DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 137 Xoves, 23 de xullo de 2026 Páx. 40808

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 1 de xullo de 2026, do Departamento Territorial da Coruña, pola que se acepta a renuncia dunha autorización administrativa previa e de construción e declaración de utilidade pública, en concreto, dunha instalación de distribución eléctrica no concello de Brión (expediente IN407A 2024/237-1).

Expediente: IN407A 2024/237-1.

Promotor: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Proxecto: Regulamentación LMT TA2-803 apoio 9SF44VVD//D49.

Concello: Brión.

Feitos:

O día 9 de xullo de 2024, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa e de construción e declaración de utilidade pública do proxecto de execución da instalación eléctrica mencionada. Co obxecto de executar obras de regulamentación por altura nun tramo aéreo da liña de distribución de media tensión LMT TA2-803 Insuas-Presa-Urdilde Ponte, 3 (expte. 25.715), procedente da subestación Tambre II, sito no lugar Pedra Abelleira, concello de Brión, proxéctase a substitución dun apoio existente por outro de tipo metálico de maior altura.

O día 2 de setembro de 2025 (DOG núm. 185, do 25 de setembro), este departamento territorial resolveu conceder a autorización á dita instalación de distribución eléctrica, cun prazo de execución de dous anos contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

O día 30 de xuño de 2026, a empresa promotora presenta escrito de renuncia á autorización outorgada, ao abeiro do artigo 94 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas, coa indicación de que finalmente non resulta necesario acometer as instalacións proxectadas, xa que na última inspección realizada non se detectaron defectos na zona de actuación.

Consideracións legais e técnicas:

1. O director territorial é competente para resolver este expediente, ao abeiro do disposto no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro), e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio).

2. Lexislación de aplicación:

• Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

• Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

• Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (BOE núm. 310, do 27 de decembro).

• Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica (BOE núm. 310, do 27 de decembro).

• Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas (BOE núm. 246, do 14 de outubro).

• Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

3. O artigo 21.1 da dita Lei 39/2015 establece que «a Administración está obrigada a ditar resolución expresa e a notificala en todos os procedementos, calquera que sexa a súa forma de iniciación. Nos casos de prescrición, renuncia do dereito, caducidade do procedemento ou desistencia da solicitude, así como de desaparición sobrevida do obxecto do procedemento, a resolución consistirá na declaración da circunstancia que concorra en cada caso, con indicación dos feitos producidos e as normas aplicables».

Así mesmo o seu artigo 94.1 establece que «toda persoa interesada poderá desistir da súa solicitude ou, cando iso non estea prohibido polo ordenamento xurídico, renunciar aos seus dereitos». Pola súa banda, o artigo 94.4 da mesma lei sinala que «A Administración aceptará de plano a desistencia ou a renuncia, e declarará concluso o procedemento salvo que, tendo comparecido nel terceiros interesados, estes instasen a súa continuación no prazo de dez días desde que foron notificados da desistencia ou renuncia».

4. Á vista dos preceptos citados, logo de analizar o expediente e xa que non existen terceiras persoas interesadas ou afectadas, este departamento territorial entende que non existe inconveniente ningún en aceptar de plano a renuncia solicitada.

De acordo con todo o sinalado,

RESOLVO:

Aceptar a solicitude de renuncia formulada pola empresa promotora, deixando sen efecto a Resolución deste departamento territorial, do 2 de setembro de 2025, de autorización administrativa previa e de construción e declaración de utilidade pública.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada perante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren axeitado.

Mediante este documento notifícase a resolución correspondente ao expediente que se indica, segundo o exixido no artigo 40 e seguintes da Lei 39/2015.

A Coruña, 1 de xullo de 2026

Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña