DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Luns, 6 de xullo de 2026 Páx. 37798

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 22 de xuño de 2026 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para o desenvolvemento de actividades en salas cinematográficas de carácter comercial situadas en Galicia e se convocan para o ano 2026 (código de procedemento CT207C).

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) é unha entidade de dereito público con personalidade xurídica propia, patrimonio propio e autonomía na súa xestión, que ten por obxecto o impulso e a consolidación do tecido empresarial no sector cultural galego, segundo o previsto nos artigos 3, 4 e 5 da Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais. A Axencia Galega das Industrias Culturais é o organismo da Xunta de Galicia que, coa participación necesaria dos sectores culturais implicados, centraliza os programas de apoio destinados a reforzar o papel dos creadores individuais, empresas e industrias culturais privadas, dentro do obxectivo xenérico de promoción e fomento da cultura galega impulsado pola da Xunta de Galicia a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. O obxectivo da Axencia é consolidar o sector cultural galego para promover un tecido empresarial capitalizado, competitivo e innovador, fomentar a creación e potenciar a difusión e comercialización de bens e servizos culturais de calidade.

A Lei 6/1999, do 1 de setembro, do audiovisual de Galicia, establece no capítulo III que a Xunta de Galicia velará pola pervivencia das salas de exhibición cinematográfica sitas en zonas rurais ou de baixa rendibilidade e fomentará a exhibición de cine mediante axudas outorgadas conforme os criterios que se determinen regulamentariamente.

Os cambios de hábito de consumo, a irrupción das plataformas de vídeo baixo demanda e a excesiva dependencia de películas de grandes estudios non europeos, condiciona en enorme medida a programación das carteleiras, polo que cómpre establecer unha convocatoria de axudas directas para o deseño e execución de accións dirixidas a diversificar a oferta de contidos, fidelizar públicos e garantir a pervivencia das salas de exhibición cinematográfica que desenvolvan a súa actividade de xeito habitual na Comunidade Autónoma de Galicia.

Por todo isto, en consonancia cos obxectivos inmediatos da Axencia Galega das Industrias Culturais,

RESOLVO:

1. Convocatoria e bases reguladoras.

1.1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras, que se inclúen como anexo I, de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para o desenvolvemento de actividades en salas cinematográficas de carácter comercial situadas en Galicia e convocadas para o ano 2026 (código de procedemento CT207C).

1.2. Estas axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites do Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15.12.2023, serie L), en virtude do cal as subvencións que se concedan quedan exentas da obriga de notificación previa e de comunicación á Comisión Europea.

Informaranse as persoas beneficiarias sobre o importe da axuda e o seu carácter de minimis facendo unha referencia expresa ao citado Regulamento (UE) 2023/2831 .

A aplicación do réxime de minimis implica que a axuda total de minimis concedida, en virtude da aplicación do artigo 3.2 do Regulamento (UE) 2023/2831, non pode ser superior a 300.000 € durante o período dos tres anos previos.

2. Persoas beneficiarias.

Poderán obter a condición de persoas beneficiarias desta subvencións as persoas físicas (autónomas) e as persoas xurídicas privadas que, desenvolvendo a súa actividade habitual en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo, teñan a consideración de xestoras dunha sala de exhibición cinematográfica de carácter comercial situada na Comunidade Autónoma de Galicia e cumpran os requisitos establecidos nas bases reguladoras.

3. Financiamento.

O crédito destinado ao financiamento destas axudas é de 480.654,76 euros con cargo á aplicación orzamentaria 13.A1.432B.770 do orzamento do ano 2026 da Axencia Galega das Industrias Culturais, co código de proxecto 2026 00003, procedente de fondos do Estado.

4. Solicitudes.

4.1. Para poder ser persoa beneficiaria das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican.

4.2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes, que comezará a computarse o primeiro día hábil transcorridos 10 días naturais contados desde o seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia, ás 9.00 horas, e rematará ás 20.00 horas do último día do prazo.

Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

5. Prazo de duración do procedemento de concesión.

As solicitudes serán tramitadas de acordo co procedemento de concorrencia non competitiva, que non poderá ter unha duración superior aos catro meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.

6. Información ás persoas interesadas.

6.1. Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia Galega das Industrias Culturais, a través dos seguintes medios:

a) Na páxina web oficial da Axencia Galega das Industrias Culturais: industriasculturais.gal

b) Nos teléfonos 881 99 60 77/881 99 60 78.

c) No enderezo electrónico agadic@xunta.gal

d) Persoalmente.

e) Na guía de procedementos e servizos administrativos no enderezo http://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos

6.2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia 012.

6.3. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións.

7. Réxime de recursos.

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais, no prazo dun mes contado a partir do seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados desde o seguinte ao de publicación da resolución, de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela.

8. Base de datos nacional de subvencións.

En cumprimento do disposto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

A entidade outorgante das axudas consignará na Base de datos nacional de subvencións, no prazo de 20 días hábiles a partir da concesión da axuda, a información sinalada no artigo 6.1 do Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro de 2023, serie L).

9. Rexistro Público de Subvencións.

De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e ser persoa beneficiaria da axuda levará implícita a autorización para a inscrición dos datos facilitados na solicitude. Non obstante, as persoas solicitantes poderán denegar expresamente o seu consentimento á inscrición dos seus datos no Rexistro Público de Subvencións, cando concorra algunha das circunstancias previstas na letra d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2026

José Carlos López Campos
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais

ANEXO I

Bases reguladoras das subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para o desenvolvemento de actividades en salas cinematográficas de carácter comercial situadas en Galicia e convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento CT207C)

Artigo 1. Obxecto, finalidade, réxime e principios de xestión

1. Esta resolución, no desenvolvemento das funcións e obxectivos encomendados e previstos na Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, ten por obxecto fixar as bases que regularán o réxime de subvencións de concorrencia non competitiva a actividades desenvolvidas por empresas de exhibición cinematográfica de carácter comercial situadas en Galicia que contribúan a diversificar a oferta de contidos e garantir a viabilidade das salas para o ano 2026.

2. Estas axudas teñen como finalidade contribuír á permanencia e consolidación dos espazos cinematográficos como lugares de exhibición do audiovisual, recoñecendo a súa importancia como espazos culturais representativos, socializadores e integradores, particularmente das salas situadas en poboacións de carácter rural.

3. Estas axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites do Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15.12.2023, serie L), en virtude do cal as subvencións que se concedan quedan exentas da obriga de notificación previa e de comunicación á Comisión Europea.

Informaranse as persoas beneficiarias sobre o importe da axuda e o seu carácter de minimis facendo unha referencia expresa ao citado Regulamento (UE) 2023/2831.

A aplicación do réxime de minimis implica que a axuda total de minimis concedida, en virtude da aplicación do artigo 3.2 do Regulamento (UE) 2023/2831, non pode ser superior a 300.000 € durante o período dos tres anos previos.

Este límite máximo aplícase a todo o conxunto de axudas recibidas en concepto de minimis, independentemente da forma en que se outorguen ou do obxectivo perseguido.

4. Estas subvencións son incompatibles con outras subvencións para o mesmo proxecto da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e dos seus organismos dependentes.

5. Estas subvencións son compatibles con outras axudas para o mesmo proxecto do resto da Administración da Xunta de Galicia e organismos dependentes, así como doutras administracións públicas e entidades públicas ou privadas, e con outros ingresos ou recursos para a mesma finalidade. A suma das distintas axudas públicas para a mesma finalidade non pode superar o 100 % do custo do proxecto obxecto de subvención.

6. A xestión e a concesión destas axudas realizaranse mediante o procedemento de concorrencia non competitiva e de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.

c) Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos.

Artigo 2. Persoas beneficiarias

1. Poderán obter a condición de persoas beneficiarias destas subvencións as persoas físicas (autónomas) e as persoas xurídicas privadas que, desenvolvendo a súa actividade habitual en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo, teñan a consideración de xestoras dunha sala de exhibición cinematográfica de carácter comercial situada na Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que concorran as seguintes condicións:

a) Ter social ou estatutariamente como obxecto social a exhibición comercial de películas cinematográficas, no suposto de persoas xurídicas.

b) Estar dadas de alta no imposto de actividades económicas, na epígrafe 963.1.

c) Contar cun establecemento ou ser arrendataria del na Comunidade Autónoma de Galicia habilitado como sala cinematográfica, de conformidade coa definición que destes establecementos se determina no Decreto 124/2019, do 5 de setembro, polo que se aproba o Catálogo de espectáculos públicos, actividades recreativas e establecementos abertos ao público e se establecen determinadas disposicións xerais de aplicación na materia (punto III.1.1 do anexo).

d) Realizar o proxecto no período comprendido:

– entre o 1 de xaneiro e o 8 de novembro de 2026, para aquelas persoas que non resultaron beneficiarias na convocatoria do ano 2025.

– entre o 1 de xullo e o 8 de novembro de 2026, para aquelas persoas que foron beneficiarias na convocatoria do ano 2025.

e) Desenvolver o proxecto na sala cinematográfica habilitada segundo as letras c) e d) deste artigo.

f) As salas cinematográficas terán que estar en funcionamento continuado durante o período subvencionable.

g) Ter programado, cando menos, un 20 % de títulos de cine europeo ou de terceiros países con baixa cota de pantalla, sobre a programación de títulos totais durante o ano 2025.

3. Non poderán obter a condición de persoas beneficiarias destas subvencións:

a) As persoas, ou as entidades privadas en que concorra algunha das circunstancias ou prohibicións indicadas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) As persoas solicitantes que conten con salas de exhibición cinematográfica con proxección de películas cualificadas X.

4. Só se poderá presentar unha solicitude por persoa e sala cinematográfica. As persoas solicitantes titulares de máis dunha sala cinematográfica poderán presentar un máximo de cinco solicitudes.

Artigo 3. Financiamento, contías máximas e intensidade de axudas

1. O crédito destinado ao financiamento destas axudas é de 480.654,76 euros con cargo á aplicación orzamentaria 13.A1.432B.770 do orzamento do ano 2026 da Axencia Galega das Industrias Culturais, co código de proxecto 2026 00003, procedente de Fondos do Estado.

2. O importe previsto poderá ser incrementado ao longo do exercicio, nos supostos establecidos no artigo 31.2 da Lei de subvencións de Galicia, e tras declaración previa de dispoñibilidade de crédito, logo da modificación orzamentaria que proceda e sempre antes da resolución da convocatoria. Se é o caso, a ampliación de crédito deberase publicar nos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

3. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, ata o esgotamento do crédito, sen necesidade de prelación de solicitudes entre si, de conformidade co disposto nos artigos 19.2 e 22 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. O criterio de repartición farase por orde de entrada das solicitudes no rexistro electrónico da Xunta de Galicia sempre que se reúnan os requisitos establecidos nestas bases para ser persoa beneficiaria, de conformidade co disposto no artigo 14 destas bases. A data de entrada que se considerará para establecer a orde de prelación será a correspondente á última documentación que permita completar a solicitude.

5. A contía máxima de axuda poderá chegar ao 100 % do custo das actividades e quedará suxeita aos seguintes límites:

– Salas cinematográficas de 1 e 2 pantallas: ata 12.000 euros.

– Salas cinematográficas de 3, 4 e 5 pantallas: ata 15.000 euros.

– Salas cinematográficas con 6 ou máis pantallas: ata 18.000 euros.

Estas contías poderanse incrementar nos seguintes casos:

– Para as salas cinematográficas situadas en localidades de menos de 25.000 habitantes, a cantidade máxima establecida poderá acadar 3.000 euros máis.

– Para as salas cinematográficas en que máis do 50 % das películas non nacionais programadas durante o período subvencionable e computadas segundo o número de sesións durante o período de execución se proxecten en versión orixinal subtitulada, a cantidade máxima establecida poderá acadar 3.000 euros máis.

Artigo 4. Proxectos subvencionables

Poderán ser subvencionables aqueles proxectos que teñan por obxecto ou estean relacionados con algunha das propostas que se indica a continuación:

1. Dixitalización e aplicación das novas tecnoloxías á actividade das salas de exhibición.

2. Campañas orientadas á dinamización e captación de público.

3. Programacións especiais ou regulares de cine galego (autoría e/ou produción galega) de ficción, animación ou documental, na súa versión orixinal de rodaxe.

4. Programacións especiais ou regulares de cinema europeo ou de cinema de terceiros países con baixa representación na cota de pantalla anual por número de sesións.

Artigo 5. Concepto de gastos subvencionables

1. Son gastos subvencionables os que, de forma indubidable, respondan á natureza das actividades subvencionadas, resulten estritamente necesarios para o seu desenvolvemento e se realicen no período comprendido entre:

– o 1 de xaneiro e o 8 de novembro de 2026, para aquelas persoas que non resultaron beneficiarias na convocatoria do ano 2025.

– o 1 de xullo e o 8 de novembro de 2026, para aquelas persoas que foron beneficiarias na convocatoria do ano 2025.

2. A persoa beneficiaria deberá xustificar, en tempo e prazo, o custo total das actividades que conforman o proxecto subvencionado. Todos os gastos efectuados imputables a estas deberán concordar co descrito no orzamento de gasto expresado na solicitude ou as modificacións que,se é o caso, procedan.

3. Para os efectos desta convocatoria, son gastos subvencionables:

3.1. Gastos relacionados coa modernización de sistemas dixitais de proxección, audio e conectividade, actualización dos sistemas de venda e control de entradas, comunicación e márketing dixital e accións de dixitalización doutros servizos.

3.2. Gastos de realización de campañas de promoción e dinamización de público, exceptuando os descontos sobre o prezo habitual das entradas.

3.3. Gastos de contratación de películas de produción europea ou de terceiros países con baixa representación na cota de pantalla anual.

3.4. Gastos de persoal ou servizos profesionais asociados ao desenvolvemento das actividades que conforman o proxecto subvencionado e realizados durante o período subvencionable. Consideraranse subvencionables os gastos de persoal que teña subscrito un contrato específico laboral ou mercantil, conforme unha categoría laboral asignada para a realización das actividades que conforman o proxecto subvencionado, así como os contratos de profesionais de carácter mercantil realizados para a execución das tarefas vinculadas ao proxecto.

3.5. Gastos de persoal con limitacións. Terán tamén a condición de subvencionables os custos de persoal do cadro de persoal da persoa beneficiaria que non teñan subscrito un contrato específico para o proxecto obxecto da subvención durante o período subvencionable. Neste caso o importe máximo imputable non poderá superar o 30 % do custo total do proxecto.

3.6. Gastos indirectos. A persoa beneficiaria poderá imputar como gasto do proxecto en concepto de gastos indirectos ata o 7 % do custo total do proxecto, sen que se requira unha xustificación adicional, en aplicación do artigo 42.6 do Decreto 11/2009 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia. Enténdese por gastos indirectos os relacionados con alugamentos, subministracións e servizos correntes do espazo ou espazos onde se realiza o proxecto subvencionado e polo tempo de execución deste dentro do período subvencionable.

Os custos indirectos, sempre que a persoa beneficiaria os impute á actividade subvencionada, faranse de conformidade cos principios e normas de contabilidade xeralmente admitidas e, en todo caso, na medida en que tales custos correspondan ao período en que efectivamente se realiza a actividade.

4. En ningún caso serán subvencionables os gastos relativos a:

a) Os xuros debedores das contas bancarias.

b) O imposto sobre o valor engadido, así como os impostos de natureza similar que sexan recuperables pola entidade.

c) Calquera outro non vinculado directamente coa actividade obxecto da subvención.

Artigo 6. Subcontratación

1. Para os efectos destas bases, enténdese que unha persoa beneficiaria subcontrata cando concerta con outros a execución total ou parcial da actividade subvencionable. Para determinar a existencia de subcontratación, atenderase ao obxecto social con que se pretenda contratar a actividade.

2. Nestas bases admítese a subcontratación de conformidade co establecido no artigo 27.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, que establecen que se subcontratará total ou parcialmente a actividade subvencionada cando a normativa reguladora da subvención así o prevexa.

3. En ningún caso poderán subcontratarse actividades que, aumentando o custo do proxecto subvencionado, non acheguen valor engadido ao seu contido e nos supostos establecidos no artigo 27.7 da Lei 9/2007:

a) Persoas ou entidades incursas nalgunha das prohibicións do artigo 10 da Lei 9/2007.

b) Persoas ou entidades que percibisen outras subvencións para a realización da actividade obxecto de contratación.

c) Intermediarios ou asesores en que os pagamentos se definan como unha porcentaxe de custo total da operación, agás que o dito pagamento estea xustificado con referencia ao valor de mercado do traballo realizado ou dos servizos prestados.

d) Persoas ou entidades vinculadas coa persoa beneficiaria, agás que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado e que se obteña a autorización previa do órgano concedente nos termos que se fixen nestas bases reguladoras.

e) Persoas ou entidades solicitantes de axuda ou subvención na mesma convocatoria e programa que non obtiveron subvención por non reuniren os requisitos ou non alcanzaren a valoración suficiente.

Artigo 7. Presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Entre as declaracións que constan no anexo II, deberanse ademais cubrir:

– Declaración responsable de ter programado, cando menos, un 20 % de títulos de cine europeo ou de terceiros países con baixa cota de pantalla, sobre a programación de títulos totais durante o ano 2025.

– Declaración responsable de que a sala está localizada nunha localidade de menos de 25.000 habitantes.

– Declaración responsable da dotación de pantallas da sala.

3. En relación coa presentación de solicitudes, as persoas beneficiarias ás cales vai dirixida esta resolución de subvencións, que sexan persoas físicas, encádrase nun colectivo especialmente cualificado en canto á súa capacidade técnica e dedicación profesional, que acredita a posibilidade e dispoñibilidade de acceso aos medios electrónicos e, polo tanto, ten a obriga de empregalos para a realización de calquera trámite deste procedemento administrativo, tal e como establece o artigo 10 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

Artigo 8. Prazo de presentación das solicitudes e emenda

1. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes, que comezará a computarse o primeiro día hábil transcorridos 10 días naturais contados desde o seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia, ás 9.00 horas e rematará as 20.00 horas do último día do prazo.

Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes

No obstante o anterior, unha vez esgotado o crédito na contía máxima fixada nestas bases, non se admitirán novas solicitudes aínda que a publicidade desta circunstancia se produza con posterioridade á publicación no Diario Oficial de Galicia e no portal web da Axencia: https://industriasculturais.xunta.gal

2. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano competente requirirá a persoa interesada para que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días e indicaralle que, se así non o fai, se terá por desistida da súa solicitude, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 9. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo II) a seguinte documentación:

1.1. Documentación administrativa:

1.1.1. Certificado do acordo social de solicitude da axuda ou da autorización da persoa que a asine en nome da entidade se a persoa solicitante é persoa xurídica.

1.1.2. Estatutos rexistrados e escrituras de constitución validamente inscritas no rexistro mercantil ou no que corresponda, se a persoa solicitante é persoa xurídica.

1.1.3. Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude.

1.1.4. Escritura de propiedade, contrato de alugamento ou outros documentos válidos en dereito, que amose a dispoñibilidade da sala por parte da persoa solicitante.

1.5. Licenza municipal de apertura do espazo.

1.2. Documentación específica:

1.2.1. Ficha coa proposta do proxecto (anexo III).

1.2.2. Orzamento do proxecto (anexo IV).

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria de maneira presencial será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

4. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á consulta:

– DNI ou NIE da persoa solicitante.

– DNI ou NIE da persoa representante.

– NIF da entidade solicitante

– Imposto de actividades económicas (IAE).

– Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

– Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

– Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas coa Comunidade Autónoma de Galicia.

– Comprobación de subvencións e axudas públicas concedidas.

– Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

– Consulta de subvencións e axudas públicas concedidas pola regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 11. Publicación

1. A resolución deste procedemento publicarase no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, e será recorrible conforme o artigo 30 desta resolución.

2. Así mesmo, de forma complementaria, poderase efectuar a notificación de todos os actos administrativos de acordo co establecido nos puntos seguintes.

Artigo 12. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 14. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 15. Instrución do procedemento

1. A Dirección da Agadic, directamente ou a través dos seus servizos administrativos, actuará como órgano instrutor do procedemento, nos termos previstos no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e correspóndelle realizar de oficio cantas actuacións considere necesarias para determinar, coñecer e comprobar os datos en virtude dos cales se debe pronunciar a resolución. En particular, terá atribuídas especificamente as seguintes funcións:

1º. Examinar as solicitudes e documentación presentadas.

2º. Requirir das persoas solicitantes a emenda ou achega da documentación que resultase de obrigado cumprimento.

3º. Formular a proposta de resolución, debidamente motivada.

2. O órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta provisional de resolución, e poderalle requirir á persoa solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. En todo caso, non se admitirán a trámite, e ditarase a resolución de inadmisión e arquivamento, as solicitudes que se presenten fóra do prazo de solicitude establecido nestas bases.

4. Na concesión destas subvencións seguirase un procedemento abreviado en que o informe e a proposta de resolución serán efectuados nun único acto pola persoa titular da Dirección da Axencia, e elevaranse á Presidencia da Axencia para a súa aprobación posterior, consonte o procedemento previsto nos artigos 19.2 e 22 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. As solicitudes de subvención examinaranse e serán outorgadas, sempre que cumpran os requisitos exixidos nesta convocatoria, por orde cronolóxica, tendo en conta a data de entrada no rexistro. Considerarase como data de presentación válida aquela en que o expediente sexa presentado completo, incluídas as achegas realizadas coa solicitude correctamente cuberta e achegada toda a documentación exixida nesta resolución.

5. Ao tratarse dunha convocatoria aberta en que se dispón do crédito vixente en actos sucesivos de adxudicación, unha vez esgotado o crédito da partida orzamentaria asignada ao seu financiamento, publicarase esta circunstancia no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Agadic. As solicitudes que se reciban con posterioridade serán inadmitidas, sen prexuízo do cumprimento do disposto no artigo 31.4 da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 16. Resolución da convocatoria

1. A Presidencia do Consello Reitor da Agadic, por delegación do Consello Reitor (disposición adicional do Acordo do 24 de xullo de 2012, DOG número 164, deberá ditar resolución expresa no prazo de 15 días desde a data de elevación da proposta de resolución.

A citada resolución deberase ditar e notificar no prazo máximo de catro meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria pública no Diario Oficial de Galicia.

2. As resolucións publicaranse no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Axencia Galega das Industrias Culturais (https://industriasculturais.xunta.gal/es), polo que se entenderán notificadas, para todos os efectos, ás persoas solicitantes, de conformidade co artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

As resolucións serán motivadas e farán mención expresa, cando menos, do seguinte,

a) As persoas beneficiarias da axuda e a contía adxudicada.

b) As solicitudes inadmitidas e as desistidas, indicando a causa de non admisión ou desistencia.

c) As solicitudes desestimadas, indicando a causa de desestimación.

3. A concesión da subvención queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

4. Esta resolución porá fin á vía administrativa e contra ela poderanse interpor os recursos establecidos no artigo 29 destas bases.

5. Na resolución informaranse as persoas beneficiarias sobre o carácter de minimis da axuda concedida, facendo unha referencia expresa ao Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 13.12.2023, serie L).

6. O vencemento do prazo máximo indicado sen que se publique ou notifique a resolución posibilitará que as persoas interesadas poidan entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

Artigo 17. Aceptación e renuncia da subvención

1. Unha vez notificada a resolución, as persoas beneficiarias comunicarán á Agadic, por escrito, a aceptación da subvención concedida nun prazo máximo de 10 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución de concesión. Transcorrido este prazo sen comunicarse esta aceptación ou sen producirse manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

2. No caso de que a subvención concedida sexa inferior ao importe solicitado, as persoas beneficiarias poderán remitir á Agadic un novo orzamento estimado de gastos (anexo IV) adaptado á subvención concedida que, como máximo, se reaxustará pola diferenza entre ambas as cantidades. A reformulación do orzamento deberá respectar o obxecto, condicións e finalidade da subvención, así como os requisitos exixibles para a súa concesión. Esta documentación deberase remitir no prazo máximo de 10 días hábiles, contados desde a notificación da resolución de concesión.

3. A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se publicará na páxina web da Axencia Galega das Industrias Culturais, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. O presidente da Axencia Galega das Industrias Culturais ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21 da devandita norma.

Artigo 18. Obrigas das persoas beneficiarias

1. As persoas beneficiarias da subvención adquiren os seguintes compromisos e obrigas, de conformidade co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo das demais obrigas que resulten desta convocatoria:

a) Cumprir o obxectivo e realizar a actuación subvencionada, de conformidade co proxecto presentado ou, se é o caso, co modificado coa autorización da Axencia.

b) Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no texto refundido da Lei de contratos do sector público, para o contrato menor, a persoa beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, prestación do servizo ou entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de persoas que as realicen, presten ou subministren, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación, control e inspección que efectúe o órgano concedente e ás de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, aos cales se facilitará canta información lles sexa requirida para este efecto, todo isto de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e demais normativa regulamentaria de desenvolvemento, e conservar os documentos xustificativos de aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control e de conformidade co procedemento recollido no artigo 23 e concordantes da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

d) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, ingresos, axudas ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera das administracións públicas ou entes públicos autonómicos, nacionais ou internacionais, así como calquera outra modificación das circunstancias que no seu día foron tidas en conta para a súa concesión, e dos compromisos e obrigas asumidos polas persoas beneficiarias. Esta comunicación deberase efectuar no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Dar a axeitada publicidade do carácter público do financiamento dos programas, actividades, investimentos ou actuacións de calquera tipo que sexan obxecto de subvención. Tanto nos actos públicos como en todo o material de difusión que se elabore, incluídas notas de prensa e formatos específicos para redes sociais, debe facerse mención expresa da colaboración do Ministerio de Cultura e da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, no desenvolvemento das actividades subvencionadas.

Adicionalmente, a persoa beneficiaria comprométese a utilizar en todo o material de difusión que se produza, tanto dixital como impreso, o logotipo oficial da marca principal da Xunta de Galicia e o do Xacobeo 2027, dispoñible na ligazón web: https://www.xunta.gal/identidade-corporativa, seguindo na medida do posible as normas relativas á convivencia con outras marcas que se especifican no Manual de uso da identidade corporativa da Xunta e respectando o tamaño mínimo de reprodución que garanta a lexibilidade, así como o do Ministerio de Cultura na ligazón web: https://www.cultura.gob.es/imagenes/logotipos.html

Os custos correspondentes á dita publicidade serán por conta da persoa beneficiaria da subvención.

