A Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, pola que se aproba o Estatuto de autonomía de Galicia, recolle no seu artigo 30.1 que a Comunidade Autónoma de Galicia ten a competencia exclusiva de fomentar e planificar a actividade económica en Galicia.
Ademais, o Estatuto de autonomía de Galicia recolle no seu artigo 27.19 que a Comunidade Autónoma de Galicia ten a competencia para promover a cultura e a investigación en Galicia, sen prexuízo do disposto no artigo 149.2 da Constitución.
A Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e a innovación en Galicia, ten como obxectivo establecer o marco para o fomento da investigación e o desenvolvemento tecnolóxico, a transferencia e valorización de resultados e a innovación en Galicia en todas as súas vertentes, así como a súa xestión eficiente.
O Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación e se aproban os seus estatutos, establece que a Axencia Galega de Innovación ten como finalidade o fomento e a vertebración das políticas de I+D+i no sector público galego, e o apoio ás entidades que integran o ecosistema de I+D+i galego para incrementar a súa competitividade, a través da implementación e execución de estratexias e programas de I+D+i eficientes.
Entre os obxectivos que persegue a Axencia destacan:
• Liderar as políticas de I+D+i do sector público galego.
• Fomentar a I+D+i, a través de iniciativas e programas específicos na Comunidade Autónoma Galega.
• Estimular a estruturación e consolidación do Sistema galego de I+D+i.
O 8 de abril de 2022, o Consello da Xunta de Galicia adoptou o acordo mediante o cal se aprobou a Estratexia de especialización intelixente (RIS3) de Galicia 2021-2027, que define o marco para as políticas de investigación e innovación na Comunidade Autónoma para este período.
A RIS3, no período 2021-2027, aborda a través da I+D+i tres grandes retos da economía e a sociedade galega. Para darlles resposta, por unha banda, a estratexia orienta as capacidades e esforzos de investigación e innovación en Galicia cara a tres prioridades temáticas transversais e, pola outra, reforza e impulsa o ecosistema galego de innovación a través de cinco obxectivos estratéxicos, arredor das cales articula os instrumentos e actuacións que se desenvolverán integrados nos correspondentes programas.
Os instrumentos, apoios e actuacións que se desenvolven no marco da RIS3 en relación con cada obxectivo estratéxico recóllense nos correspondentes programas. Estes instrumentos poden ser horizontais en relación cos retos e prioridades, ou dirixirse a prioridades e ámbitos de priorización concretos. O obxectivo estratéxico 5 busca impulsar o posicionamento de Galicia en I+D+i a nivel nacional, europeo e internacional. Ademais, un dos factores clave da RIS3 é a promoción eficaz das sinerxías entre os instrumentos de apoio, entre outros aspectos, coordinando os fondos dispoñibles e as medidas de eficacia e eficiencia na xestión pública destes.
En consecuencia, a presente convocatoria enmárcase na RIS3 de Galicia 2021-2027 e responde, polo seu carácter transversal, aos tres retos a través das tres prioridades. Inclúese no obxectivo estratéxico 5; polo tanto, intégrase no programa Posiciona.
O Plan galego de investigación e innovación 2025-2027, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o 3 de febreiro de 2025, constitúe o instrumento de planificación operativa da Xunta de Galicia para abordar nese período os retos e prioridades definidos na Estratexia de especialización intelixente (RIS3) de Galicia 2021-2027. O plan busca consolidar Galicia como un polo de referencia en investigación e innovación a nivel europeo e global, fortalecendo o tecido científico e empresarial galegos, a través dunha combinación de liñas de traballo que, por unha parte, dea continuidade ás medidas de éxito existentes e, por outra parte, desenvolva novas iniciativas que impulsen as oportunidades emerxentes para o ecosistema galego de I+D+i. O programa Posicionamento do plan, no que se integra esta convocatoria, busca destacar os logros e capacidades de Galicia en investigación, desenvolvemento e innovación, situando a comunidade como un referente en áreas clave de coñecemento e tecnoloxía. A liña 5.2 deste programa (Participación en programas internacionais e de sinerxías con outros fondos) prevé, entre outras actuacións, a de habilitar liñas de apoio específicas para iniciativas que, tras obter avaliacións excelentes en convocatorias estatais ou europeas, non contasen con financiamento suficiente. Este mecanismo permitirá aproveitar o seu potencial, asegurando que o talento e os proxectos con alto potencial teñan os recursos necesarios para desenvolverse.
Todos estes factores poñen de manifesto a necesidade de xerar oportunidades a partir das convocatorias competitivas a nivel europeo e nacional, onde as entidades rexionais validan a calidade do seu proxecto empresarial ou de innovación no seu sentido amplo de I+D+i. Por todo iso, considérase conveniente deseñar novos programas de apoio para aquelas propostas que alcanzan un nivel de excelencia tras superar a elixibilidade e os limiares das convocatorias competitivas non rexionais. Con estas medidas, trátase de xerar novos mecanismos de redución das cargas administrativas e duplicidades nos procedementos de acreditación e avaliación, neste caso como medida específica para identificar a excelencia en proxectos empresariais innovadores de recente creación.
Ademais, entre as principais novidades do Plan destaca a planificación de tres iniciativas de alto impacto, como son a biotecnoloxía, as tecnoloxías profundas (intelixencia artificial e cuántica), e as tecnoloxías limpas. Estas iniciativas de alto impacto defínense no plan como iniciativas estratéxicas que permitirán concentrar recursos e materializar apostas concretas nos ámbitos de maior oportunidade para Galicia.
Esta orientación cara a ámbitos estratéxicos xustifica así mesmo, dende o punto de vista do financiamento europeo, que se inclúan proxectos enmarcados no obxectivo específico 1.6 do programa Galicia Feder 2021-2027. Estes proxectos estarán aliñados coa iniciativa STEP (Strategic Technologies for Europe Platform).
Por outro lado, a disposición adicional décimo primeira da Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación, que ten carácter básico, permite basear as convocatorias de subvencións das administracións públicas enmarcadas no ámbito da Estratexia española de ciencia, tecnoloxía e innovación nas avaliacións que realizasen previamente os axentes públicos destas ou outras administracións públicas nas súas convocatorias de axudas para o mesmo obxecto no ámbito da Estratexia española de ciencia, tecnoloxía e innovación. Nestes casos as axudas poderán concederse de forma directa.
Nesta liña, na convocatoria do programa Neotec do CDTI para o ano 2025, créase un novo distintivo denominado selo Neotec, que o organismo lles outorga a todas aquelas propostas que superaron un determinado limiar de puntuación na avaliación e que garante que a empresa ten a capacidade de desenvolver, nun futuro previsible, produtos, servizos ou procesos novos ou mellorados en comparación co estado actual da técnica no seu sector. Deste xeito, a asignación do selo Neotec facilita o acceso a un posterior financiamento das propostas desestimadas por falta de dispoñibilidade orzamentaria.
Co obxecto de promover o crecemento económico de Galicia, e dando cumprimento ao disposto no artigo 14.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Lei 9/2007), dítase esta resolución para a concesión de axudas públicas destinadas a apoiar os novos proxectos empresariais de pequenas empresas innovadoras que requiran o uso de tecnoloxías ou coñecementos desenvolvidos a partir da actividade investigadora e nos que a estratexia de negocio se basea no desenvolvemento de tecnoloxía, contribuíndo ao emprendemento e acelerando a transferencia de coñecemento.
Coa finalidade de identificar as empresas de recente creación de maior potencial que cumpren estes requisitos, considérase conveniente tomar como referencia un contorno onde estes proxectos empresariais teñan demostrado a súa competitividade polo menos no ámbito estatal.
O programa Neotec do CDTI (Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e a Innovación) ten por obxecto financiar a creación de empresas de base tecnolóxica con vocación de crecemento, contribuíndo ao emprendemento e acelerando a transferencia de coñecemento desde organismos de investigación públicos e universidades. Este obxectivo está comprendido entre as actuacións previstas no Plan nacional de recuperación, transformación e resiliencia, que recibirá o financiamento dos fondos NextGenerationEU, entre eles o Mecanismo de recuperación e resiliencia, establecido mediante o Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021.
O 30 de abril de 2025, a Presidencia do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e a Innovación (CDTI) aprobou a convocatoria para a concesión de axudas destinadas a novos proxectos empresariais de empresas innovadoras (programa Neotec) para o ano 2025.
O programa Neotec demostrou nos últimos anos ser un referente para identificar e apoiar o crecemento de startups e empresas tecnolóxicas, e responde aos obxectivos da Estratexia española de ciencia, tecnoloxía e innovación por ser un dos instrumentos do Plan estatal de investigación científica, técnica e de innovación. Ademais, o programa Neotec baséase no Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014 (en diante, Regulamento (UE) nº 651/2014), polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado, do cal cabe destacar os requisitos para ser considerado novo proxecto empresarial conforme o seu artigo 22, e a definición de empresa innovadora do punto 80 do artigo 2.
