DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 121 Mércores, 1 de xullo de 2026 Páx. 37390

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

RESOLUCIÓN do 5 de xuño de 2026, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, pola que se outorga a autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Sembra, sito nos concellos de Dumbría e Cee e promovido por Volantis Renovables, S.L.U. (expediente IN408A/2023/018).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Volantis Renovables, S.L.U., en relación coa autorización administrativa de construción do parque eólico Sembra, constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 13.9.2023 a promotora, Volantis Renovables, S.L.U., solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción e a aprobación do proxecto de interese autonómico para o parque eólico Sembra, sito nos concellos de Dumbría e Cee (A Coruña), ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental (en diante, Lei 8/2009).

Entre a documentación achegada coa solicitude inclúese o estudo de impacto ambiental conxunto para os parques eólicos Sembra e Codesos, promovidos por Volantis Renovables, S.L.U., e Paxareiras II, promovido por AV Paxareiras, S.L.U., así como para as súas infraestruturas de evacuación.

Segundo. O 18.12.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais notificoulle á promotora o cumprimento dos requisitos establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009. Coa mesma data, a promotora achegou o xustificante de pagamento da taxa correspondente á autorización administrativa das instalacións de parques eólicos.

Terceiro. O 12.2.2024, de acordo co previsto no artigo 33.7 da Lei 8/2009, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais solicitou o informe ao órgano competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo.

Cuarto. O 20.3.2024, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe previsto no artigo 33.7 da Lei 8/2009, no que se conclúe que as posicións dos dous aeroxeradores cumpren a distancia mínima coas delimitacións de solos urbanos, urbanizables e de núcleo rural existentes, establecida na disposición adicional quinta da dita lei.

Quinto. O 21.1.2025, a promotora solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción para unha modificación substancial do parque eólico Sembra, consistente, con carácter xeral, na incorporación ao proxecto das instalacións necesarias para a súa conexión á subestación do parque eólico Paxareiras II, co que comparte evacuación.

Asemade, Volantis Renovables, S.L.U., como promotora dos parques eólicos Sembra e Codesos e das súas respectivas infraestruturas de evacuación, solicitou a acumulación dos procedementos ordinarios de avaliación de impacto ambiental para estes dous proxectos e para o parque eólico Paxareiras II e as súas infraestruturas de evacuación, promovido por AV Paxareiras, S.L.U., con base na disposición adicional novena da Lei 8/2009. A sociedade AV Paxareiras, S.L.U. efectuara esta mesma solicitude de acumulación o 20.1.2025.

Entre a documentación achegada coa solicitude inclúese o estudo de impacto ambiental conxunto para os parques eólicos Sembra, Codesos e Paxareiras II, así como para as súas infraestruturas de evacuación.

Sexto. O 3.7.2025, a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático notificoulle á promotora o cumprimento dos requisitos a que se refire o artigo 29.2 da Lei 8/2009, en relación coa súa solicitude de modificación substancial recollida no antecedente de feito quinto.

Sétimo. O 28.7.2025, a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático remitiulle a documentación técnica do proxecto do parque eólico Sembra ao Departamento Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Coruña para a continuación da tramitación, de acordo co previsto no artigo 33.9 da Lei 8/2009.

Oitavo. Polo Acordo do 8 de outubro de 2025, do Departamento Territorial da Coruña, sometéronse a información pública as solicitudes de autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e o estudo de impacto ambiental (EIA) dos proxectos do parque eólico Codesos (expediente IN408A 2023/016), parque eólico Sembra (expediente IN408A 2023/018), e parque eólico Paxareiras II (expediente IN661A 2011/8 NT) e as súas infraestruturas de evacuación, así como a solicitude da declaración de utilidade pública, en concreto, coa necesidade de urxente ocupación que iso implica, do proxecto do parque eólico de Paxareiras II, situados nos concellos de Dumbría e Cee (A Coruña).

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia e no xornal La Voz de Galicia, ambos do 17.10.2025. Así mesmo, estivo exposto nos taboleiros de anuncios dos concellos de Dumbría e Cee, segundo os certificados emitidos o 2.12.2025 e o 3.12.2025, respectivamente, no taboleiro de anuncios das dependencias do Departamento Territorial da Coruña da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, segundo o certificado emitido o 13.1.2026, así como no portal web da citada consellería, onde se puido acceder á documentación técnica das referidas instalacións, durante o prazo de trinta (30) días, de acordo co disposto no artigo 33.10 da Lei 8/2009.

