O artigo 15.2.d) do Real decreto 716/2025, do 26 de agosto, polo que se aproban as directrices e criterios comúns dos plans anuais para a prevención, vixilancia e extinción de incendios forestais, en desenvolvemento do disposto no artigo 48.6.d) da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, prevé que cando, de acordo coa información meteorolóxica da Axencia Estatal de Meteoroloxía ou, de ser o caso, do órgano autonómico correspondente no caso das comunidades autónomas que conten co dito servizo, sexa predicible nun determinado ámbito territorial un risco de incendio de nivel moi alto ou extremo, as comunidades autónomas deberán aplicar inmediatamente as prohibicións e limitacións de circulación e acceso establecidas nos seus plans de prevención, vixilancia e extinción de incendios forestais e, en todo caso, unha serie de prohibicións e limitacións que se refiren expresamente nos citados artigos.
Entre elas, figura a utilización de maquinaria e equipamentos nos montes e nas áreas rurais situadas nunha franxa de 400 metros arredor daqueles, cuxo funcionamento xere deflagración, chispas ou descargas eléctricas, agás que o órgano competente da Administración autonómica autorizase expresamente o seu uso ou resulten necesarios para a extinción de incendios.
O 13 de abril de 2026 o Consello da Xunta aprobou a actualización do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga). Dentro da súa epígrafe 6, Plan de prevención, na epígrafe 6.4 de regulación de usos e actividades, subepígrafe 6.4.2 de regulación do uso do lume, recolle, entre outras, recomendacións para o uso de maquinaria nos montes ou zonas de influencia forestal tales como consultar diariamente o nivel de risco de incendio (IRDI) para a zona de actuación e respectar as restricións establecidas segundo a época de perigo de incendios, instalar e manter en bo estado matachispas nos tubos de escape, evitar traballar en días con temperaturas moi elevadas e/ou vento forte ou con refachos. Evitar as horas centrais do día, dispor sempre de extintor/es revisado/s e operativo/s, dispor dun depósito de auga ou mochila extintora, ter á man ferramentas manuais ou comunicar inmediatamente calquera comezo de lume ás liñas telefónicas 085 ou 112, ou ben á aplicación móbil Alume.
As directrices recollidas no artigo 15.2.d) do Real decreto 716/2025, do 26 de agosto, nos termos previstos na normativa básica estatal, necesitan unha adaptación ao territorio galego, debido a que moitos dos traballos realizados, tanto pola maquinaria agrícola como forestal, se teñen que levar a cabo necesariamente durante esta época do ano, porén, o uso de maquinaria en traballos e actividades está a motivar un aumento do número de incendios asociados a esta causa, especialmente naquelas franxas horarias de maior intensidade de radiación solar. Estas razóns motivan a necesidade de autorizar e regular o seu emprego, con carácter xeral, mais non resulta viable a emisión de autorizacións expresas de xeito individual, pola carga administrativa que suporía para a cidadanía e a propia Administración.
Iso sen prexuízo da aplicación dos artigos 31 e 39 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, aplicables en xeral ao uso de maquinaria e equipamento durante a época de perigo alto de incendio.
Con base no exposto, e ao abeiro do establecido na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, esta consellería
DISPÓN:
Artigo único. Autorización con limitacións de uso de maquinaria
1. Durante a época de perigo alto de incendio forestal, cando o IRDI acade os niveis de moi alto ou extremo, autorízase a realización de traballos e actividades de carácter preventivo, silvícola ou agrícola que requiran o emprego de maquinaria agrícola ou forestal dentro dos terreos forestais e das súas zonas de influencia dos concellos afectados, nos termos e coas recomendacións establecidos no Pladiga 2026.
2. Na franxa horaria das 12.00 ás 18.00 horas, esta autorización quedará condicionada ao cumprimento dos requisitos establecidos no número 3.
3. Para o desenvolvemento dos devanditos traballos e actividades, será obrigatoria a dispoñibilidade inmediata dos seguintes medios persoais e materiais de extinción:
a) Medios persoais: unha persoa en funcións de auxiliar, cuxa función será a detección temperá de posibles conatos de incendio e a notificación inmediata aos servizos de emerxencia a través das liñas telefónicas 085 ou 112 ou da aplicación móbil Alume.
b) Medios materiais: un vehículo equipado cun depósito de auga cunha capacidade mínima de 400 litros, dous batelumes, un extintor de escuma con base de auga dunha capacidade non inferior a 6 quilogramos e unha mochila extintora cunha capacidade mínima de 15 litros.
En todo caso, o cumprimento destas medidas preventivas e das condicións establecidas pola normativa vixente non exime das responsabilidades que poidan derivar da provocación dun incendio forestal.
Disposición derradeira única. Data de produción de efectos
Esta orde producirá efectos desde o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2026
Mª José Gómez Rodríguez
Conselleira do Medio Rural