A estas bases reguladoras aplícaselles o principio de «non causar un prexuízo significativo» (DNSH, polas súas siglas en inglés), isto é, que ningunha das actuacións promovidas nestas bases incide negativamente en ningún dos seis obxectivos ambientais recollidos no artigo 17 do Regulamento (UE) nº 2020/852: mitigación do cambio climático, adaptación ao cambio climático, uso sustentable e protección dos recursos hídricos e mariños, transición cara a unha economía circular, prevención e control da contaminación, e protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas.
Consecuentemente con todo o anterior, a directora da Axencia Galega de Innovación, en exercicio das facultades que lle confire o artigo 17.3 do Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación,
DISPÓN:
Artigo 1. Obxecto da convocatoria
1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión das axudas da Axencia Galega de Innovación dirixidas á posta en marcha de novos proxectos empresariais que requiran o uso de tecnoloxía ou coñecementos desenvoltos a partir da actividade investigadora e nos que a estratexia de negocio se basee no desenvolvemento de tecnoloxía, rescatando para iso aqueles proxectos presentados á convocatoria de referencia (programa Neotec) que obtiveron o selo Neotec na devandita convocatoria do ano 2025 pero que non foron beneficiarios por insuficiencia de crédito (código de procedemento IN870A).
2. As axudas poderán destinarse a proxectos empresariais en calquera ámbito tecnolóxico e/ou sectorial. Con todo, non se adecúan a esta convocatoria os proxectos empresariais cuxo modelo de negocio se basee primordialmente en servizos a terceiros, sen desenvolvemento de tecnoloxía propia. Tampouco serán obxecto de axuda aquelas iniciativas que non reflictan claramente no seu proxecto de empresa a continuidade no desenvolvemento de tecnoloxía.
3. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse, en réxime de concorrencia non competitiva, as ditas axudas para o ano 2026, con carácter plurianual (código de procedemento IN870A), cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027. Estas axudas axustaranse ao establecido no artigo 22 do Regulamento (UE) nº 651/2014.
Artigo 2. Procedemento e réxime de aplicación
1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto nesta convocatoria, de conformidade co previsto nos artigos 19.2 e 22 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. As solicitudes, en todo caso, examinaranse e serán outorgadas, sempre que cumpran os requisitos exixidos nesta convocatoria, polo procedemento abreviado e por orde cronolóxica, ata o esgotamento do crédito orzamentario, do cal se dará a correspondente publicidade.
Para os efectos da determinación da prelación temporal, a data que se terá en conta será a data e hora de presentación da solicitude. No caso de presentación de achegas ou de que a solicitude requira emenda, terase en conta a data e hora en que a entidade solicitante presente correctamente toda a documentación e a información requirida. No caso de que máis dunha solicitude teña a mesma data de presentación, prevalecerá a solicitude cuxa data e hora de presentación fose anterior segundo conste no Rexistro Electrónico Xeral e, como último criterio de desempate, prevalecerá aquela á cal o sistema lle asignase automaticamente o número de entrada máis baixo.
Artigo 3. Financiamento
1. As subvencións financiaranse con cargo ao capítulo VII do orzamento da Axencia Galega de Innovación, na aplicación orzamentaria sinalada neste artigo.
– Para proxectos non STEP:
|
Aplicación orzamentaria |
Orixe dos fondos |
Ano 2026 |
Ano 2027 |
Ano 2028 |
Total |
|
07.A2.561A.770.0 (CP: 2023.00007) |
Feder |
250.000 euros |
500.000 euros |
250.000 euros |
1.000.000 euros |
– Para proxectos STEP:
|
Aplicación orzamentaria |
Orixe dos fondos |
Ano 2026 |
Ano 2027 |
Ano 2028 |
Total |
|
07.A2.561A.770.0 (CP: 2023.00007) |
Feder |
406.250 euros |
812.500 euros |
406.250 euros |
1.625.000 euros |
2. A distribución de fondos entre as anualidades é unha previsión que poderá axustarse tras o remate do prazo de presentación de solicitudes de axuda, sen incrementar o crédito total.
Poderán ampliarse os créditos dedicados a esta convocatoria logo da declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia das circunstancias establecidas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009 e, de ser o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.
3. As axudas desta convocatoria serán cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa de Galicia Feder 2021-2027. En particular:
a) Para os proxectos non STEP:
– Obxectivo político 1: unha Europa máis competitiva e intelixente, promovendo unha transformación económica innovadora e intelixente e unha conectividade rexional ás tecnoloxías da información e das comunicacións.
– Prioridade P1A: transición dixital e intelixente.
– Obxectivo específico: RSO 1.1: desenvolver e mellorar as capacidades de investigación e innovación e asimilar tecnoloxías avanzadas.
– Tipo de acción 1.1.07: articulación de diferentes apoios para fomentar as sinerxías e complementariedades con axuda doutras administracións: nacional e europea.
– Subtipo de acción 1.1.07.2: rescate de proxectos estatais e europeos.
– Tipo de intervención:
– TI 010. Actividades de investigación e innovación en pemes, incluída a creación de redes.
Os indicadores do programa Galicia Feder 2021-2027 correspondentes a estas axudas son os seguintes:
– Indicadores de realización: RCO01 Empresas apoiadas (empresas) e RCO02 Empresas apoiadas a través de subvencións (empresas).
– Indicador de resultado: RCR02 Investimentos privados que acompañan o apoio público (euros).
b) Para os proxectos STEP:
– Obxectivo político 1: unha Europa máis competitiva e intelixente, promovendo unha transformación económica innovadora e intelixente e unha conectividade rexional ás tecnoloxías da información e das comunicacións.
– Prioridade P1C: transición dixital e intelixente STEP.
– Obxectivo específico: RSO 1.6: apoio a inversións que contribúan aos obxectivos da Plataforma de tecnoloxías estratéxicas para Europa (STEP) a que se refire o artigo 2 do Regulamento (UE) nº 2024/795 do Parlamento Europeo e do Consello.
– Tipo de acción 1.6.06: rescate de proxectos estratéxicos.
– Tipo de intervención: TI 010: actividades de investigación e innovación en pemes, incluída a creación de redes.
Os indicadores do programa Galicia Feder 2021-2027 correspondentes a estas axudas son os seguintes:
– Indicadores de realización: RC001 Empresas apoiadas (das cales microempresas, pequenas, medianas, grandes) e RCO02 Empresas apoiadas a través de subvencións (empresas).
– Indicador de resultado: RCR02 Investimentos privados que acompañan o apoio público (euros).
4. A taxa de cofinanciamento do programa Galicia Feder 2021-2027 é, para os proxectos non STEP, do 60 % do gasto elixible, computándose o 40 % restante como investimento privado elixible das entidades beneficiarias. No caso dos proxectos STEP, a taxa de cofinanciamento será do 100 % do gasto elixible.
Artigo 4. Entidades beneficiarias
1. Terán a consideración de entidades beneficiarias as pequenas empresas innovadoras que, presentando unha solicitude de axuda á convocatoria de referencia e obtendo o selo Neotec conforme o artigo 14 da convocatoria de referencia, resultasen desestimadas por insuficiencia de orzamento dispoñible para financiar o proxecto con cargo á devandita convocatoria, conforme a resolución definitiva da Presidencia do CDTI da convocatoria do programa Neotec do ano 2025.
2. As entidades beneficiarias deberán ter sede social ou centro de traballo permanente en Galicia na data de presentación da solicitude á convocatoria de referencia.
3. Así mesmo, as entidades beneficiarias deberán cumprir os seguintes requisitos:
a. Cumprir coa definición de pequena empresa segundo a definición establecida no anexo III desta convocatoria.
b. Non estar cotizadas nin engadirse nunha bolsa de valores, excepto as plataformas de negociación alternativa.
c. Estar constituídas como máximo nos cinco anos anteriores á data de peche do prazo de presentación de solicitudes de axuda á presente convocatoria, contados desde a data de outorgamento da escritura de constitución da empresa.
d. Non ter distribuído beneficios.
e. Non terse feito cargo da actividade doutra empresa, a non ser que o volume de negocios da actividade adquirida supoña menos do 10 % do volume de negocios da empresa subvencionable no exercicio financeiro previo á absorción.
f. Non ter adquirido outra empresa ou terse formado mediante concentración de empresas, salvo que o volume de negocios desa empresa adquirida supoña menos do 10 % do volume de negocios da empresa subvencionable no exercicio financeiro previo á adquisición ou que o volume de negocios da empresa formada mediante concentración sexa superior en menos dun 10 % ao volume combinado das dúas empresas fusionadas no exercicio previo á súa concentración. Non obstante, as empresas formadas mediante concentración de empresas que, pola súa vez, cumpran os requisitos para optar ás axudas, consideraranse tamén empresas subvencionables ata un máximo de cinco anos a partir da data de rexistro da empresa máis antiga que participe na concentración.
g. Contar cun capital social mínimo, ou capital social máis prima de emisión ou asunción, de 20.000 euros, desembolsado integramente e inscrito totalmente no rexistro correspondente antes da presentación da solicitude.
4. Non poderán adquirir a condición de entidade beneficiaria as seguintes:
a. As pequenas empresas nas cales concorra algunha das prohibicións recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, nin aquelas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión Europea que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
b. As empresas en crise conforme a definición contida no anexo III desta convocatoria.
c. As entidades do sector público institucional comprendidas no artigo 2 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (en diante, Lei 40/2015), fóra das sociedades mercantís públicas.
d. As entidades que incumpran os prazos de pagamento a que se refire o artigo 13.3.bis da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (en diante, Lei 38/2003).
Artigo 5. Actividades obxecto de subvención
1. Financiaranse as actividades relativas á posta en marcha de novos proxectos empresariais que requiran o uso de tecnoloxías ou coñecementos desenvoltos a partir da actividade investigadora e nos cales a estratexia de negocio se basee no desenvolvemento de tecnoloxía, conforme o artigo 2 da convocatoria de referencia.
2. As axudas poderán destinarse a proxectos empresariais en calquera ámbito tecnolóxico e/ou sectorial. Con todo, non se adecúan a esta convocatoria os proxectos empresariais cuxo modelo de negocio se basee primordialmente en servizos a terceiros, sen desenvolvemento de tecnoloxía propia.
3. Primarase a incorporación de persoas con grao de doutor/a (en diante, doutor/a/es/as) á empresa para reforzar as súas capacidades de absorción e xeración de coñecemento.
4. As axudas solicitaranse para actuacións anuais ou plurianuais, sendo a duración de 12 meses (1 ano) ou 24 meses (2 anos). A data de comezo dos proxectos será o 1 de xullo de 2026.
5. Os períodos de emisión de facturas e realización de pagamentos atenderán ao establecido no artigo 26.
6. Será requisito indispensable para ser elixible o aliñamento do proxecto cos retos, prioridades e ámbitos de priorización da Estratexia de especialización de Galicia (RIS3).
7. En cumprimento do artigo 9.4 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de apoio financeiro á xestión de fronteiras e á política de visados (en diante, Regulamento (UE) nº 2021/1060), todos os proxectos financiados ao abeiro destas bases reguladoras deben respectar o principio de non causar un prexuízo significativo ao ambiente (principio DNSH, polas súas siglas en inglés, Do no significant harm).
En atención ao considerando 10 do Regulamento (UE) nº 2021/1060, o principio de non causar un prexuízo significativo ao ambiente debe interpretarse no sentido do artigo 17 do Regulamento (UE) nº 2020/852, relativo ao establecemento dun marco para facilitar os investimentos sustentables, que fixan os obxectivos ambientais que se van protexer:
a. Mitigación do cambio climático.
b. Adaptación ao cambio climático.
c. Uso sustentable e protección dos recursos hídricos e mariños.
d. Transición cara a unha economía circular.
e. Prevención e control da contaminación.
f. Protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas.
8. No caso de proxectos STEP, estes deberán encadrarse en, polo menos, un dos ámbitos das tecnoloxías fundamentais STEP recollidos no anexo V desta convocatoria, de tal xeito que os obxectivos establecidos neles se dirixan cara a un ou máis dos ámbitos propostos.
Artigo 6. Intensidade das axudas e concorrencia
1. As axudas concederanse en forma de subvención e realizarase conforme o artigo 22 do Regulamento (UE) nº 651/2014, cos seguintes límites:
a) No caso dos proxectos non STEP:
– Poderase financiar ata o 60 % do orzamento elixible da actuación, cun importe máximo de subvención de 250.000 euros por entidade beneficiaria, que poderán chegar aos 325.000 euros no caso de actuacións que inclúan a contratación laboral de polo menos un doutor, nos termos previstos no artigo 7.5 desta convocatoria.
b) No caso dos proxectos STEP:
– Poderase financiar ata o 70 % do orzamento elixible da actuación, cun importe máximo de subvención de 250.000 euros por entidade beneficiaria.
– As actuacións que inclúan a contratación laboral de polo menos un doutor, nos termos previstos no artigo 7.5 desta convocatoria, poderanse financiar ata o 85 % do orzamento da actuación, cun importe máximo de subvención de 325.000 euros por entidade beneficiaria.
2. A actuación deberá ter un orzamento financiable mínimo de 175.000 euros e máximo de 750.000 euros.
3. As axudas poderán ser compatibles coa percepción doutras axudas procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional, internacional ou da Unión Europea, sempre que o seu importe conxunto sexa de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas, non supere o 100 % do gasto ou do límite fixado pola normativa de aplicación ás axudas.
As axudas concedidas ao abeiro desta convocatoria non serán compatibles coa obtención da axuda procedente do CDTI ou de Gain para a mesma finalidade, é dicir, o apoio á creación de novos proxectos empresariais baixo o programa Neotec ou do programa de recuperación excelencia Neotec de Gain, en calquera das súas convocatorias.
En todo caso, a entidade deberá comunicar a obtención doutras axudas, subvencións, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, unha vez que teñan coñecemento da súa existencia e, en todo caso, con anterioridade á xustificación dos fondos percibidos, o que poderá orixinar as correspondentes minoracións no importe da axuda concedida.
Artigo 7. Gastos subvencionables
1. De acordo co recollido nas convocatorias de referencia, financiaranse os custos derivados da posta en marcha dun novo proxecto empresarial de empresas innovadoras.
2. Serán obxecto de financiamento os seguintes gastos:
a. Adquisición de activos fixos, materiais e inmateriais.
b. Gastos de persoal, nos termos do artigo 8 desta convocatoria.
c. Materiais e consumibles.
d. Contratación de servizos externos e subcontratacións.
e. Outros custos: alugueres, subministracións, canons e licenzas, gastos de solicitude e mantemento de patentes e outros dereitos de propiedade industrial, seguros, gastos de promoción e difusión, gastos derivados do informe dun auditor e gastos derivados da obtención do informe DNSH. Os gastos de auditoría poderán acadar un límite máximo de 1.500 euros, igual que ocorre cos gastos da obtención do informe DNSH, que tamén terán un límite máximo de 1.500 euros. Ambos os dous límites abranguen a totalidade do proxecto.
Será subvencionable o custo derivado da obtención dun informe de valoración do cumprimento do principio de non causar un prexuízo significativo ao ambiente (DNSH) mediante unha entidade acreditada pola ENAC. O informe debe incluír tanto a parte executada directamente polos beneficiarios como a parte subcontratada.
3. As categorías de gastos descritas nesta convocatoria son subvencionables conforme a Orde HFP/1414/2023, do 27 de decembro, do Ministerio de Facenda e Función Pública, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas financiados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Fondo de Transición Xusta para o período 2021-2027. A estes custos seralles de aplicación o previsto na devandita Orde HFP/1414/2023.
4. En ningún caso serán subvencionables os gastos financeiros, os investimentos en terreos, locais e obra civil, os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación, segundo establece o artigo 29 da Lei 9/2007, os gastos de manutención, e os gastos de locomoción e viaxes.
5. Non se consideran custos subvencionables os correspondentes a licenzas, taxas, impostos ou tributos. Con todo, de conformidade co previsto no artigo 29 da Lei 9/2007, o IVE ou o imposto indirecto equivalente poderán ser considerados elixibles coa condición de que non poidan ser susceptibles de recuperación ou compensación total ou parcial.
6. Non serán elixibles as actividades nin os investimentos excluídos no artigo 7 do Regulamento Feder, en particular os investimentos que impliquen combustión de combustibles fósiles.Tampouco se considerará subvencionable a adquisición de bens de segunda man.
7. A incorporación de doutor/a/es/as deberá cumprir os seguintes requisitos:
a. O perfil da persoa contratada corresponderá ao descrito no proxecto estratéxico da empresa e deberá adecuarse ás tarefas previstas na actividade investigadora da empresa. O/a doutor/a deberá participar no desenvolvemento da tecnoloxía base pola que se constitúe a empresa.
b. O doutor/a non deberá ter relación contractual laboral nin mercantil coa empresa nin participar no seu capital social con carácter previo á contratación.
c. O contrato laboral debe ser indefinido e a tempo completo.
d. A contratación deberá producirse con posterioridade á solicitude presentada á convocatoria de referencia, e realizarse antes dos seis meses previos á finalización do proxecto no caso de que este teña unha duración dun ano, ou antes de doce meses previos á finalización do proxecto empresarial financiable en caso de duración plurianual.
e. O/a doutor/a debe permanecer contratado, polo menos, ata o final do proxecto.
f. No caso de que se produza a substitución da persoa contratada de acordo co previsto na convocatoria, esta deberá producirse nun prazo non superior a tres meses desde a extinción do contrato do doutor substituído. En todo caso, a presenza de doutores de nova contratación na empresa deberá ser, polo menos, da metade da duración do proxecto.
g. Durante a execución do proxecto, só se permitirá, por cada posto de doutor de nova contratación aprobado na resolución de concesión, unha única substitución da persoa contratada.
h. O salario bruto da persoa contratada debe estar entre 30.000 euros e 50.000 euros. Poderanse contratar doutores por importes maiores aínda que o custo elixible máximo será de 50.000 euros máis Seguridade Social a cargo da empresa por cada doutor de nova incorporación e ano.
i. A imputación das horas da persoa contratada será do 100 %.
j. A persoa contratada deberá estar en posesión do título de doutor, obtido nunha universidade española ou estranxeira, na data da súa contratación pola empresa. No caso de ter obtido o título de doutor/a no estranxeiro, este terá que ter sido homologado en España antes da contratación.
