se poderá conceder máis dun premio por especialidade no ámbito de música ou por familia profesional no ámbito de artes plásticas e deseño.
2. A dotación para os premios será de 6.000 euros, con cargo á partida orzamentaria 07.04.422M.480.4 dos orzamentos do ano 2026, que se distribuirán entre os premiados na mesma contía, e que non poderá exceder os 1.000 euros por premio.
3. O alumnado que obteña o premio extraordinario percibirá a dotación económica, se cumpre os requisitos establecidos no artigo 15 desta orde e, ademais, recibirá un diploma acreditativo, e o/a secretario/a do centro público onde estea depositado o expediente académico anotará nel, mediante dilixencia, a distinción, que se fará constar nas certificacións académicas que se emitan.
4. O alumnado que obteña premio extraordinario de ensinanzas artísticas profesionais e cumpra os requisitos establecidos no artigo 9 da Orde ECD/1611/2015 do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, do 29 de xullo, pola que se crean e se regulan os premios nacionais ao rendemento académico do alumnado de educación secundaria obrigatoria e de ensinanzas artísticas profesionais nos ámbitos de música, danza, e artes plásticas e deseño, poderá optar aos premios nacionais de ensinanzas artísticas profesionais nos ámbitos de música, de danza, e de artes plásticas e deseño, segundo o procedemento disposto no artigo 4 da citada orde.
5. Estes premios extraordinarios son compatibles con calquera outro tipo de premios, bolsas ou axudas concedidos por algunha Administración pública competente ou calquera ente público ou privado, nacional, da Unión Europea ou organismos internacionais.
Artigo 3. Requisitos de participación
Poderá optar aos premios extraordinarios de ensinanzas artísticas profesionais o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:
1. Ámbito de música.
a) Ter finalizado as ensinanzas profesionais de Música, no curso 2025/26, en centros públicos ou privados autorizados de ensinanzas profesionais de Música da Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Ter obtido unha nota media igual ou superior a 8,75 entre as materias dos dous últimos cursos das ensinanzas profesionais de Música. Para estes efectos, as materias validadas non serán tidas en conta. No caso de que a persoa aspirante ingresase en sexto curso, a nota media calcularase tendo en conta unicamente as materias do dito curso.
c) O alumnado que desexe optar a estes premios deberá, ademais, presentar, por sede electrónica xunto coa solicitude, unha gravación de vídeo en formato AVI ou MPEG na cal a persoa aspirante interprete tres pezas (obras ou movementos completos de obras) de diferentes estilos, dunha dificultade non inferior ao nivel de sexto curso de ensinanzas profesionais de Música, cunha duración máxima de 25 minutos, e un tamaño máximo dun xigabyte (1 GB), entre as tres pezas. O alumnado unicamente poderá presentar a solicitude de xeito individual, realizando a interpretación como solista, con acompañamento da agrupación que precise, se é o caso. A devandita gravación non poderá estar editada, deberá corresponder a unha gravación en directo sen aplicación de ningún tipo de procesamento de son e/ou imaxe. O alumnado poderá realizar máis dunha toma de vídeo sempre e cando realice unha interpretación continua de cada movemento. A persoa aspirante deberá especificar os títulos e os/as autores/autoras das pezas que interpreta na solicitude (anexo I), respectando a orde de interpretación.
2. Ámbito de danza.
a) Ter finalizado as ensinanzas profesionais de Danza, no curso 2025/26, en centros públicos ou privados autorizados de ensinanzas profesionais de Danza da Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Ter obtido unha nota media igual ou superior a 8,75 entre as materias dos dous últimos cursos das ensinanzas profesionais de Danza. Para estes efectos, as materias validadas non serán tidas en conta. No caso de que a persoa aspirante ingresase en sexto curso, a nota media calcularase tendo en conta unicamente as materias do dito curso.
c) O alumnado que desexe optar a estes premios deberá, ademais, presentar, por sede electrónica xunto coa solicitude unha gravación de vídeo en formato AVI ou MPEG na cal a persoa aspirante interprete, co acompañamento que precise, se é o caso, tres pezas (variacións, obras ou fragmentos de obras coreográficas) de diferentes estilos, dunha dificultade non inferior ao nivel de sexto curso das ensinanzas profesionais de Danza, cunha duración máxima de 15 minutos e un tamaño máximo dun xigabyte (1 GB), entre as tres pezas. O alumnado poderá realizar unha toma de vídeo distinta para cada unha das tres pezas (variacións, obras ou fragmentos de obras coreográficas), sempre que realice unha interpretación continua de cada peza. A persoa aspirante deberá especificar os títulos e coreógrafos/as das pezas que interpreta na solicitude (anexo I), respectando a orde de interpretación. Cando a variación, obra ou fragmento da obra coreográfica presentada corresponda a unha interpretación en conxunto, deberá especificarse obrigatoriamente que bailarín/bailarina, dentro do grupo, é a persoa aspirante.
3. Ámbito de artes plásticas e deseño.
a) Ter finalizado un ciclo formativo de grao superior de Artes Plásticas e Deseño, no curso 2025/26, en centros públicos ou privados autorizados da Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Ter obtido unha nota media final igual ou superior a 8,75 no ciclo formativo de grao superior de Artes Plásticas e Deseño cursado. A nota media final obterase da media aritmética das cualificacións dos módulos que teñan expresión numérica, sen se teren en conta no dito cálculo as cualificacións de «apto», «exento» ou «validado». No cálculo da nota media non se incluirá a cualificación do proxecto integrado ou proxecto final.
c) O alumnado que desexe optar a estes premios deberá, ademais, presentar xunto coa solicitude a memoria e documentación gráfica do proxecto integrado ou proxecto final do ciclo formativo de grao superior polo cal concorre, en formato PDF, AVI ou MPEG cun tamaño máximo dun xigabyte (1 GB).
Artigo 4. Forma e prazo de presentación de solicitudes
1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
Opcionalmente, poderanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e dos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. As solicitudes subscribiraas a persoa interesada ou a persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.
3. A sede electrónica da Xunta de Galicia dispón de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes para a presentación electrónica deste procedemento. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios, poderán dirixirse ao teléfono de información 012 ou ao enderezo electrónico 012@xunta.gal
Se as dúbidas están relacionadas coa presente convocatoria, poderán facer as súas consultas no enderezo electrónico sereap@edu.xunta.gal
4. O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia ata o 31 de xullo de 2026.
Artigo 5. Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Acreditación da representación por calquera medio válido en dereito no caso de actuar por medio dun representante.
b) Certificación académica dos estudos obxecto de baremo, segundo o establecido no artigo 3 desta orde, na cal se reflicta a cualificación final obtida pola persoa aspirante, asinada polo/a secretario/a co visto e prace do/da director/a do centro público en que estea o expediente académico da persoa aspirante.
c) Documentación segundo corresponda aos respectivos ámbitos:
• Ámbitos de música e de danza: unha gravación de vídeo en formato AVI ou MPEG cun tamaño máximo dun xigabyte (1 GB).
• Ámbito de artes plásticas e deseño: memoria e documentación gráfica do proxecto integrado ou proxecto final do ciclo formativo de grao superior de Artes Plásticas e Deseño polo cal concorre, en formato PDF, AVI ou MPEG, cun tamaño máximo dun xigabyte (1 GB).
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada. De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
3. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e dos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común das administracións públicas. Neste caso, as gravacións de vídeo para os ámbitos de música e de danza, e a memoria e documentación gráfica do proxecto integrado ou proxecto final en formato PDF, AVI ou MPEG para o ámbito de artes plásticas e deseño poderán presentarse en soporte DVD ou memoria USB, que deberá ser enviado ao Servizo de Ensinanzas de Réxime Especial e Aprendizaxe Permanente, Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
4. Non serán admitidos os proxectos integrados, proxectos finais, vídeos de música, vídeos de danza en formatos e/ou tamaños diferentes aos establecidos na presente convocatoria.
5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
Artigo 6. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI ou NIE da persoa solicitante.
b) DNI ou NIE da persoa representante, só no caso de actuar por medio dun representante.
c) Certificado de estar ao día do pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).
d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
e) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas coa Administración pública da Comunidade Autónoma (Atriga).
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 7. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou se deixen de efectuar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.
2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario.
3. No caso de optar pola notificación en papel, efectuarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común das administracións públicas.
4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
6. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e dos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Artigo 9. Procedemento dos centros educativos
Os centros educativos correspondentes proporcionaranlle ao alumnado solicitante a certificación académica dos estudos obxecto de baremo, na cal se reflicta a cualificación final a que se refire o artigo 3 desta orde, asinada polo/a secretario/a co visto e prace do/da director/a do centro público no que se atope o expediente académico.
Artigo 10. Instrución do procedemento
1. O órgano instrutor do procedemento será o Servizo de Réxime Especial e Aprendizaxe Permanente.
2. Rematado o prazo de presentación de solicitudes e logo de examinar estas e a documentación presentada polas persoas solicitantes, o órgano instrutor publicará a relación provisional do alumnado admitido e excluído e os motivos de exclusión, consonte o establecido no artigo 16 desta orde.
3. Unha vez publicada a relación provisional do alumnado admitido e excluído, as persoas interesadas disporán dun prazo de reclamación de dez (10) días para emendar erros e a falta de documentación, e achegarán, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden os erros ou se achegue a documentación preceptiva, considerarase que a persoa interesada desiste da súa petición, nos termos e nas condicións establecidos no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
4. As solicitudes de emendas á publicación da relación provisional do alumnado admitido e excluído entenderanse resoltas e notificadas coa publicación da relación definitiva.
5. A publicación da relación definitiva do alumnado admitido e excluído realizarase consonte o establecido no artigo 16 desta orde.
Artigo 11. Xurado de selección
1. Para a análise e valoración das solicitudes, a persoa titular da Dirección Xeral de Formación Profesional designará un xurado de selección formado polas seguintes persoas:
a) Ámbito de música:
Presidente/a: a persoa responsable da Subdirección Xeral de Aprendizaxe Permanente, Ensinanzas Artísticas, Idiomas e Deportivas ou persoa en quen delegue.
Vogais: tres vogais especialistas no ámbito da música.
Secretario/a: un/unha asesor/a técnico/a da Dirección Xeral de Formación Profesional que actuará con voz pero sen voto.
b) Ámbito de danza:
Presidente/a: a persoa responsable da Subdirección Xeral de Aprendizaxe Permanente, Ensinanzas Artísticas, Idiomas e Deportivas ou persoa en quen delegue.
Vogais: tres vogais especialistas no ámbito da danza.
Secretario/a: un/unha asesor/a técnico/a da Dirección Xeral de Formación Profesional que actuará con voz pero sen voto.
c) Ámbito de artes plásticas e deseño:
Presidente/a: a persoa responsable da Subdirección Xeral de Aprendizaxe Permanente, Ensinanzas Artísticas, Idiomas e Deportivas ou persoa en quen delegue.
Vogais: tres vogais especialistas no ámbito das artes plásticas e o deseño.
Secretario/a: un/unha asesor/a técnico/a da Dirección Xeral de Formación Profesional que actuará con voz pero sen voto.
2. Con anterioridade á análise das solicitudes, o órgano instrutor fará pública a designación dos membros do xurado de selección no portal educativo.
Artigo 12. Criterios de valoración
1. Os premios concederanse en réxime de concorrencia competitiva, de acordo cos criterios que se establecen a seguir para cada ámbito.
2. Ámbito de música.
O xurado valorará a gravación presentada atendendo aos seguintes criterios, puntuando ata un máximo de 100 puntos.
a) Nivel técnico: ata 50 puntos.
1º. Dominar a técnica instrumental: ata 25 puntos.
• Utilizar o esforzo muscular axeitado ás exixencias da execución instrumental.
• Utilizar a respiración axeitada ás exixencias da execución instrumental.
• Dominar a técnica interpretativa acorde co repertorio presentado.
2º. Dificultade e variedade do repertorio presentado: ata 10 puntos.
• Interpretar obras de distintas épocas e estilos adecuadas ao nivel de 6º curso das ensinanzas profesionais de música.
• Demostrar o dominio das dificultades do repertorio presentado adecuado ao nivel das ensinanzas profesionais de música.
3º. Corrección na execución: ata 15 puntos.
Mostrar o dominio na execución das obras sen desligar os aspectos técnicos dos musicais. Para tal fin, o xurado comprobará a capacidade da persoa aspirante de relacionar os coñecementos técnicos e teóricos necesarios para acadar unha interpretación adecuada.
b) Calidade artística: ata 50 puntos.
1º. Calidade e equilibrio sonoro: ata 20 puntos.
Demostrar sensibilidade respecto das características propias do instrumento.
2º. Aplicar elementos expresivos axustados ao estilo das obras: ata 20 puntos.
• Amosar o concepto persoal da interpretación dentro da fidelidade á partitura.
• Amosar o concepto estilístico da interpretación dentro da fidelidade á partitura.
• Amosar liberdade de interpretación dentro da fidelidade á partitura.
3º. Mostrar presenza escénica: ata 10 puntos.
Mostrar expresividade na interpretación desde a perspectiva escénica.
3. Ámbito de danza.
O xurado valorará a gravación presentada atendendo aos seguintes criterios, puntuando ata un máximo de 100 puntos.
a) Nivel técnico: ata 50 puntos.
1º. Dominar a técnica da danza: ata 25 puntos.
• Demostrar o grao de madureza e capacidade técnica respecto da colocación do corpo, o desenvolvemento muscular e a flexibilidade, a coordinación interior e rítmica de todos os movementos.
• Demostrar o grao de madureza e capacidade técnica respecto do dominio do equilibrio e o control do corpo, a precisión e a definición das proxeccións e dos desprazamentos, a utilización do espazo e a respiración do movemento.
2º. Dificultade e variedade do repertorio presentado: ata 10 puntos.
• Amosar virtuosismo na interpretación de obras adecuadas ao nivel de 6º curso das ensinanzas profesionais de danza.
• Amosar versatilidade interpretativa fronte á variedade das pezas elixidas.
3º. Mostrar corrección na interpretación: ata 15 puntos.
Mostrar o dominio na execución das obras a través da definición do movemento evolucionando no espazo coa adecuada precisión e amplitude de movemento.
b) Calidade artística: ata 50 puntos.
1º. Amosar calidade do movemento e musicalidade: ata 30 puntos.
• Amosar unha sensibilidade corporal e musical para a obtención dunha interpretación expresiva usando as distintas calidades do movemento.
• Amosar unha sensibilidade corporal e musical para a obtención dunha interpretación expresiva.
2º. Aplicar elementos expresivos axustados ao estilo das obras: ata 20 puntos.
• Lograr unha interpretación expresiva axustada ao estilo e carácter das obras coa autonomía necesaria para abordar a interpretación dentro das marxes de flexibilidade que permita a coreografía.
• Amosar o sentido creativo e o grao de desenvolvemento da personalidade artística da persoa aspirante coa autonomía necesaria para abordar a interpretación dentro das marxes de flexibilidade que permita a coreografía.
4. Ámbito de artes plásticas e deseño.
O xurado valorará o proxecto integrado ou proxecto final atendendo aos seguintes criterios, puntuando ata un máximo de 100 puntos.
a) Nivel técnico: ata 50 puntos.
1º. Calidade da presentación e execución: ata 25 puntos.
• Concretar na exposición os obxectivos do proxecto.
• Adecuar os obxectivos do proxecto ao público formulado na memoria.
• Concretar a finalidade do proxecto e amosar coherencia coas condicións do ámbito cultural, social e económico a que vai destinado.
2º. Grao de eficiencia na resolución amosada no traballo presentado: ata 25 puntos.
Cumprimento dos obxectivos propostos e resolución dos problemas co traballo final presentado.
b) Calidade artística: ata 50 puntos.
1º. Creatividade: ata 25 puntos.
• Presentar unha xustificación da linguaxe estética proposta e das técnicas representativas empregadas na concreción das diferentes fases da proposta final formal presentada (concepción, proxección e realización).
• Amosar orixinalidade e significación, estética e artística, da resolución proposta de proxecto formulado.
2º. Adecuación do grafismo/tipografía/ilustracións á temática: ata 25 puntos.
• Empregar unha linguaxe técnica axeitada acorde coa concepción da idea do proxecto formulado.
• Amosar concordancia entre todos os recursos estéticos empregados (forma, tamaño, escala, cor, textura, materiais, grafismo, tipografía, ilustracións, etc.) na proposta estética final presentada.
• Amosar claridade, corrección técnica, pulcritude e orde nos documentos que compoñen o proxecto.
5. Con anterioridade á análise da solicitude, o xurado de selección fará pública a concreción dos criterios de valoración no portal educativo.
6. Para poderen ser propostas como premiadas as persoas aspirantes deberán acadar unha puntuación mínima de 50 puntos no total da suma das puntuacións das dúas epígrafes (nivel técnico e calidade artística). De se dar o caso de que ningún participante acade a dita puntuación, o premio ou premios declararanse desertos.
7. O número de premios propostos non pode ser superior ao que resulte da aplicación do artigo 2 desta orde, polo que, no caso de empate entre persoas candidatas, darase preferencia á mellor nota media a que se refire o artigo 3 desta orde e, despois, á cualificación nas alíneas a) Nivel técnico e b) Calidade artística do artigo 12 desta orde.
Artigo 13. Puntuacións provisionais e definitivas
1. A publicación das puntuacións provisionais obtidas polas persoas candidatas realizarase consonte o establecido no artigo 16 desta orde.
2. O alumnado ou, se é o caso, os seus representantes legais poderán presentar reclamación contra a puntuación provisional obtida, no prazo de dez (10) días a partir do día seguinte ao da súa publicación.
3. A reclamación presentarase preferiblemente por vía electrónica a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal), accedendo á Carpeta cidadá, e con ela achegarán, se é o caso, a documentación necesaria.
Opcionalmente, poderase presentar a reclamación de forma presencial en calquera dos lugares e dos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común das administracións públicas. Neste caso, poderase adiantar o envío por correo electrónico ao enderezo sereap@edu.xunta.gal
4. Unha vez analizadas as reclamacións ás puntuacións provisionais, o xurado de selección elaborará a acta coas puntuacións definitivas do alumnado admitido e coa proposta definitiva de adxudicación dos premios extraordinarios.
5. As puntuacións definitivas das persoas aspirantes publicaranse consonte o establecido no artigo 16 desta orde.
As reclamacións ás puntuacións provisionais entenderanse resoltas e notificadas coa publicación das puntuacións definitivas das persoas aspirantes.
Artigo 14. Resolución
1. O órgano instrutor, con base nas puntuacións definitivas, elevará un informe-proposta de adxudicacións de premios extraordinarios na modalidade de ensinanzas artísticas profesionais nos ámbitos de música, de danza, e de artes plásticas e deseño na Comunidade Autónoma de Galicia, correspondentes ao curso 2025/26 á persoa titular da Dirección Xeral de Formación Profesional, que resolverá, por delegación do/da conselleiro/a de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, a adxudicación destes premios mediante a correspondente resolución.
2. O prazo máximo para notificar a resolución deste procedemento será de cinco (5) meses, contados desde o día seguinte ao da finalización do prazo de inscrición. Transcorrido o dito prazo sen que se notifique a correspondente resolución, a persoa interesada poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.
3. A relación de alumnado seleccionado para participar nos premios nacionais ao rendemento académico do alumnado de ensinanzas artísticas profesionais nos ámbitos de música, danza e artes plásticas e deseño será o premiado na presente convocatoria e comunicarase á Dirección Xeral de Planificación e Xestión Educativa do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes.
4. A devandita resolución de adxudicación dos premios poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da data de publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente mediante recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses desde tal publicación, segundo prevé o artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Artigo 15. Obrigas das persoas beneficiarias
1. O alumnado premiado, para poder recibir a dotación económica do premio a que se refire o artigo 2.2 desta orde, non poderá estar incurso en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deberá estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da citada lei, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e acharse ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, conforme o artigo 10.2.e) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. A persoa premiada deberá remitir á Dirección Xeral de Formación Profesional o modelo 145 do imposto sobre a renda das persoas físicas, e unha certificación emitida pola entidade bancaria en que conste a titularidade da conta bancaria consignada na solicitude, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada na semana seguinte á publicación da resolución de adxudicación dos premios no Diario Oficial de Galicia.
3. O alumnado que obteña premio extraordinario ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control que lles competen, segundo dispón o artigo 14.1.k) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A contía do premio extraordinario ten, actualmente e para efectos fiscais, a consideración de rendementos de traballo. O importe do premio estará suxeito ás retencións que legalmente correspondan.
4. Na solicitude (anexo I), o alumnado debe facilitar a titularidade dunha conta bancaria con 24 díxitos e declarar respecto da veracidade dos datos relativos á dita conta en que se ingresará, mediante transferencia bancaria, a dotación do dito premio, no caso de obtelo.
5. A persoa beneficiaria ten a obriga de reintegrar, total ou parcialmente, a subvención ou a axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, tal como indican os artigos 14.j) e 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
6. Ás persoas beneficiarias destas subvencións seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.
7. A presentación da solicitude supón a aceptación das obrigas reguladas nesta orde para ser beneficiario/a do premio, así como a aceptación do premio no caso de obtelo.
Artigo 16. Publicación dos actos
Publicarase no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a resolución de adxudicación dos premios.
Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade, a través da páxina web da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional https://www.edu.xunta.gal, a designación dos membros do xurado de selección, a concreción dos criterios de valoración, a relación provisional e definitiva de alumnado admitido e excluído e as puntuacións provisionais e definitivas obtidas polas persoas candidatas.
Artigo 17. Modificación da adxudicación
Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión dos premios poderá dar lugar á modificación da adxudicación do premio concedido, conforme o artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 18. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, á que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.
Disposición adicional primeira. Efectos económicos do xurado de selección
Para os efectos previstos no artigo 26 do Decreto 144/2001, sobre indemnizacións por razóns do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia, o xurado de selección e as comisións recibidas polo análise e valoración das solicitudes estarán incluídas na categoría que determine a Dirección Xeral de Orzamentos e Financiamento Autonómico da Consellería de Facenda e Administración Pública.
Disposición adicional segunda. Publicación na Base de datos nacional de subvencións
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.
Disposición adicional terceira. Delegación de atribucións
Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional na persoa titular da Dirección Xeral de Formación Profesional para resolver a concesión, denegación, recursos administrativos, modificación ou outras incidencias dos premios previstos nesta orde.
Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento
Autorízase a Dirección Xeral de Formación Profesional para adoptar os actos e as medidas necesarias para a aplicación desta orde.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 19 de maio de 2026
O conselleiro de Educación, Ciencia,
Universidades e Formación Profesional
P.D. (Orde do 5.6.2024; DOG núm. 114, do 13 de xuño)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Ciencia,
Universidades e Formación Profesional
