DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Venres, 3 de xullo de 2026 Páx. 37738

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega da Calidade Alimentaria

RESOLUCIÓN do 23 de xuño de 2026 pola que se fai pública a convocatoria mediante procedemento aberto para o alleamento, mediante poxa pública, de corenta e catro animais vacúns de raza rubia galega pertencentes á Axencia.

Convócase mediante esta resolución o alleamento de corenta e catro (44) animais vacúns de raza rubia galega, de acordo co disposto no Decreto 52/2018, do 5 de abril, polo que se crea a Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), que configura a Axencia con personalidade xurídica propia, patrimonio e tesouraría propios e autonomía na súa xestión.

A licitación e información dos lotes pódense consultar na páxina web da Axencia, na ligazón https://agacal.xunta.gal/

Para este procedemento rexerá a normativa vixente e os pregos de condicións que figuran no expediente, que poderán ser consultados polas persoas interesadas, na páxina web indicada, a partir do día da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Os licitadores interesados poderán revisar os animais en visita presencial que se realizará os vindeiros días 8 e 9 de xullo, das 10.00 ás 13.00 horas, e o 10 de xullo, das 9.00 ás 11.00 horas, nas dependencias do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, estrada Betanzos-O Mesón do Vento, quilómetro 7, Mabegondo, 15318 Abegondo.

A inscrición para participar na poxa realizarase a través da sede electrónica (https://sede.xunta.gal) (código de procedemento PR004A), seguindo as indicacións do prego de condicións.

O día 10 de xullo ás 11.30 horas realizarase a sesión de poxa pública no salón de actos do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, en que se proxectarán imaxes dos lotes sometidos a poxa.

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2026

Martín Alemparte Vidal
Director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria