DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 121 Mércores, 1 de xullo de 2026 Páx. 37438

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 12 de xuño de 2026, da Comisión Provincial de Vivenda da Coruña, de inicio do proceso de selección de persoas adxudicatarias de vivendas de protección oficial de promoción pública, en réxime de alugamento, en barrio histórico, no concello da Coruña (expediente C-2023/CH01).

Vista a documentación que consta nesta comisión provincial, relativa ás vivendas de referencia, e de conformidade co establecido na Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, en concreto no seu artigo 63.1, na redacción dada pola Lei 5/2024, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, no Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 4 de maio de 2026, publicado pola Resolución do director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo do 6 de maio (DOG núm. 90, do 18 de maio), no artigo 22 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia e a adxudicación das vivendas protexidas, así como as acollidas a programas de acceso á vivenda con axudas públicas, e no Decreto 253/2007, do 13 de decembro, de réxime xurídico do solo e das edificacións promovidas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), a Comisión Provincial de Vivenda da Coruña, en sesión que tivo lugar o 12 de xuño de 2026,

ACORDA:

Iniciar o proceso de selección das persoas adxudicatarias das vivendas de protección oficial de promoción pública, cualificadas en barrios históricos no concello da Coruña (expediente C-2023/CH01), que se desenvolverá de conformidade coas seguintes bases:

Primeira. Obxecto do procedemento

1. O procedemento ten por obxecto adxudicar, en réxime de alugamento, logo do seu correspondente proceso de selección, as catro vivendas de protección oficial de promoción pública, en barrio histórico no concello da Coruña (expediente C-2023/CH01), que se indican a continuación:

Expediente

Enderezo

Situación

m² útiles

dormitorios

C-2023/CH01

Rúa San Andrés, 88

Andar 1º

73,74 m²

2

Andar 2º

76,15 m²

2

Andar 3º

76,15 m²

2

Andar 4º e baixocuberta

94,97 m²

2

2. Para realizar as adxudicacións levarase a cabo un sorteo entre todas as persoas inscritas ou anotadas no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda na Sección 2ª (demandantes de vivendas de protección oficial de promoción pública de núcleos rurais e núcleos históricos), en réxime de alugamento, para o concello da Coruña como concello preferente.

Segunda. Cualificación da promoción e reservas

1. As vivendas foron cualificadas provisionalmente como vivendas de protección oficial de promoción pública en barrio histórico pola Resolución da directora territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, do 4 de xuño de 2026, e, ao abeiro do disposto no artigo 30.2 do Decreto 253/2007, e pola Resolución do director xeral do IGVS, do 8 de xuño de 2026, determináronse as condicións específicas desta promoción de vivendas.

2. De conformidade co disposto no artigo 74 da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, e no 34.1.b) do Decreto 253/2007, do 13 de decembro, de réxime xurídico do solo e das edificacións promovidas polo IGVS, todas as vivendas se reservan para familias ou unidades convivenciais cuxa persoa titular teña menos de 36 anos.

Terceira. Requisitos dos/das beneficiarios/as

1. Conforme o disposto no artigo 63.1 da Lei 8/2012, do 29 de xuño, poderán resultar adxudicatarias das vivendas as persoas residentes en Galicia, así como as persoas emigrantes retornadas, que reúnan na data desta resolución de inicio os seguintes requisitos:

a) Estar inscritas ou anotadas no Rexistro Único de Demandantes na Sección 2ª (demandantes de vivendas de protección oficial de promoción pública de núcleos rurais e núcleos históricos) como demandantes de vivenda, en réxime de aluguamento, para o concello da Coruña como concello preferente.

b) Acreditar ingresos ponderados por unidade familiar ou convivencial, no último exercicio fiscal vencido (2024), entre 1 e 4 veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM), 4,5 no caso de familias numerosas, ao abeiro do disposto no artigo 63.1 da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, no artigo 30 do Decreto 253/2007, do 13 de decembro, no Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 4 de maio de 2026 e na Resolución do director xeral do IGVS do 8 de xuño de 2026.

c) Residir ou traballar no concello da Coruña, agás no caso de emigrantes que desexen retornar e que acrediten residir fóra de Galicia por un tempo non inferior a cinco anos.

d) Carecer, calquera membro da unidade familiar ou convivencial, de vivenda en calidade de propietario, agás que se dea algunha das seguintes circunstancias:

• Acreditar que a vivenda de que se dispón é inhabitable, insuficiente ou inadecuada nos termos especificados na Resolución do 14 de setembro de 2012 do IGVS. Neste suposto, quedarán obrigados a ofertarlle ao IGVS a dita vivenda para efectos do disposto no artigo 10.V do Decreto 253/2007, do 13 de decembro.

• Habitar unha vivenda suxeita a expediente de expropiación ou desafiuzamento xudicial ou administrativo non imputable ao interesado, ou ben ocupar aloxamentos provisionais como consecuencia de situacións de emerxencia ou remodelación que impliquen a perda da vivenda.

e) Non encontrarse en ningunha destas circunstancias, referidas a calquera membro da unidade familiar ou convivencial:

• Que xa fosen titulares de vivendas de protección oficial de promoción pública e a que a perdesen como consecuencia dun procedemento de desafiuzamento, resolución de contrato tramitado polo IGVS ou que a alleasen por calquera causa, coa excepción de cambio de residencia por motivos laborais, ou outros xustificados ao xuízo da Comisión Provincial.

• Que sexan titulares de bens inmobles de natureza rústica ou urbana suxeitos ao imposto sobre bens inmobles que teñan un valor catastral superior a 30.000 euros.

f) Pertencer a algún dos colectivos a que están destinadas esta vivendas: familias ou unidades convivenciais cuxa persoa titular teña menos de 36 anos.

2. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, será requisito para a adxudicación da vivenda manter a vixencia da inscrición no Rexistro Único de Demandantes ao longo de todo o proceso de selección, de xeito que a falta de renovación da inscrición, de resultar obrigado/a a iso nos termos do artigo 15 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, en calquera momento anterior ao acordo da Comisión que aprobe a súa inclusión na lista definitiva de persoas adxudicatarias, determinará a perda do dereito ao acceso á vivenda.

Cuarta. Réxime de adxudicación das vivendas e condicións xerais de carácter económico

1. Ao abeiro do disposto no artigo 29 do Decreto 253/2007, do 13 de decembro, as vivendas cualificadas en barrio histórico adxudicaranse sempre en réxime de aluguamento sen opción de compra. O réxime de adxudicación manterase durante toda a vixencia do réxime legal de protección, sen que sexa posible o cambio de réxime de alugamento a compravenda.

2. O contrato de arrendamento terá unha vixencia de sete anos (7), que se contarán desde a sinatura do contrato, sen prexuízo da súa prórroga de conformidade co establecido na Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos, na súa redacción dada polo Real decreto lei 7/2019, do 1 de marzo, de medidas urxentes en materia de vivenda e alugamento.

Unha vez transcorridos os prazos de prórroga fixados na dita lei, o contrato poderá seguir prorrogándose por prazos anuais.

Estará prohibida en todo caso a cesión ou o subarrendamento, total ou parcial. A contravención desta prohibición dará lugar á resolución do contrato de arrendamento, con independencia das sancións que procedan.

3. A renda inicial anual será a que resulte de aplicarlle o 2 % ao que sería o prezo de venda da vivenda e anexos, determinado de acordo co establecido no artigo 66 da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, e no Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 4 de maio de 2026.

4. A eficacia da adxudicación estará condicionada á sinatura do correspondente contrato de arrendamento, logo do pagamento por parte da persoa adxudicataria da fianza correspondente.

Quinta. Procedemento de selección

1. O procedemento de selección tramitarase consonte o establecido nos artigos 22 a 28 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia e a adxudicación das vivendas protexidas.

2. A selección das persoas adxudicatarias efectuarase mediante sorteo, que terá lugar ante notario o día 14 de xullo, agás indispoñibilidade do fedatario autorizante, que a situación sanitaria non o permita ou calquera outra causa de forza maior apreciada pola Comisión, casos en que se publicará a data definitiva do sorteo na páxina web do IGVS, cunha antelación mínima de tres días naturais.

No sorteo participarán todas as persoas que, na data desta resolución de inicio, estean inscritas ou anotadas na Sección 2ª do Rexistro Único de Demandantes de Vivenda para o concello da Coruña como concello preferente, en réxime de aluguamento, e que sexan menores de trinta e seis (36) anos.

Elixidas consonte o procedemento descrito as catro persoas adxudicatarias provisionais, elixiranse outros doce demandantes que integrarán a lista de reserva, na orde que resulte do sorteo.

3. Unha vez rematado o sorteo, procederase á publicación da lista provisional de persoas adxudicatarias e de reserva. Realizados os trámites previstos nos artigos 24 e 25 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, a Comisión Provincial de Vivenda aprobará a lista definitiva de persoas adxudicatarias e de reserva.

4. De conformidade co disposto no artigo 28 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, rematado este proceso, a Área Provincial procederá a determinar a vivenda que lle corresponde a cada persoa adxudicataria tendo en conta a mellor adecuación das vivendas á composición da unidade familiar e convivencial daquelas e notificaralles o resultado ás persoas interesadas.

Esta notificación deberá conter, entre outros, os seguintes datos: tipo de vivenda, superficie útil, réxime de adxudicación e renda. Igualmente, advertiráselles que teñen quince días para aceptar ou renunciar á adxudicación e ao pagamento dos impostos, gastos ou fianza que, de ser o caso, lles correspondan.

Sexta. Publicidade, reclamacións e recursos

1. A resolución de inicio do procedemento de adxudicación publicarase no DOG e nela indicarase o medio onde se efectuarán as sucesivas publicacións, entendendo por sucesivas publicacións as das listas provisional e definitiva de persoas adxudicatarias e de reserva.

A publicación das listas provisional e definitiva de persoas adxudicatarias e de reserva realizarase nos taboleiros de anuncios do Concello, no da Área Provincial do IGVS e na páxina web do organismo.

A publicación substituirá as notificacións persoais de conformidade co previsto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Tras a publicación da lista provisional na forma indicada, as persoas solicitantes que se consideren prexudicadas no seu dereito disporán dun prazo de dez días para presentaren reclamacións, ante a Comisión Provincial de Vivenda, que deberá adoptar a resolución que proceda no prazo máximo de tres meses.

3. Contra a aprobación da lista definitiva de persoas adxudicatarias e de reserva, logo da súa publicación nos termos sinalados no número 1, poderase interpor recurso de reposición, de conformidade co establecido no artigo 123 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Sétima. Vixencia das listas definitivas

As listas definitivas deste proceso de selección manterán a súa vixencia ata que se produza algunha das seguintes circunstancias:

a) Que se adxudique a totalidade das vivendas desta promoción.

b) O esgotamento das listas debido a que non queden persoas integrantes ás que ofertarlles as vivendas.

A Coruña, 12 de xuño de 2026

María Begoña Freire Vázquez
Presidenta da Comisión Provincial de Vivenda da Coruña