Durante o trámite de información pública presentáronse diversas alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.

Noveno. O 21.10.2025, de modo simultáneo ao trámite de información pública, iniciouse o trámite de consultas ás administracións públicas afectadas e ás persoas interesadas, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009. Así mesmo, o Departamento Territorial da Coruña remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público ou de interese xeral: Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica de Galicia-Costa), Concello de Cee, Concello de Dumbría, Orange Espagne, S.A.U., Telefónica Móviles España, S.A., UFD Distribución Electricidad, S.A., Redes de Telecomunicación Galegas, S.A. (Retegal) e Cellnex Telecom, S.A. (Retevisión I, S.A.U.).

A continuación, relaciónanse os organismos que emitiron os correspondentes condicionados técnicos: Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica de Galicia-Costa), Concello de Cee, Telefónica Móviles España, S.A., UFD Distribución Electricidad, S.A., Redes de Telecomunicación Galegas, S.A. (Retegal) e Retevisión I, S.A.U. A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta a todos os condicionados emitidos.

Con respecto aos demais condicionados técnicos solicitados, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, ao non se recibiren estes en prazo, enténdese a conformidade co proxecto e continúase a tramitación do procedemento.

Décimo. O 16.1.2026, o Departamento Territorial remitiulle o expediente á Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático para continuar coa tramitación do procedemento, de acordo co establecido no artigo 33.16 da Lei 8/2009.

Décimo primeiro. Cumprida a tramitación ambiental conxunta, o 22.1.2026, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade emitiu a resolución pola que se formula a declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto dos parques eólicos Codesos, Sembra, Paxareiras II e as súas infraestruturas de evacuación, que se fixo pública polo Anuncio do 23 de xaneiro de 2026, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático (DOG núm. 30, do 13 de febreiro).

Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica de Galicia-Costa), Axencia Turismo de Galicia, Concello de Cee, Concello de Dumbría, Consellería de Economía e Industria, Subdirección Xeral de Meteoroloxía e Cambio Climático, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Saúde Pública e Instituto de Estudos do Territorio.

Décimo segundo. O 30.1.2026, a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático requiriulle á promotora a documentación técnica refundida resultante da declaración de impacto ambiental e dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos que emitiron informe durante a tramitación do expediente, así como a declaración responsable relativa ás afectacións da configuración resultante do parque eólico.

Décimo terceiro. O 11.2.2026, a promotora achegou a documentación técnica refundida, na que se inclúe o proxecto de execución, coa correspondente separata para o Concello de Dumbría. Asemade, en relación cos restantes organismos e empresas de servizo público ou de interese xeral aos que se lle solicitou o correspondente condicionado técnico durante a tramitación do procedemento, e que se recollen no antecedente de feito noveno, a promotora achega unha declaración responsable na que se expón que na configuración definitiva do proxecto non se modifican as respectivas afectacións.

Posteriormente, o 24.3.2026, en resposta ao requirimento desta dirección xeral do 18.3.2026, a promotora achegou unha emenda do proxecto de execución refundido denominada Proxecto de execución refundido parque eólico Sembra e as súas infraestruturas de evacuación. Marzo 2026, asinada dixitalmente o 23.3.2026 por Enrique Sánchez Anós, enxeñeiro de camiños, canais e portos, colexiado número 13.742, e por Damián Muiño Bello, enxeñeiro técnico industrial, colexiado número 3.933 do Coeticor.

Décimo cuarto. O 17.3.2026, a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático remitiulle ao Concello de Dumbría a separata do proxecto refundido, a fin de que establecese o condicionado técnico procedente. Transcorrido o prazo outorgado, non se recibiu resposta.

Décimo quinto. O 8.4.2026, a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático remitiulle ao Departamento Territorial da Coruña o proxecto de execución refundido achegado pola promotora o 24.3.2026, recollido no antecedente de feito décimo terceiro, para os efectos da emisión do informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas.

Décimo sexto. O 14.4.2026, a promotora solicitou o outorgamento por separado da autorización administrativa previa, de acordo co previsto na disposición transitoria décimo primeira da Lei 8/2009.

Décimo sétimo. O 16.4.2026, o Departamento Territorial da Coruña remitiulle á Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático o informe do 15.4.2026 sobre o cumprimento da normativa de instalacións industriais e eléctricas para o proxecto de execución refundido do parque eólico, de acordo co establecido no artigo 33.16 da Lei 8/2009.

Décimo oitavo. O 21.4.2026, a promotora achegou a documentación relativa aos acordos de uso compartido das infraestruturas de evacuación, existentes entre os promotores de instalacións con permisos de acceso e de conexión outorgados na mesma posición de chegada na subestación da rede de transporte, en relación co previsto no artigo 21.5 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e 123.2 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Décimo noveno. Pola Resolución do 22 de abril de 2026, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, outorgouse a autorización administrativa previa ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico.

Vixésimo. O 22.5.2026, a Axencia Estatal de Seguridade Aérea emitiu a autorización, en materia de servidumes aeronáuticas, para a instalación do parque eólico, na cal se establece, ademais, o correspondente condicionado.

Vixésimo primeiro. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede de transporte para unha potencia de 12 MW, segundo o informe do xestor da rede do 21.6.2023.

Aos antecedentes de feito descritos sonlles de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, no Decreto 137/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático (modificado entre outros polo Decreto 106/2025, do 11 de novembro), e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, e vistas as respostas efectuadas pola promotora, maniféstase o seguinte:

No que respecta ás alegacións de carácter ambiental, hai que indicar que estas cuestións se tiveron en conta na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade o 22.1.2026, na que se recollen as condicións desde un punto de vista ambiental en que se pode desenvolver o proxecto, así como as medidas preventivas, correctoras e compensatorias necesarias e a necesidade dun plan de vixilancia ambiental.

Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica de Galicia-Costa), Concello de Cee, Subdirección Xeral de Meteoroloxía e Cambio Climático, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Saúde Pública e Instituto de Estudos do Territorio.

En relación coa avaliación dos efectos acumulativos e sinérxicos cos proxectos eólicos próximos, cómpre indicar que o estudo de impacto ambiental conxunto dos parques eólicos Sembra, Codesos, Paxareiras II e as súas infraestruturas de evacuación contén un estudo de sinerxías e efectos acumulativos cun ámbito de estudo baseado, segundo o indicado no propio documento, na incidencia visual do proxecto, por ser este o impacto que maior extensión espacial abarca. Así, resulta un ámbito de estudo dunhas 54.700 hectáreas, cunha lonxitude no seu eixe maior de 32 km e de 26 km no menor, no que se inclúen un total de 42 parques eólicos e 26 liñas eléctricas, en explotación, autorizados ou en tramitación.

No que respecta ás referencias á fragmentación de proxectos, recollidas nalgunhas das alegacións recibidas, cómpre manifestar que, tal e como se recolle nos antecedentes de feito desta resolución, os parques eólicos Sembra, Codesos, Paxareiras II e as súas infraestruturas de evacuación sometéronse conxuntamente a un único procedemento de avaliación ambiental ordinaria que deu como resultado a declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade o 22.1.2026.

No que respecta ás distancias do proxecto aos núcleos de poboación, cabe indicar que, tal e como consta no antecedente de feito cuarto desta resolución, o 20.3.2024 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu un informe favorable en relación co cumprimento das distancias mínimas dos aeroxeradores do parque eólico Sembra ás delimitacións de solos urbanos, urbanizables e de núcleo rural existentes, establecidas na disposición adicional quinta da Lei 8/2009.

Cuarto. A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a respecto da declaración de impacto ambiental (DIA) formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade o 22.1.2026, en relación cos proxectos dos parques eólicos Codesos, Sembra, Paxareiras II e as súas infraestruturas de evacuación, recollida no antecedente de feito décimo primeiro desta resolución:

a) A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade resolveu: «formular a declaración de impacto ambiental do proxecto dos parques eólicos Sembra e Paxareiras II e as súas infraestruturas de evacuación, nos concellos de Dumbría e Cee (A Coruña), promovido por Volantis Renovables, S.L.U. e AV Paxareiras, S.L., en cumprimento do disposto no artigo 41 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, concluíndo que o proxecto é ambientalmente viable para os parques eólicos Sembra e Paxareiras II e as súas infraestruturas de evacuación, sempre que se cumpran, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e na restante documentación avaliada, o condicionado e o programa de vixilancia ambiental que figuran ao longo deste documento e que prevalecerán sobre todo o anterior».

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico Sembra, do parque eólico Paxareiras II e das súas infraestruturas de evacuación.

