DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 110 Luns, 15 de xuño de 2026 Páx. 34255

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

ORDE do 11 de xuño de 2026 pola que se ditan normas que determinan os servizos mínimos nos centros educativos públicos do termo municipal de Santiago de Compostela durante a folga do persoal da empresa Lacera Servicios y Mantenimiento, S.A., convocada para o día 16 de xuño de 2026.

A Confederación Intersindical Galega comunicou a convocatoria durante toda a xornada laboral do día 16 de xuño de 2026 para o persoal da empresa Lacera Servicios y Mantenimiento, S.A., nos seus centros de traballo no servizo de conserxaría e limpeza nos centros de educación infantil e primaria (CEIP) do termo municipal de Santiago de Compostela.

A necesaria conciliación entre o exercicio do dereito constitucional de folga e o mantemento dos servizos esenciais obriga a Administración autonómica, en canto autoridade gobernativa no ámbito da educación en Galicia, a fixar uns servizos mínimos indispensables para o funcionamento dos servizos esenciais que se concretan e xustifican na presente orde respecto dos centros educativos.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece, como dereito fundamental da persoa, o dereito á folga. O exercicio deste dereito debe conciliarse co resto dos dereitos de carácter fundamental da cidadanía, polo que resulta imprescindible adoptar as medidas oportunas para asegurar o mantemento dos servizos esenciais da comunidade, entre os que se atopa o da educación, estando obrigada a Administración a fixar uns servizos mínimos indispensables para o funcionamento dos servizos esenciais educativos, conforme o previsto no artigo 10.2 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo, e consonte o Decreto 155/1988, do 9 de xuño, sobre prestación de servizos esenciais en caso de folga (DOG do 20 de xuño). O artigo 3 do devandito decreto faculta os conselleiros competentes, por razón dos servizos esenciais afectados, para que, mediante orde e ante cada situación de folga, determinen o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos e o persoal preciso para prestalos.

O servizo esencial da educación non pode ser reducido exclusivamente á actividade docente, xa que, xunto a esta actividade, se realizan outras funcións como son a vixilancia e o coidado dos nenos e nenas, menores de idade, que acoden aos centros docentes públicos, así como o coidado, o mantemento e a vixilancia das instalacións destinadas ao servizo público educativo.

Con carácter xeral, o artigo 39 da Constitución depara unha protección especial aos menores; dun xeito máis específico, a Lei 4/2011, do 30 de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa, dispón no seu artigo 7 que o alumnado ten dereito a que se respecte a súa identidade, integridade e dignidade persoal, e á protección integral contra toda agresión física e moral. Polo tanto, a custodia e seguridade dos menores de idade que accedan a un centro docente, o cumprimento dos principios constitucionais mencionados e dos dereitos citados é responsabilidade ineludible desta administración educativa e parte indivisible do dereito esencial á educación. O dereito á seguridade e o correlativo deber de protección dos menores, dada a súa entidade, debe exercerse continuamente, polo que resulta precisa a presenza dun conserxe ou ordenanza durante toda a xornada lectiva, que deriva das funcións que a este tipo de persoal competen respecto do coidado e da vixilancia das instalacións e do control de entrada e saída do centro educativo, tanto para evitar a entrada de persoas alleas ao centro como para evitar a saída dos menores de idade cando non corresponda.

De conformidade coa normativa citada e cos argumentos expostos, e coa conformidade do Comité de Folga,

DISPOÑO:

Artigo 1

Terán a consideración de servizos mínimos para o persoal de conserxaría da empresa Lacera Servicios y Mantenimiento, S.A., que desenvolven o seu traballo nos centros educativos sitos no termo municipal de Santiago de Compostela, a presenza dun conserxe ou ordenanza durante o período de tempo que o centro docente estea aberto para as actividades lectivas.

Artigo 2

A designación nominal do persoal que deberá cubrir os distintos servizos relacionados no artigo anterior será feita polos responsables da empresa Lacera Servicios y Mantenimiento, S.A., que llo notificarán ao persoal designado e llelo comunicarán ás direccións dos centros de educación infantil e primaria afectados pola folga.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2026

Román Rodríguez González
Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional