Exposición de motivos:
En relación co expediente de cambio de clase do treito da estrada AG-57-N, AG-57-A Praia América (PO-325) entre o p.q. 3+020 e o p.q. 3+820, ao abeiro da Resolución do 15 de xuño de 2026, da Dirección da Axencia Galega de Infraestruturas, e de conformidade co procedemento establecido no artigo 10 do Regulamento xeral de estradas de Galicia, aprobado polo Decreto 66/2016, do 26 de maio, sométese o antedito expediente a un trámite de información pública, que se levará a cabo durante o prazo de trinta (30) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación do presente anuncio no Diario Oficial de Galicia.
Os documentos que se someten a información pública son a proposta de cambio de clase do treito da estrada AG-57-N, AG-57-A Praia América (PO-325) entre o p.q. 3+020 e o p.q. 3+820, elaborada pola Área de Planificación, Innovación e Seguridade Viaria do 11 de xuño de 2026, que inclúe a xustificación do cambio de clase da estrada en cuestión e os planos que describen e delimitan as súas características xeométricas e indican a repercusión do cambio nas zonas de dominio público e protección da estrada, así como na liña límite de edificación, e a antedita Resolución do 15 de xuño de 2026, da Dirección da Axencia Galega de Infraestruturas.
A documentación que forma o expediente estará á disposición da cidadanía en días e horas hábiles de oficina, nos locais da Axencia Galega de Infraestruturas en Santiago de Compostela (Edificio Administrativo de San Caetano, s/n), no Servizo Provincial da Axencia Galega de Infraestruturas en Pontevedra (avenida Mª Victoria Moreno, 43, 1º), e na casa do Concello de Nigrán (praza da Constitución, s/n, 36350 Nigrán), así como na páxina web oficial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través do seguinte enderezo:
https://vivendaeinfraestruturas.xunta.gal/informacion-publica/outros
As alegacións presentadas neste procedemento deberán versar sobre a xustificación de que a estrada, ou o seu treito, reúne os requisitos necesarios para que sexa modificada a súa clasificación na forma proposta no expediente.
Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2026
María Deza Martínez
Directora da Axencia Galega de Infraestruturas
