DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 131 Mércores, 15 de xullo de 2026 Páx. 39580

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

RESOLUCIÓN do 6 de xullo de 2026, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Mar, pola que se dá publicidade a dous encargos ao medio propio Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A. (Seaga) para os períodos 2026, 2027 e 2028.

De conformidade co artigo 8 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, dáse publicidade ás seguintes encomendas de xestión:

1. Resolución do 19 de xuño de 2026, da Consellería do Mar, pola que se lle encarga ao medio propio Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A. (Seaga) para o desenvolvemento de proxectos de conservación e restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños no marco de actividades marisqueiras e sustentables para o período 2026, 2027 e 2028.

– Actividade: conservación e restauración ecolóxica dos hábitats e especies de interese marisqueiro que o requiran en todo o ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, coa finalidade de evitar o abandono de zonas marisqueiras e a conseguinte deterioración dos hábitats e a biodiversidade deles e asegurar a continuidade das artes tradicionais no marisqueo, en combinación con novas formas de traballo acordes ás novas tecnoloxías.

– Natureza e alcance da xestión encomenda: encomenda de xestión a medios propios ao ter a Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A. (Seaga) a consideración de medio propio instrumental e de servizo técnico da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, en cumprimento do establecido nos artigos 10, 47 e seguintes da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

– Prazo de vixencia: desde o 23 de xuño de 2026 ata o 31 de marzo de 2028.

– Financiamento: tramitouse con cargo aos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026, aplicación orzamentaria 16.03.723A.604.2, e con códigos de proxecto 2023 00181 e 2026 00107. Cofinanciada polo FEMPA nun 70 %.

2. Resolución do 2 de xuño de 2026, da Consellería do Mar, pola que se lle encarga ao medio propio Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A. (Seaga) para a retirada, almacenamento e xestión de residuos procedentes da inspección e vixilancia pesqueira realizada pola Subdirección Xeral de Gardacostas de Galicia para o período 2026-2028.

– Actividade: retirada, almacenamento e xestión dos materiais, ben sexa como residuo ou para a súa reutilización, de artes de pesca procedentes de comisos realizados pola Subdirección Xeral de Gardacostas de Galicia.

– Natureza e alcance da xestión encomenda: encomenda de xestión a medios propios ao ter a Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A. (Seaga) a consideración de medio propio instrumental e de servizo técnico da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, en cumprimento do establecido nos artigos 10, 47 e seguintes da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

– Prazo de vixencia: desde o 3 de xuño de 2026 ata o 2 de xuño de 2028.

– Financiamento: tramitouse con cargo aos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026, aplicación orzamentaria 16.02.723A.608.0, e con código de proxecto 2024 00150. Cofinanciada polo FEMPA nun 70 %.

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2026

Marta Barreiro Castro
Secretaria xeral técnica da Consellería do Mar