Artigo 19. Modificación da resolución de concesión

1. As actuacións subvencionadas deben executarse no tempo e forma que se determinen nas resolucións de concesión, e débese obter a autorización previa da Axencia Galega das Industrias Culturais para realizar cambios no proxecto.

2. As persoas beneficiarias teñen a obriga de solicitar á Axencia a aceptación de calquera modificación ou alteración relevante ou significativa sobre o proxecto subvencionado. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado pola persoa titular da Dirección da Axencia Galega das Industrias Culturais de conformidade coa disposición adicional primeira desta resolución, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se dará audiencia á persoa interesada. A autorización da modificación deberá realizarse de forma expresa e notificárselle á persoa interesada. As alteracións non autorizadas, ou non solicitadas, poderán dar lugar á minoración da subvención concedida ou á súa revogación.

3. Permitiranse, sen necesidade de autorización previa polo órgano concedente, incrementos que non superen o 20 % nas partidas de gastos dos conceptos subvencionables de axuda que figuren na resolución de concesión, sempre que se compensen con diminucións doutros e non se altere o importe total da axuda no seu conxunto. A persoa beneficiaria deberá acreditar debidamente o cambio na documentación de xustificación presentada.

4. Non se aceptarán modificacións que afecten os requisitos para poder optar ás subvencións exixidos nesta resolución, así como aquelas que danen os dereitos de terceiros. Tampouco serán tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tiveron lugar con posterioridade a ela.

5. En canto ao resto das modificacións solicitadas, a Axencia poderá acordar, de xeito motivado, a modificación da resolución de concesión, coa minoración proporcional derivada das alteracións, de ser o caso.

Artigo 20. Xustificación da subvención

1. As persoas beneficiarias terán que xustificar a totalidade do custo das actividades a través dunha conta xustificativa que deberá incluír todos os gastos vinculados á solicitude presentada.

O prazo para a xustificación será desde a data da resolución definitiva de concesión ata o 10 de novembro de 2026.

2. Os gastos xustificados deberán responder, de maneira indubidable, á natureza das actividades subvencionadas e ter correspondencia clara coas partidas do orzamento aceptadas pola Axencia Galega das Industrias Culturais na resolución de concesión da subvención ou coas modificacións, de ser o caso, autorizadas.

3. Só se considerará gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación.

4. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido ou a concorrencia dalgunha das causas de reintegro previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. Neste caso, ditarase a oportuna resolución nos termos do artigo 21.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

5. As persoas beneficiarias deberán entregar a seguinte documentación:

– Memoria económica que conteña un resumo de gastos realizados segundo a orde de partidas orzamentarias do anexo IV, detallando o concepto, o importe sen IVE, o número de factura e a orde de pagamento.

– Documentación xustificativa dos gastos de persoal: incluiranse nesta partida os gastos derivados do pagamento de retribucións ao persoal vinculado á empresa mediante contrato laboral, fixo ou eventual, así como as retribucións dos socios traballadores da empresa, de ser o caso. Incluiranse, igualmente, as cotas de seguros sociais a cargo da empresa. Achegaranse as nóminas individuais, os xustificantes do ingreso na Facenda pública das cantidades retidas á conta do imposto sobre a renda das persoas físicas correspondentes aos contratos formalizados, de acordo coas porcentaxes de retención legalmente establecidas, así como, se é o caso, os documentos de cotización e os xustificantes de pagamento das cotas da Seguridade Social correspondentes aos ditos contratos.

– Facturas ou documentos de valor probatorio imputados á actividade obxecto da subvención, así como do seu pagamento bancario mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados, selados e asinados pola entidade bancaria por importe igual ou superior á subvención concedida, de conformidade co disposto no artigo 42 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións. Esta documentación deberá estar ordenada segundo a memoria económica.

– Unha copia en calquera formato electrónico dos soportes visuais, gráficos ou sonoros (catálogos, programas, carteis, vídeos, etc.) empregados para a difusión e promoción da actividade subvencionada; esta documentación poderase achegar igualmente por vía electrónica ou telemática e para os únicos efectos da comprobación da realización da actividade.

– Declaración de axudas: relación de subvencións, achegas ou outros recursos concedidos para o mesmo obxecto por outras administracións públicas, así como declaración das axudas concedidas en réxime de minimis durante os tres últimos exercicios (anexo V).

Cando a persoa beneficiaria da subvención sexa unha empresa, os gastos subvencionables en que incorrese nas súas operacións comerciais deberán ser aboados nos prazos de pagamento previstos na normativa sectorial que lle sexa de aplicación ou, na súa falta, nos establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.

Artigo 21. Pagamento da subvención

1. O pagamento das axudas farase efectivo a partir da data da resolución definitiva de concesión e realizarase sempre e cando se acredite que a actividade foi executada de acordo co proxecto presentado e se xustifique correctamente o seu emprego e o cumprimento das obrigas establecidas nesta resolución, todo isto sen prexuízo do réxime de pagamentos anticipados ou pagamentos á conta, para o que se observará o establecido na Lei 92007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o seu Regulamento aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2. Para ter dereito ao pagamento da axuda deberá presentarse electronicamente, accedendo á Carpeta cidadá dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, a documentación xustificativa da subvención, unha declaración das axudas públicas solicitadas ou recibidas para o proxecto e unha declaración das axudas concedidas en réxime de minimis durante o período dos tres anos previos á data da concesión (anexo V).

3. Procederá a minoración da subvención concedida cando o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto e sempre que esta minoración, debidamente xustificada pola entidade beneficiaria, non supoña unha realización deficiente da actuación subvencionada.

4. Previamente ao pagamento, as persoas beneficiarias acreditarán que están ao día das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia e non son debedoras por resolución de procedencia de reintegro.

Para estes efectos, se a persoa beneficiaria se opón á consulta ou denega expresamente a autorización para que sexa o órgano xestor quen pida esta información, deberá achegar as ditas certificacións, de conformidade co disposto no artigo 9.2 das bases reguladoras.

Conforme o artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, se as actuacións de oficio realizadas polo órgano instrutor desen como resultado que as persoas beneficiarias teñen débedas ou obrigas con algunha destas administracións, requiriráselles que regularicen a súa situación e presenten por si mesmas os correspondentes certificados.

6. Pagamentos anticipados.

As persoas beneficiarias, unha vez ditada a resolución de concesión da subvención, poderán solicitar un anticipo de ata o 50 % da subvención concedida, en virtude do disposto no artigo 63 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, aprobada polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

A concesión do anticipo realizarase mediante resolución motivada e terá que ser solicitado cunha antelación mínima dun mes á data de xustificación.

7. Pagamentos á conta.

Poderanse realizar pagamentos á conta respondendo ao ritmo de execución do proxecto obxecto da subvención logo da xustificación dos gastos conforme o establecido nestas bases para a xustificación, tal e como se establece no artigo 62 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, aprobada polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

O importe conxunto dos pagamentos á conta e os pagamentos anticipados que, se é o caso, se concedesen non poderá ser superior ao 80 % da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados, ao abeiro do artigo antes citado.

8. Para a realización dos pagamentos á conta ou dos pagamentos anticipados deberá constituírse unha garantía do 110 % do importe das cantidades anticipadas ou aboadas á conta, na forma establecida no artigo 67 do citado Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, cando os pagamentos superen os 18.000 euros.

Artigo 22. Perda do dereito ao cobramento da subvención

1. É causa de perda do dereito ao cobramento da subvención o incumprimento da persoa beneficiaria da súa obriga de estar ao día nas súas obrigas coa Facenda estatal e autonómica, e coa Seguridade Social.

2. Así mesmo, son causas de perda do dereito ao cobramento da subvención as previstas como causas de reintegro se non se aboase a axuda.

3. O procedemento para declarar a perda do dereito ao cobramento da subvención é o establecido para o reintegro.

Artigo 23. Causas de reintegro

1. A persoa beneficiaria deberá cumprir cos obxectivos, actividades e comportamentos que fundamenten a concesión da axuda, así como cos compromisos asumidos durante o tempo de duración da axuda. De non ser así, perderá o dereito ao seu cobramento e/ou, de ser o caso, procederá ao reintegro da subvención.

2. Tamén deberán proceder ao reintegro total ou parcial da subvención e os xuros de demora correspondentes desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro nos supostos recollidos no artigo 32 e seguintes da Lei 9/2007. Para facer efectiva esta devolución, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto na citada lei e no Decreto 11/2009.

3. Son causas de reintegro as seguintes:

a) O falseamento, inexactitude ou omisión dos datos fornecidos pola persoa beneficiaria que serviron de base para a concesión da axuda, ou a ocultación daqueles datos que a impedirían.

b) O incumprimento total ou parcial do obxectivo, actividade, tarefas, compromisos ou condicións do proxecto inicial ou da finalidade para a cal a axuda foi concedida.

c) O incumprimento da obriga de xustificación, xustificación insuficiente, xustificación fóra do prazo establecido, falsidade, terxiversación ou ocultación nos datos ou documentos que serven de base para xustificar os investimentos subvencionables, ou outras obrigas impostas na resolución de concesión da axuda.

d) O incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión contidas no artigo 17 desta resolución.

e) A resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

f) A obtención de financiamento de distintas procedencias ou concorrencia de subvencións por riba do custo das actividades subvencionadas.

g) Calquera das demais causas previstas no artigo 33 da Lei 9/2007.

Artigo 24. Gradación dos incumprimentos

1. O incumprimento total dos fins para os cales se concedeu a axuda, determinado a través dos mecanismos de seguimento e control, da realización do proxecto ou da obriga de xustificación será causa de perda do dereito ao cobramento ou de reintegro total da subvención.

2. O incumprimento parcial dos obxectivos ou a non execución de actividades concretas do proxecto dará lugar á perda parcial do dereito ao cobramento da subvención nas porcentaxes que se determinen nos parágrafos seguintes ou, de ser o caso, ao reintegro parcial da subvención. O alcance do incumprimento determinarase en proporción ao investimento deixado de practicar ou practicado indebidamente, e minorarase a subvención proporcionalmente.

3. Son causas de reintegro parcial os seguintes casos de incumprimento:

1. Perda dun 5 % da subvención concedida por non dar publicidade ao financiamento do proxecto obxecto da subvención segundo o establecido nestas bases.

2. Perda dun 5 % da subvención concedida por non comunicar a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención, unha vez recalculada e descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

A concorrencia de distintas causas de incumprimento dará lugar á apreciación conxunta destas, aplicando á intensidade da axuda o factor que resulte do produto de todos os factores de corrección. No caso de que algún dos factores de corrección sexa negativo, a intensidade da axuda será cero.

