A disposición transitoria segunda do Decreto 81/2016, do 23 de xuño, polo que se crea no ámbito do Servizo Galego de Saúde a categoría estatutaria de persoal enfermeiro/a especialista (Diario Oficial de Galicia núm. 133, do 14 de xullo), estableceu un procedemento específico de acceso, mediante a convocatoria diferenciada, polo sistema de concurso, á categoría e prazas de enfermeiro/a especialista.
Pola Resolución do 21 de marzo de 2018, da Dirección Xeral de Recursos Humanos (Diario Oficial de Galicia núm. 63, do 2 de abril), aprobáronse, co apoio das organizacións sindicais CIG, CESM-O’Mega, CC.OO., UGT, CSIF e SATSE, as bases do procedemento do concurso específico para o ingreso na categoría estatutaria de persoal enfermeiro especialista.
En execución destas bases, con carácter transitorio e excepcional, realizarase unha convocatoria diferenciada para o acceso, polo sistema de concurso, á categoría e prazas de enfermeiro/a especialista na especialidade de enfermaría familiar e comunitaria, nos termos previstos no artigo 34 da Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, e do artigo 25.3 do Decreto 206/2005, do 22 de xullo, de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde.
Na base primeira indícanse como requisitos, entre outros, ter a condición de persoal estatutario fixo diplomado ou graduado universitario de enfermaría con destino definitivo no centro en que se oferta a praza e estar en posesión da titulación de especialista da convocatoria (título de enfermeiro/a especialista en enfermaría familiar e comunitaria).
Co obxecto de que este centro directivo oferte nese proceso un número de prazas axustado á realidade dos/das profesionais do Servizo Galego de Saúde que cumpren os requisitos de participación, teranse en conta, para efectos da súa cuantificación e identificación, as actualizacións do expediente do/da profesional (Fides/expedient-e) que se realicen ata o día 31 de xullo de 2026 (incluído).
Todas aquelas actualizacións posteriores a devandita data non serán tidas en conta no momento de determinar o número e localización das prazas a ofertar no concurso específico para o ingreso na categoría estatutaria de persoal enfermeiro especialista en enfermaría familiar e comunitaria.
Cómpre lembrar que no expediente electrónico debe constar rexistrado o título oficial que deriva da disposición transitoria segunda do Real decreto 450/2005, do 22 de abril, sobre especialidades de enfermaría. O certificado de aptitude (a resolución oficial que publica a listaxe de persoas aprobadas) non se considerará válido para os efectos de poder participar no devandito proceso.
Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2026
María del Mar Pousa Cobas
Directora xeral de Recursos Humanos
