Antecedentes:
O Pleno da Deputación Provincial da Coruña, na súa sesión do 28 de marzo de 2025, aprobou o proxecto de mellora da seguridade viaria na estrada DP-0503, As Bordeiras ao Porto de Suevos, en Arteixo (A Coruña), do Plan de investimentos en vías provinciais 2025.
A Deputación Provincial da Coruña, cumpridos os trámites previstos na normativa de estradas de Galicia achegou expediente completo e propuxo continuar coa tramitación para a súa aprobación definitiva.
En virtude do disposto no artigo 56 do Decreto 66/2016, do 26 de maio, polo que se aproba o Regulamento xeral de estradas de Galicia,
RESOLVO:
Publicar o Acordo Consello da Xunta de Galicia, do 15 de xuño de 2026, polo que se aproban definitivamente o proxecto de mellora da seguridade viaria na estrada DP-0503, As Bordeiras ao Porto de Suevos, en Arteixo (A Coruña), cos efectos previstos no artigo 56 do Regulamento xeral de estradas de Galicia aprobado polo Decreto 66/2016, do 26 de maio, e o expediente correspondente aos trámites de información pública e informe das administracións afectadas, que se recolle como anexo a esta resolución.
Contra o dito acordo, que pon fin á vía administrativa, poderá formularse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 8, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que, con carácter previo e potestativo, se poida formular recurso de reposición no prazo dun (1) mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Para a interposición do recurso de reposición, os suxeitos obrigados a relacionarse electronicamente coa Administración deberán empregar o modelo IF321B de recurso en materia de infraestruturas, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.gal/ ante a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.
Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2026
María Deza Martínez
Directora da Axencia Galega de Infraestruturas
ANEXO
Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 15 de xuño de 2026, polo que se aproban definitivamente o proxecto de mellora da seguridade viaria na estrada DP-0503, As Bordeiras ao Porto de Suevos, en Arteixo (A Coruña) cos efectos previstos no artigo 56 do Regulamento xeral de estradas de Galicia, e o expediente correspondente aos trámites de información pública e informe das administracións afectadas.
1. Aprobar definitivamente o proxecto de mellora da seguridade viaria na estrada DP-0503, As Bordeiras ao Porto de Suevos, en Arteixo (A Coruña), cos efectos previstos no artigo 56 do Regulamento xeral de estradas de Galicia aprobado polo Decreto 66/2016, do 26 de maio.
O Concello de Arteixo deberá adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido no proxecto, no prazo dun ano desde a publicación no Diario Oficial de Galicia deste acordo e, en todo caso, na súa primeira modificación ou revisión, ao abeiro do previsto no artigo 23.1 da Lei 8/2013 de estradas de Galicia e no artigo 59.2 do seu regulamento xeral.
2. Aprobar o expediente correspondente aos trámites de información pública e informe das administracións afectadas do proxecto de mellora da seguridade viaria na estrada DP-0503, As Bordeiras ao Porto de Suevos, en Arteixo (A Coruña).
