DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 119 Luns, 29 de xuño de 2026 Páx. 36932

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 23 de xuño de 2026 pola que se publica o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 15 de xuño de 2026, polo que se aproban melloras laborais e retributivas para o persoal facultativo que presta servizos nos servizos de urxencias hospitalarias.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 15 de xuño de 2026, adoptou o seguinte acordo:

«Aprobar as melloras laborais e retributivas para o persoal facultativo que presta servizos nos servizos de urxencias hospitalarias segundo a proposta da Dirección Xeral de Recursos Humanos do 21 de maio de 2026».

De conformidade co previsto no artigo 38 do texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro; no artigo 154 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia; e nos artigos 79 e 80 da Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, as medidas obxecto deste acordo foron sometidas a negociación no seo da Mesa sectorial de negociación do persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde.

Polos motivos expostos,

DISPOÑO:

Primeiro. Obxecto

Ordenar a publicación no Diario Oficial de Galicia do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 15 de xuño de 2026, polo que se aproban melloras laborais e retributivas para o persoal facultativo que presta servizos nos servizos de urxencias hospitalarias, que se inclúe como anexo a esta orde.

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2026

Antonio Gómez Caamaño
Conselleiro de Sanidade

ANEXO

Acordo polo que se aproban melloras laborais e retributivas para o persoal facultativo que presta servizos nos servizos de urxencias hospitalarias

De conformidade coa necesidade de lograr unha mellor adaptación das condicións de traballo e retributivas dos profesionais á prestación sanitaria nos servizos de urxencias hospitalarias, e tendo en conta a especificidade e singularidade da dita prestación con respecto ao resto do persoal facultativo da Administración sanitaria, a Administración sanitaria someteu esta proposta de mellora á negociación da Mesa Sectorial de Sanidade o día 15 de abril de 2026, sen chegar a acordo coas organizacións sindicais.

Dado o compromiso da Consellería de Sanidade co persoal de urxencias, e que este documento recolle peticións e melloras importantes para este persoal, sométese a dita proposta á aprobación do Consello da Xunta sobre a base do artigo 80.5 da Lei 55/2023, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde.

As melloras propostas son:

Primeira. Incremento do valor da hora da xornada complementaria

Acórdase establecer un plan de mellora retributiva progresiva. Sobre a base dos modelos avaliados, aplicarase un incremento total de 5 € no valor da hora de xornada complementaria, acumulado en dous exercicios anuais e con independencia dos futuros incrementos retributivos que se aproben a nivel estatal. Estes incrementos reflectiranse con carácter xeral nas ordes de confección de nóminas para a súa aplicación uniforme no conxunto do Sistema público de saúde de Galicia.

Distribuirase do seguinte xeito:

Desde o 1.4.2026: incremento de 2 euros/hora.

Ano 2027: incremento de 3 euros/hora.

Segunda. Noites de venres prefestivo

Retribución da quenda de noite do venres como un módulo festivo para o persoal da referida categoría.

Terceira. Criterios de cómputo de xornada

Modificación do cómputo do réxime de descansos do persoal da antedita categoría baixo os mesmos criterios ca o do persoal dos puntos de atención continuada, que foron aprobados pola Mesa Sectorial o 27 de marzo de 2026, e con aplicación retroactiva desde o 1 de xaneiro de 2026.

Cuarta. Servizo de localizacións

Manter o servizo de localizacións establecido no plan de inverno sempre que o xustifiquen picos puntuais de actividade asistencial, co obxecto de asegurar a cobertura funcional do servizo ante eventualidades, minimizar os tempos de resposta e evitar a sobrecarga dos equipos que se encontren en presenza física.

Quinta. Novo estudo

Realizar un novo estudo no último trimestre deste ano para valorar –e de ser necesario en función da carga asistencial e da análise dos plans funcionais, solicitar– unha maior dotación de persoal da categoría de médico/a de urxencias hospitalarias nos orzamentos da Comunidade Autónoma que responda ás necesidades estruturais deste servizo.

Sexta. Comisión de seguimento

Para levar a efecto o desenvolvemento deste acordo constituirase unha comisión de seguimento conformada por representantes da Administración e un membro de cada organización sindical asinante, á que lle corresponderá resolver as cuestións que se susciten na interpretación e execución dos presentes datos retributivos.