DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 137 Xoves, 23 de xullo de 2026 Páx. 40662

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

ORDE do 13 de xullo de 2026 pola que se modifica a autorización do centro privado estranxeiro Pangea Active School, de Arteixo (A Coruña).

Mediante a Orde do 27 de agosto de 2019 autorízanse a apertura e o funcionamento temporal do centro privado estranxeiro Pangea Active School, de Arteixo (A Coruña), para impartir as ensinanzas de Pre-School Section (de 3 a 6 anos) e de Elementary Section (de 6 a 12 anos), do sistema educativo dos Estados Unidos de América, para alumnado español e estranxeiro, prorrogada mediante orde desta consellería ata o 31 de agosto de 2026.

A titularidade do centro solicita unha prórroga da autorización temporal e achega un certificado, con validez ata o 31 de agosto de 2027, de elixibilidade no proceso de acreditación emitido pola New England Association of Schools & Colleges/Commission on International Education (NEASC/CIE), para impartir as ensinanzas de Pre-School Section que se corresponden coa etapa de educación infantil (de 3 a 6 anos) para un máximo de 24 postos escolares, e para as ensinanzas de Elementary Section, que se corresponden coa etapa de educación primaria (de 6 a 12 anos), para un máximo de 50 postos escolares, do sistema educativo dos Estados Unidos de América.

Logo da tramitación do expediente de acordo co establecido no Real decreto 806/1993, do 28 de maio, sobre centros docentes estranxeiros en España, así como no Decreto 133/1995, do 10 de maio, de autorización de centros docentes privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias, e coa Orde do 20 de setembro de 1995 que o desenvolve, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos

DISPOÑO:

Artigo 1. Prórroga da autorización temporal

Prorrogar, ata o 31 de agosto de 2027, a autorización temporal do centro privado estranxeiro Pangea Active School, de Arteixo, para impartir as ensinanzas de Pre-School Section (de 3 a 6 anos) e de Elementary Section (de 6 a 12 anos), do sistema educativo dos Estados Unidos de América.

O centro queda configurado como se detalla a seguir:

Denominación xenérica: centro privado estranxeiro (CPREX).

Denominación específica: Pangea Active School.

Código do centro: 15033174.

Domicilio: Camiño da Colina, 18.

Localidade: Morás.

Código postal: 15690.

Concello: Arteixo.

Provincia: A Coruña.

Titular: Coruña Active School, S.L.

Ensinanzas que se prorrogan ata o 31 de agosto de 2027:

Sistema educativo dos Estados Unidos de América, para alumnado español e estranxeiro.

– Pre-School Section, que se corresponde coa etapa de educación infantil (de 3 a 6 anos), para un máximo de 24 postos escolares.

– Elementary Section, que se corresponde coa etapa de educación primaria (de 6 a 12 anos), para un máximo de 50 postos escolares.

Artigo 2. Prórroga da autorización

A prórroga da autorización terá validez ata o 31 de agosto de 2027, conforme o certificado emitido pola New England Association of Schools & Colleges/Commission on International Education (NEASC/CIE).

Artigo 3. Inscrición no Rexistro

Esta orde dará lugar á correspondente inscrición no Rexistro de Centros da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4. Obrigas do centro

O centro queda obrigado ao cumprimento da normativa vixente e sometido á Inspección educativa da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional de conformidade co establecido no artigo 9 do Real decreto 806/1993, do 28 de maio, así como a solicitar unha nova autorización e inscrición no caso de que se produza calquera variación nos elementos e circunstancias que dan lugar a esta autorización.

Disposición derradeira primeira. Recursos

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular recurso potestativo de reposición, ante esta consellería, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente, o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses desde a mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2026

Román Rodríguez González
Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades
e Formación Profesional