Visto o expediente para o outorgamento das autorizacións administrativas previa e de construción das instalacións eléctricas que se describen a seguir, tal e como se recollen no proxecto asinado o día 2.2.2026 polo enxeñeiro técnico industrial Antonio Javier Sabín Vázquez, colexiado número 2.233 do Coeticor, quen acredita a súa habilitación e competencia mediante declaración responsable asinada na data sinalada.
Solicitante: UFD Distribución Electricidad, S.A.
Enderezo: avenida San Luis, 77, 28033 Madrid.
Denominación: nova saída subestación San Cibrao, e reforma CT-6 par. tecnolóxico (32CP54), alimentación ampliación polígono San Cibrao das Viñas.
Situación: polígono industrial, concello de San Cibrao das Viñas.
Orzamento: 46.255,92 €.
Características técnicas:
• LMT soterrada, a 20 kV, de 150 m de lonxitude, en condutor RHZ1-2OL(S) 12/20 kV 1x240 mm² Al, con orixe na subestación San Cibrao e final nos empalmes proxectados co tramo de LMTS que realizará o peticionario, no interior do punto de acceso á rede proxectado na calzada, e obxecto doutro proxecto de cliente (punto B do plano de manobras eléctricas).
• Reforma do CT existente CT-6 par. empresarial, coa instalación de novas celas: 3L+1 Acop. Barras +1L+1P, telecontroladas e telexestionadas.
Cumpridos os trámites ordenados na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no capítulo II, título VII, do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e na Resolución da Consellería de Economía e Industria, do 19 de febreiro de 2014, pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción (DOG núm. 54, do 19 de marzo), así como na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), esta dirección territorial
RESOLVE:
Conceder as autorizacións administrativas previa e de construción ás devanditas instalacións, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ao proxecto arriba sinalado e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación.
Esta autorización outórgase sen prexuízo das concesións e autorizacións que sexan necesarias, de acordo con outras disposicións que resulten de aplicación e, en especial, as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.
O prazo de posta en marcha das instalacións que se autorizan será de seis meses, contado a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.
Contra esta resolución, que non é definitiva na vía administrativa, cabe interpor recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución, conforme o establecido no artigo 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.
Ourense, 12 de xuño de 2026
Alicia María López Míguez
Directora territorial de Ourense