A aplicación do factor de corrección realizarase coa revisión da xustificación e, de ser o caso, requirirase a persoa beneficiaria para que devolva os fondos percibidos indebidamente. A falta de devolución destes nos prazos requiridos dará lugar á incoación do expediente de reintegro nos termos recollidos no artigo 33 da Lei 9/2007 e no título V do Decreto 11/2009.

No caso das condicións que constitúan obrigas que a persoa beneficiaria debe acreditar na fase de xustificación (obrigas de publicidade, comunicación doutras axudas, etc.), estas deberán xustificarse en todo caso para proceder ao pagamento da subvención, polo que a gradación fixada neste punto soamente resultará aplicable para supostos de reintegro, no caso de que se detecten en controis posteriores ao pagamento por algún incumprimento relativo a estas obrigas.

Artigo 25. Procedemento de reintegro

1. Se, aboada parte ou a totalidade da axuda, acaecesen os motivos que se indican no artigo 22 desta resolución, incoarase o correspondente expediente de reintegro, o cal se tramitará conforme o previsto no artigo 37 e seguintes da Lei 9/2007.

2. Procederá o reintegro das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento de pagamento da axuda ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro.

3. O procedemento de reintegro de subvencións iniciarao de oficio a persoa titular da Dirección da Axencia Galega das Industrias Culturais de conformidade coa disposición adicional primeira desta resolución e comunicarase á entidade beneficiaria a iniciación do procedemento de declaración de perda do dereito, ou de reintegro, e as causas que o fundamentan, seguindo o procedemento establecido para o reintegro no artigo 37 e seguintes da Lei 9/2007, e no 77 e seguintes do Decreto 11/2009.

4. A resolución do procedemento de reintegro porá fin á vía administrativa. Contra esta resolución de reintegro, os interesados poderán interpoñer recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución se esta for expresa. Se o acto non for expreso, a persoa solicitante e outros posibles interesados poderán interpor recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co previsto nesta resolución, se produzan os efectos do silencio administrativo. Todo isto segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015.

5. Sen prexuízo do anterior, ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nesta resolución seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no artigo 50 e seguintes da Lei 9/2007 e no título VI do Decreto 11/2009.

Artigo 26. Control

1. A Axencia Galega das Industrias Culturais poderá facer as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento do obxectivo das subvencións.

2. A Axencia Galega das Industrias Culturais, polos medios que considere, poderá realizar en calquera momento as visitas, comprobacións e solicitudes de aclaracións que considere necesarias para o correcto desenvolvemento das actuacións financiadas, así como para acreditar o cumprimento das medidas de publicidade de orixe dos fondos. Se se constata unha incorrecta utilización dos fondos ou desvío dos obxectivos, proporase o reintegro da subvención concedida.

3. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establecen o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 27. Medidas antifraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con accións ou operacións no marco desta convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do sistema interno de información da Agadic ou do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través das canles habilitadas para o efecto:

https://industriasculturais.xunta.gal/es/transparencia (No formulario que se desexe utilizar, anónimo ou con identificación, seleccionarase a epígrafe «Canles específicas» e, dentro dela, elixirase a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) ou http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf

A detección de irregularidades pode implicar a aplicación de correccións financeiras e a solicitude de devolución dos importes percibidos indebidamente.

Artigo 28. Normativa aplicable

A normativa aplicable a estas subvencións axustarase ao disposto nesta resolución pola que se aproban as bases reguladoras de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, a actividades desenvolvidas por empresas galegas de exhibición cinematográfica de carácter comercial que contribúan a diversificar a oferta de contidos e garantir a viabilidade das salas, e se convocan para 2026, e adicionalmente:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións, e supletoriamente a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

c) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei xeral de subvencións, e a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

d) Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

e) Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

f) Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

g) Demais normativa de xeral aplicación.

Artigo 29. Publicidade

No prazo máximo de tres meses, contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, a persoa beneficiaria, o crédito orzamentario, a contía e a finalidade da subvención.

Artigo 30. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro desta convocatoria porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais. O prazo para interpor o recurso de reposición será dun mes, se o acto é expreso ou desde o día seguinte a aquel en que se producise o acto presunto. Transcorrido o dito prazo, unicamente se poderá interpor recurso contencioso-administrativo, sen prexuízo, de ser o caso, da procedencia do recurso extraordinario de revisión. Se o acto non é expreso, a persoa solicitante e outros posibles interesados poderán interpor recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os tribunais de instancia, Sección do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta é expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Disposición adicional primeira. Delegación de competencias

En aplicación da disposición adicional do Acordo do 24 de xullo de 2012, do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais, de delegación de competencias na persoa titular da Dirección da Agadic, que establece que «o réxime de delegación en materia de axudas e subvencións públicas será o que se estableza, de ser o caso, nas correspondentes resolucións de convocatoria», deléganse no director da Axencia Galega das Industrias Culturais as modificacións, aceptacións das renuncias presentadas e outras incidencias das axudas previstas nesta orde, tales como redistribucións de anualidades, acordos de inicio e resolucións de procedementos de reintegros e perdas de dereito total ou parcial ao cobramento da subvención.

Disposición adicional segunda. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase o director da Axencia Galega das Industrias Culturais para que leve a cabo as actuacións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta resolución.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file