DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 119 Luns, 29 de xuño de 2026 Páx. 36847

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 17 de xuño de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de prazas, en réxime de concorrencia competitiva, de tecnificación e rendemento deportivo para o Centro Galego de Tecnificación Deportiva para a tempada 2026/27, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento PR952A).

A Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, dedica o seu título II ás competencias das administracións públicas galegas en materia de deporte e, no artigo 5, determina as competencias que lle corresponden á Administración autonómica, segundo o previsto no artigo 27.22 do Estatuto de autonomía de Galicia. No número 1, alínea m), establécese a competencia da Administración autonómica do fomento e regulación do deporte e dos deportistas de alto nivel de Galicia, así como os seus beneficios.

En prol da definición da política deportiva autonómica, fixando as directrices e programas de fomento e desenvolvemento do deporte galego dos seus diferentes niveis, a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, está a dotar ao deporte de alta competición dos medios necesarios para a mellora do seu nivel técnico. Con este obxectivo establécense estas bases reguladoras para a concesión de prazas, en réxime de concorrencia competitiva, de tecnificación e rendemento para o Centro Galego de Tecnificación Deportiva (en diante, CGTD), para a tempada 2026/27, e procédese á súa convocatoria.

Para os efectos desta orde, o CGTD dispón das instalacións situadas na cidade de Pontevedra, na rúa Padre Fernando Olmedo, 1, e o Complexo Náutico e Campo de Regatas David Cal (Pontevedra, lugar de Verducido), así como as relativas ao Centro Galego de Vela, situado na Rampla de Cavadelo, s/n, na localidade de Vilagarcía de Arousa, todas elas clasificadas, xunto cos programas que nelas se desenvolven, polo Consello Superior de Deporte na Resolución do 27 de maio de 2014, publicada no BOE núm. 137, do 6 de xuño, como instalacións deportivas para o desenvolvemento do deporte de alto nivel e competición.

Na súa virtude, no uso das facultades que teño atribuídas polo Decreto 44/2024, do 14 de abril, polo que se nomean os titulares das consellerías da Xunta de Galicia, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Disposicións comúns

Artigo 1. Obxecto da convocatoria

Establecer mediante esta orde as bases reguladoras e proceder á convocatoria de prazas para o CGTD para a tempada 2026/27, co fin de facilitar o adestramento dos/das deportistas orientado á mellora da tecnificación e rendemento, creando un clima de adestramento e convivencia entre deportistas de diferentes especialidades deportivas, fomentando a educación integral dos deportistas que favoreza o seu desenvolvemento persoal e facilitando a mellora do seu rendemento deportivo coa finalidade de alcanzar o máximo nivel competitivo (código de procedemento PR952A).

Os beneficios asociados á condición de persoa deportista beneficiaria dunha praza de tecnificación ou de rendemento están recollidos no artigo 17 destas bases reguladoras.

Esta convocatoria tramítase en réxime de concorrencia competitiva e con sometemento aos principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, mérito e capacidade.

Artigo 2. Presentación de solicitudes e prazo

1. As solicitudes deberán ser presentadas polas federacións deportivas galegas de deportes individuais que sexan compatibles cos servizos e instalacións do CGTD das seguintes seccións: atletismo na especialidade de lanzamentos, bádminton, judo, loita, natación pura e natación en augas abertas, natación artística, piragüismo en augas bravas (slálom), piragüismo en augas tranquilas, remo, taekwondo, tríatlon, vela e ximnasia acrobática, trampolín e artística. As federacións que conten cun grupo de tecnificación e/ou rendemento remitirán a relación das persoas deportistas solicitantes que cumpran os requisitos establecidos no artigo 3 desta orde e que se axusten á política deportiva autonómica establecida pola Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes a través da Secretaría Xeral para o Deporte.

2. As solicitudes deberán ser presentadas no modelo normalizado recollido como anexo I nesta orde, xunto á cal se achegará o resto da documentación solicitada segundo o disposto no artigo 6 (anexos II a VII). O formulario da solicitude estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.gal, e na páxina web da Secretaría Xeral para o deporte, no enderezo https://deporte.xunta.gal

3. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das federacións presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes, poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. Se a solicitude non reúne os requisitos exixidos, notificaráselle á federación para que, nun prazo de dez días, emende os erros ou presente os documentos preceptivos. Unha vez que transcorra o dito prazo sen que se produza a emenda, considerarase que desiste da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

5. Rematado o prazo de presentación de solicitudes e o establecido para a súa emenda, publicaranse na páxina web da Secretaría Xeral para o Deporte e no seu taboleiro de anuncios as listaxes provisionais de admitidos, excluídos, con nomes, apelidos e DNI anonimizado, con indicación da causa que orixina esta situación, e desistidos.

6. A presentación da solicitude para participar nesta convocatoria implica o coñecemento e a aceptación das bases que a regulan.

7. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 3. Das persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das prazas para deportistas no Centro Galego de Tecnificación Deportiva todas aquelas persoas deportistas que, no momento de presentación da solicitude por parte das correspondentes federacións deportivas, cumpran os requisitos que se detallan a seguir:

– Ter nacionalidade española. Poderanse exceptuar este requisito aqueles solicitantes que foran seleccionados pola selección española para participar en competicións de carácter europeo ou mundial.

– Estar en posesión da licenza deportiva na modalidade para a cal se presenta a solicitude, emitida pola federación galega correspondente ou ben pola federación española correspondente no caso de que a federación galega da modalidade en cuestión non estivera integrada na federación española.

Poderase valorar, segundo informe técnico da comisión de selección e como caso excepcional, o incumprimento deste requisito unicamente nas prazas de rendemento.

– Para os grupos de tecnificación, deberase pertencer a un club deportivo galego ou sociedade anónima deportiva dada de alta no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, así como estar empadroada nun municipio da Comunidade Autónoma de Galicia.

– As persoas deportistas beneficiarias de praza de tecnificación deberán ter promocionado de curso na convocatoria ordinaria de xuño de 2026, e non ter máis de dúas materias suspensas. Excepcionalmente, poderase considerar a posibilidade de repetición daqueles deportistas cuxas federacións xustifiquen que participaron, con posibilidade de seguir participando, en campionatos de Europa, do mundo ou xogos olímpicos.

– Para ser beneficiario das prazas do grupo de tecnificación ou de rendemento deberanse cumprir os requisitos específicos de idade e residencia previstos no artigo 17.

Non poderán obter a condición de beneficiarias aquelas persoas que concorren nalgunha das circunstancias establecidas a seguir:

– Non obter un apto na análise médica realizada polo equipo médico do CGTD.

– Ter un informe negativo da Dirección do CGTD e ratificado pola Secretaría Xeral para o Deporte a través da comisión de selección sobre o seu comportamento durante a súa estadía como bolseiro no Centro Galego de Tecnificación Deportiva durante o curso inmediatamente anterior ao desta convocatoria.

– Ter sanción en firme por dopaxe.

– Ter sanción en firme por algunha das infraccións previstas no artigo 14 do Real decreto 1591/1992, do 23 de decembro, sobre disciplina deportiva (BOE do 19 de febreiro de 1993).

– Ter sanción en firme por algunha das infraccións previstas no artigo 97 da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia.

Artigo 4. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderase rexeitada cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico efectuarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 5. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 6. Documentación complementaria

1. Para a valoración dos méritos, as federacións deportivas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

Documentación

Unidades

Anexo II. Proxecto de tecnificación e/ou de rendemento para o curso 2026/27.

1

Anexo III. Proposta de equipo técnico.

Documentación que deberá achegarse xunto co anexo III:

– Persoa adestradora deportiva de nivel III ou equivalente da modalidade deportiva correspondente, ou licenciado ou graduado en Ciencias da Actividade Física e do Deporte (CCAFED) ou técnico deportivo superior (se é o caso).

– Experiencia: certificado da federación deportiva que acredite un mínimo de 3 anos de experiencia como adestrador/a coa titulación exixida, se é o caso, ou o recoñecemento da condición de DGAN.

– Documento que indique o tipo de relación laboral prevista.

1 por persoa

Anexo IV. Persoa adestradora deportiva responsable da sección deportiva:

- Declaración de coñecemento das súas funcións e declaración de non estar en situación de incompatibilidade.

1

*Anexo V. Persoa adestradora deportiva responsable de grupo:

– Declaración de coñecemento das súas funcións e declaración de non estar en situación de incompatibilidade.

1 por persoa

Anexo VI. Valoración técnica das persoas deportistas.

Xunto co anexo VI deberase achegar:

– No caso das persoas deportistas de nova incorporación pertencentes ao grupo de tecnificación, unha copia do boletín de notas de xuño de 2026 ou ben unha copia do certificado académico da persoa deportista.

– No caso das persoas deportistas de nova incorporación pertencentes ao grupo de tecnificación, un informe técnico para ser valorada a orde de prelación presentada no anexo II, número 7.1.a).

– O certificado de residencia da persoa deportista proposta.

1 por persoa

Anexo VII. Solicitude de praza para o Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) para a tempada 2026/27. Datos da persoa deportista

1 por persoa

* No caso de tratarse de persoas adestradoras de grupo.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas solicitantes (as federacións deportivas) presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas solicitantes responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– DNI ou NIE da persoa adestradora.

– Consulta de títulos oficiais universitarios da persoa adestradora.

– Consulta de títulos oficiais non universitarios da persoa adestradora.

– Consulta de inexistencia de antecedentes penais por delitos sexuais da persoa adestradora.

– NIF da entidade solicitante.

– DNI ou NIE da persoa representante.

– DNI ou NIE da persoa presidenta da federación.

– NIF da entidade representante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 8. Órgano instrutor

1. A instrución do procedemento para a concesión das prazas correspóndelle á Subdirección Xeral de Plans e Programas a través do CGTD.

2. As funcións do órgano instrutor serán:

– Analizar a documentación presentada pola federación.

– Comprobar o cumprimento dos diferentes aspectos da convocatoria.

– Informar a federación dos aspectos que requiran ser modificados ou completados.

– Valoración e ratificación, se é o caso, dos informes emitidos pola Dirección do CGTD sobre a estadía como bolseiro, durante o curso escolar anterior a esta convocatoria, daqueles deportistas que soliciten a renovación da praza.

3. Finalizado o prazo para a presentación das solicitudes, o órgano instrutor estudará a documentación presentada polas federacións deportivas (anexo II) e comprobará o cumprimento de todos os aspectos da convocatoria, e a federación deportiva galega será a responsable da autenticidade dos datos presentados.

Artigo 9. Comisión de Selección

1. A Comisión de Selección estará constituída por:

– Presidente/a: persoa que exerza a xefatura do Servizo de Fomento e Xestión Deportiva da Secretaría Xeral para o Deporte.

– Vogal: director/a do CGTD.

– Vogal: subdirector/a do CGTD.

– Vogal: técnico/a da Secretaría Xeral para o Deporte.

– Secretario/a: funcionario/a da Secretaría Xeral para o Deporte.

2. As funcións da Comisión de Selección serán:

– Formular o informe de valoración, de conformidade cos criterios de valoración establecidos nos artigos 20 e 21, que remitirá ao órgano instrutor.

3. Unha vez valoradas as solicitudes por esta comisión, esta valoración será comunicada ás federacións deportivas solicitantes indicando:

– Listaxe provisional de baremo.

– As federacións solicitantes.

– As persoas deportistas bolseiras propostas.

– O réxime da praza concedida.

– Puntos concedidos.

– Curso académico.

– Nova solicitude ou renovación da praza.

4. A Secretaría Xeral para o Deporte poderá solicitar todas as xustificacións que considere necesarias sobre a orde en que os deportistas son propostos pola federación, segundo o anexo VI, con base na puntuación outorgada pola respectiva federación deportiva tendo en conta o disposto no artigo 22.1.e) desta orde, ou sobre a ausencia dalgún/dalgunha destacado/a deportista na lista.

Artigo 10. Proposta de resolución

1. O órgano instrutor, tendo en conta o informe da Comisión de Selección, formulará unha proposta de resolución baseada nas maiores puntuacións obtidas.

2. Esta proposta de resolución provisional exporase a información pública, na páxina web da Secretaría Xeral para o Deporte, durante un prazo de dez días contados a partir do seguinte á data de publicación. Durante este prazo, os interesados poderán formular as alegacións que consideren pertinentes nos lugares e formas indicados para a presentación de solicitudes.

3. Se algún dos/das candidatos/as propostos/as tivera a intención de non aceptar a adxudicación da praza, deberá comunicalo expresamente por escrito ao director do CGTD dentro do prazo de alegacións e proporase ao seguinte con maior puntuación; ante o rexeitamento deste, ofreceráselle ao/á situado/a a continuación, e así sucesivamente ata a súa cobertura.

4. Logo de rematar o prazo de alegacións e examinadas estas, se as houber, formularase a proposta de resolución definitiva.

Artigo 11. Resolución

1. O prazo máximo para resolver a convocatoria será de tres meses, contados a partir da data límite para a presentación das solicitudes. De non se resolver neste prazo, as solicitudes entenderanse desestimadas.

2. Baseándose na proposta de resolución definitiva, a persoa titular da Secretaría Xeral para o Deporte será o órgano competente para a resolución do procedemento polo que se adxudican as prazas de tecnificación e rendemento deportivo para o Centro Galego de Tecnificación Deportiva para a tempada 2026/27, de conformidade coa delegación de competencias prevista no artigo 3.5 da Orde do 12 de xuño de 2024 sobre delegación de competencias na Secretaría Xeral Técnica e noutros órganos desta consellería (DOG núm. 117, do 18 de xuño).

Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, exporase na web institucional da Secretaría Xeral para o Deporte e notificaráselles ás correspondentes federacións deportivas, con indicación das federacións, os deportistas bolseiros e o réxime da praza concedida.

3. Publicada a resolución polo órgano concedente, a persoa beneficiaria disporá dun prazo de dez días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se produza manifestación expresa entenderase tacitamente aceptada.

4. As baixas que se produzan unha vez publicada a listaxe definitiva teñen que ser comunicadas inmediatamente e por escrito polo/a interesado/a ao enderezo de correo cgtd@xunta.gal para que poidan ser cubertas.

As baixas cubriranse, se así o considera oportuno a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, con deportistas pertencentes ás federacións en que se produzan as baixas e seguindo a lista de agarda dos deportistas valorados e que non acadaron praza.

No caso do grupo de tecnificación, poderase ter en conta, por cuestións organizativas da residencia, que cumpran cos requisitos de curso e xénero do deportista que causou baixa, e que a organización da residencia permita.

5. A concesión e a percepción da praza non implica ningún tipo de relación laboral, ou de natureza similar, entre a Xunta de Galicia e as persoas beneficiarias.

6. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da praza e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 12. Obrigas da persoa deportista bolseira

A persoa deportista bolseira estará obrigada a:

– Cumprir o proxecto deportivo da súa federación.

– Realizar un número mínimo de adestramentos (75 %) no proxecto deportivo, segundo o Regulamento de réxime interno do CGTD.

– Adestrar co técnico que lle asigne a súa federación, ata a categoría Sub23 (incluída).

– Participar nas competicións autonómicas, nacionais ou internacionais que a federación ou técnico do CGTD considere, principalmente en representación de Galicia, agás causa debidamente xustificada.

– Someterse aos controis de dopaxe segundo a normativa en vigor.

– Pasar o control médico obrigatorio nos servizos médicos do CGTD.

– Formalizar o seu ingreso previamente á súa incorporación nas oficinas do CGTD.

– Cumprir a normativa contida no Regulamento de réxime interno do CGTD.

– Cumprir os requisitos establecidos no artigo 3 da convocatoria, para ser beneficiario, durante o tempo de duración da praza

– Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

Artigo 13. Obrigas das federacións deportivas solicitantes

1. As federacións quedarán obrigadas a publicar nas súas páxinas web esta convocatoria.

2. As federacións deportivas galegas, que se relacionan no artigo 2, deberán realizar un estudo previo de todas as persoas deportistas recollidas no proxecto deportivo segundo o modelo do anexo II. O estudo realizarase sobre unha base dun proxecto deportivo integral, en que figure un grupo de adestramento e unha cobertura técnica suficiente que garanta a súa preparación.

3. No número 6 do índice do proxecto deportivo (anexo II), as federacións deberán incluír a todas as persoas deportistas que en tempo e forma solicitaron formar parte desta listaxe. Se algunha delas non cumpre todos os requisitos establecidos no artigo 3 desta convocatoria, a federación deberá indicalo con claridade.

4. No caso das persoas deportistas propostas por primeira vez (nova admisión) para o grupo de tecnificación, as federacións deberán achegar copia do boletín de notas de xuño de 2026 ou ben un certificado de notas, que despois deben incorporar ao anexo VI de cada deportista.

Artigo 14. Doutras obrigas das federacións

1. As federacións disporán dun equipo técnico para o correcto desenvolvemento do proxecto deportivo presentado (anexo II), en todo caso atendendo ao establecido nesta convocatoria. A relación laboral entre os membros do equipo técnico e a federación deportiva de que dependen deberá axustarse en todo momento á lexislación laboral vixente. En ningún caso este persoal federativo gardará relación laboral ou doutro tipo coa Secretaría Xeral para o Deporte.

2. O equipo técnico deberá cumprir o establecido na Lei 26/2015, do 28 de xullo, de modificación do sistema de protección á infancia e adolescencia (BOE do 29 de xullo), e estará formado por:

• Unha persoa adestradora responsable da sección deportiva obrigatoriamente.

• Unha persoa substituta nomeada para cubrir as ausencias da responsable obrigatoriamente.

• Unha ou varias persoas adestradoras responsables de grupo con carácter opcional, en función do número de deportistas que integran a sección.

3. A persoa adestradora responsable da sección deportiva será a persoa con maior responsabilidade desa sección deportiva no CGTD e deberá cumprir os seguintes requisitos:

a) Titulación: licenciatura ou grao en Ciencias da Actividade Física e o Deporte, ou título de técnico/a deportivo/a superior, ou adestrador/a deportivo/a de nivel III ou equivalente da modalidade deportiva correspondente.

b) Experiencia: acreditar un mínimo de tres anos como adestrador/a coa titulación exixida ou ter ou ter tido a condición de DGAN.

c) Non estar afectado/a por incompatibilidade.

d) Deberá estar presente nos adestramentos e facer cumprir o proxecto deportivo presentado polas federacións.

e) Deberá participar/asistir ás competicións onde participen os/as deportistas con praza no CGTD.

4. A persoa adestradora de grupo terá a responsabilidade do seu grupo de adestramento e deberá cumprir os seguintes requisitos:

a) Titulación: licenciatura en Ciencias da Actividade Física e o Deporte, ou título de técnico/a deportivo/a superior, ou adestrador/a deportivo/a de nivel III ou equivalente da modalidade deportiva correspondente.

b) Non estar afectado por incompatibilidade.

c) Deberá estar presente nos adestramentos do seu grupo, adestrando os/as deportistas, e cumprir o proxecto deportivo presentado polas federacións.

d) Deberá participar/asistir ás competicións onde participen os/as deportistas con praza no CGTD.

5. Os/as membros do equipo técnico non poderán adestrar outros deportistas no horario do grupo de adestramento do CGTD sen autorización da Secretaría Xeral para o Deporte.

6. As funcións dos/das adestradores/as serán as recollidas nos anexos IV e V desta convocatoria.

Sen prexuízo do anteriormente dito, a Secretaría Xeral para o Deporte poderá desestimar a proposta do/da responsable dos programas e/ou doutros membros do equipo técnico feita pola federación deportiva solicitante, fundamentando a súa decisión no incumprimento dalgún dos requisitos anteriores, ou ben por informe desfavorable por parte da Comisión de Selección, fundamentado por unha falta de compromiso co proxecto educativo do centro entre outras posibles causas.

Artigo 15. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de conformidade cos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 16. Revogación

1. Dunha praza.

A praza concedida a unha persoa deportista poderá ser obxecto de expediente de perda de dereito, ademais de polas causas establecidas na normativa reguladora das axudas, polas seguintes causas:

– Inadaptación ás normas de convivencia.

– Dar positivo nun control de dopaxe ou negarse a pasalo.

– Se o recoñecemento médico do CGTD conclúe que non é apto.

– Poderase cancelar a praza porque así o solicite a persoa deportista ou os seus pais/titores legais, no caso de ser menor de idade, sempre que veña motivada por causas xustificadas.

– Igualmente, poderase cancelar por motivos disciplinarios no caso de faltas moi graves segundo o Regulamento de réxime interno do centro.

2. Dun programa.

Os programas poderán ser revogados ao longo do curso por instancia do/da presidente/a da federación galega correspondente, co acordo da asemblea xeral da súa federación.

CAPÍTULO II

Prazas para as instalacións do CGTD situado en Pontevedra

Artigo 17. Natureza das prazas

1. Grupo de tecnificación.

Poderán ser beneficiarios/as de prazas do grupo de tecnificación as persoas deportistas que fagan de 14 a 17 anos en 2026 (nados nos anos 2012, 2011, 2010 e 2009). No caso das persoas deportistas que fagan 17 anos no ano 2026 con carácter xeral deberán cumprir o requisito de ter sido beneficiarias dunha praza de tecnificación anteriormente, ben que, excepcionalmente, poderanse excluír deste requisito aquelas solicitudes que se xustifiquen por razóns deportivas xustificadas pola participación en competicións deportivas de carácter internacional ou mundial e por unha destacable proxección deportiva.

Excepcionalmente, poderanse atender solicitudes que non se axusten ao rango de idade sinalado, ben por razóns académicas tales como alumnos/as de altas capacidades que, logo de autorización da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, cursen 3º de ESO con menos de 14 anos e alumnos de 2º de bacharelato que por ter repetido algún curso, antes do seu ingreso no CGTD, superen os 18 anos; ou ben por razóns deportivas xustificadas pola participación en competicións deportivas de carácter internacional ou mundial, e por unha destacable proxección deportiva, neste suposto deben ter un mínimo de 13 anos feitos no ano 2026. Estas últimas tramitaranse a través da cota de reserva prevista no artigo 18.3 destas bases reguladoras, ata un máximo de 3 prazas.

– Praza de residente 1: deportistas que residan fóra do raio de 3 km á redonda do CGTD no momento da presentación da solicitude.

Beneficios da praza: matrícula no IES adscrito ao centro, aloxamento (de domingo a xoves) e manutención (de domingo a venres), servizo de lavandaría, incorporación ao grupo de adestramento da súa modalidade, instalacións deportivas, servizo médico-deportivo, servizo de fisioterapia e titoría.

– Praza de externo/a 1: deportistas que residan dentro do raio de 3 km á redonda do CGTD no momento da presentación da solicitude.

Excepcionalmente, e logo de informe xustificativo da federación correspondente, poderase acceder á praza de externo/a 1 aínda que se resida fóra do raio de 3 km á redonda do CGTD, cando se acredite de forma razoable o desprazamento da persoa deportista desde o seu domicilio familiar ás instalacións do CGTD con todas as garantías para non romper a dinámica de estudos e adestramentos. Xunto con este informe deberase presentar unha declaración xurada dos pais/nais/titores legais, conforme se comprometen a garantir os horarios do deportista vencellados á súa condición como externo 1 durante toda a tempada da bolsa.

Beneficios da praza: matrícula no IES adscrito ao centro, xantar no comedor da residencia (de luns a venres), incorporación ao grupo de adestramento da súa modalidade, instalacións deportivas, servizo médico-deportivo, servizo de fisioterapia e titoría.

2. Grupo de rendemento.

Poderán ser beneficiarios/as de prazas do grupo de rendemento os/as deportistas de máis de 18 anos.

– Praza de residente 2: deportistas que fagan 18 anos en 2026 (nados no ano 2008 ou anteriores) que residan fóra do raio de 3 km á redonda do CGTD no momento da presentación da solicitude.

Beneficios da praza: aloxamento (de luns a domingo) e manutención (de domingo a venres), servizo de lavandaría, incorporación ao grupo de adestramento da súa modalidade, instalacións deportivas, servizo médico-deportivo e servizo de fisioterapia.

– Praza de externo/a 2: deportistas que fagan 18 anos en 2026 (nados no ano 2008 ou anteriores).

Beneficios da praza: xantar no comedor da residencia (de luns a venres), incorporación ao grupo de adestramento da súa modalidade, instalacións deportivas, servizo médico-deportivo e servizo de fisioterapia.

– Os/as deportistas galegos/as de alto nivel que non sexan bolseiros/as en ningunha das epígrafes anteriores poderán presentar unha solicitude directamente ao CGTD, no enderezo cgtd@xunta.gal, para o uso das instalacións deportivas, servizo médico-deportivo e servizo de fisioterapia. Estas serán concedidas directamente pola dirección do centro por orde de solicitude, sempre que sexa posible, segundo a dispoñibilidade dos espazos, horarios e instalacións, e cumprindo as normas de funcionamento do centro. Para o uso do servizo médico-deportivo e do servizo de fisioterapia, debido á súa alta demanda, priorizaranse as solicitudes xustificadas na participación en eventos deportivos internacionais.

Artigo 18. Número de prazas

Convócanse un máximo de 160 prazas.

1. Grupo de tecnificación:

1.1. Ata un máximo de 105 prazas (ata un máximo de 90 residentes 1, e 15 externos/as 1) que se distribuirán entre os cursos 3º e 4º da ESO e 1º e 2º de bacharelato, tendo en conta unha distribución ponderada e o límite de alumnado por curso establecido pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.

1.2. Reservarase da cota das prazas de tecnificación o 5% das prazas ofertadas para persoas con discapacidade que compitan en modalidades e probas paralímpicas (4 prazas de residente e o resto de externos). No caso de non ser ocupadas, pasarán a ser ocupadas pola cota ordinaria.

