A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada pola Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, determina que o sistema educativo se orientará, entre outros fins, á capacitación para o exercicio de actividades profesionais, de coidados e de colaboración social; á educación na responsabilidade individual e no mérito e esforzo persoal; e ao desenvolvemento da capacidade do alumnado para regular a súa propia aprendizaxe, conseguir o pleno desenvolvemento da súa personalidade e confiar nas súas aptitudes e coñecementos, así como para desenvolver a creatividade, a iniciativa persoal e o espírito emprendedor.
A Orde EDU/2128/2011, do 15 de xullo (BOE núm. 180, do 28 de xullo), crea e regula os premios nacionais de formación profesional de grao superior establecidos pola Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.
No artigo 3 da citada orde establécese que poderá concorrer aos premios nacionais de formación profesional de grao superior o alumnado que obtivese premio extraordinario de formación profesional de grao superior convocado na súa comunidade autónoma nos termos que se regulan nesa mesma norma.
A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, consciente da importancia de recoñecer e valorar publicamente os méritos excepcionais baseados no esforzo e no traballo do alumnado que cursou cun excelente resultado académico estudos de formación profesional de grao superior na Comunidade Autónoma de Galicia, convoca os premios extraordinarios de formación profesional de grao superior.
En consonancia co anterior, no exercicio das competencias atribuídas no Decreto 138/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional; por proposta da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa; de conformidade co establecido no artigo 4 da citada Orde EDU/2128/2011; e de acordo co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e mais no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro),
DISPOÑO:
Artigo 1. Obxecto e finalidade
1. O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras e convocar na Comunidade Autónoma de Galicia, en réxime de concorrencia competitiva, os premios extraordinarios de formación profesional de grao superior (código de procedemento ED311B) correspondentes ao curso 2024/25 para o alumnado que finalizara os estudos de formación profesional de grao superior no ano 2025 nun centro docente da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. A finalidade destes premios é a de recoñecer e valorar os méritos excepcionais baseados no esforzo e no traballo do alumnado que cursou cun excelente resultado académico estudos de formación profesional de grao superior na Comunidade Autónoma de Galicia.
Artigo 2. Número, orzamento e características dos premios
1. Poderanse conceder ata un máximo de vinte e tres (23) premios extraordinarios de formación profesional de grao superior, un por cada familia de formación profesional de grao superior implantada na Comunidade Autónoma de Galicia.
2. A dotación para os premios será de 23.000 €, con cargo á aplicación orzamentaria 07.03.423A.480.1 da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional dos orzamentos do ano 2026, que se distribuirán entre as persoas premiadas na mesma contía, e que non poderá exceder os 1.000 € por premio. A concesión das axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asignado para este fin.
3. O alumnado que obteña o premio extraordinario de formación profesional de grao superior percibirá a dotación económica en caso de cumprir coas obrigas establecidas no artigo 16 desta orde, e ademais recibirá un diploma acreditativo. A distinción de obter premio extraordinario farase constar nas certificacións académicas que se emitan.
4. Estes premios son compatibles con outros premios, bolsas e axudas para a mesma finalidade calquera que sexa a súa natureza ou a entidade que os conceda.
5. A contía do premio extraordinario ten a consideración de subvención, de acordo co artigo 2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 de xuño). Actualmente, e para efectos fiscais, a contía do premio extraordinario ten a consideración de rendemento de traballo, e polo tanto estará suxeito ás retencións que legalmente correspondan.
6. As persoas que obteñan premio extraordinario de formación profesional de grao superior poderán concorrer aos premios nacionais de formación profesional de grao superior, tras presentar o modelo de inscrición e a documentación esixida nos prazos e nos lugares que estableza a correspondente convocatoria.
Artigo 3. Requisitos das persoas solicitantes
Poderá optar aos premios extraordinarios de formación profesional de grao superior o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:
a) Ter cursados estudos de formación profesional de grao superior durante o curso 2024/25 nalgún centro educativo da Comunidade Autónoma de Galicia, ben na modalidade presencial ou ben na modalidade á distancia, e ter rematados os seus estudos, e estar expedido o título, no ano 2025.
b) Acadar unha cualificación final do ciclo formativo igual ou superior a 8,50, nos termos establecidos na normativa vixente. Esta cualificación expresarase con dúas cifras decimais redondeada á centésima máis próxima, e en caso de equidistancia, á superior.
c) Non ter a condición de persoal docente que desenvolva ou desenvolvese a súa actividade laboral na Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional nos tres anos anteriores ao 1 de setembro de 2026.
Artigo 4. Forma e prazo de presentación de solicitudes
1. As solicitudes de participación presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na aplicación informática PremiosEdu (https://www.edu.xunta.gal/premiosedu/), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) ou directamente desde a propia aplicación PremiosEdu.
De acordo co previsto nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia (DOG núm. 141, do 26 de xullo), as persoas aspirantes, con base nos requisitos establecidos nas letras a) e b) do artigo 3 da presente orde, presuponse que posúen a capacidade técnica suficiente para o acceso e dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios para tramitar a súa solicitude.
En caso de que unha mesma persoa candidata presente máis dunha solicitude, terase en conta unicamente a última solicitude, presentada cos méritos alegados nesa última solicitude e indicados no seu anexo II. Considerarase que desiste das demais solicitudes previas, así como dos méritos presentados exclusivamente nesas solicitudes anteriores e indicados nos seus respectivos anexos II.
Rematado o prazo de presentación de solicitudes, non se admitirán melloras da solicitude referidas a novos méritos non indicados no anexo II que acompañe a solicitude.
A publicación dos formularios da solicitude no DOG faise unicamente para efectos informativos.
Para a presentación electrónica poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Unha vez formalizada a solicitude, deberá asinala a persoa interesada mediante calquera dos sistemas de sinatura admitidos pola sede electrónica e enviala polo procedemento electrónico establecido; quedará así presentada para todos os efectos. Non se terán en conta aquelas solicitudes cubertas por vía telemática que non completen o proceso de presentación establecido e non obteñan o xustificante de solicitude, que deberá conservar a persoa solicitante para acreditar, en caso de que resulte necesario, a presentación da súa solicitude no prazo e forma establecidos.
2. As solicitudes subscribiranas electronicamente as persoas interesadas con plena capacidade de obrar ou, se for o caso, os/as representantes legais das persoas solicitantes.
3. Para a presentación electrónica deste procedemento, a sede electrónica da Xunta de Galicia dispón de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios, poderán dirixirse ao teléfono de información 012 ou ao enderezo electrónico 012@xunta.gal
Se as dúbidas están relacionadas coa presente convocatoria, poderán facer as súas consultas no enderezo electrónico premios@edu.xunta.gal
4. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo cardinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.
Artigo 5. Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar canda a solicitude a seguinte documentación:
a) Listaxe dos méritos que se desexen alegar relacionados co título de técnica ou técnico superior de formación profesional, de acordo co previsto no artigo 12.1.b) desta convocatoria e segundo o modelo do anexo II.
b) Documentación xustificativa dos méritos segundo o establecido no anexo V da presente orde, onde consten expresamente a actividade desenvolvida, o número de horas de duración, a data de inicio e de finalización, ou o período de contratación, e mais o organismo que convoca.
c) Acreditación da representación por calquera medio válido en dereito no caso de actuar mediante representante.
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, a non ser que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, de non se poderen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.
2. A documentación complementaria deberase presentar electronicamente.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación presencial dentro dos prazos previstos. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fora efectuada a emenda.
A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.
4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
Artigo 6. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, bardante que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI ou NIE da persoa solicitante.
b) DNI ou NIE da persoa representante.
c) Expediente dos estudos de formación profesional de grao superior cursados pola persoa solicitante.
d) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).
e) Certificado de estar ao día respecto do pagamento á Seguridade Social.
f) Certificado de estar ao día no pagamento de débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
g) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
h) Consulta de non ter a condición de persoal docente que desenvolva ou desenvolvese a súa actividade laboral na Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional nos tres anos anteriores a esta convocatoria.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude e achegar os documentos.
Cando así o esixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 7. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas realizaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas, á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude, avisos da posta á disposición das notificacións. Estes avisos non terán en ningún caso efectos de notificación efectuada, e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse realizadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas unha vez transcorridos dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar con posterioridade ao inicio do expediente deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 9. Procedemento dos centros educativos
Os centros educativos dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional en que estea o expediente académico do alumnado de centros privados enviarán a certificación académica dos estudos obxecto de baremación do alumnado que non teña todo o seu expediente recollido na base de datos da aplicación XADE, na cal se reflicta a cualificación final a que se refire o artigo 3.b) desta orde, asinada pola persoa secretaria e co visto e prace da persoa directora.
Esta certificación enviarase ao enderezo de correo electrónico premios@edu.xunta.gal
Artigo 10. Instrución do procedemento e exposición de listaxes provisionais para emenda de solicitudes e documentación
1. O Servizo de Avaliación do Sistema Educativo, unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes e tras examinar estas e a documentación presentada polas persoas solicitantes, exporá a relación provisional de solicitudes admitidas e excluídas, e os motivos de exclusión, nos lugares establecidos no artigo 17 desta orde.
2. As persoas interesadas disporán dun prazo de reclamación de dez (10) días. Durante ese prazo poderán emendar erros e a falta de documentación a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, e achegarán, se for o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden os erros ou se achegue a documentación preceptiva, considerarase que a persoa interesada desiste da súa petición, nos termos e condicións establecidos no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro (BOE núm. 236, do 2 de outubro), do procedemento administrativo común das administracións públicas.
As reclamacións entenderanse resoltas e notificadas coa publicación da relación definitiva do alumnado admitido e excluído. A publicación da relación definitiva do alumnado admitido e excluído realizarase nos lugares que se relacionan no artigo 17 desta orde.
Artigo 11. Xurado de selección
Para a selección, análise e valoración das solicitudes, a persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa designará un xurado de selección mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e nos lugares que se relacionan no artigo 17 da presente orde.
O xurado de selección estará composto por unha/un presidenta/e e ata un máximo de seis vogais, coa categoría de subdirectora/subdirector xeral, xefa/e de servizo ou inspectoras/es de Educación.
A/o presidenta/e deberá ser ou ben unha subdirectora ou subdirector xeral ou ben unha inspectora ou inspector de Educación.
Actuará como secretaria/o, con voz e sen voto, unha persoa funcionaria da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.
O xurado poderá dispoñer a constitución dunha comisión técnica especializada para colaborar na valoración daqueles méritos que coide pertinentes.
Artigo 12. Criterios de valoración
1. Os premios concederanse en réxime de concorrencia competitiva. Na valoración final o xurado terá en conta os seguintes méritos:
a) A cualificación final do ciclo formativo polo que se opta ao premio extraordinario.
b) Méritos relacionados co título de técnica ou técnico superior de formación profesional polo que se opta ao premio, que se relacionan no anexo V da presente convocatoria (tipo e subtipo).
2. A valoración final será a suma das valoracións das alíneas 1.a) e mais 1.b) deste artigo.
3. O xurado resolverá os empates tendo en conta a maior puntuación nos seguintes méritos por esta orde:
a) Cualificación final do ciclo formativo polo que se opta ao premio extraordinario.
b) Méritos relacionados co título de técnica ou técnico superior de formación profesional (artigo 12.1.b), tipo b.1 do anexo V).
c) Méritos relacionados co título de técnica ou técnico superior de formación profesional (artigo 12.1.b), tipo b.2. do anexo V).
d) Méritos relacionados co título de técnica ou técnico superior de formación profesional (artigo 12.1.b), tipo b.3. do anexo V).
e) Méritos relacionados co título de técnica ou técnico superior de formación profesional (artigo 12.1.b), tipo b.4. do anexo V).
f) Sorteo.
4. O xurado poderá declarar deserto algún dos premios.
Artigo 13. Puntuacións provisionais
1. O xurado de selección fará públicas as puntuacións obtidas polas persoas candidatas nos lugares relacionados no artigo 17 desta orde.
2. O alumnado ou, se for o caso, as persoas representantes legais poderán presentar reclamación contra a puntuación obtida no prazo de dez (10) días contados a partir do seguinte ao da súa publicación.
A reclamación presentarase por vía electrónica a través do anexo III, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada.
Artigo 14. Resolución de concesión
1. Unha vez resoltas as reclamacións, o xurado elaborará a acta coa proposta de adxudicación dos premios extraordinarios. Os resultados coas puntuacións definitivas das persoas aspirantes publicaranse nos lugares relacionados no artigo 17 desta orde. A acta orixinal quedará rexistrada nos ficheiros do Servizo de Avaliación do Sistema Educativo.
As reclamacións entenderanse resoltas e notificadas coa publicación das puntuacións definitivas.
2. A persoa titular do Servizo de Avaliación do Sistema Educativo elevará a proposta feita polo xurado de selección á persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, quen emitirá a correspondente orde de adxudicación para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia. A relación do alumnado premiado comunicarase á Dirección Xeral de Planificación, Innovación e Xestión da Formación Profesional do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes.
3. O prazo máximo para resolver este procedemento será de catro (4) meses desde o día seguinte ao da finalización do prazo de inscrición. Transcorrido o dito prazo sen que se notifique a correspondente resolución, a persoa interesada poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.
Artigo 15. Recurso
A devandita orde de adxudicación dos premios poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición interposto ante a persoa titular da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da data de publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente mediante recurso contencioso-administrativo interposto ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses desde tal publicación, segundo prevé o artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Artigo 16. Obrigas das persoas beneficiarias
A presentación da solicitude implica a aceptación das bases desta convocatoria e a obriga de:
1. Informar ao órgano que concede o premio da obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración pública ou ente público ou privado.
2. Non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas das previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. Estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, de acordo co artigo 10.2.g) da citada lei e mais co artigo 9 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
4. Estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, conforme o artigo 10.2.e) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
5. Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das funcións de fiscalización e control que lles competen, segundo dispón o artigo 14.1.k) da Lei 9/2007, do 3 de xuño, de subvencións de Galicia.
6. Remitir ao Servizo de Avaliación do Sistema Educativo o modelo 145 do imposto sobre a renda das persoas físicas a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, na semana seguinte á publicación da orde de concesión dos premios no Diario Oficial de Galicia.
7. Facilitarlle ao Servizo de Avaliación do Sistema Educativo, na semana seguinte á publicación da orde de concesión dos premios no Diario Oficial de Galicia e segundo o modelo do anexo IV, a información en que conste a titularidade dunha conta bancaria con 24 díxitos e declarar sobre a veracidade dos datos relativos á dita conta, na cal se ingresará, mediante transferencia bancaria, a dotación económica do premio á que se refire o artigo 2.2 desta orde.
O referido anexo, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), presentarase por medios electrónicos, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada.
Artigo 17. Publicación e información
A relación do alumnado admitido e excluído e as puntuacións obtidas polas persoas candidatas publicaranse no portal educativo (https://www.edu.xunta.gal) e mais na páxina de inicio da aplicación informática PremiosEdu (https://www.edu.xunta.gal/premiosedu), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Poderase solicitar información no enderezo de correo electrónico premios@edu.xunta.gal
Artigo 18. Incumprimento, reintegros e sancións
1. O incumprimento das obrigacións contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se for o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga da persoa beneficiaria de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como a aboar os xuros de demora correspondentes.
2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 19. Modificación da orde de adxudicación
Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión dos premios poderá dar lugar á modificación da orde de concesión do premio, consonte o artigo 17.4 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 20. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 21. Instrución do procedemento
O órgano instrutor do procedemento será o Servizo de Avaliación do Sistema Educativo.
Disposición adicional primeira. Efectos económicos do xurado de selección
Para os efectos previstos no artigo 26 do Decreto 144/2001, o xurado de selección aterase á categoría correspondente que determine a Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal da Consellería de Facenda e Administración Pública.
Disposición adicional segunda. Publicación na Base de datos nacional de subvencións
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.
Disposición adicional terceira. Delegación de atribucións
Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional na persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa para resolver a concesión, denegación, modificación, ou outras incidencias, das axudas previstas nesta orde.
Disposición derradeira primeira. Datos persoais do alumnado aspirante
No referente á obtención dos datos persoais do alumnado aspirante e das súas persoas representantes legais, e á seguridade e confidencialidade destes, atenderase ao disposto no Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais, así como ao establecido na Lei orgánica 3/2018, de 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, que adapta á lexislación española o citado regulamento.
Disposición derradeira segunda. Facultade de desenvolvemento
Autorízase á persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa para adoptar os actos e medidas necesarios para a aplicación da presente orde.
Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2026
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
P.D. (Orde do 5.6.2024; DOG núm. 114, do 13 de xuño)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Educación,
Ciencia, Universidades e Formación Profesional
