DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 110 Luns, 15 de xuño de 2026 Páx. 34298

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

RESOLUCIÓN do 12 de xuño de 2026, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se amplía o prazo de presentación de solicitudes da Resolución do 29 de abril de 2026 pola que se regulan as bases para a concesión de axudas para a participación no programa Reencontros con Galicia, dirixido a persoas emigrantes maiores de 65 anos que residan no exterior, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento EM926G).

Mediante a Resolución do 29 de abril de 2026 (DOG núm. 88, do 13 de maio), reguláronse e convocáronse as axudas para a participación no programa Reencontros con Galicia, dirixido a persoas emigrantes maiores de 65 anos que residan no exterior.

No artigo 6 da devandita resolución establécese un prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, para a presentación de solicitudes, prazo que remata o vindeiro día 15 de xuño.

As especiais circunstancias sociopolíticas e económicas concorrentes actualmente nos países onde residen a maioría das persoas da colectividade galega no exterior están provocando grandes dificultades a esas persoas para poder reunir a documentación necesaria e para a súa presentación.

Así, na falta de poucos días para o remate do prazo de presentación de solicitudes, co número de solicitudes presentado non se cumpriría co obxectivo da resolución, o que fai necesario ampliar o prazo para garantir este cumprimento.

Con carácter xeral, o artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), prevé a posibilidade de que a Administración poida conceder unha ampliación dos prazos establecidos se as circunstancias o aconsellan e con iso non se prexudican dereitos de terceiras persoas, por un período que non exceda a metade dos ditos prazos. Os acordos sobre ampliación non serán susceptibles de recurso.

A maiores, no punto 2 sinala que a ampliación dos prazos polo tempo máximo permitido aplicarase en todo caso aos procedementos tramitados polas misións diplomáticas e oficinas consulares, así como a aqueles que, substanciándose no interior, exixan formalizar algún trámite no estranxeiro ou nos que interveñan interesados residentes fóra de España.

Por todo iso, de conformidade co disposto no artigo 32 da LPACAP e no resto da normativa aplicable,

RESOLVO:

Artigo único. Ampliación do prazo de presentación de solicitudes

Ampliar o prazo de presentación de solicitudes previsto no artigo 6 da Resolución do 29 de abril de 2026, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan as bases para a concesión de axudas para a participación no programa Reencontros con Galicia, dirixido a persoas emigrantes maiores de 65 anos que residan no exterior, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026, ata o 22 de xuño de 2026, inclusive.

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2026

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración