DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 121 Mércores, 1 de xullo de 2026 Páx. 37405

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

EXTRACTO da Resolución do 5 de xuño de 2026, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, pola que se outorga a autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Sembra, sito nos concellos de Dumbría e Cee e promovido por Volantis Renovables, S.L.U. (expediente IN408A/2023/018).

A continuación, recóllese a información exixida nas alíneas a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 5 de xuño de 2026, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, pola que se outorga a autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Sembra.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan.

Outorgar a autorización administrativa de construción ás instalacións do parque eólico Sembra, sito nos concellos de Dumbría e Cee (A Coruña) e promovido por Volantis Renovables, S.L.U., cunha potencia de 12 MW.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Volantis Renovables S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ao ambiente e do custo da restauración. O punto 5.1.5. Condicións particulares da declaración de impacto ambiental sinala: «O importe do aval, que deberá fixar o órgano substantivo, será actualizable e unha parte corresponderá á fase de obras e outra á de desmantelamento e abandono de instalacións».

En consecuencia, fíxase o importe da fianza en 203.901,25 euros, dos cales 87.386,25 corresponden á fase de obras e 116.515 á fase de desmantelamento.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre o réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, e no mencionado punto 5.1.5 da DIA, unha vez depositada a fianza correspondente á fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a promotora cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, a promotora deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a eles.

5. A promotora deberá cumprir todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade o 22.1.2026, así como as establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

De acordo co establecido no punto 5.1.2 da DIA, a promotora deberá elaborar unha proposta detallada referente ás medidas adicionais sinaladas pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural para garantir a minimización do impacto por colisión en aves (pintado das aspas dos aeroxeradores de acordo cos criterios establecidos pola dita dirección xeral e implementar tecnoloxías de redución do impacto por colisión tales como sistemas de detección baseados en vídeo) e quirópteros (restricións segundo o calendario establecido pola dirección xeral ou aquelas derivadas do anexo do punto VI do informe da dita dirección xeral), así como as diversas actuacións que se desenvolvan no marco do programa de vixilancia ambiental para verificar a eficacia das ditas medidas. Deberanse ter en conta tamén as demais condicións que se recollen no seu informe.

O documento que elabore a promotora para dar cumprimento ao anterior deberá contar, previamente ao inicio das obras, co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

Así mesmo, de acordo co establecido no punto 5.1.3 da DIA, previamente á realización das obras, deberá contar co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural respecto do documento Parques eólicos de Paxareiras II, Sembra, Codesos e liña de evacuación a 66 kV. Addenda ao estudo de impacto ambiental. Axustes derivados do proceso de consultas e información pública. Xaneiro 2026.

6. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar ao Servizo de Seguimento e Oficina Técnica, da Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético da Consellería de Economía e Industria, o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 6 da declaración de impacto ambiental.

7. A promotora deberá comunicar o inicio das obras con anterioridade ao prazo de dez (10) días á Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, achegando toda a documentación necesaria establecida nas autorizacións administrativas e na declaración de impacto ambiental.

8. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante o departamento territorial un certificado de final de obra subscrito por un técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que mediante esta resolución se autoriza, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

9. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, o Departamento Territorial da Coruña da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático inspeccionará as obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

10. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a promotora disporá dun prazo de tres anos contado desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións, nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

11. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que lle resulten de aplicación.

12. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

13. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Así mesmo, a promotora deberá obter os títulos habilitantes municipais de natureza urbanística que se recollen no artigo 40 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

14. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro. De transcorreren tres meses sen que o promotor aboe as taxas correspondentes a esta publicación no Diario Oficial de Galicia, entenderase paralizado o procedemento por causa imputable ao promotor polo que, de acordo co artigo 95 da Lei 39/2015, se acordará o arquivamento das actuacións.

b) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución.

1. O 13.9.2023, a promotora, Volantis Renovables, S.L.U. solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción e a aprobación do proxecto de interese autonómico para o parque eólico Sembra, sito nos concellos de Dumbría e Cee (A Coruña), ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental (en diante, Lei 8/2009).

Entre a documentación achegada coa solicitude inclúese o estudo de impacto ambiental conxunto para os parques eólicos Sembra e Codesos, promovidos por Volantis Renovables, S.L.U., e Paxareiras II, promovido por AV Paxareiras, S.L.U., así como para as súas infraestruturas de evacuación.

2. O 18.12.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais notificoulle á promotora o cumprimento dos requisitos establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009. Coa mesma data, a promotora achegou o xustificante de pagamento da taxa correspondente á autorización administrativa das instalacións de parques eólicos.

3. O 12.2.2024, de acordo co previsto no artigo 33.7 da Lei 8/2009, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais solicitou o informe ao órgano competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo.

4. O 20.3.2024, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe previsto no artigo 33.7 da Lei 8/2009, en que se conclúe que as posicións dos dous aeroxeradores cumpren a distancia mínima coas delimitacións de solos urbanos, urbanizables e de núcleo rural existentes, establecida na disposición adicional quinta da dita lei.

5. O 21.1.2025, a promotora solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción para unha modificación substancial do parque eólico Sembra, consistente, con carácter xeral, na incorporación ao proxecto das instalacións necesarias para a súa conexión á subestación do parque eólico Paxareiras II, co que comparte evacuación.

Asemade, Volantis Renovables, S.L.U., como promotora dos parques eólicos Sembra e Codesos e das súas respectivas infraestruturas de evacuación, solicitou a acumulación dos procedementos ordinarios de avaliación de impacto ambiental para estes dous proxectos e para o parque eólico Paxareiras II e as súas infraestruturas de evacuación, promovido por AV Paxareiras, S.L.U., con base na disposición adicional novena da Lei 8/2009. A sociedade AV Paxareiras, S.L.U. efectuara esta mesma solicitude de acumulación o 20.1.2025.

Entre a documentación achegada coa solicitude inclúese o estudo de impacto ambiental conxunto para os parques eólicos Sembra, Codesos e Paxareiras II, así como para as súas infraestruturas de evacuación.

6. O 3.7.2025, a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático notificoulle á promotora o cumprimento dos requisitos a que se refire o artigo 29.2 da Lei 8/2009, en relación coa súa solicitude de modificación substancial recollida no antecedente de feito quinto.

7. O 28.7.2025, a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático remitiulle a documentación técnica do proxecto do parque eólico Sembra ao Departamento Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Coruña para a continuación da tramitación, de acordo co previsto no artigo 33.9 da Lei 8/2009.

8. Polo Acordo do 8 de outubro de 2025, do Departamento Territorial da Coruña, sometéronse a información pública as solicitudes de autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e o estudo de impacto ambiental (EIA) dos proxectos do parque eólico Codesos (expediente IN408A 2023/016), parque eólico Sembra (expediente IN408A 2023/018), e parque eólico Paxareiras II (expediente IN661A 2011/8 NT) e as súas infraestruturas de evacuación, así como a solicitude da declaración de utilidade pública, en concreto, coa necesidade de urxente ocupación que iso implica, do proxecto do parque eólico de Paxareiras II, situados nos concellos de Dumbría e Cee (A Coruña).

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia e no xornal La Voz de Galicia, ambos do 17.10.2025. Así mesmo, estivo exposto nos taboleiros de anuncios das casas dos concellos de Dumbría e Cee, segundo os certificados emitidos o 2.12.2025 e o 3.12.2025, respectivamente, no taboleiro de anuncios das dependencias do Departamento Territorial da Coruña da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, segundo o certificado emitido o 13.1.2026, así como no portal web da citada consellería, onde se puido acceder á documentación técnica das referidas instalacións, durante o prazo de trinta (30) días, de acordo co disposto no artigo 33.10 da Lei 8/2009.

Durante o trámite de información pública presentáronse diversas alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.

9. O 21.10.2025, de modo simultáneo ao trámite de información pública, iniciouse o trámite de consultas ás administracións públicas afectadas e ás persoas interesadas, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009. Así mesmo, o Departamento Territorial da Coruña remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público ou de interese xeral: Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica de Galicia-Costa), Concello de Cee, Concello de Dumbría, Orange Espagne, S.A.U., Telefónica Móviles España, S.A., UFD Distribución Electricidad, S.A., Redes de Telecomunicación Galegas, S.A. (Retegal) e Cellnex Telecom, S.A. (Retevisión I, S.A.U.).

A continuación, relaciónanse os organismos que emitiron os correspondentes condicionados técnicos: Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica de Galicia-Costa), Concello de Cee, Telefónica Móviles España, S.A., UFD Distribución Electricidad, S.A., Redes de Telecomunicación Galegas, S.A. (Retegal) e Retevisión I, S.A.U. A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta a todos os condicionados emitidos.

Con respecto aos demais condicionados técnicos solicitados, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, ao non se recibiren estes en prazo, enténdese a conformidade co proxecto e continúase a tramitación do procedemento.

10. O 16.1.2026, o Departamento Territorial remitiulle o expediente á Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático para continuar coa tramitación do procedemento, de acordo co establecido no artigo 33.16 da Lei 8/2009.

11. Cumprida a tramitación ambiental conxunta, o 22.1.2026, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade emitiu a Resolución pola que se formula a declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto dos parques eólicos Codesos, Sembra, Paxareiras II e as súas infraestruturas de evacuación, que se fixo pública polo Anuncio do 23 de xaneiro de 2026, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático (DOG núm. 30, do 13 de febreiro).

Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica de Galicia-Costa), Axencia Turismo de Galicia, Concello de Cee, Concello de Dumbría, Consellería de Economía e Industria, Subdirección Xeral de Meteoroloxía e Cambio Climático, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Saúde Pública e Instituto de Estudos do Territorio.

12. O 30.1.2026, a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático requiriulle á promotora a documentación técnica refundida resultante da declaración de impacto ambiental e dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos que emitiron informe durante a tramitación do expediente, así como a declaración responsable relativa ás afectacións da configuración resultante do parque eólico.

13. O 11.2.2026, a promotora achegou a documentación técnica refundida, na que se inclúe o proxecto de execución, coa correspondente separata para o Concello de Dumbría. Asemade, en relación cos restantes organismos e empresas de servizo público ou de interese xeral aos que se lle solicitou o correspondente condicionado técnico durante a tramitación do procedemento, e que se recollen no antecedente de feito noveno, a promotora achega unha declaración responsable en que se expón que na configuración definitiva do proxecto non se modifican as respectivas afectacións.

Posteriormente, o 24.3.2026, en resposta ao requirimento desta dirección xeral do 18.3.2026, a promotora achegou unha emenda do proxecto de execución refundido denominada Proxecto de execución refundido parque eólico Sembra e as súas Infraestruturas de evacuación. Marzo 2026, asinada dixitalmente o 23.3.2026 por Enrique Sánchez Anós, enxeñeiro de camiños, canais e portos, colexiado número 13.742, e por Damián Muiño Bello, enxeñeiro técnico industrial, colexiado número 3.933 do Coeticor.

14. O 17.3.2026, a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático remitiulle ao Concello de Dumbría a separata do proxecto refundido, a fin de que establecese o condicionado técnico procedente. Transcorrido o prazo outorgado, non se recibiu resposta.

15. O 8.4.2026, a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático remitiulle ao Departamento Territorial da Coruña o proxecto de execución refundido achegado pola promotora o 24.3.2026, recollido no antecedente de feito décimo terceiro, para os efectos da emisión do informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas.

16. O 14.4.2026, a promotora solicitou o outorgamento por separado da autorización administrativa previa, de acordo co previsto na disposición transitoria décimo primeira da Lei 8/2009.

17. O 16.4.2026, o Departamento Territorial da Coruña remitiulle á Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático o informe do 15.4.2026 sobre o cumprimento da normativa de instalacións industriais e eléctricas para o proxecto de execución refundido do parque eólico, de acordo co establecido no artigo 33.16 da Lei 8/2009.

18. O 21.4.2026, a promotora achegou a documentación relativa aos acordos de uso compartido das infraestruturas de evacuación, existentes entre os promotores de instalacións con permisos de acceso e de conexión outorgados na mesma posición de chegada na subestación da rede de transporte, en relación co previsto no artigo 21.5 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e 123.2 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

19. Pola Resolución do 22 de abril de 2026, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, outorgouse a autorización administrativa previa ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico.

20. O 22.5.2026, a Axencia Estatal de Seguridade Aérea emitiu a autorización, en materia de servidumes aeronáuticas, para a instalación do parque eólico, na cal se establece, ademais, o correspondente condicionado.

21. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede de transporte para unha potencia de 12 MW, segundo o informe do xestor da rede do 21.6.2023.

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2026

Paula Mª Uría Traba
Directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático