Vista a documentación que consta nesta comisión provincial, relativa ás vivendas de referencia, e de conformidade co establecido na Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, en concreto no seu artigo 63.1, na redacción dada pola Lei 5/2024, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, no Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 4 de maio de 2026, publicado pola Resolución do director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo do 6 de maio (DOG núm. 90, do 18 de maio), no artigo 22 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia e a adxudicación das vivendas protexidas, así como as acollidas a programas de acceso á vivenda con axudas públicas, e no Decreto 253/2007, do 13 de decembro, de réxime xurídico do solo e das edificacións promovidas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), a Comisión Provincial de Vivenda da Coruña, en sesión que tivo lugar o 12 de xuño de 2026,
ACORDA:
Iniciar o proceso de selección de persoas adxudicatarias de catorce (14) vivendas de protección oficial de promoción pública, de réxime xeral, sitas no concello da Coruña, (expediente C-2024/010), na parcela Z-06 de Xuxán, que se desenvolverá de conformidade coas seguintes bases:
Primeira. Obxecto do procedemento
1. O procedemento ten por obxecto adxudicar, en réxime de alugamento, logo do correspondente proceso de selección previsto nestas bases, as catorce (14) vivendas de protección oficial de promoción pública, de réxime xeral, sitas na parcela Z-06 de Xuxán, A Coruña (expediente C-2024/010), que se indican no anexo.
2. Para realizar a adxudicación levarase a cabo un sorteo entre todas as persoas inscritas ou anotadas no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda na Sección 1ª (demandantes de vivendas de protección oficial de promoción pública) para o concello da Coruña como concello preferente.
Segunda. Características das vivendas
1. A promoción consta de catorce (14) vivendas de protección oficial de promoción pública de dous dormitorios, cunha superficie útil entre 65,8 e 79,5 m².
2. Todas as vivendas contan con garaxe e rocho.
Terceira. Cualificación da promoción e reservas
1. A promoción obtivo a cualificación provisional como vivendas de promoción pública de réxime xeral en virtude de Resolución da directora territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas do 5 de xuño de 2026.
2. De conformidade co disposto no artigo 74 da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, e no 34.1.b) do Decreto 253/2007, do 13 de decembro, de réxime xurídico do solo e das edificacións promovidas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo, o 40 % das catorce vivendas, seis (6), resérvanse para familias ou unidades convivenciais cuxa persoa titular teña menos de 36 anos.
Cuarta. Requisitos dos/das beneficiarios/as
1. Conforme o disposto no artigo 63.1 da Lei 8/2012, do 29 de xuño, poderán resultar adxudicatarias das vivendas as persoas residentes en Galicia, así como as persoas emigrantes retornadas, que reúnan, na data desta resolución de inicio, os seguintes requisitos:
a) Estar inscritas ou anotadas no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda na Sección 1ª (demandantes de vivendas de protección oficial de promoción pública) para o concello da Coruña como concello preferente.
b) Acreditar ingresos ponderados por unidade familiar ou convivencial, no último exercicio fiscal vencido (2024), entre 0,7 e 4 veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) ou 4,5 veces, no caso de familias numerosas, ao abeiro do disposto no artigo 63.1 da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, e no Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 4 de maio de 2026.
c) Residir ou traballar no concello da Coruña, agás no caso de emigrantes que desexen retornar e que acrediten residir fóra de Galicia por un tempo non inferior a cinco anos.
d) Carecer, calquera membro da unidade familiar ou convivencial, de vivenda en calidade de propietario, agás que se dea algunha das seguintes circunstancias:
• Acreditar que a vivenda de que se dispón é inhabitable, insuficiente ou inadecuada nos termos especificados na Resolución do 14 de setembro de 2012 do IGVS. Neste suposto, quedarán obrigados a ofertarlle ao IGVS a dita vivenda para efectos do disposto no artigo 10.V do Decreto 253/2007, do 13 de decembro.
• Habitar unha vivenda suxeita a expediente de expropiación ou desafiuzamento xudicial ou administrativo non imputable ao interesado, ou ben ocupar aloxamentos provisionais como consecuencia de situacións de emerxencia ou remodelación que impliquen a perda da vivenda.
e) Non encontrarse en ningunha destas circunstancias, referidas a calquera membro da unidade familiar ou convivencial:
• Que xa fosen titulares de vivendas de protección oficial de promoción pública e que a perdesen como consecuencia dun procedemento de desafiuzamento, resolución de contrato tramitado polo IGVS ou que a alleasen por calquera causa, coa excepción de cambio de residencia por motivos laborais, ou outros xustificados ao xuízo da Comisión Provincial.
• Que sexan titulares de bens inmobles de natureza rústica ou urbana suxeitos ao imposto sobre bens inmobles que teñan un valor catastral superior a 30.000 euros.
f) Para a quenda de menores de 36 anos, constituír unha familia ou unidade convivencial cuxa persoa titular teña menos de 36 anos.
2. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, será requisito para a adxudicación da vivenda manter a vixencia da inscrición no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda ao longo de todo o proceso de selección, de xeito que a falta de renovación da inscrición, de resultar obrigado/a a iso nos termos do artigo 15 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, en calquera momento anterior ao acordo da Comisión que aprobe a súa inclusión na lista definitiva de persoas adxudicatarias, determinará a perda do dereito ao acceso á vivenda.
Quinta. Réxime de adxudicación das vivendas da promoción
Ao abeiro do disposto no artigo 19.1 do Decreto 253/2007, do 13 de decembro, en relación cos artigos 7, 9.2, 13 e 22.2.c) do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, e na Instrución 3/2023, do 8 de novembro, do director xeral do IGVS, o réxime de adxudicación das vivendas de protección oficial de promoción pública será en arrendamento.
Sexta. Condicións xerais
1. O contrato de arrendamento terá unha vixencia de sete anos (7), que se contarán desde a sinatura do contrato, sen prexuízo da súa prórroga de conformidade co establecido na Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos, na súa redacción dada polo Real decreto lei 7/2019, do 1 de marzo, de medidas urxentes en materia de vivenda e alugamento.
Unha vez transcorridos os prazos de prórroga fixados na dita lei, o contrato poderá seguir prorrogándose por prazos anuais.
Estará prohibida en todo caso a cesión ou o subarrendamento, total ou parcial. A contravención desta prohibición dará lugar á resolución do contrato de arrendamento, con independencia das sancións que procedan.
2. A renda inicial anual será a que resulte de aplicarlle o 2 % ao que sería o prezo de venda da vivenda e anexos, determinado de acordo co establecido no artigo 66 da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, e no Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 4 de maio de 2026.
3. A eficacia da adxudicación estará condicionada á sinatura do correspondente contrato de arrendamento, logo do pagamento por parte da persoa adxudicataria da fianza correspondente.
Sétima. Procedemento de selección
1. O procedemento de selección tramitarase consonte o establecido nos artigos 22 a 28 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia e a adxudicación das vivendas protexidas.
2. A selección das persoas adxudicatarias efectuarase mediante sorteo, que terá lugar ante notario o día 14 de xullo de 2026, agás indispoñibilidade do fedatario autorizante, que a situación sanitaria non o permita ou calquera outra causa de forza maior apreciada pola Comisión, casos en que se publicará a data definitiva do sorteo na páxina web do IGVS, cunha antelación mínima de tres días naturais.
No sorteo participarán todas as persoas inscritas ou anotadas, na data desta resolución de inicio, no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda na Sección 1ª para o Concello da Coruña como concello preferente.
3. Elixidas consonte o procedemento descrito as seis persoas adxudicatarias provisionais da quenda de menores de 36 anos e as oito persoas adxudicatarias da quenda sen límite de idade, elixiranse outros dezaoito e vinte e catro demandantes, respectivamente, que integrarán as correspondentes listas de reserva. A orde de confección das respectivas listas de adxudicatarios provisionais e de reservas virá determinada pola orde de selección que derive do sorteo.
4. Unha vez rematado o sorteo, procederase á publicación das listas provisionais das persoas adxudicatarias e das integrantes da lista de reserva. Realizados os trámites previstos nos artigos 24 e 25 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, a Comisión Provincial de Vivenda ditará resolución aprobatoria das listas definitivas de persoas adxudicatarias e de reserva.
5. De conformidade co disposto no artigo 28 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, rematado este proceso, a Área Provincial notificarállelo ás persoas adxudicatarias.
Esta notificación deberá conter, entre outros, os seguintes datos: tipo de vivenda, superficie útil, réxime de adxudicación e renda. Igualmente, advertiráselles que teñen quince días para aceptaren ou renunciaren á adxudicación e ao pagamento dos impostos, gastos ou fianza que, de ser o caso, lles correspondan.
Oitava. Publicidade, reclamacións e recursos
1. A resolución de inicio do procedemento de adxudicación publicarase no DOG e nela indicarase o medio onde se efectuarán as sucesivas publicacións, entendendo por estas publicacións as das listas provisionais e definitivas de persoas adxudicatarias e de reserva.
A publicación das listas provisionais e definitivas de persoas adxudicatarias e de reserva realizarase nos taboleiros de anuncios do Concello, no da Área Provincial do IGVS e na páxina web do organismo.
A publicación substituirá as notificacións persoais de conformidade co previsto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
2. Tras a publicación da lista provisional na forma indicada, as persoas solicitantes que se consideren prexudicadas no seu dereito disporán dun prazo de dez días para presentar reclamacións, ante a Comisión Provincial de Vivenda, que deberá adoptar a resolución que proceda no prazo máximo de tres meses.
3. Contra a aprobación da lista definitiva de persoas adxudicatarias e de reserva, logo da súa publicación nos termos sinalados no número 1, poderase interpor recurso de reposición, de conformidade co establecido no artigo 123 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Novena. Vixencia das listas definitivas
As listas definitivas deste proceso de selección manterán a súa vixencia ata que se produza algunha das seguintes circunstancias:
a) Que se adxudique a totalidade das vivendas desta promoción.
b) A súa caducidade automática ao resultar esgotadas por non quedaren integrantes aos cales ofertarlles as vivendas.
A Coruña, 12 de xuño de 2026
María Begoña Freire Vázquez
Presidenta da Comisión Provincial de Vivenda da Coruña
ANEXO
Expediente 2024/010 Xuxán Z-06 A Coruña
|
Quenda xeral |
|||||
|
Nº |
Situación |
Vivenda |
Dorm. |
Sup. útil (m²) |
|
|
Portal |
Planta |
||||
|
1 |
1 |
Baixa |
A |
2 |
69,92 |
|
2 |
1 |
Baixa |
B |
2 |
65,83 |
|
3 |
1 |
Baixa |
C |
2 |
65,90 |
|
4 |
1 |
Baixa |
D |
2 |
69,74 |
|
5 |
1 |
1ª |
A |
2 |
69,62 |
|
6 |
1 |
1ª |
B |
2 |
65,83 |
|
7 |
1 |
1ª |
C |
2 |
65,90 |
|
8 |
1 |
1ª |
D |
2 |
70,03 |
|
9 |
1 |
1ª |
E |
2 |
73,54 |
|
10 |
1 |
2ª |
A |
2 |
79,39 |
|
11 |
2 |
2ª |
B |
2 |
76,17 |
|
12 |
2 |
2ª |
C |
2 |
76,24 |
|
13 |
2 |
2ª |
D |
2 |
79,52 |
|
14 |
2 |
2ª |
E |
2 |
73,34 |