Nas súas epígrafes 5 e 6 recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

5. Condicións ambientais.

5.1. Condicións particulares.

5.2. Condicións xerais.

5.2.1. Protección da atmosfera.

5.2.2. Protección das augas e leitos fluviais.

5.2.3. Protección do solo e infraestruturas.

5.2.4. Xestión de residuos.

5.2.5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

5.2.6. Integración paisaxística e restauración.

5.3. Outras condicións.

6. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

6.1. Aspectos xerais.

6.2. Aspectos específicos.

6.3. Informes do programa de vixilancia.

De acordo con todo o que antecede,

RESOLVO:

Outorgar a autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico Sembra, composto polo documento Proxecto de execución refundido parque eólico Sembra e as súas infraestruturas de evacuación. Marzo 2026, asinado dixitalmente o 23.3.2026 por Enrique Sánchez Anós, enxeñeiro de camiños, canais e portos, colexiado número 13.742, e por Damián Muiño Bello, enxeñeiro técnico industrial, colexiado número 3.933 do Coeticor.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Volantis Renovables, S.L.U.

Enderezo social: rúa do País Vasco, nº 30, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña).

Denominación: parque eólico Sembra.

Potencia instalada: 12 MW.

Potencia autorizada/evacuable: 12 MW.

Produción media neta: 47.800 MWh/ano.

Concellos afectados: Dumbría e Cee (A Coruña).

Orzamento de execución material (sen IVE): 11.651.500,24 euros.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico a que se circunscriben as autorizacións:

Vértice

poligonal

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

A

485.571,00

4.761.285,00

B

488.070,00

4.761.285,00

C

488.363,00

4.759.923,00

D

489.593,00

4.759.923,00

E

489.802,38

4.759.234,84

F

489.593,00

4.757.683,00

G

487.744,00

4.757.683,00

H

485.980,00

4.758.473,00

I

485.570,00

4.759.227,00

Coordenadas dos aeroxeradores do parque eólico:

Aeroxerador

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

SB-01

486.644,00

4.760.578,00

SB-02

487.130,00

4.760.384,00

Coordenadas do centro de seccionamento e control:

Centro de seccionamento (vértices)

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

A

487.039,37

4.760.028,12

B

487.043,79

4.760.030,46

C

487.049,41

4.760.019,85

D

487.045,00

4.760.017,51

Características técnicas principais das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

– Dous (2) aeroxeradores tripá modelo Nordex N163 de 6,00 MW de potencia nominal unitaria, 118,5 metros de altura de buxa e 163 m de diámetro de rotor.

– Dous (2) centros de transformación de potencia aparente 6.350 kVA con nivel de illamento 36 kV, de relación de transformación 0,750/30 kV, que se instalarán no interior de cada aeroxerador e conterán un transformador trifásico, cela de protección do transformador e as celas de entrada e saída de liña para a continuidade dos circuítos existentes.

– Un sistema colector formado por un (1) circuíto trifásico de tensión nominal 30 kV en instalación soterrada, que ten como obxecto a canalización da enerxía xerada polos aeroxeradores ata o centro de seccionamento e medida. O cable utilizado para esta rede será de tipo AL RHZ1-OL 18/30 kV con diferentes seccións de 150 mm² e 240 mm².

– Un centro de seccionamento e medida en tensión de 30 kV, que recollerá a enerxía xerada no parque eólico e está composto por celas de media tensión de 30 kV para medida, seccionamento e protección de liñas, celas de medida con transformador de intensidade e tensión, cela de servizos auxiliares, armario de contadores para medida, armario rectificador-cargador, armario de servizos auxiliares, cadro de control, rack de comunicacións e un sistema de posta á terra nunha malla rectangular formada por un condutor de cobre de 120 mm² de sección e catro picas de aceiro cobrizado, conectada á rede de posta á terra de enlace do parque.

– Rede de posta á terra de enlace do parque constituída por un cable de cobre espido de sección 50 mm² e que finaliza na caixa de conexión e verificación de postas á terra da subestación Paxareiras II.

– Unha rede de evacuación soterrada, de 5.977 m de lonxitude, mediante cable tipo RHZ1-OL 18/30 kV 1×400 mm² Al, con inicio no centro de seccionamento e medida do parque eólico e final na sala de celas de media tensión da subestación do parque eólico de Paxareiras II. Esta rede compartirá gabia co parque eólico de Paxareiras II desde o punto de encontro de ambas.

– A enerxía xerada evacuarase a través dunha posición de transformación, na subestación do parque eólico Paxareiras II, para elevar a tensión da rede de distribución interior do parque eólico Sembra (30 kV) ao nivel do punto de interconexión previsto (66 kV). Esta posición de transformación constará dun transformador trifásico de 20/30 MVA ONAN/ONAF e relación de transformación 30/66 kV, aparellaxe de 30 kV, aparellaxe de 66 kV, rede de terras e elementos de manobra, medida e protección.

Para chegar ao punto de acceso e conexión a rede de transporte na SE Regoelle 220 kV propiedade de Red Eléctrica de España (REE), compartirase a liña de alta tensión (LAT 66 kV) de evacuación de enerxía do parque eólico Paxareiras II, ata a subestación colectora A Lagoa 20-66/220 kV (antes chamada Regoelle, núm. de expediente IN407A 2016/3040-1, en servizo). Esta última está comunicada cunha LAT 220 kV, soterrada, coa SE Regoelle 220 kV.

– Obra civil consistente en camiños de acceso aos aeroxeradores, cimentacións, plataformas de montaxe, gabias de cablaxe, centro de seccionamento e medida e as obras para a instalación da posición de transformación na subestación do parque eólico Paxareiras II.

– Instalarase unha rede de comunicacións que utilizará como soporte un cable de fibra óptica e que se empregará para o control e regulación do parque.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Volantis Renovables, S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ao ambiente e do custo da restauración. O punto 5.1.5, Condicións particulares, da declaración de impacto ambiental sinala: «O importe do aval, que fixará o órgano substantivo, será actualizable e unha parte corresponderá á fase de obras e outra á de desmantelamento e abandono de instalacións».

En consecuencia, fíxase o importe da fianza en 203.901,25 euros, dos cales 87.386,25 corresponden á fase de obras e 116.515 á fase de desmantelamento.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, e no mencionado punto 5.1.5 da DIA, unha vez depositada a fianza correspondente á fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a promotora cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, a promotora deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a estes.

5. A promotora deberá cumprir todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade o 22.1.2026, así como as establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

De acordo co establecido no punto 5.1.2 da DIA, a promotora deberá elaborar unha proposta detallada referente ás medidas adicionais sinaladas pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural para garantir a minimización do impacto por colisión en aves (pintado das aspas dos aeroxeradores de acordo cos criterios establecidos pola antedita dirección xeral e implementar tecnoloxías de redución do impacto por colisión tales como sistemas de detección baseados en vídeo) e quirópteros (restricións segundo o calendario establecido pola dirección xeral ou aquelas derivadas do anexo do punto VI do informe da dita dirección xeral), así como as diversas actuacións que se desenvolvan no marco do programa de vixilancia ambiental para verificar a eficacia das ditas medidas. Deberanse ter en conta tamén as demais condicións que se recollen no seu informe.

O documento que elabore a promotora para dar cumprimento ao anterior deberá contar, previamente ao inicio das obras, co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

Así mesmo, de acordo co establecido no punto 5.1.3 da DIA, previamente á realización das obras, deberá contar co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural respecto do documento Parques eólicos de Paxareiras II, Sembra, Codesos e liña de evacuación a 66 kV. Addenda ao estudo de impacto ambiental. Axustes derivados do proceso de consultas e información pública. Xaneiro 2026.

6. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar ao Servizo de Seguimento e Oficina Técnica, da Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético da Consellería de Economía e Industria, o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no apartado 6 da declaración de impacto ambiental.

7. A promotora deberá comunicar o inicio das obras con anterioridade ao prazo de dez (10) días á Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, achegando toda a documentación necesaria establecida nas autorizacións administrativas e na declaración de impacto ambiental.

8. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante o departamento territorial un certificado de final de obra subscrito por un técnico facultativo competente, no que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se autoriza, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real Decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

9. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, o Departamento Territorial da Coruña da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático inspeccionará as obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

10. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contado desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións, nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

11. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que lle resulten de aplicación.

12. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

13. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Así mesmo, a promotora deberá obter os títulos habilitantes municipais de natureza urbanística que se recollen no artigo 40 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

14. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro. De transcorreren tres meses sen que o promotor aboe as taxas correspondentes a esta publicación no Diario Oficial de Galicia, entenderase paralizado o procedemento por causa imputable ao promotor polo que, de acordo co artigo 95 da Lei 39/2015, se acordará o arquivamento das actuacións.

Contra a presente resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2026

Paula Mª Uría Traba
Directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático