DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Martes, 23 de xuño de 2026 Páx. 35711

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 11 de xuño de 2026 pola que se crea o Consello Técnico Asesor dos programas de detección precoz de cancro na Comunidade Autónoma de Galicia e se establecen a súa composición, organización e funcionamento.

Os programas de detección precoz de cancro representan unha ferramenta esencial para mellorar a saúde pública, xa que permiten diagnosticar o cancro en estadios iniciais, o que incrementa notablemente as posibilidades de tratamento exitoso e a supervivencia. Galicia conta con diversos programas consolidados, como son os de detección precoz de cancro de mama, colorrectal e de cérvix, que amosan resultados moi positivos coa detección de miles de casos en fases temperás e unha tendencia crecente na mellora da participación cidadá.

A Dirección Xeral de Saúde Pública ten entre as súas competencias xerais a planificación, xestión e avaliación dos programas de detección precoz, asegurando a integración entre atención primaria, hospitalaria e outros servizos no eido da prevención, tanto primaria como secundaria, e promovendo a avaliación continua dos resultados. A Dirección deste órgano garante a incorporación dos avances técnicos e científicos, axustándose ás directrices nacionais e internacionais, e fomentando a transparencia e a participación cidadá como principios fundamentais para a gobernanza do sistema de saúde.

A construción dunha relación de confianza entre a cidadanía e as institucións sanitarias é fundamental para aumentar a adherencia e a participación nos programas preventivos, entre eles os de detección precoz. A participación activa e informada da poboación non só mellora os resultados clínicos, senón que tamén reforza a corresponsabilidade social e a sustentabilidade do sistema sanitario. Así, o Consello Técnico Asesor dos programas de detección precoz de cancro na Comunidade Autónoma de Galicia nace como un órgano esencial para acompañar este proceso ofrecendo asesoramento técnico, garantindo a transparencia das accións e facilitando un espazo de diálogo entre profesionais, pacientes e sociedade civil.

Esta visión integradora, con base técnica e compromiso ético, subliña que a saúde individual está estreitamente vinculada á saúde colectiva, e que a mellora continua dos programas de cribado é un compromiso compartido pola Consellería, o persoal sanitario e a sociedade en xeral.

En cumprimento do establecido na Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, recoñécese o dereito da cidadanía a acceder a servizos públicos de saúde que non só sexan eficaces e de calidade, senón tamén xustos, accesibles e plenamente transparentes. Co obxectivo de facilitar o cumprimento das ditas garantías, a través desta orde créase o Consello Técnico Asesor dos programas de detección precoz de cancro na Comunidade Autónoma de Galicia.

A orde consta dun total de quince (15) artigos, nos cales se recollen a creación do Consello como órgano colexiado con funcións en materia de asesoramento, apoio técnico, seguimento e avaliación dos programas de cribado de cancro de Galicia, a súa composición, as súas funcións, o seu réxime xurídico e o deber de confidencialidade das persoas que o integren.

Pechan o texto unha disposición adicional relativa ao financiamento e unha derradeira que establece a entrada en vigor da norma.

Esta norma elaborouse tendo en conta os principios que conforman as boas prácticas na regulación, a que se refiren o artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e o artigo 37.a) da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.

Cúmprense os principios de necesidade e eficacia, ao considerarse que esta orde é o instrumento necesario para conseguir o obxectivo de levar a cabo unha regulación completa e suficiente para mellorar as garantías na equidade, eficiencia e transparencia nos resultados da aplicación dos programas de detección precoz de cancro en Galicia.

A orde cumpre cos principios de proporcionalidade, seguridade xurídica e transparencia, ao conter só o necesario, ser coherente co marco legal e facer pública a súa tramitación.

Por último, con respecto ao principio de eficiencia, a norma non impón cargas administrativas innecesarias ou accesorias.

Esta orde tramitouse de conformidade coa Lei 39/2015, do 1 de outubro, e coa Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. Foi publicitada no Portal de transparencia e goberno aberto da Xunta de Galicia; ao mesmo tempo, foi sometida a informe económico-financeiro da consellería competente en materia de facenda, a informe da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, a informe sobre impacto de xénero e a informe da Asesoría Xurídica.

Por todo o exposto, conforme a Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, en uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto a creación do Consello Técnico Asesor dos programas de detección precoz de cancro na Comunidade Autónoma de Galicia, así como regular a súa composición, funcións, constitución e réxime de funcionamento.

Artigo 2. Natureza e réxime xurídico

1. O Consello configúrase como un órgano colexiado de carácter consultivo e de asesoramento técnico-científico, adscrito á consellería con competencias en materia de sanidade, encargado de asesorar e formular propostas de mellora sobre a estratexia, implantación e seguimento dos programas de cribado de cancro na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O Consello depende organicamente da persoa titular da consellería con competencias en materia de sanidade e funcionalmente, dentro desta, do centro directivo con competencias en materia de saúde pública.

3. Para o mellor desenvolvemento das súas funcións, o Consello poderá elaborar un regulamento interno de funcionamento.

4. O Consello adecuará o seu funcionamento ao previsto nesta orde, ao establecido respecto dos órganos colexiados na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e ao Regulamento interno de funcionamento que, de ser o caso, se elabore.

Artigo 3. Funcións do Consello

1. O Consello desenvolverá, no seu ámbito de actuación, as seguintes funcións:

a) O asesoramento técnico, emitindo informes e/ou ditames e proporcionando recomendacións e opinións expertas para a mellora na toma de decisións respecto da estratexia, a xestión e a gobernanza dos programas de detección precoz do cancro na Comunidade Autónoma de Galicia. Todo iso con base na revisión da evidencia científica dispoñible e tendo en conta o contexto da realidade sanitaria asistencial existente en cada momento.

b) O fomento da formación e información a profesionais, pacientes e familias no ámbito da detección precoz de cancro.

c) A promoción da investigación no campo da detección precoz de cancro, en especial no referente á investigación en rede.

d) O fomento da participación e información de pacientes nos órganos e procesos de decisión.

e) O debate sobre as liñas xerais dos programas en canto a obxectivos e metodoloxía, propoñendo as modificacións que, de ser o caso, se consideren precisas para garantir o seu funcionamento homoxéneo.

f) A revisión da avaliación global das actividades dos programas, así como elaborar e elevar á consellería competente en materia de sanidade a memoria anual de actividade do Consello, que incluirá as propostas de modificacións que se consideren oportunas á vista dos resultados e o impacto dos programas de detección precoz de cancro.

g) Aqueloutras que lle sexan encomendadas.

2. No desenvolvemento das súas funcións, sempre que proceda, teranse en conta indicadores estratificados por sexo e as características biolóxicas diferenciais derivadas do sexo das persoas.

Artigo 4. Composición do Consello

1. O Consello estará composto por unha presidencia, unha vicepresidencia, unha secretaría e once vogalías.

2. A Presidencia corresponderalle á persoa titular da dirección xeral competente en materia de saúde pública.

3. A Vicepresidencia correspóndelle á persoa titular do Centro Galego de Prevención e Control de Enfermidades (Cegace).

4. A Secretaría será exercida pola persoa titular do servizo competente en materia de detección precoz de enfermidades, e é recomendable que esta dispoña de formación en materia de igualdade.

5. As vogalías serán designadas pola persoa titular da dirección xeral competente en materia de saúde pública.

Serán vogais deste consello:

a) Unha persoa experta en epidemioloxía.

b) Dúas persoas designadas entre persoal facultativo especialista en oncoloxía médica.

c) Dúas persoas designadas entre persoal facultativo especialista en medicina preventiva.

d) Unha persoa designada entre o persoal técnico do servizo competente en materia de detección precoz de enfermidades.

e) Unha persoa que desenvolva a súa actividade profesional no campo da xenética.

f) Unha persoa designada entre persoal facultativo especialista en medicina do aparello dixestivo.

g) Unha persoa designada entre persoal facultativo especialista en patoloxía da mama.

h) Unha persoa designada entre persoal facultativo especialista en patoloxía do colo do útero.

i) Unha persoa en representación das asociacións de pacientes.

6. Para os casos de vacante ou ausencia por enfermidade ou outra causa xustificada, as persoas que integran o Consello serán substituídas polas persoas que designe a persoa titular da dirección xeral competente en materia de saúde pública como suplentes delas.

7. Ás reunións do Consello poderán asistir outras persoas, con voz pero sen voto, en calidade de expertas invitadas pola persoa que exerza a presidencia.

8. Na súa composición procurarase unha presenza equilibrada de mulleres e homes.

Artigo 5. Prazo de actuación do Consello

A designación das persoas integrantes do Consello farase por un período inicial de tres anos. Transcorrido este prazo, as persoas que o integran continuarán nas súas funcións ata que se produza un novo nomeamento.

Sempre que sexa posible, prorrogarase a designación de, como mínimo, unha terceira parte das persoas que integran o Consello.

Artigo 6. Presidencia do Consello

Son funcións da Presidencia do Consello:

a) A dirección, promoción e coordinación das actuacións do Consello.

b) A representación institucional do Consello.

c) Acordar a convocatoria das sesións ordinarias e extraordinarias, así como a determinación da orde do día das sesións, tendo en conta as propostas e peticións formuladas polos seus membros.

d) Presidir as sesións do Consello, moderar o desenvolvemento dos debates, suspendelos por causas xustificadas e dirimir co seu voto os empates para os efectos de adopción de acordos.

e) A aprobación do calendario de reunións.

f) Asinar as actas e certificacións dos acordos do Consello.

g) A solicitude, en nome do Consello, por iniciativa propia ou por proposta dos membros do Consello, da colaboración que considere necesaria ás institucións, autoridades, organismos, entidades, asociacións ou particulares, así como convidar a participar no pleno ou nos grupos de traballo que se creen a expertos de recoñecida competencia nos asuntos de que se trate.

h) Exercer aqueloutras funcións inherentes ao exercicio da Presidencia do Consello.

Artigo 7. Vicepresidencia

Será función da Vicepresidencia substituír a persoa que exerza a presidencia en todas as súas funcións no caso de ausencia, vacante ou enfermidade.

Artigo 8. Secretaría

Son funcións da persoa que exerza a secretaría do Consello:

a) Asistir ás sesións do Consello e levantar a acta destas.

b) Efectuar a convocatoria das sesións seguindo as instrucións da Presidencia, e realizar as notificacións ás persoas que integran o Consello.

c) Recibir os actos de comunicación entre o Consello e as persoas que o conforman, así como recibir e cursar as notificacións, peticións de datos, rectificacións ou calquera outra clase de escritos de que deba ter coñecemento e que estean relacionados co despacho común dos asuntos.

d) Redactar e, unha vez aprobadas en pleno, autorizar as actas das sesións do Consello.

e) Expedir as certificacións das consultas, ditames, acordos aprobados ou informes emitidos, de conformidade co acordado polo Consello.

f) Custodiar e arquivar as actas, resolucións, informes, ditames, propostas e documentación do Consello.

g) Elaborar unha memoria anual que recolla todas as actividades desenvolvidas polo Consello, que deberá ser entregada á dirección xeral competente en materia de saúde pública, logo da súa aprobación polo Consello.

h) Outras funcións propias da Secretaría ou que lle sexan encomendadas pola persoa titular da Presidencia do Consello ou por quen a substitúa.

Artigo 9. Causas de cesamento e substitución das vogalías

1. Serán causas de cesamento das vogalías do Consello as seguintes:

a) O transcurso de tempo para o cal foron nomeadas.

b) Renuncia expresa presentada por escrito ante a Presidencia do Consello.

c) Acordo expreso da autoridade competente para a súa separación por ausencia en tres reunións sen xustificación.

d) Calquera outra causa prevista na lexislación vixente.

2. Cando cese unha persoa que forma parte do Consello, a persoa titular da dirección xeral competente en materia de saúde pública procederá a designar a persoa que a substitúa. A nova persoa terá que ser do mesmo ámbito profesional/institucional que a persoa cesada.

Artigo 10. Dereitos e obrigas das persoas que integran o Conselllo

1. As persoas que integran o Consello terán os seguintes dereitos:

a) Recibir, cunha antelación mínima de corenta e oito horas, a convocatoria da sesión e a orde do día, ao dispoñer das cales quedará no mesmo prazo a información e a documentación correspondente.

b) Participar nos debates das sesións e emitir o seu voto, así como expresar o sentido deste e os seus motivos, e formular votos particulares.

c) Propoñer liñas de traballo.

d) Formular rogos e preguntas.

e) Obter a información precisa para o cumprimento das súas funcións.

f) Outras funcións inherentes á súa representación.

2. Son obrigas das persoas que integran o Consello as seguintes:

a) Asistir ás sesións para as cales fosen convocadas e participar nos seus traballos.

b) Axustar a súa conduta ás normas contidas nesta orde e ás directrices e instrucións que, no seu desenvolvemento, acorde o Pleno do Consello Asesor.

c) Gardar a debida reserva en relación coas actuacións e informacións que se traten no Consello Asesor.

Artigo 11. Funcionamento do Consello

1. O Consello funcionará en pleno, sen prexuízo de que se poida acordar a creación de grupos de traballo para o estudo de asuntos concretos. No acordo de constitución faranse constar a composición, as funcións e as finalidades do grupo de traballo.

Estes grupos de traballo estarán presididos por unha persoa que forme parte do Consello, designada pola persoa titular da Presidencia. Os seus informes non terán carácter vinculante.

2. O Consello poderá designar persoas externas para a realización de funcións de consultoría e asesoría, que colaborarán na súa condición de expertas en áreas específicas de coñecemento que se consideren necesarias para o mellor desenvolvemento das funcións do Consello. No caso de intervir nas reunións do Consello ou dalgún dos grupos de traballo, dispoñerán de voz pero non de voto.

3. O Pleno do Consello reunirase en sesión ordinaria, como mínimo, unha vez ao ano.

As sesións extraordinarias serán convocadas pola persoa titular da Presidencia por iniciativa propia ou por proposta da maioría simple do Pleno.

4. De conformidade co artigo 17.3 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, salvo que non resulte posible, as convocatorias serán remitidas ás persoas membros do Consello a través de medios electrónicos, e farase constar nelas a orde do día xunto coa documentación necesaria para a súa deliberación cando sexa posible, as condicións en que vai ter lugar a sesión, o sistema de conexión e, se é o caso, os lugares en que estean dispoñibles os medios técnicos necesarios para asistir e participar na reunión.

5. O Pleno quedará constituído en primeira convocatoria coa presenza da maioría absoluta das persoas que o conforman. De non se acadar este quórum, o Pleno poderá constituírse en segunda convocatoria, media hora máis tarde da primeira, coa asistencia das dúas quintas partes daquelas. Nos dous casos é indispensable a presenza das persoas que exerzan a presidencia, ou persoa que legalmente a substitúa, e a secretaría.

6. Non poderán ser obxecto de deliberación nin acordo os asuntos que non figuren incluídos na orde do día correspondente á sesión, agás que se acorde a declaración de urxencia do asunto co voto favorable da maioría e sempre e cando estea presente a totalidade das persoas que integran o Pleno.

7. Os acordos adoptaranse polo voto favorable da maioría das persoas que asistan. En caso de empate, a persoa titular da Presidencia do Consello ten o voto de calidade.

8. De cada reunión que se realice elaborarase unha acta que especificará necesariamente as persoas que asisten, a orde do día da reunión, as circunstancias do lugar e tempo en que tivo lugar, os puntos principais das deliberacións, así como o contido dos acordos adoptados. As actas do Consello aprobaranse ao rematar a sesión ou na seguinte sesión, e poderase facer de forma telemática; non obstante, a persoa que exerza a secretaría do Consello poderá emitir certificación sobre os acordos específicos que se adoptasen, sen prexuízo da ulterior aprobación da acta.

Artigo 12. Uso de medios electrónicos

1. De conformidade co previsto no artigo 21 da Lei 16/2010, do 17 de decembro:

a) O Consello poderá constituírse e adoptar acordos a distancia utilizando medios electrónicos, respectando os trámites esenciais establecidos nos artigos 17 e 18 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno de Galicia, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro.

b) As convocatorias ás reunións do Consello poderán efectuarse por medio de correo electrónico sempre que se cumpran os requisitos establecidos no artigo 21.2 da Lei 16/2010, do 17 de decembro.

c) Nas sesións que realice a distancia o Consello, as persoas que o integran poderán encontrarse en distintos lugares coa condición de que se asegure por medios electrónicos –considerándose tamén tales os telefónicos e audiovisuais– a súa identidade ou a das persoas que os suplan, o contido das súas manifestacións, o momento en que estas se producen, así como a interactividade e intercomunicación entre elas en tempo real e a dispoñibilidade dos medios durante a sesión. Entre outros, consideraranse incluídos entre os medios electrónicos válidos o correo electrónico, as audioconferencias e as videoconferencias.

2. As notificacións no marco da intervención do Consello poderán facerse por medios electrónicos, de maneira que se acrediten a data e a hora en que se produza a posta á disposición das entidades ou persoas interesadas da notificación realizada, así como a de acceso ao seu contido, momento a partir do cal a notificación se entenderá efectuada para todos os efectos legais.

Artigo 13. Deber de confidencialidade

As persoas que integran o Consello, mesmo despois do cesamento no seu cargo, así como as persoas que asisten ás súas reunións, deberán gardar o segredo da información de carácter confidencial que nel se trate e terán a obriga de gardar reserva de todos os datos que coñezan como consecuencia do exercicio dese cargo ou da asistencia ás reunións do Consello.

Artigo 14. Financiamento

1. As persoas que integran o Consello non percibirán ningunha remuneración polo exercicio das súas funcións no dito consello.

2. As medidas incluídas nesta norma non poderán supoñer incremento de dotacións nin de retribucións, nin doutros gastos de persoal, salvo en canto aos gastos de desprazamento ou manutención que, de ser o caso, sexan necesarios para o normal funcionamento do Consello.

Artigo 15. Publicidade e transparencia

1. Os informes e as recomendacións emitidos polo Consello terán carácter público e poñeranse á disposición da cidadanía a través do Observatorio de Saúde Pública de Galicia ou doutras canles oficiais de comunicación.

Malia o anterior, poderá acordarse motivadamente a non publicación total ou parcial daqueles informes técnicos singulares que, pola súa natureza ou polo seu alto grao de especialización, poidan dar lugar a interpretacións incorrectas.

Para os efectos do disposto no parágrafo anterior, entenderase que existe risco de interpretación incorrecta cando a difusión do contido —ou de parte del—, sen o debido contexto técnico ou científico, poida inducir a conclusións erróneas que comprometan a adecuada comprensión da información por parte da cidadanía.

2. Garantiranse a transparencia e a participación da sociedade civil e dos/das pacientes no desenvolvemento e mellora dos programas de cribado, tanto a través do Consello como poñendo á disposición da cidadanía os resultados dos programas de detección precoz de cancro xestionados desde a consellería competente en materia de sanidade.

Disposición adicional única. Financiamento

A constitución e a posta en funcionamento do Consello non xerará aumento dos créditos orzamentarios asignados á consellería con competencias en materia de sanidade.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2026

Antonio Gómez Caamaño
Conselleiro de Sanidade