DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 105 Luns, 8 de xuño de 2026 Páx. 33127

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

ANUNCIO do 5 de maio de 2026, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, polo que se someten a información pública o estudo de impacto ambiental e a solicitude de modificación substancial da autorización ambiental integrada co número de rexistro 2024-IPPC-I-41-385 outorgada a Granja Campomayor, S.L. para a explotación avícola de recría de poliñas, situada na Puxeda, concello de Palas de Rei (expediente 2026-IPPC-M-5).

Para os efectos previstos no artigo 29 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (BOE núm. 273, do 10 de novembro), faise público que por espazo de trinta (30) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, quedará exposta a documentación correspondente á solicitude de modificación substancial da autorización ambiental integrada e ao estudo de impacto ambiental da explotación avícola de recría de poliñas situada na Puxeda, concello de Palas de Rei (Lugo), presentada por Granja Campomayor, S.L. co fin de que calquera persoa interesada poida consultala e, de ser o caso, formular dentro do dito prazo as alegacións, suxestións ou observacións que considere convenientes.

A documentación estará á disposición das persoas administradas nas dependencias da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación, en horario de atención ao público (rúa de San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela). Ademais, tamén se poderá consultar na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático (http://cmatv.xunta.gal/>>medio ambiente e sostibilidade>>prevención e control de actividades>>autorización ambiental integrada >>proxectos en información pública).

Santiago de Compostela, 5 de maio de 2026

María José Echevarría Moreno
Directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade

ANEXO

Categoría principal da actividade: 9.3.a) (Instalacións gandeiras dedicadas á cría e ceba, en explotacións intensivas, de todo tipo de aves, tanto para a produción de carne coma para a produción de ovos ou para reprodución).

Titular: Granja Campomayor, S.L.

NIF: B27015429.

Domicilio social: Ximonde, s/n (N-547, km 27), Vilar de Donas, concello de Palas de Rei (Lugo).

Dirección da instalación: lugar A Bragaña, parroquia A Puxeda, concello de Palas de Rei (Lugo).

Actividade principal: explotación avícola de recría de poñedoras.

Descrición: construción dunha segunda nave de 129.360 prazas para a recría de poñedoras, ampliación da esterqueira, cambio da situación das edificacións administrativas e doutras instalacións, nova distribución da recollida das augas residuais xeradas e instalación de placas solares fotovoltaicas para autoconsumo.

Verteduras: as augas residuais procedentes da limpeza das naves e os lixiviados da esterqueira son levadas a un depósito estanco antes de seren recollidas por xestor autorizado. A instalación dispón dunha fosa séptica estanca para a recollida das augas residuais dos aseos. As augas pluviais verteranse directamente ao terreo.

Control esterco: o esterco xerado será recollido por un xestor autorizado.