Expediente: IN407A 2025/246-4.
Promotor: Concello de Valga.
Denominación: Subestación eléctrica transformadora de reparto 66/20 kV STR Medela.
Concello: Valga.
Feitos:
1. O 6.11.2025, o Concello de Valga solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da instalación eléctrica denominada Subestación eléctrica transformadora de reparto 66/20 kV STR Medela.
A solicitude inclúe o proxecto de execución asinado polo enxeñeiro técnico industrial Alberto Gómez Vázquez, colexiado 1648 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais da Coruña, e contén un orzamento total de 3.296.243,67 euros.
Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade a construción dunha subestación transformadora redutora para dotar de subministración eléctrica o polígono industrial A Medela, no concello de Valga (Pontevedra).
As instalacións eléctricas proxectadas serán cedidas á empresa distribuidora da zona, neste caso UFD Distribución Electricidad, S.A.
2. Non hai administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas.
3. De acordo co establecido no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e apoio á reactivación económica de Galicia, someteuse a información pública a petición da autorización administrativa da instalación eléctrica denominada Subestación eléctrica transformadora de reparto 66/20 kV STR Medela, mediante a Resolución do 7.11.2025, publicada no Diario Oficial de Galicia do 17.11.2025.
Durante este trámite non se recibiron alegacións.
4. O 19.1.2026, os servizos técnicos deste departamento territorial emitiron un informe favorable ás autorizacións administrativas previa e de construción da instalación eléctrica Subestación eléctrica transformadora de reparto 66/20 kV STR Medela.
Consideracións legais e técnicas:
1. O Departamento Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG nº 101, do 27 de maio), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro).
2. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:
• Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
• Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
• Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
• Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.
• Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
• Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
• Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:
– Subestación transformadora 66/20 kV, composta por: unha posición transformador 66/20 kV de 15 MVA, tres posicións de liña a 66 kV e un parque de 20 kV.
– O transformador de potencia e a aparellaxe de alta tensión son de intemperie, mentres que as posicións de 20 kV, os sistemas de servizos auxiliares, control e medida están instalados nun edificio de construción de obra civil.
– Liña de alta tensión subterránea, dobre circuíto a 66 kV, de 50 metros de lonxitude, con condutor RHZ1, que conectará a subestación coa LAT DC 66 kV Padrón-Tibo.
– A instalación está situada na Medela, no concello de Valga (Pontevedra).
Conforme o indicado,
RESOLVO:
Outorgar ao Concello de Valga as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada Subestación eléctrica transformadora de reparto 66/20 kV STR Medela, expediente IN407A 2025/246-4.
Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada e de acordo coas seguintes condicións:
1. As características da instalación axustaranse en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e aos condicionados técnicos impostos polas administracións públicas, organismos ou empresas que presten servizos públicos ou de interese económico xeral, no relativo aos bens e aos dereitos da súa propiedade que se atopen afectados pola instalación, en especial os relativos ás distancias de seguridade, cruzamentos e paralelismos prescritos pola normativa vixente.
2. O Concello de Valga asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.
3. En todo momento se deberán cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. En todo caso, deberán respectarse os prazos establecidos no artigo 13.9 do Regulamento (UE) 2024/573 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de febreiro, sobre os gases fluorados de efecto invernadoiro, polo que se modifica a Directiva (UE) 2019/1937 e se derroga o Regulamento (UE) 517/2014 (DOUE nº 573, do 20 de febreiro), sobre prohibicións para a posta en funcionamento de aparellaxe eléctrica que empregue gases fluorados de efecto invernadoiro ou cuxo funcionamento dependa deles, nun medio illante ou de rotura.
5. Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa cesionaria deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante este departamento territorial acompañada da seguinte documentación:
– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.
– Un certificado de dirección final de obra subscrito por unha técnica ou un técnico facultativo competente en que conste que a instalación foi realizada de acordo coas especificacións contidas na autorización de construción, así como coas prescricións da regulamentación técnica de aplicación á materia, segundo a Lei 9/2021, do 25 de febreiro. Este certificado debe cumprir co establecido na Resolución do 12.6.2025, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas, pola que se aproba o modelo oficial de certificado de instalación eléctrica en alta tensión, publicada no DOG do 24.6.2025, e na Instrución 5/2012, do 15 de novembro, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, sobre os criterios que se deben aplicar para exixir visado colexial en materias de industria e enerxía.
– Contrato de cesión entre o Concello de Valga (promotor) e UFD Distribución Electricidad, S.A., (a entidade de transporte e distribución de enerxía eléctrica).
– Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.
O incumprimento das condicións e dos requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia ao Concello de Valga, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.
Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.
Pontevedra, 20 de xaneiro de 2026
Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra
