O Decreto 81/2016, do 23 de xuño, polo que se crea no ámbito do Servizo Galego de Saúde a categoría estatutaria de persoal enfermeiro especialista (Diario Oficial de Galicia núm. 133, do 14 de xullo), establece na disposición transitoria segunda un procedemento específico de acceso á categoría de enfermeiro/a especialista nos termos previstos no artigo 34 da Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, e do artigo 25.3 do Decreto 206/2005, do 22 de xullo, de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde.
Para estes efectos, o Decreto 81/2016 establece que se realizará unha convocatoria diferenciada para o acceso, polo sistema de concurso, á categoría e prazas de enfermeiro/a especialista, aberta ao persoal diplomado ou graduado universitario de enfermaría con vínculo de fixeza que desempeñe ou desempeñase no Servizo Galego de Saúde as funcións propias de cada especialidade e acredite o título da correspondente especialidade de enfermaría.
Logo de convocar o concurso específico para o ingreso na categoría estatutaria de persoal enfermeiro especialista na especialidade de enfermaría xeriátrica pola Resolución do 22 de decembro de 2025, da Dirección Xeral de Recursos Humanos (Diario Oficial de Galicia núm. 3, do 7 de xaneiro), e tras recibir as propostas coas aspirantes seleccionadas realizadas polas comisións avaliadoras de conformidade co previsto nas bases terceira e cuarta da Resolución do 21 de marzo de 2018, da Dirección Xeral de Recursos Humanos (Diario Oficial de Galicia núm. 63, do 2 de abril), pola que se aproban as bases do procedemento do concurso específico para o ingreso na categoría estatutaria de persoal enfermeiro especialista, este centro directivo, como órgano convocante do proceso,
RESOLVE:
Primeiro. Declarar finalizado o concurso específico para o ingreso na categoría estatutaria de persoal enfermeiro especialista na especialidade de enfermaría xeriátrica, convocado pola Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do 22 de decembro de 2025.
Segundo. Nomear como persoal estatutario fixo do Servizo Galego de Saúde as persoas aspirantes seleccionadas que se inclúen no anexo desta resolución, na categoría de persoal enfermeiro especialista na especialidade de enfermaría xeriátrica.
Terceiro. Adxudicarlles ás devanditas aspirantes a praza correspondente que figura no anexo indicado.
Cuarto. De conformidade co previsto na base cuarta da Resolución do 21 de marzo de 2018, o nomeamento terá efecto o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
As persoas aspirantes seleccionadas poderán solicitar o pase á situación de excedencia por prestación de servizos no sector público na categoría de orixe.
Quinto. Contra esta resolución, que lle pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer un recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, que se contarán a partir do día seguinte ao da súa publicación, ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, de conformidade co establecido nos artigos 8, 14 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Potestativamente, e con carácter previo, poderán interpoñer un recurso de reposición, ante esta Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, no prazo dun mes, que se contará a partir da mesma data.
Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2026
María del Mar Pousa Cobas
Directora xeral de Recursos Humanos
ANEXO
|
DNI |
Apelidos e nome |
Centro directivo |
Centro |
Quenda |
Localidade |
|
***0484** |
Busto Barrantes, Ana María |
A. S. de Vigo |
C. H. Universitario de Vigo |
_ |
Vigo |
|
***6721** |
Gestoso Troitiño, María Ángeles |
A. S. de Vigo |
C. H. Universitario de Vigo |
_ |
Vigo |
|
***2044** |
González Seijas, María Olga |
A. S. de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos |
C. H. Universitario de Lugo |
_ |
Lugo |
|
***3113** |
López Fernández, Susana María |
A. S. de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos |
C. H. Universitario de Lugo |
_ |
Lugo |
|
***2364** |
Méndez González, Cristina |
A. S. de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos |
C. H. Universitario de Lugo |
_ |
Lugo |
