A Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, establece no seu artigo 33.3 que as oficinas da Rede de oficinas de atención á cidadanía e de rexistro se crearán, se modificarán e se suprimirán mediante orde da persoa titular da consellería competente en materia de administracións públicas. De conformidade co artigo 8.2 do Decreto 191/2011, do 22 de setembro, de organización e funcionamento dos rexistros da Administración xeral e das entidades públicas instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia, tramitaranse logo da proposta da consellería ou entidade correspondente, co informe previo da Oficina de Rexistro Xeral.
O Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, regula no seu artigo 12 as funcións da Subdirección Xeral de Coordinación do Rexistro e Atención á Cidadanía, dependente da Secretaría Xeral Técnica, entre as cales consta a de dirección, coordinación e control das oficinas de rexistro e atención á cidadanía.
No anexo I do Decreto 191/2011, do 22 de setembro, figura, entre outras, a Oficina do Rexistro de Augas de Galicia (Zona Galicia Sur), sita na actualidade na rúa López de Neira, 3-4ª, local 403, en Vigo.
O día 8.4.2026, o director de Augas de Galicia solicitou a supresión da dita oficina do rexistro. Sobre a supresión emitiu informe positivamente a Subdirección Xeral de Coordinación do Rexistro e Atención á Cidadanía.
Tendo en conta a necesidade de optimización dos recursos públicos e o principio de eficacia que rexen a actuación da Xunta de Galicia, considérase conveniente a supresión da Oficina do Rexistro de Augas de Galicia (Zona Galicia Sur), sita na rúa López de Neira, 3-4ª, local 403, en Vigo.
Polo exposto, e en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,
DISPOÑO:
Artigo único
Suprímese a Oficina do Rexistro de Augas de Galicia (Zona Galicia Sur), sita na rúa López de Neira, 3-4ª, local 403, en Vigo.
Disposición derradeira primeira
O establecido nesta orde non suporá incremento de gasto.
Disposición derradeira segunda
Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Nesa mesma data actualizarase para a cidadanía a relación de oficinas de rexistro, existente na páxina web institucional.
Santiago de Compostela, 29 de maio de 2026
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes
