A aprobación da modificación da relación de postos de traballo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia resulta da necesidade das obrigas derivadas de diversas convocatorias de ingreso en distintos corpos e de garantir que todas as persoas que se convocarán para a elección de destino con carácter definitivo poidan optar á elección dun posto clasificado no seu subgrupo de pertenza; así como polas razóns indicadas no punto primeiro do acordo.
Por razóns organizativas e co fin de manter a prestación dos servizos públicos, a data a partir da cal producirá efectos esta modificación da relación de postos de traballo será a determinada mediante resolución da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, tendo en conta a data de inicio dos prazos posesorios derivados da resolución do concurso de traslados e das eleccións de destino de procesos selectivos ordinarios e de procesos extraordinarios de estabilización derivados da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, tramitadas tras a resolución do dito concurso.
En consecuencia, unha vez consultadas as organizacións sindicais presentes na Mesa de Negociación da Comunidade Autónoma de Galicia e a Comisión de Persoal, o Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 8 de xuño de 2026, adoptou o seguinte acordo:
Primeiro. Aprobar a modificación da relación de postos de traballo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia nos termos que se sinalan no anexo deste acordo, como consecuencia das necesidades funcionais e organizativas actuais.
Segundo. Ordenar a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Terceiro. A modificación da relación de postos de traballo producirá efectos na data que se determine mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, que será publicada no Diario Oficial de Galicia.
Visto o acordo adoptado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 8 de xuño de 2026, relativo á aprobación da modificación da relación de postos de traballo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, coa finalidade de cumprir o dito acordo, de conformidade coa Orde da Consellería de Facenda do 8 de xaneiro de 2020 sobre delegación de competencias na Dirección Xeral da Función Pública (DOG núm. 16, do 24 de xaneiro), dispoño que se publique no Diario Oficial de Galicia como anexo a esta resolución.
Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2026
O conselleiro de Facenda e Administración Pública
P.D. (Orde do 8.1.2020; DOG núm. 16, do 24 de xaneiro)
Nuria Aguilar Vázquez
Directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal
