Na sesión que tivo lugar o 29 de maio de 2026, o tribunal nomeado pola Resolución do 30 de xaneiro de 2026 pola que se nomea o tribunal que deberá cualificar o proceso selectivo para o ingreso mediante o sistema de oposición, pola quenda de acceso libre e promoción interna, no corpo facultativo superior de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala de profesores numerarios de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros, especialidade de inglés marítimo, acordou, de conformidade co disposto na base II.1.1.2 da convocatoria, que o segundo exercicio da oposición terá lugar o día 17 de xuño de 2026, en chamamento único ás 14.30 horas, na sala D, situada na planta baixa do edificio administrativo San Caetano (zona da pirámide), en Santiago de Compostela.
As persoas aspirantes deberán presentarse ao exercicio provistas do NIF, NIE, pasaporte, permiso de condución ou outro documento fidedigno que, a xuízo do tribunal, acredite a súa identidade.
De conformidade co disposto na base II.1.1.2. da convocatoria, para a preparación da unidade didáctica poderá utilizar o material que considere oportuno, sen posibilidade de conexión co exterior, polo que o material que vaia utilizar non poderá ser susceptible da dita conexión (ordenadores portátiles, teléfonos móbiles etc.), sen prexuízo da posibilidade de utilización alternativa do material que a ese respecto lle facilitará o tribunal. Para a exposición, o persoal aspirante poderá utilizar o material auxiliar que considere oportuno e que deberá achegar el mesmo, sempre que sexa aprobado polo tribunal, así como un guión que non excederá unha páxina e que se lle entregará ao tribunal ao final da exposición.
Santiago de Compostela, 29 de maio de 2026
Álvaro Baaliña Insua
Presidente do tribunal