2. Grupo de rendemento:

2.1. Residente 2, ata un máximo de 10 prazas (non podendo ser máis de 6 do mesmo sexo e como máximo 4 da mesma sección deportiva).

2.2. Externo/a 2, ata completar as 160 prazas ofertadas na resolución, por decisión da Comisión de Selección segundo os criterios establecidos no punto quinto da convocatoria.

2.3. Reservarase da cota das prazas de rendemento o 5% das prazas ofertadas para persoas con discapacidade que compitan en modalidades e probas paralímpicas. No caso de non ser ocupadas pasarán a ser ocupadas pola cota ordinaria.

3. A Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, reserva unha porcentaxe de non máis do 8 % das prazas totais, que se distribúen por tipoloxías de praza da seguinte forma:

Tipoloxía da praza

Residente 1

Externo 1

Residente 2

Externo 2

Nº de prazas

6

2

1

4

Estas prazas poderanse cubrir durante todo o curso académico en función de situacións non recollidas nesta orde, sempre cumprindo uns criterios de interese deportivo para a Secretaría Xeral para o Deporte, logo de proposta motivada da federación deportiva correspondente. As prazas asignadas para cada sección deportiva, no caso de non se cubriren, tamén pasarán á cota de reserva da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

As federacións deportivas interesadas poderán presentar solicitudes de prazas da cota de reserva a partir da resolución definitiva e ao longo do curso académico 2026/27, en función das baixas que se produzan que non se cubran a través da lista de solicitantes que non obtiveron praza, que serán resoltas nun prazo máximo de 3 meses. As solicitudes irán acompañadas dun informe motivado da federación solicitante dos méritos deportivos. A solicitude e o informe deberán solicitarse a través da sede electrónica, dirixidas á Secretaría Xeral para o Deporte.

4. A Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, vista a proposta de resolución, poderá cubrir ou non a totalidade das prazas ofertadas.

Naquelas seccións que non cubran o 50 % das prazas ou cando, cumpríndose a dita porcentaxe, á vista das solicitudes presentadas non se poidan cumprir os obxectivos do programa deportivo da federación, a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes poderá non conceder as prazas solicitadas.

Artigo 19. Duración das prazas

A duración das prazas será desde o 8 de setembro de 2026 ata o 31 de xullo de 2027, exceptuando o grupo de tecnificación, que rematará a última semana do período lectivo.

CAPÍTULO III

Dos criterios de valoración

Artigo 20. Criterios de valoración

1. Todos os méritos que se van valorar nos criterios deportivos e académicos que a continuación se detallan deberán estar debidamente reflectidos no anexo VI desta convocatoria.

2. Valoraranse os criterios deportivos da modalidade deportiva e especialidade para a cal solicitan a praza ao CGTD.

3. Para a tecnificación de tríatlon, nas probas de ácuatlon e dúatlon, terán un valor da metade de puntos sobre a modalidade olímpica.

4. Para valorar os/as deportistas nas modalidades en que non haxa modalidades ou probas olímpicas na categoría infantil, e así o especifiquen no anexo II desta convocatoria, a valoración do resultado será a que especifique a federación e que sexa máis próxima á modalidade e proba olímpica.

5. Non serán valorados os méritos deportivos acadados nos campionatos de España de clubs, nos campionatos de España por seleccións autonómicas, nin tampouco en copas ou competicións internacionais de clubs.

6. A valoración dos resultados acadados en que a participación sexa formando parte dun equipo efectuarase segundo as seguintes regras:

• Para o acceso ás prazas de tecnificación, tomarase a puntuación resultante do posto acadado polo equipo e dividirase entre o número de deportistas integrantes do equipo.

• Para o acceso ás prazas de rendemento tomarase a puntuación resultante do posto acadado polo equipo como a individual de cada un dos deportistas integrantes deste.

• Non serán susceptibles de valoración os resultados acadados en competicións internacionais que non sexan formando parte da selección española en convocatoria oficial pola federación nacional.

• As embarcacións dobres en vela, os dobres en bádminton e o dúo feminino en natación artística consideraranse como probas individuais.

7. Non se valorarán os resultados deportivos acadados en categorías máster, veteranos ou similar.

8. A Comisión de Valoración é o órgano competente para a interpretación e resolución de dúbidas relacionadas coa aplicación dos criterios de valoración previstos nestas bases, e da valoración dos resultados deportivos con base na documentación achegada.

Artigo 21. Criterios de valoración para os deportistas de tecnificación

1. Criterios deportivos.

Será preciso acadar unha puntuación mínima de 10 puntos na epígrafe de criterios deportivos para optar a unha praza no CGTD.

A valoración do rendemento deportivo realizarase en función da categoría en que o/a deportista proposto/a competise no ano en que se publica esta convocatoria de prazas, cunha participación mínima de 6 competidores, e do seu ano de nacemento. En caso de non existir modalidade e proba olímpica ou paralímpica na súa categoría requirirase certificado da federación española da modalidade e/ou proba que poida considerarse equiparable. A valoración efectuarase segundo o seguinte baremo:

a) Para valorar os deportistas nados nos anos 2012, 2011, 2010 e 2009 (máximo de 52 puntos):

– Mellor resultado no campionato de España nos dous últimos campionatos celebrados en modalidade e proba olímpica ou paralímpica (de 35 a 4 puntos)*:

* Nas probas onde o resultado se acade formando parte dun equipo, a puntuación obtida polo posto acadado dividirase entre o número de integrantes do equipo (exemplo: 1º en catro scull: 35 / 4 = 8,75 para cada deportista).

– 1º posto: 35 puntos.

– 2º posto: 30 puntos.

– 3º posto: 25 puntos.

– 4º posto: 20 puntos.

– 5º posto: 18 puntos.

– 6º posto: 16 puntos.

– 7º posto: 14 puntos.

– 8º posto: 12 puntos.

– 9º posto: 10 puntos.

– 10º posto: 8 puntos.

– 11º posto: 6 puntos.

– 12º posto: 4 puntos.

– Mellor resultado no campionato galego nos dous últimos campionatos celebrados en modalidade e proba olímpica ou paralímpica (de 17 a 9 puntos)*:

* Nas probas onde o resultado se acade formando parte dun equipo, a puntuación obtida polo posto acadado, dividirase entre o número de integrantes do equipo (exemplo: 1º en catro scull: 17 / 4 = 4,25 para cada deportista).

– 1º posto: 17 puntos.

– 2º posto: 15 puntos.

– 3º posto: 13 puntos.

– 4º posto: 11 puntos.

– 5º posto: 10 puntos.

– 6º posto: 9 puntos.

b) Nas modalidades en que non haxa campionato de España na categoría infantil, segundo o anexo II desta convocatoria, para a valoración dos deportistas tomarase a valoración do resultado no campionato galego infantil, en modalidade e proba olímpica ou paralímpica individual, segundo o seguinte baremo cun máximo de 40 puntos (de 40 a 18 puntos)*:

* Nas probas onde o resultado se acade formando parte dun equipo, a puntuación obtida polo posto acadado, dividirase entre o número de integrantes do equipo (exemplo: 1º en catro scull: 40 / 4 = 10 para cada deportista).

– 1º posto: 40 puntos.

– 2º posto: 36 puntos.

– 3º posto: 32 puntos.

– 4º posto: 28 puntos.

– 5º posto: 26 puntos.

– 6º posto: 24 puntos.

– 7º posto: 22 puntos.

– 8º posto: 20 puntos.

– 9º posto: 18 puntos.

Así mesmo, aplicarase o dito baremo aos/ás deportistas carentes de competicións nacionais e autonómicas, que así o especifiquen no anexo II e veñan acompañadas por un informe técnico (máximo de 40 puntos).

Esta alínea b) só se puntuará se na alínea a) non teñen puntuación ou a puntuación é menor que a da alínea b). As puntuacións das alíneas a) e b) son excluíntes, non complementarias.

c) Deportistas que competiron formando parte da selección española en modalidades e probas olímpicas ou paralímpicas en convocatoria oficial pola federación nacional nos anos 2025 ou 2026*, escollendo só unha das seguintes competicións (máximo 18 puntos).

En caso de no existir modalidade ou proba olímpica ou paralímpica nunha categoría, requirirase certificado da federación española da modalidade e/ou proba que poida considerarse equiparable.

* Para o ano 2026, poderase valorar a participación no dito campionato, sempre que o acredite a federación nacional, cando esta se vaia producir despois do prazo de presentación de solicitudes.

– Se competiron nos campionatos do mundo: 14 puntos.

– Se competiron nos campionatos de Europa: 12 puntos.

– Sumaranse 4 puntos adicionais se acadan estar entre os 8 primeiros postos do campionato.

– Se competiron en copas do mundo: 9 puntos.

– Se competiron en copas de Europa: 7 puntos.

– Sumaranse 2 puntos adicionais se acadan estar entre os 8 primeiros postos da copa.

– Se competiron en torneos internacionais: 1 punto pola participación en cada torneo, ata un máximo de 3 puntos.

d) Deportistas que competiron formando parte da selección española en modalidades e probas non olímpicas en convocatoria oficial pola federación nacional nos anos 2025 ou 2026, escollendo só unha das seguintes competicións (máximo 8 puntos).

– Se competiron en campionato do mundo: 6 puntos.

– Se competiron en campionato de Europa: 4 puntos.

– Sumaranse 2 puntos adicionais se acadan estar entre os 3 primeiros postos do campionato.

– Se competiron en torneos internacionais: 1 punto polo participación en cada torneo, ata un máximo de 2 puntos.

e) As federacións poderán outorgar ata 10 puntos adicionais a un máximo de 10 deportistas de tecnificación. Esta puntuación irá decrecendo 1 punto por cada deportista ao cal se lle asigna, asignándolles a cada un deles: 10, 9, 8, 7, 6, 5, 4, 3, 2 e 1 punto. Para poder ser puntuado, a puntuación deberá estar acompañada dun informe técnico da federación correspondente xunto co anexo VI, onde xustifique, con criterios técnicos obxectivos, a puntuación do/da deportista (datos antropométricos, progresión deportiva, condicións de adestramento etc.), reflectida no número 7.1 do anexo II desta convocatoria. De ser negativo o dito informe, xustificadamente, poderá ser motivo da non inclusión do solicitante na cota da modalidade deportiva.

Esta puntuación só se terá en conta para o acceso ás prazas de cada modalidade deportiva. Non se terá en conta no momento que teña que haber un desempate entre seccións deportivas ou para o acceso a prazas dunha sección deportiva que non cheguen a ser cubertas por deportistas desa modalidade e queden abertas á súa cobertura por deportistas doutras modalidades deportivas segundo a orde de puntuación acadada.

2. Criterios académicos.

– Se remata en xuño con todo aprobado e cunha nota superior a 8: 8 puntos.

– Se remata en xuño con todo aprobado e cunha nota media entre 6 e 8: 7 puntos.

– Se remata en xuño con todo aprobado e cunha nota media inferior ao 6: 5 puntos.

– Se remata en xuño con dúas ou menos materias suspensas, pero acada unha nota media superior a 7: 4 puntos.

3. Criterio de actitude.

No caso de deportistas que aspiren a renovar a súa praza de tecnificación, terase en conta a valoración final residencial sobre o grao de aproveitamento e adaptación aos servizos residenciais, avaliacións deportivas, conforme as normas de convivencia durante o curso 2025/26, emitida pola dirección do centro, cunha escala que irá de 4 a – 4 puntos.

4. Criterios de desempate no grupo de tecnificación.

A prelación de criterios será:

a) A que obtivo maior puntuación na valoración do rendemento deportivo.

b) A persoa deportista bolseira o ano anterior que opte por renovar a súa praza no CGTD fronte á que se incorpora ao centro por primeira vez (sempre e cando non teña puntuación negativa, que non terá esta prelación).

c) A persoa deportista que tivese a nota media máis alta en xuño no expediente académico do derradeiro curso.

d) A persoa deportista de menor idade.

e) Orde alfabética de apelidos e nome iniciando pola letra M, conforme o sorteo feito pola Consellería de Facenda e Administración Pública no ano 2026, e publicado no Diario Oficial de Galicia núm. 16, do 26 de xaneiro de 2026.

5. Cota de prazas de tecnificación como residente.

As prazas máximas do grupo de tecnificación para residentes distribuiranse entre as modalidades e especialidades deportivas do seguinte xeito, e cada sección pode renunciar ao número máximo co pertinente informe técnico da federación:

Atletismo lanzamentos: 4 prazas de residente.

Bádminton: 8 prazas de residente.

Judo: 7 prazas de residente.

Loita: 7 prazas de residente.

Natación pura e augas abertas: 7 prazas de residente.

Natación artística: 5 prazas de residente.

Piragüismo slálom: 3 prazas de residente.

Piragüismo AT: 18 prazas de residente.

Remo: 3 prazas de residente.

Taekwondo: 9 prazas de residente.

Tríatlon: 7 prazas de residente.

Vela: 3 prazas de residente.

Ximnasia: 3 prazas de residente.

6. Criterio de ordenación para a adxudicación das prazas.

Unha vez ordenada a totalidade das prazas que cumpren os criterios de admisión por orde de puntuación, as prazas serán adxudicadas por modalidade deportiva, ata o número de prazas de cada modalidade establecido no punto anterior, e por nivel educativo, de tal forma que se cubra na medida do posible o número máximo de prazas en cada nivel ata a ratio máxima autorizada pola Administración educativa, nos niveis de 3º e 4º da ESO, e 1º e 2º de bacharelato.

As prazas que non sexan cubertas polas diferentes seccións deportivas pasarán á reserva de prazas da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

Artigo 22. Criterios de valoración para as persoas deportistas de rendemento

As prazas do grupo de rendemento distribuiranse entre as mesmas modalidades e especialidades deportivas que o grupo de tecnificación.

Non serán susceptibles de valoración os resultados acadados en competicións internacionais que non sexan formando parte da selección española en convocatoria oficial pola federación nacional.

a) Deportistas que acadaron un resultado entre os/as 12 primeiros/as, nos derradeiros xogos olímpicos ou paralímpicos, ou campionato do mundo coa selección nacional da súa categoría en modalidades e probas olímpicas ou paralímpicas, ata 38 puntos:

– 1º posto: 38 puntos.

– 2º posto: 35 puntos.

– 3º posto: 32 puntos.

– 4º posto: 30 puntos.

– 5º posto: 28 puntos.

– 6º posto: 26 puntos.

– 7º posto: 24 puntos.

– 8º posto: 22 puntos.

– 9º posto: 20 puntos.

– 10º posto: 18 puntos.

– 11º posto: 16 puntos.

– 12º posto: 14 puntos.

b) Deportistas que acadaron un resultado entre os/as 9 primeiros/as no derradeiro campionato de Europa coa selección nacional da súa categoría en modalidades e probas olímpicas ou paralímpicas, ata 28 puntos:

– 1º posto: 28 puntos.

– 2º posto: 25 puntos.

– 3º posto: 22 puntos.

– 4º posto: 20 puntos.

– 5º posto: 18 puntos.

– 6º posto: 16 puntos.

– 7º posto: 14 puntos.

– 8º posto: 12 puntos.

– 9º posto: 10 puntos.

c) Deportistas que participaron nos derradeiros xogos olímpicos ou paralímpicos, ou campionato do mundo ou campionato de Europa, coa selección nacional da súa categoría en modalidades e probas olímpicas ou paralímpicas, ata 18 puntos.

– Xogos olímpicos/xogos paralímpicos: 18 puntos.

– Campionato do mundo: 15 puntos.

– Campionato de Europa: 12 puntos.

– Xogos europeos: 12 puntos.

d) Deportistas que participaron nos dous últimos campionatos de España de forma individual en modalidades e probas/distancias olímpicas ou paralímpicas, ata 10 puntos:

– 1º posto: 10 puntos.

– 2º posto: 6 puntos.

– 3º posto: 3 puntos.

e) Deportistas que participaron nunha copa do mundo no ano 2026, coa selección nacional da súa categoría en modalidades e probas olímpicas ou paralímpicas: 10 puntos.

f) Deportistas que no curso anterior 2025/26 estiveron formando parte dun grupo de tecnificación no CGTD: 6 puntos. Cando a persoa deportista que renove teña un informe negativo da Dirección do CGTD, nota de convivencia ou valoración final non satisfactoria, esta epígrafe non será valorada. Este criterio non será valorado se non se obtén ningún punto nas epígrafes anteriores.

g) Criterios de desempate no grupo de rendemento.

A prelación de criterios será:

1. A persoa deportista que obtivo unha maior puntuación sumando os puntos correspondentes ao posto obtido no derradeiro campionato de Europa e no derradeiro campionato de mundo, xogos olímpicos ou paralímpicos.

2. A persoa deportista que opte por renovar a súa praza no CGTD (sempre que non teña unha puntuación negativa no informe do CGTD).

3. En caso de continuar o empate, entraría a persoa deportista que obtivo un mellor posto no derradeiro campionato do mundo.

4. A persoa deportista de menor idade.

5. Orde alfabética de apelidos e nome iniciando pola letra M, conforme o sorteo feito pola Consellería de Facenda e Administración Pública no ano 2026, e publicado no Diario Oficial de Galicia núm. 16, do 26 de xaneiro de 2026.

h) A persoa deportista que, solicitando unha praza de residente 2 no grupo de rendemento, non conseguise acceder a ela pasará á lista de candidatos ao resto de prazas de rendemento, segundo os méritos alegados e os criterios recollidos nesta convocatoria.

CAPÍTULO IV

Doutras disposicións

Artigo 23. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 24. Información ás persoas beneficiarias

De acordo co establecido no artigo 14, alínea ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e, xunto cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos dos previstos no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Así mesmo, os interesados teñen dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorra algunha das causas previstas na alínea d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 25. Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 26. Réxime xurídico

O réxime xurídico aplicable a esta convocatoria é o seguinte: Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007; os preceptos declarados básicos pola disposición derradeira primeira da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003; a Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia; a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normativa de xeral aplicación.

Artigo 27. Roles e responsabilidades na protección de datos persoais

A Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes terá a condición de responsable do tratamento dos datos persoais recadados para a xestión e tramitación das axudas obxecto desta orde, relativos ás persoas físicas representantes das entidades solicitantes, ás persoas adestradoras, así como ás persoas deportistas candidatas e das beneficiarias finais. A base lexitimadora para o tratamento destes datos é o cumprimento dunha misión realizada en interese público e dunha obrigación legal (Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia; Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia). Os datos poderán ser comunicados, cando sexa estritamente necesario, a outras administracións públicas con competencia na materia segundo o especificado nesta orde. As persoas interesadas poderán solicitar, ante o responsable do tratamento, o acceso, rectificación, limitación e supresión dos seus datos, así como opoñerse ao seu tratamento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se recolle en https://www.xunta.gal/es/exercicio-de-dereitos. Contacto co/coa delegado/a de protección de datos e información adicional en https://www.xunta.gal/es/informacion-xeral-proteccion-datos

As federacións están obrigadas a informar dos aspectos anteriores as persoas deportistas ou, se é o caso, os seus representantes legais, cuxos datos acheguen á Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes conforme o previsto nos artigos 13 e 14 do Regulamento xeral de protección de datos.

As federacións deportivas, pola súa banda, terán a condición de encargadas do tratamento dos datos persoais que recaden para a súa comunicación á Consellería e para o desenvolvemento dos restantes compromisos adquiridos ao presentaren as solicitudes reguladas nesta orde, polo que, para os efectos do disposto nos artigos 28 e 29 do RXPD e no artigo 33 da Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais (en diante, LOPDGDD), se comprometen a dar cumprimento ás obrigas que se inclúen a continuación, e exixindo idéntico compromiso do persoal, propio ou externo, ao seu servizo:

a) Tratar os datos persoais de acordo coas instrucións do responsable do tratamento e só para os fins deste encargo. Se o encargado do tratamento considera que algunha das instrucións infrinxe o RXPD, a LOPDGDD ou calquera outra disposición vixente en materia de protección de datos, porao inmediatamente en coñecemento do responsable.

b) Non comunicar os datos a terceiros, salvo que se conte coa autorización expresa do responsable do tratamento, ou nos supostos legalmente admisibles. O encargado poderá comunicar os datos a outros encargados do tratamento do mesmo responsable, de acordo coas instrucións deste.

O encargado do tratamento non poderá subcontratar ningún dos servizos que formen parte dos compromisos adquiridos a través desta orde e que impliquen o tratamento de datos persoais, salvo os traballos auxiliares necesarios para o normal funcionamento dos seus servizos. Sen prexuízo do anterior, no caso de que o encargado do tratamento necesite subcontratar parte dos servizos en que interveña o tratamento de datos persoais, deberá respectar as condicións indicadas nos números 2 e 4 do artigo 28 do RXPD.

c) Manter o deber de segredo sobre os datos persoais a que teña acceso en virtude dos compromisos adquiridos por esta orde, aínda finalizado o seu obxecto.

d) Garantir que as persoas autorizadas para o tratamento dos datos persoais se comprometan, de forma expresa e por escrito, a respectar a confidencialidade e a cumprir as medidas de seguridade correspondentes, das que o encargado as informará oportunamente.

e) Garantir a formación necesaria en materia de protección de datos persoais das persoas autorizadas para tratar este tipo de información.

f) Asistir o responsable do tratamento na resposta ao exercicio dos dereitos recoñecidos pola lexislación vixente en materia de protección de datos persoais, mediante as medidas técnicas e organizativas apropiadas, para que poida cumprir coa súa obriga de responder as referidas solicitudes das persoas interesadas no prazo previsto pola lexislación vixente. Para iso, o encargado facilitaralle ao responsable, por primeiro requirimento deste, e coa maior brevidade posible, canta información sexa necesaria ou relevante para estes efectos. No caso de que as persoas afectadas solicitasen o exercicio dos seus dereitos ante o encargado do tratamento, este informaraos, a través de calquera medio fidedigno, do procedemento previsto para iso en https://www.xunta.gal/exercicio-dos-dereitos, e dará traslado, así mesmo, ao responsable do contido da devandita solicitude.

g) Comunicarlle ao responsable do tratamento, de forma inmediata e aplicando as medidas de seguridade necesarias, as violacións de seguridade dos datos persoais ao seu cargo das que teña coñecemento, xunto con toda a información pertinente para a documentación e comunicación da incidencia, se é o caso, á Axencia Española de Protección de Datos, de conformidade co disposto no artigo 33 do RXPD.

h) Apoiar o responsable do tratamento na realización de avaliacións de impacto relacionadas coa protección de datos e na realización de consultas previas á autoridade de control, cando proceda.

i) Implantar, nos casos que sexa de aplicación, as disposicións contidas no Real decreto 311/2022, do 3 de maio, polo que se regula o Esquema nacional de seguridade (ENS). En todo caso, implantará as medidas de seguridade necesarias para:

• Garantir a confidencialidade, integridade, dispoñibilidade e resiliencia permanente dos sistemas e servizos de tratamento.

• Restaurar a dispoñibilidade e o acceso aos datos persoais rapidamente, en caso de incidencia física ou técnica.

• Verificar, avaliar e valorar, de forma periódica, a eficacia das medidas técnicas e organizativas postas en marcha para garantir a seguridade do tratamento.

• Pseudonimizar e cifrar os datos persoais, se é necesario.

j) Designar, segundo o establecido no artigo 13.5 do devandito Real decreto 311/2022, un punto ou persoa de contacto (POC). O POC de seguridade será o propio responsable de seguridade da organización, unha persoa que forme parte da área de seguridade ou unha persoa que teña comunicación directa con esta ou un departamento ou unidade da organización. O POC contará co apoio dos órganos de dirección, e será quen canalice e supervise, tanto o cumprimento dos requisitos de seguridade do servizo que presta ou solución que provexa, como as comunicacións relativas á seguridade da información e a xestión dos incidentes para o ámbito do dito servizo. Indicarase, en todo caso, o nome e apelidos ou denominación do POC, o posto ou cargo en caso que sexa unha persoa física, así como o correo electrónico e teléfono de contacto.

k) Poñer á disposición do responsable toda a información necesaria para acreditar o cumprimento das súas obrigas, en particular, certificados de cumprimento da normativa expedidos polas entidades acreditadas ou, de non existir, facilitando a realización das auditorías ou inspeccións que faga o responsable ou outro auditor autorizado.

l) Devolver ao responsable, tan pronto como finalice o encargo, os datos persoais e, se é o caso, os soportes onde figuren. A devolución suporá o borrado total dos datos existentes nos equipos informáticos utilizados polo encargado e subencargados. Non obstante, de conformidade coa normativa en materia de protección de datos, o encargado poderá conservar unha copia dos datos estritamente necesarios, debidamente bloqueados, mentres poidan derivar responsabilidades da execución do encargo.

Artigo 28. Recursos

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante a persoa titular da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición adicional única. Deportistas de vela

As persoas deportistas seleccionadas pola Federación Galega de Vela para o uso do Centro Galego de Vela, situado en Vilagarcía de Arousa, nas clases olímpicas, de tecnificación, así como de alto rendemento con programas encamiñados aos Ánxeles 2028 e con 16 anos feitos en adiante, terán os beneficios de servizo médico-deportivo e servizo de fisioterapia no Centro Galego de Tecnificación Deportiva.

A duración dos beneficios das persoas deportistas de vela será desde o 8 de setembro de 2026 ata o 4 de setembro de 2027.

Disposición derradeira primeira. Habilitación

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral para o Deporte para ditar, no ámbito das súas competencias, cantos actos e medidas sexan precisos para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2026

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file