DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 138 Venres, 24 de xullo de 2026 Páx. 40854

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Consellería do Medio Rural

ORDE do 16 de xullo de 2026 pola que se dispón o nomeamento de vogais do Consello Reitor do Fondo Galego de Garantía Agraria.

O Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) é un organismo autónomo adscrito á Consellería do Medio Rural, e mediante o Decreto 7/2014, do 16 de xaneiro (DOG núm. 18, do 28 de xaneiro), foron aprobados os seus estatutos, e o seu artigo 14 precisa que o Consello Reitor é o órgano superior colexiado de goberno do Fogga.

Pola súa banda, o artigo 15 dos estatutos dispón que o Consello Reitor estará composto polos titulares da Presidencia, Vicepresidencia, Dirección e cinco vogais, e asistido pola Secretaría; e respecto dos vogais, o artigo 19 precisa que tres serán representantes da consellería competente en materia de medio rural, designados/as de entre persoas de recoñecido prestixio no sector lácteo-gandeiro e altos cargos ou funcionarios/as da Administración autonómica; un/unha será representante da consellería competente en materia de facenda, designado/a por proposta desta, e un/unha será representante da consellería competente en materia de conservación da natureza, designada por proposta desta.

O nomeamento dos vogais correspóndelle á persoa titular da Consellería do Medio Rural.

Con base no anterior, logo de realizadas as correspondentes propostas polas respectivas consellerías, é necesario efectuar o nomeamento dos vogais do Consello Reitor do Fondo Galego de Garantía Agraria que, para xeral coñecemento, se publicará no Diario Oficial de Galicia.

Por todo isto, de conformidade co previsto no artigo 64.3.a) da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración Xeral e do sector público autonómico de Galicia, e no artigo 19.1 dos estatutos do Fogga, e en virtude das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Primeiro. Nomear como vogais, titulares e suplentes, do Consello Reitor do Fondo Galego de Garantía Agraria, na representación que se indica, as persoas titulares dos órganos seguintes:

a) En representación da consellería con competencias en materia do medio rural:

– Vogal titular: Secretaría Xeral Técnica.

– Vogal suplente: Dirección Xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

– Vogal titular: Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal.

– Vogal suplente: Dirección Xeral de Defensa do Monte.

– Vogal titular: Subdirección Xeral de Xestión da PAC do Fogga.

– Vogal suplente: Subdirección Xeral de Coordinación da PAC e da Cadea e Calidade Alimentaria.

b) En representación da consellería con competencias en materia de facenda:

– Vogal titular: Dirección Xeral de Cohesión e Fondos Europeos.

– Vogal suplente: Subdirección Xeral de Xestión do Fondo Social Europeo.

c) En representación da consellería con competencias en materia de conservación da natureza:

– Vogal titular: Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

– Vogal suplente: Subdirección Xeral de Espazos Naturais.

Segundo. Esta orde deixa sen efecto a Orde do 15 de xuño de 2016 (DOG núm. 117, do 21 de xuño) pola que se dispón o nomeamento de vogais do Consello Reitor do Fondo Galego de Garantía Agraria.

Terceiro. Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2026

María José Gómez Rodríguez
Conselleira do Medio Rural