Expediente: IN407A 2025/142-1.
Promotora: LIDL Supermercados, S.A.U.
Denominación do proxecto: Proxecto de centro de seccionamento e liña de media tensión subterránea para un local comercial, no polígono Vilar do Colo, Fene (A Coruña).
Concello: Fene.
Feitos:
1. O día 21.7.2025, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da instalación de distribución eléctrica mencionada, co obxecto de executar as instalacións de nova extensión de rede necesarias para dar servizo de enerxía eléctrica a un novo local comercial. As instalacións deben ser cedidas á empresa distribuidora de zona, UFD Distribución Electricidad, S.A.
Ao abeiro do artigo 123 do Real decreto 1955/2000, presentan o proxecto de execución denominado Proxecto de centro de seccionamento e liña de media tensión subterránea para un local comercial, no polígono Vilar do Colo, Fene (A Coruña), asinado por José Manuel Villar Esmorís, enxeñeiro industrial, núm. de colexiado 1.379 de Galicia, mais un anexo do 27.1.2026.
2. O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).
3. Consonte o artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, solicitouse o informe preceptivo ao Concello de Fene como entidade afectada. A empresa promotora manifestou a súa conformidade co informe emitido no prazo outorgado para ese efecto.
4. O día 26.5.2026 emitiuse o informe técnico.
Consideracións legais e técnicas:
Primeira. O director territorial é competente para resolver este expediente, ao abeiro do disposto no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro), e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio).
Segunda. Lexislación de aplicación
• Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
• Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
• Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
• Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
• Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.
• Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).
Terceira. Características técnicas
As instalacións obxecto deste expediente están situadas na parcela C3, PI Vilar do Colo (Fene), e as súas características técnicas son as seguintes:
• Centro de seccionamento de tipo prefabricado, compacto manobra exterior 3L TT, con saídas telecontroladas.
• Modificación da LMT VDC710 de 15 kV, consistente na apertura da liña e a instalación dun novo tramo de LMTS en condutor RHZ1 2OL-12/20 kV 3x(1x240), de 5 metros de lonxitude, con orixe e final nos empalmes proxectados na LMT VDC710 despois de facer entrada e saída no centro de seccionamento proxectado.
Cuarta. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos deste departamento territorial.
De acordo con todo o exposto,
RESOLVO:
A) Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción para a dita instalación de distribución eléctrica.
B) A instalación executarase no prazo de dous anos, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
C) Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá achegar ante este departamento territorial unha solicitude á cal xuntará a seguinte documentación:
• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.
• Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e das prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.
• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.
D) Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial no relativo á ordenación do territorio e ao ambiente.
O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia ao interesado, segundo o establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada perante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.
Mediante este documento notifícaselles aos interesados esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da dita Lei 39/2015.
A Coruña, 28 de maio de 2026
Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña
