DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Martes, 7 de xullo de 2026 Páx. 38205

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 29 de xuño de 2026, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se modifican as bases do procedemento de concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario do Sistema público de saúde de Galicia.

Mediante a Resolución do 20 de novembro de 2017, da Dirección Xeral de Recursos Humanos (Diario Oficial de Galicia núm. 227, do 29 de novembro), apróbanse as bases do procedemento de concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario do Sistema público de saúde de Galicia.

A Resolución do 25 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Recursos Humanos (Diario Oficial de Galicia núm. 86, do 5 de maio), modifica as bases do procedemento do concurso de traslados aberto e permanente. Unha das adaptacións que se recolleu consiste en flexibilizar os prazos establecidos para a participación nas distintas fases do concurso aberto e permanente.

Nos últimos anos vense producindo a circunstancia de que o desenvolvemento dos procesos selectivos e as súas datas de finalización inmediatamente tras o período de Nadal impiden, por moi pouca marxe de tempo, que o persoal estatutario fixo de novo ingreso poida participar no seguinte ciclo anual de adxudicación, en aplicación do artigo 28.2 do Decreto 206/2005, do 22 de xullo, de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, e das bases xerais do concurso de traslados aberto e permanente.

Co fin de evitar a dita situación, ao ser o período de Nadal un obstáculo adicional para a normal finalización dos procesos en relación coa data fin do 15 de xaneiro do ano en curso para a presentación de solicitudes, cómpre modificar o prazo de inicio do ciclo anual do concurso de traslados aberto e permanente, co fin de que o novo persoal estatutario fixo teña maiores posibilidades de participar no menor tempo posible. Este cambio na periodicidade do ciclo anual implica mudar tamén o prazo de presentación de solicitudes de participación e petición de praza, así como o período de publicación da oferta de destinos e a data fin dos méritos que se valorarán. Isto non suporá un atraso na finalización do ciclo anual correspondente, a cal se producirá, como moi tarde, durante o último trimestre do ano.

Asemade, de igual xeito, e dada a actual convocatoria simultánea da case totalidade das categorías/especialidades, as cales comprenden un total de 5.550 prazas de persoal estatutario do Sistema sanitario público de Galicia, é necesario prever que, coa finalidade de cohonestar o normal desenvolvemento dos devanditos procesos, se poida modificar de xeito motivado e excepcional, logo de negociación na Mesa Sectorial de Sanidade, a data fin para o cómputo de prazas que se oferten en cada ciclo anual, que se mantén con carácter xeral no 31 de decembro do ano anterior.

De conformidade coa normativa exposta, en virtude das facultades conferidas polo Decreto 145/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde (Diario Oficial de Galicia núm. 101, do 27 de maio), e na Orde do 22 de abril de 2020 de delegación de competencias en órganos centrais e periféricos da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde e na Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (Diario Oficial de Galicia núm. 82, do 29 de abril), logo do tratamento na Mesa Sectorial de Sanidade,

RESOLVE:

Primeiro. A base 1.2, relativa á periodicidade do concurso, queda redactada como segue:

«Cada ciclo anual de adxudicación iniciarase a partir do 15 de febreiro do mesmo ano natural e finalizará coa publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución definitiva de adxudicación de destinos».

Segundo. O parágrafo segundo da base 3.4, respecto do prazo de presentación das solicitudes de participación e petición de prazas, queda modificado do seguinte xeito:

«En cada ciclo anual de adxudicación incluiranse as solicitudes de participación e petición de prazas que consten rexistradas en Fides/expedient-e e formalmente presentadas ata o 15 de febreiro do ano en curso».

Terceiro. En relación coa oferta de destinos, modifícase o primeiro parágrafo da base 3.5.2, que queda redactada como segue:

«No primeiro cuadrimestre de cada ano natural, a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, logo do seu tratamento na Mesa Sectorial de Negociación, publicará no Diario Oficial de Galicia, así como na páxina web do Servizo Galego de Saúde, a oferta de prazas correspondente ao ciclo de adxudicación do ano en curso, co detalle do seu número por categoría, centro, localidade e, se for o caso, quenda de traballo.

A data fin para o cómputo de prazas que se oferten en cada ciclo anual de adxudicación será o 31 de decembro do ano anterior, e poderá ser modificada de forma motivada por causas excepcionais, logo de negociación na Mesa Sectorial de Sanidade. A oferta incluirá, ademais, as prazas de necesaria cobertura ocupadas por persoal fixo susceptibles de seren adxudicadas en resultas».

Cuarto. A base 4.2 do procedemento do concurso de traslados aberto e permanente queda redactada como segue:

«Os méritos que se valorarán en cada ciclo anual de adxudicación serán os causados ata o 15 de xaneiro do mesmo ano natural, incluído, que consten debidamente rexistrados en Fides/expedient-e e acreditados documentalmente pola persoa interesada con data do 15 de febreiro.

Non será valorado nun ciclo de adxudicación en curso ningún mérito inserido no sistema informático e/ou acreditado polo/a concursante con posterioridade ao 15 de febreiro do respectivo ano».

Quinto. O previsto nesta resolución será de aplicación ao ciclo de adxudicación do ano 2027 e sucesivos ciclos.

Sexto. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición, ante esta dirección, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderase impugnar directamente, ante a xurisdición contencioso-administrativa, nos termos da Lei 29/1998, do 13 de xullo.

Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2026

María del Mar Pousa Cobas
Directora xeral de Recursos Humanos