8. O orzamento distribuirase por anualidades no formulario de solicitude (anexo I) conforme os prazos indicados no artigo 26. As contías totais da actuación subvencionable e os totais por custos subvencionables deberán coincidir co orzamento revisado por CDTI, conforme o informe de avaliación técnica e corresponderanse cos gastos indicados na memoria presentada ao CDTI na convocatoria de referencia, salvo os custos relacionados coa formación, de ter sido solicitados, que non serán en ningún caso financiados pola Axencia Galega de Innovación.
Artigo 8. Custos de persoal
1. O persoal que participa no proxecto e cuxos custos se imputen na solicitude da axuda deberá estar dado de alta laboral nun centro de traballo sito na Comunidade Autónoma de Galicia.
Recolleranse os custos relacionados cos investigadores, técnicos e demais persoal auxiliar, na medida en que estean dedicados ao proxecto ou actividade pertinente. Poderán imputarse gastos ao proxecto tanto de persoal con contrato laboral como de persoal autónomo socio da empresa, incluídas as novas contratacións de doutores.
2. Os custos de persoal serán subvencionables na medida en que se incorrese neles de maneira efectiva, e inclúen os salarios fixados nun contrato de traballo ou na lei e a parte proporcional do custo da Seguridade Social por conta da empresa. Consideraranse custos de persoal subvencionables os custos brutos de emprego do persoal do beneficiario, nos termos indicados no punto 6 do título II, da Orden HFP/1414/2023, do 27 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Fondo de Transición Xusta para o período 2021-2027.
3. O custo hora máximo financiable será de 45 euros.
4. Non se admitirán desviacións de máis dun 20 % respecto do custo hora indicado na memoria de solicitude do CDTI para cada traballador.
5. Non se considerarán subvencionables as imputacións de cotas da Seguridade Social do traballador autónomo, salvo que exista unha norma de rango legal que declare o custo da Seguridade Social do autónomo exento da base impoñible do IRPF e sexa a entidade beneficiaria a que realice o ingreso das cotas en lugar do traballador.
6. Calquera modificación no cadro de persoal asignado ao novo proxecto empresarial deberá ser motivada e xustificada, e será aprobada pola Axencia Galega de Innovación. En caso de se produciren substitucións, ademais, a persoa substituta deberá cumprir as mesmas condicións de perfil e contratación que a persoa que causou baixa.
Artigo 9. Subcontratación
1. A subcontratación deberá estar debidamente xustificada e motivada na memoria técnica presentada ao CDTI na convocatoria de referencia ou documento correspondente e deberá cumprir co establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, tendo en conta que, en todo caso, esta non poderá superar o límite do 50 % do custo total da actividade subvencionada.
2. Segundo o artigo 27.3 da Lei 9/2007, cando a actividade concertada con terceiros exceda o 20 % do importe da subvención e este importe sexa superior a 60.000 euros, a subcontratación estará sometida ao cumprimento dos seguintes requisitos:
a. Que o contrato se subscriba por escrito.
b. Que a súa subscrición a autorice previamente a entidade concedente da subvención na forma que se determine nas bases reguladoras.
Este contrato deberá ser autorizado pola Axencia Galega de Innovación. En caso de aprobación do proxecto, este contrato entenderase autorizado pola Axencia desde a data de inicio da súa execución, sempre que esta sexa posterior á de entrega da solicitude do proxecto.
3. En ningún caso a entidade beneficiaria poderá subcontratar con:
a. Persoas ou entidades incursas nalgunha das prohibicións que se recollen no artigo 10 da Lei 9/2007.
b. Persoas ou entidades que percibisen outras subvencións para a realización da actividade obxecto da contratación.
c. Intermediarios ou asesores en que os pagamentos se definan como unha porcentaxe do custo total da operación, agás que o devandito pagamentos estea xustificado con referencia ao valor de mercado do traballo realizado ou dos servizos prestados.
d. Persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias detalladas no artigo 43.2 do Decreto 11/2009.
En todo caso, de acordo co artigo 43.3 do Decreto 11/2009, a Axencia Galega de Innovación poderá comprobar, dentro do período de prescrición, o custo, así como o valor de mercado das actividades subcontratadas.
4. A entidade beneficiaria da axuda deberá prever mecanismos para asegurar que os subcontratistas cumpran co principio DNSH «non causar un prexuízo significativo ao ambiente» no sentido do artigo 17 do Regulamento (UE) nº 2020/852.
Neste sentido, a entidade beneficiaria da axuda exixiralles aos subcontratistas unha declaración responsable de cumprir co principio de non ocasionar un prexuízo significativo ao ambiente.
Tamén se lles deberá exixir unha declaración responsable de que se comprometen a conceder os dereitos e accesos necesarios para garantir que a Comisión, a Oficina Europea de Loita contra a Fraude (OLAF), o Tribunal de Contas Europeo, a Fiscalía Europea e as autoridades nacionais e autonómicas exerzan as súas competencias.
Artigo 10. Ofertas
Cando o importe dos gastos subvencionables supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público (en diante, Lei 9/2017) para o contrato menor (importe igual ou superior a 15.000 euros no momento de publicar estas bases), a entidade beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á súa contratación, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que os subministren, o que deberá xustificarse expresamente.
As tres ofertas ou orzamentos de provedores deberán reunir, como mínimo, os seguintes requisitos:
a. Comparabilidade: deberanse referir á mesma tipoloxía de elemento obxecto de investimento, con prestacións similares, e conter conceptos análogos e comparables e co detalle suficiente para a súa comparación.
b. Non vinculación: os provedores das tres ofertas non poderán ser vinculados entre si nin coa empresa solicitante. Para estes efectos, considérase que existe vinculación entre empresas se responden á definición de «empresas asociadas» ou de «empresas vinculadas» establecida nos números 2 e 3, respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.
c. Identificación do ofertante e do destinatario: deberán conter a razón social, o domicilio e o número ou código de identificación fiscal. Excepcionalmente, poderanse admitir ofertas ou orzamentos en que se omita algún dos elementos identificativos do emisor ou do destinatario cando, ao criterio da Axencia Galega de Innovación, se considere que están clara e inequivocamente identificados o ofertante e o destinatario.
d. Data e validez: todas as ofertas deberán mostrar unha data de emisión e un prazo de validez. As ofertas non poderán ter un prazo de validez vencido na data de presentación da solicitude.
Non serán admisibles as ofertas emitidas por provedores que non teñan a capacidade para a subministración do ben ou servizo ou que parezan de compracencia (contido e formato idénticos ou extremadamente similares entre ofertas, erros idénticos ou aparencia non habitual, entre outros).
Con carácter xeral, para cada elemento será subvencionable o importe correspondente á oferta de menor prezo de entre as comparables. Excepcionalmente, cando a solicitante non escolla a oferta de menor prezo, poderase considerar subvencionable o importe da oferta elixida cando acredite que se trata da oferta economicamente máis vantaxosa tras a valoración de diferentes criterios técnicos adicionais ao prezo.
Artigo 11. Forma, lugar e prazo de presentación das solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (en diante, Lei 39/2015), se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de maneira presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e firma admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. No formulario de solicitude (anexo I) inclúense as seguintes declaracións responsables:
a. Declaración responsable de todas as axudas solicitadas e concedidas para a mesma finalidade ou os mesmos custos, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional.
b. Declaración responsable de que os datos contidos nesta solicitude e nos documentos que se entregan son certos e acepta as condicións e obrigacións recollidas nesta convocatoria.
c. Declaración responsable de que non está incurso en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003.
d. Declaración responsable de que non está incurso en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007.
e. Declaración responsable de que está ao día no pagamento de obrigacións por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007 e o artigo 9 do Decreto 11/2009, e de reembolso de préstamos ou anticipos concedidos con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.
f. Declaración responsable de que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal solicita a axuda.
g. Declaración responsable de que manterá un sistema de contabilidade separada ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais de contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder.
h. Declaración responsable do cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 4.3 da convocatoria:
h.1. Non estar cotizadas, nin engadirse nunha bolsa de valores, agás as plataformas de negociación alternativa.
h.2. Estar constituídas como máximo nos cinco anos anteriores á data de peche do prazo de presentación de solicitudes de axuda á presente convocatoria, contado desde a data de outorgamento da escritura de constitución da empresa.
h.3. Non ter distribuído beneficios.
h.4. Non terse feito cargo da actividade doutra empresa, nin ter adquirido outra empresa ou formarse mediante concentración de empresas.
i. Declaración responsable do cumprimento dos prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, polo que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais (en diante, Lei 3/2004).
j. Declaración responsable de que conservará toda a documentación relativa a esta subvención durante un prazo de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que se efectúe o último pagamento da axuda, segundo o establecido no artigo 82 do Regulamento (UE) nº 2021/1060.
k. Declaración responsable de que se compromete a conceder os dereitos e accesos necesarios para garantir que a Comisión, a Oficina Europea de Loita contra a Fraude (OLAF), o Tribunal de Contas Europeo, a Fiscalía Europea e as autoridades nacionais e autonómicas exerzan as súas competencias.
l. Declaración responsable de non estar en crise conforme o disposto no artigo 2.18 do Regulamento (UE) nº 651/2014. A Axencia Galega de Innovación utilizará os medios que considere oportunos para a súa verificación e requirirá ao solicitante, se for necesario, os documentos oportunos.
m. Declaración responsable de non estar suxeita a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común. A Axencia Galega de Innovación utilizará os medios que considere oportunos para a súa verificación e requirirá ao solicitante, se for necesario, os documentos oportunos.
n. Declaración responsable de que os provedores non están asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, e que non concorren neles ningunha das prohibicións recollidas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, nin no artigo 43 do Decreto 11/2009, tendo en conta, ademais, o disposto no Regulamento (UE) nº 651/2014 sobre empresas vinculadas.
ñ. Declaración responsable de que cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións, así como a normativa vixente sobre accesibilidade de persoas con discapacidade, e a normativa ambiental exixible, en particular, a normativa reguladora da Rede Natura 2000 e demais espazos naturais protexidos, a Lei 21/2013, de avaliación ambiental, e o Real decreto lexislativo 1/2016, e que se compromete a presentar todas as licenzas, autorizacións e permisos necesarios para o desenvolvemento da actuación.
o. Declaración responsable de que asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeitas de fraude.
p. Declaración responsable de que cumpre cos criterios da definición de pequena empresa establecidos pola Comisión Europea no Regulamento (UE) nº 651/2014.
q. Declaración responsable do cumprimento dos principios horizontais recollidos no artigo 9 do Regulamento 2021/1060 en materia de igualdade, accesibilidade e dereitos fundamentais.
A Axencia Galega de Innovación realizará as comprobacións documentais necesarias para garantir que as empresas para as que se propón a concesión da axuda teñen a condición de pequena empresa.
Deberase comunicar calquera variación das circunstancias recollidas nas devanditas declaracións no momento en que se produza.
3. O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará a computarse unha vez transcorridos cinco días hábiles, que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, ás 9.00 horas, e rematará ás 23.59 horas do día 30 de setembro de 2026.
4. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.
Artigo 12. Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I), a seguinte documentación:
a. Documentación económico-administrativa:
a.1. Anexo II.bis, declaración relativa á condición de Peme.
No caso de pequenas empresas vinculadas, asociadas ou participadas de acordo cos criterios establecidos no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, e segundo as explicacións comprendidas no anexo II desta convocatoria, deberase achegar para cada unha das empresas vinculadas ou asociadas a documentación dos puntos a.2), a.4) e a.5) deste artigo. A Axencia Galega de Innovación utilizará os medios que considere oportunos para a súa verificación e requirirá ao solicitante, se for necesario, os documentos oportunos.
a.2. Nota simple ou certificación do Rexistro Mercantil actualizadas, de ser o caso, en que se especifique a data de constitución, administrador/es da sociedade (nome e apelidos ou razón social), o obxecto social, capital, sede social e clasificación CNAE. No caso de que estes documentos non estean actualizados ou non se dispoña deles, poderase substituír o dito certificado pola presentación das escrituras de constitución da empresa solicitante e as súas modificacións posteriores debidamente rexistradas.
a.3. No caso de que o asinante da solicitude non actúe como administrador único para a representación da entidade, deberá achegar documento acreditativo do poder de representación con validez xurídica.
a.4. Declaración completa do imposto de sociedades do último exercicio pechado, modelo 200 da Axencia Tributaria Estatal. No caso de non ter antigüidade suficiente para ter obriga de presentar o modelo 200, achegarase unha declaración responsable conforme non se pechou o exercicio fiscal e a obriga de presentar o imposto de sociedades.
a.5. No caso de non ter traballadores dados de alta no réxime xeral da Seguridade Social, achegarase o documento acreditativo emitido pola Seguridade Social e a declaración responsable do representante legal da entidade de non ter traballadores.
a.6. Documentación acreditativa de que a entidade beneficiaria conta cun capital social mínimo, ou capital social máis prima de emisión ou asunción, de 20.000 euros, desembolsado integramente e inscrito totalmente no rexistro correspondente antes da presentación da solicitude, no prazo dun mes desde a data de publicación da resolución de concesión da axuda.
a.7. Declaración responsable do cumprimento do principio DNSH (anexo IV).
a.8. Só no caso de proxectos STEP, ficha do cumprimento do Regulamento STEP (anexo V).
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 13. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a. DNI/NIE da persoa solicitante.
b. NIF da entidade solicitante.
c. NIF da entidade representante.
d. DNI/NIE da persoa representante que asine a solicitude.
e. Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa AEAT.
f. Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
g. Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda e Administración Pública.
h. Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
i. Comprobación de subvencións e axudas públicas concedidas.
j. Documentación depositada no Rexistro Mercantil, segundo o artigo 12.1.a.a2 das bases reguladoras.
k. Titularidade real, no Rexistro Central de Titularidades Reais (RCTIR), en aplicación do disposto no artigo 69.2 do Regulamento (UE) nº 2021/1060.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado para tal efecto no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.
Artigo 14. Información e publicidade
A Axencia Galega de Innovación informará as entidades beneficiarias de que a aceptación da axuda implica que pasarán a formar parte da lista de operacións que publicará nun sitio web a autoridade de xestión, co contido previsto no número 3 do artigo 49 do Regulamento (UE) nº 2021/1060.
Artigo 15. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia (en diante, Lei 4/2019), as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta ao dispor das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpren a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta ao dispor da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora e do procedemento administrativo común.
Artigo 16. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 17. Información ás persoas interesadas
1. Sobre este procedemento administrativo poderase obter información adicional na Axencia Galega de Innovación a través dos seguintes medios:
a) Páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal), na súa lapela de axudas.
b) Nos teléfonos 881 99 91 21 e 881 99 91 62 da devandita axencia.
c) No enderezo electrónico servizos.gain@xunta.gal
d) Na Guía de procedementos e servizos administrativos no enderezo http://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos
2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este procedemento e as incidencias no funcionamento na sede electrónica poderá facerse uso do teléfono de Información xeral da Xunta de Galicia 012.
3. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, as entidades beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e dos aspectos previstos no artigo 6 e seguintes da Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais (en diante, Lei orgánica 3/2018).
4. En cumprimento do previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, o texto da convocatoria e a información requirida serán comunicadas á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación, de acordo co establecido no Real decreto 130/2019, do 8 de marzo, polo que se regula a Base de datos nacional de subvencións e a publicidade das subvencións e demais axudas.
Artigo 18. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno (en diante, Lei 1/2016) e no artigo 15 da Lei 9/2007.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 19. Instrución do procedemento
1. A Área de Servizos da Axencia Galega de Innovación será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión das subvencións, e corresponderalle á persoa titular da Dirección da Axencia Galega de Innovación ditar as resolucións de outorgamento das devanditas axudas.
2. O procedemento iniciarase de oficio, en réxime de concorrencia non competitiva, mediante a publicación desta convocatoria.
As solicitudes tramitaranse en función da súa orde cronolóxica de entrada no rexistro electrónico da Xunta de Galicia. Para tal fin, considerarase data de presentación aquela en que a solicitude estea validamente cuberta e acompañada da totalidade dos documentos exixidos nesta convocatoria. Naqueles supostos en que se lles requira ás entidades solicitantes a emenda de erros ou omisións na solicitude ou na documentación presentada, ou ben se presenten documentos posteriores, entenderase por rexistro de entrada da solicitude a data en que o dito requirimento foi correctamente atendido.
3. Se a solicitude presentada non reúne os requisitos exixidos, requirirase a entidade solicitante para que no prazo de dez días hábiles a emende ou achegue os documentos preceptivos, advertíndoa de que, no caso de non atender o requirimento, se considerará que desiste da súa petición, de acordo co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da citada lei.
A documentación requirida presentarase electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, de acordo co disposto no artigo 14 da Lei 39/2015.
4. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse ao solicitante para que forneza cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para tramitar e resolver os procedementos e para o seguimento e avaliación da RIS3 en que se enmarcan estas axudas.
5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán ao dispor do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, en que se indicarán as causas desta.
6. Durante a fase de instrución revisarase se o proxecto cumpre cos requisitos para considerarse STEP, de acordo co Regulamento (UE) nº 2024/795, do 29 de febreiro de 2024, polo que se crea a Plataforma de tecnoloxías estratéxicas para Europa (STEP). No caso de que non sexa así, propoñerase unha clasificación alternativa do proxecto como non STEP, polo que a intensidade da axuda se axustará ao disposto no artigo 6.a).
7. O feito de non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto no artigo 50 e seguintes da Lei 9/2007.
Artigo 20. Trámite de audiencia
1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, poñerase de manifesto ás persoas interesadas para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.
2. Poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.
Artigo 21. Resolución e notificación
1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor elevará a proposta de resolución á persoa titular da Dirección da Axencia Galega de Innovación para ditar a resolución de concesión, que deberá estar debidamente motivada.
2. Á vista da proposta formulada e segundo o que dispón o artigo 21.4 da Lei 9/2007, ao non ser tidos en conta outros feitos ou outras alegacións e probas que as aducidas polas persoas interesadas, a persoa titular da Dirección da Axencia Galega de Innovación ditará as correspondentes resolucións definitivas de concesión ou denegación.
3. A resolución estimatoria indicará, cando menos, a identificación da entidade beneficiaria, a contía e intensidade da subvención e obrigacións que correspondan, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse coa axuda, o plan financeiro e o calendario de execución, así como os demais requisitos previstos na normativa que debe conter o documento polo que se establecen as condicións de axuda (DECA). Os efectos da resolución estimatoria estarán condicionados a que a persoa beneficiaria, no prazo de dez días contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución de concesión, acepte as condicións do programa. Non poderá aceptarse o consentimento tácito da axuda de acordo co artigo 125.3.c) do Regulamento (UE) nº 1303/2013 (RDC).
4. A resolución expresará, cando menos:
a. A denominación das entidades beneficiarias da axuda.
b. O importe global da axuda concedida.
c. A lista de solicitudes denegadas, xunto coa súa causa de denegación.
d. A desestimación expresa do resto das solicitudes que non se admitiron a trámite.
5. En todo caso, deberá notificarse a cada entidade beneficiaria un documento no cal deberán figurar, como mínimo, a identificación da entidade beneficiaria, a contía da subvención e obrigacións que correspondan, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse coa axuda, o plan financeiro e o calendario de execución, así como os demais requisitos previstos na normativa que debe conter o documento polo que se establecen as condicións de axuda (DECA).
6. O contido do DECA notificado deberá ser aceptado polo beneficiario no prazo de dez días hábiles contado desde o seguinte ao da súa recepción e, para tal fin, asinará e remitirá ao órgano concedente un documento en que se aceptan as obrigas e compromisos do DECA e declara que cumpre as condicións requiridas para poder ser beneficiario de axudas Feder, en particular as relativas ao tamaño da empresa e a non consideración de empresa en crise. A falta desa aceptación expresa terá como consecuencia a perda da condición de beneficiario da axuda.
7. No expediente da subvención tamén se fará constar o informe do órgano instrutor en que conste que, da información que ten no seu poder, se desprende que as entidades beneficiarias cumpren os requisitos necesarios para acceder ás axudas.
8. O prazo máximo para resolver as solicitudes presentadas ao abeiro desta convocatoria será de tres meses contados a partir do día seguinte ao da fin do prazo de presentación de solicitudes. De non mediar resolución expresa no devandito prazo, os solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.
9. Notificaránselles ás entidades beneficiarias os correspondentes DECA e as resolucións individuais nun único acto. A relación de resolucións individuais será publicada posteriormente, para os efectos informativos, no Diario Oficial de Galicia e na páxina web http://gain.xunta.gal de acordo co establecido na Lei 39/2015. Nas publicacións que se realicen tanto no Diario Oficial de Galicia como na páxina web da Axencia Galega de Innovación indicaranse a data da convocatoria, a entidade beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade da axuda outorgada.
10. As entidades que resulten beneficiarias da subvención deberán achegar a seguinte documentación:
a. Un informe positivo do cumprimento do principio de non causar un prexuízo significativo ao ambiente (DNSH) mediante unha entidade acreditada por ENAC no prazo de tres meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución de concesión da axuda. No caso de non presentar o dito informe no prazo indicado, revogarase a axuda concedida. De xeito excepcional, as entidades beneficiarias poderán solicitar unha prórroga, por causas debidamente xustificadas de ata un mes.
Artigo 22. Réxime de recursos
1. Segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, contra as resolucións ditadas pola persoa titular da Dirección da Axencia Galega de Innovación ao amparo desta resolución de convocatoria as persoas interesadas poderán interpoñer recurso de alzada, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se o acto non for expreso, o solicitante e outras posibles persoas interesadas poderán interpoñer o recurso de alzada en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co previsto nesta resolución, se produzan os efectos do silencio administrativo.
2. Contra as resolucións de reintegro, que poñen fin á vía administrativa, poderase interpoñer un recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015.
Artigo 23. Renuncia
A renuncia á subvención poderase facer na sede electrónica onde se tramitou o procedemento ou por calquera outro medio que permita a súa constancia, sempre que incorpore as sinaturas que correspondan ás persoas coa capacidade de obrar en nome da entidade beneficiaria, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015. A directora da Axencia Galega de Innovación ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21.1 da devandita norma.
Artigo 24. Modificación da resolución
1. As actuacións subvencionadas deben executarse no tempo e na forma que se determinen nas resolucións de concesión. Con todo, cando xurdan circunstancias concretas que alteren as condicións técnicas ou económicas tidas en conta para a concesión da axuda, estas poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión por instancia do beneficiario, sempre que se cumpran os seguintes requisitos:
a) Que a modificación sexa autorizada expresamente polo órgano concedente.
b) Que a modificación non afecte os obxectivos perseguidos coa axuda, os seus aspectos fundamentais ou que fosen determinantes para a concesión da axuda, a determinación da entidade beneficiaria, nin danen dereitos de terceiros.
c) Que as modificacións obedezan a causas sobrevidas que non puideron preverse no momento da solicitude. Os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de concorreren na concesión inicial, non poderían supoñer a denegación da subvención, nin poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tivesen lugar con posterioridade a ela.
2. A solicitude de modificación debe ser formulada polo representante legal da entidade beneficiaria, expresando os motivos dos cambios que se propoñen e xustificando a imposibilidade de cumprir as condicións expostas na resolución de concesión.
Salvo naqueles supostos en que proceda a aplicación do establecido no artigo 59 do Decreto 11/2009, non se admitirán cambios con data anterior á entrada no Rexistro da solicitude de modificación.
3. En relación coa solicitude de cambio nas partidas e conceptos de gasto subvencionados, deberanse solicitar ao mesmo nivel de detalle que o empregado na solicitude de axuda e na convocatoria de referencia.
4. Para os efectos de facilitar a xestión do orzamento adxudicado, poderase solicitar unha redistribución entre as anualidades concedidas, modificando cada anualidade cun límite do 40 % do custo total concedido por beneficiario, variando proporcionalmente calquera das anualidades orzadas e que non estean xustificadas.
5. Permítese a modificación dos gastos asociados á contratación de novos/as doutores/as para trasladalos a outro subconcepto de gastos de persoal, sempre que estea debidamente motivada. De non producirse a contratación de ningún dos/das doutores/as previstos/as, ou non respectar o disposto no artigo 7.5 en relación coa súa incorporación, incorrerase nun suposto de incumprimento, o cal supoñerá a aplicación do límite establecido no artigo 6.1.a) para o importe máximo de subvención concedida ou a minoración da intensidade da axuda que corresponda.
6. Só se poderá facer unha substitución por cada doutor/a de nova incorporación aprobado.
7. En ningún caso poderán autorizarse modificacións que impliquen a aprobación de condicións que non superasen a avaliación inicial, ou que afectasen a determinación da entidade beneficiaria. Tampouco se autorizarán modificacións que, no seu conxunto, supoñan a redución do orzamento inicial financiable da actuación nunha porcentaxe equivalente á establecida no artigo 31.5 da presente convocatoria para entender o incumprimento total dos fins para os que se concedeu o financiamento.
8. Non se admitirán máis de dúas solicitudes de modificación por proxecto. A data límite para presentar a solicitude de modificación finalizará tres meses antes da fin da anualidade afectada pola devandita modificación.
9. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado pola persoa titular da Dirección da Axencia Galega de Innovación, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se dará audiencia ao interesado. A autorización da modificación deberá realizarse de forma expresa e notificaráselle ao interesado.
Artigo 25. Obrigas das entidades beneficiarias
Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, así como daqueloutras específicas que se indican nesta convocatoria e normativa de aplicación, as entidades beneficiarias das subvencións concedidas ao amparo desta resolución quedan obrigadas a:
a. Realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención e a acreditalo ante o órgano concedente, así como cumprir os requisitos, os prazos e as condicións establecidas nas normas reguladoras, na convocatoria e na resolución de concesión, e no documento en que se establecen as condicións de axuda.
b. Xustificar ante a Axencia Galega de Innovación, de acordo co previsto nestas bases e na normativa reguladora de subvencións, o cumprimento dos requisitos e condicións, a realización da actividade e dos gastos subvencionables e o cumprimento da finalidade que determinan a concesión e o desfrute da subvención.
c. Proceder ao reintegro, total ou parcial, da subvención percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e no resto de casos previstos na Lei 9/2007.
d. Fornecer á Administración, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento das obrigas previstas na Lei 1/2016.
e. Someterse ás actuacións de comprobación e/ou control financeiro que poidan realizar os distintos órganos de control a nivel autonómico, estatal ou comunitario, en particular o órgano concedente, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, a Intervención Xeral da Administración do Estado, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, ou, en xeral, as verificacións previstas no artigo 74 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 que realice por organismo intermedio, a autoridade de xestión e, no seu caso, os órganos de control da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e outras instancias de control como a Oficina de Loita Contra a Fraude ou a Fiscalía Europea, achegando canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. Para tal fin, garantirase que todos os documentos xustificativos da operación se conserven durante un prazo de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que se efectúe o último pagamento ao/á beneficiario/a, segundo o establecido no artigo 82 do Regulamento (UE) nº 2021/1060.
f. A entidade beneficia deberá someterse ás actuacións de control e análise de riscos que poida efectuar a autoridade de xestión e/ou o organismo intermedio do programa e, de ser o caso, outros órganos competentes, con axuda de aplicacións informáticas específicas, tales como a ferramenta Arachne. Poderá utilizarse a información comunicada pola entidade beneficiaria, de conformidade coa normativa comunitaria e nacional aplicable ao Feder/FTX.
g. Comunicar á Axencia Galega de Innovación a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.
h. Desenvolver as actividades na Comunidade Autónoma de Galicia. Os diferentes activos fixos, materiais e inmateriais, que se adquiran deben incorporarse a un centro de traballo permanente e legalmente constituído nesta comunidade autónoma.
i. Solicitar á Axencia Galega de Innovación a autorización previa para realizar aquelas modificacións no desenvolvemento das actuacións aprobadas. A realización de modificacións non autorizadas no orzamento financiable supoñerá a non admisión das cantidades desviadas.
j. Dar publicidade ás axudas recibidas nos contratos de servizos, así como en calquera outro convenio ou contrato relacionado coa execución da actuación, incluída a subcontratación, e en axudas, publicacións, relatorios, equipamentos, material inventariable e actividades de difusión de resultados financiadas con elas, mencionando expresamente a súa orixe e o cofinanciamento con fondos estruturais da Unión Europea. Ademais, deberán publicar a concesión da axuda na páxina web da empresa. Concretamente, na documentación, carteis, propaganda ou publicacións que se elaboren para a súa difusión pública deberá figurar o logotipo da Axencia Galega de Innovación e a frase «subvencionado pola Axencia Galega de Innovación» e cofinanciado pola Unión Europea.
As instrucións detalladas relativas ás obrigas de publicidade da axuda estarán á disposición na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal), na súa epígrafe Axudas.
k. Ao tratarse de subvencións cofinanciadas con fondos da Unión Europea, no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, en relación coa publicidade do financiamento, segundo o previsto no artigo 50 do Regulamento (UE) nº 2021/1060, a entidade beneficiaria deberá, durante a realización da operación:
1. Na súa páxina web oficial, cando exista a dita web, e nas súas contas de redes sociais fará unha breve descrición da operación, de forma proporcionada en relación co nivel de axuda, cos seus obxectivos e resultados, e destacará a axuda económica da Unión Europea.
2. Nos documentos e materiais de comunicación destinados ao público e relacionados coa execución da actuación achegará unha declaración que destaque de forma visible as axudas da Unión Europea.
3. Exhibirá unha placa permanente nun lugar ben visible para o público en que figure o emblema da Unión Europea, tan pronto como comece a execución física das operacións cuxo custo total supere os 500.000 euros e que impliquen investimentos físicos ou se instalen equipamentos.
4. Para as operacións non encadradas no punto anterior, exhibirá nun lugar ben visible para o público polo menos un cartel de tamaño A3, como mínimo, ou unha pantalla electrónica equivalente con información sobre a actuación onde se destaque a axuda dos fondos europeos.
En todas as obrigas anteriores deberá empregarse o emblema europeo xunto a unha declaración sinxela en relación co cofinanciamento, que mencione o apoio recibido da Unión Europea (Cofinanciado pola Unión Europea) e máis o logotipo de Fondos Europeos. Estes emblemas e logotipos, listos para o seu uso, poden descargarse no seguinte enlace: https://www.conselleriadefacenda.gal/documents/20696201/20982442/Logos_web.zip
Cando varias actuacións teñan lugar na mesma localización, só é preciso colocar unha placa ou cartel.
Durante o período de obrigatoriedade de conservación da documentación, as entidades beneficiarias deberán conservar, preferentemente en formato dixital, unha copia de todos os materiais de comunicación e publicidade que elaboren no marco da actuación. Este material deberase poñer á disposición da Xunta de Galicia ou das institucións da Unión Europea, se o solicitaren.
Respectaranse en todo caso as directrices contidas no documento sobre «O uso do emblema europeo no contexto dos programas da UE 2021-2027» (https://commission.europa.eu/system/files/2021-05/eu-emblem-rules_es.pdf) e as características técnicas descritas no anexo IX do Regulamento (UE) nº 2021/1060.
l. No caso de persoal de nova contratación, farase mención expresa no contrato ao cofinanciamento pola Unión Europea e á presente convocatoria.
Para o resto de persoal dedicado ás actividades do proxecto, a entidade beneficiaria deberá comunicar por escrito ao traballador que parte do seu salario está a ser cofinanciado pola Unión Europea, e incluirá unha mención expresa á presente convocatoria.
m. Manter un sistema de contabilidade separada ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais de contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados con fondos Feder.
n. Facilitar cantos datos resulten necesarios no marco da avaliación da RIS3 de Galicia, do Plan galego de investigación e innovación 2025-2027 ou doutros mecanismos relacionados coa medición da I+D+i, entre outros, as enquisas do INE. Tendo en conta que a localización do proxecto ten que ser Galicia, os datos asignados aos citados instrumentos de avaliación deberán estar consignados á Comunidade Autónoma de Galicia.
No marco de seguimento e avaliación da RIS3 Galicia, desenvolverase un seguimento específico das axudas concedidas. Este seguimento estará baseado na recompilación de información acerca dos resultados económicos e científico-técnicos obtidos polas entidades beneficiarias. Para tales efectos, e por indicación da Axencia Galega de Innovación, durante a execución e ao finalizar a axuda (expost), as entidades beneficiarias deberán proporcionar información relativa a unha serie de indicadores, entre os que se incluirán indicadores xerais e específicos de I+D+i.
ñ. Comprometerse a evitar os impactos negativos no ambiente na execución das actuacións, respectando o principio de «non causar un prexuízo significativo» (principio Do no significant harm-DNSH), no sentido establecido no artigo 9.4 do Regulamento (UE) nº 2021/1060.
o. Facilitar os datos da titularidade real dos perceptores de financiamento da Unión Europea, en aplicación do disposto no artigo 69.2 do Regulamento (UE) nº 2021/1060, no caso de que teña a condición de persoa xurídica, se, efectuada a consulta ao Rexistro Central de Titulares Reais, non se dispón da citada información.
p. Comunicar calquera reclamación ou litixio que afecte a operación, promovido por propia iniciativa ou por calquera cidadán ou parte interesada, sen prexuízo da posibilidade de utilizar as canles de denuncia e os procedementos e queixas implantados no ámbito da Xunta de Galicia e da Administración xeral do Estado e da posibilidade de presentar a reclamación directamente ante a Comisión Europea, co fin de garantir o dereito á tramitación efectiva de reclamacións relativas á operación regulado no artigo 69.7 do RDC.
q. Cumprir a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular a normativa en materia de subvencións, así como a normativa vixente sobre accesibilidade de persoas con discapacidade que resulte de aplicación.
r. Manter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto financiado.
s. Informar do nivel de logro dos indicadores asociados á actuación que lle sexan de aplicación, ao mesmo tempo que presenta a xustificación de gastos. Estes indicadores son: os indicadores de realización RCO01 Empresas apoiadas (empresas) e RCO02 Empresas apoiadas a través de subvencións (empresas); e o indicador de resultado: RCR02 Investimentos privados que acompañan o apoio público (euros).
t. Calquera outra obriga imposta de maneira expresa ás entidades beneficiarias na resolución de concesión ou no documento en que se establecen as condicións da axuda.
Artigo 26. Xustificación da subvención
1. Período de realización de gastos:
|
Primeira anualidade |
Segunda anualidade |
Terceira anualidade |
||
|
Período realización de gastos |
Proxectos 12 meses |
Do 1.7.2026 ao 31.12.2026 |
Do 1.1.2027 ao 30.6.2027 |
|
|
Proxectos 24 meses |
Do 1.7.2026 ao 31.12.2026 |
Do 1.1.2027 ao 31.12.2027 |
Do 1.1.2028 ao 30.6.2028 |
2. Os gastos xustificados corresponderán ás partidas e conceptos aprobados na resolución de concesión ou, de ser o caso, na posterior resolución de modificación. Do mesmo xeito, os investimentos e gastos previstos deberán realizarse sempre dentro do período especificado de realización do proxecto.
3. En todo caso, só se considerará gasto realizado o que fose efectivamente pagado ata a fin do mes seguinte ao da finalización do período de realización de gastos da anualidade correspondente, sempre que se respecten os prazos de pagamento previstos na normativa sectorial que lle sexa de aplicación ou, na súa falta, nos establecidos na Lei 3/2004, en aplicación da Lei 18/2022, do 28 de setembro, de crecemento e creación de empresas (en diante, Lei 18/2022).
4. Exceptúanse desta regra xeral aqueles gastos cuxos pagamentos deban efectuarse nun momento posterior por axustarse aos calendarios de recadación, como os ingresos á conta do IRPF ou cotas de seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación. A entidade subvencionada quedará obrigada a presentar os documentos acreditativos do seu pagamento antes de finalizar o mes seguinte a aquel en que a entidade beneficiaria lle corresponda liquidar eses gastos. Do mesmo xeito, a factura e o pagamento dos custos de auditoría poderán realizarse durante o período de xustificación económica.
5. A xustificación da execución dos custos das actividades para os que se concede a axuda deberá facerse accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, e cubrindo o formulario de achega de documentación xustificativa.
6. Deberá presentarse a documentación xustificativa económica e técnica necesaria para acreditar a execución das actividades e os gastos implicados no proxecto de innovación.
As instrucións detalladas, os formularios correspondentes e documentos tipo para a presentación da documentación xustificativa estarán dispoñibles na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal); cómpre presentar a documentación de maneira ordenada seguindo a estrutura establecida nas devanditas indicacións.
7. Sen prexuízo da documentación que se indique, poderán requirirse información, datos, documentos complementarios e aclaracións que resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.
8. Soamente serán admitidos os custos para os cales quede demostrada de maneira explícita a súa rastrexabilidade, con pistas de auditoría suficientes para a súa verificación, e que cumpran os requisitos e preceptos establecidos na presente convocatoria e normativa de aplicación.
9. A presentación da documentación xustificativa realizarase no prazo dun mes desde a data de remate do proxecto. Para estes efectos, terase en conta o establecido no número 1 deste artigo, en relación cos prazos das distintas anualidades.
Non obstante o anterior, a Axencia Galega de Innovación poderá solicitar ás entidades beneficiarias un informe técnico e/ou económico do avance intermedio do proxecto, se o xulga necesario para verificar o cumprimento das súas obrigas.
10. Se, transcorrido o prazo establecido para a xustificación da subvención, a empresa non presenta a documentación pertinente, a Axencia Galega de Innovación requiriraa para que no prazo improrrogable de dez días a presente, advertíndoa de que a falta de presentación da xustificación no prazo indicado comportará a perda do dereito á subvención e a exixencia do reintegro no caso de recibir cantidades en concepto de anticipo, e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007.
Artigo 27. Documentación xustificativa económica
1. Para a xustificación económica da subvención, a empresa beneficiaria achegará a seguinte documentación, cuxos modelos estarán dispoñibles na web da Axencia Galega de Innovación xunto coas instrucións necesarias, a través da Carpeta cidadá dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia:
a. Solicitude de libramento da axuda asinada polo representante legal.
b. Resumo global de execución do proxecto. Neste documento incluiranse a totalidade dos conceptos subvencionables, os datos do provedor, o importe (IVE excluído) e outros datos requiridos. Todos estes datos se presentarán agrupados por anualidades, segundo o período de execución de gasto que corresponda, de acordo co establecido no artigo 26.1.
c. Informe dun auditor, conforme o modelo e as instrucións que estará dispoñible na web, asinado electronicamente, conforme a Orde EHA/1434/2007, do 17 de maio, pola que se aproba a norma de actuación dos auditores de contas na realización dos traballos de revisión de contas xustificativas de subvencións, no ámbito do sector público estatal, previstos no artigo 74 do Regulamento de desenvolvemento da Lei 38/2003.
Este informe deberá verificar a existencia e validez da documentación e revisar, ademais, o cumprimento dos requisitos que se exixen a cada concepto de gasto nesta axuda. O informe do auditor irá acompañado da documentación requirida para a súa elaboración.
O auditor de contas deberá considerar para elaborar o seu informe o orzamento subvencionable establecido na resolución de concesión e, de ser o caso, nas resolucións de modificación posteriores, para cada custo subvencionable.
d. Documentación xustificativa do gasto: documentos acreditativos dos gastos consistentes en facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, segundo o establecido no artigo 28.3 da Lei 9/2007 e no artigo 48 do Decreto 11/2009. As facturas deberán conter suficiente información que permita relacionala co gasto xustificado. Todos estes datos se presentarán agrupados por anualidades, segundo o período de execución de gasto que corresponda, de acordo co establecido no artigo 26.1.
e. Documentación xustificativa do pagamento: os pagamentos xustificaranse con copia de transferencias bancarias, certificacións bancarias, extractos bancarios, ou documentos obtidos a través da banca electrónica. En ningún caso se admitirán os pagamentos xustificados mediante un recibo do provedor.
Nestes documentos deberán estar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento, o número de factura e a satisfacción do importe total da factura (IVE incluído), así como o concepto a que se refiren. No caso en que no documento de pagamento non se faga referencia ás facturas, deberá ir acompañado da documentación complementaria que permita verificar a correspondencia entre gasto e pagamento.
No caso en que un xustificante de pagamento inclúa varias facturas, xuntarase unha relación detallada delas en que se poida apreciar que o pagamento se corresponde coas devanditas facturas. No caso de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto, será necesario achegar o correspondente extracto bancario acompañado da orde de pagamento da empresa selada polo banco coa relación detallada das facturas e a súa copia.
En ningún caso se admitirán pagamentos xustificados mediante recibos do provedor, nin os pagamentos por caixa ou en efectivo.
f. Para a xustificación de custos de persoal, deberá achegarse:
i. Certificación dos custos de persoal debidamente asinada, segundo os formularios normalizados da convocatoria, consistente nunha relación detallada por meses do persoal dedicado ás actividades do proxecto, que deberá incluír os seguintes datos: DNI, nome, apelidos, posto na entidade, retribución bruta e líquida mensual, data de pagamento das retribucións, importe da Seguridade Social con cargo á entidade, data de pagamento da Seguridade Social e custo total imputado (retribucións e Seguridade Social) segundo a dedicación de cada persoa traballadora ás actividades do proxecto.
ii. Follas mensuais comprensivas da totalidade das horas efectivamente dedicadas ao proxecto subvencionado asinadas por cada persoa traballadora e a persoa responsable da entidade, segundo o formulario normalizado.
iii. Declaración asinada pola persoa responsable de recursos humanos cos importes mensuais de retencións do IRPF das persoas traballadoras dedicadas ás actividades do proxecto, acompañada dos modelos 111 e dos seus correspondentes xustificantes bancarios. Nos documentos correspondentes a cotas liquidables con posterioridade á data de xustificación, o importe considerarase xustificado coa presentación da citada declaración e as entidades quedan obrigadas a presentar os documentos acreditativos da súa liquidación no prazo máximo dun mes desde a data límite de xustificación establecida na convocatoria.
iv. Copias das nóminas das persoas traballadoras dedicadas ás actividades do proxecto e copias dos xustificantes bancarios do seu pagamento. Nos xustificantes de pagamento das nóminas deberán vir detallados os seus receptores e o concepto, así como as cantidades percibidas por cada un deles. Cando a documentación xustificativa deste gasto conste nun xustificante bancario da remesa total mensual, deberá achegarse a listaxe da orde de transferencia en que se detallen as distintas persoas traballadoras incluídas, que deberá estar selada pola entidade bancaria.
v. Boletíns de cotización á Seguridade Social e os seus xustificantes de pagamento. Nos documentos correspondentes a cotas liquidables con posterioridade á data de xustificación, as entidades quedarán obrigadas a presentar os documentos acreditativos da súa liquidación no prazo máximo de dun mes dende a data límite de xustificación establecida na convocatoria.
vi. No caso de persoal de nova contratación con título de doutor/a, deberá achegarse a copia do contrato de traballo, o informe de vida laboral, o título de doutor/a e, de ser o caso, a correspondente homologación.
vii. Xustificación da comunicación por escrito ao persoal traballador de que parte do seu salario está cofinanciado pola Unión Europea.
g. No caso de que o importe final xustificado sexa inferior ao importe pagado como anticipo, deberá presentar a carta de pagamento de reintegro, conforme o artigo 48.g) do Decreto 11/2009.
h. Declaración do conxunto das axudas solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade ou proxecto, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional.
i. Certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme a entidade beneficiaria está ao día nas súas obrigas tributarias, no caso de que se opoña á súa consulta por parte do órgano xestor ou non a autorice expresamente no caso das certificacións que deba emitir a AEAT.
j. No caso de que o importe do IVE non sexa recuperable, poderá ser considerado un gasto subvencionable. Neste caso deberase presentar un certificado relativo á situación da entidade con respecto ao IVE.
k. Declaración responsable da non participación do persoal dedicado ao proxecto, financiado con cargo a esta axuda, noutras actividades/proxectos financiados con axudas procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado ou, en caso contrario, declaración responsable de non superar, conxuntamente coa dedicación ao proxecto, a porcentaxe do 100 %.
l. Documentación xustificativa (documentación gráfica, fotografías ou calquera outro soporte probatorio) do cumprimento das obrigas de publicidade, conforme o Regulamento (UE) nº 2021/1060.
Artigo 28. Documentación xustificativa técnica
1. A documentación xustificativa técnica do proxecto consistirá nunha memoria descritiva, da realización e evolución das actividades previstas no proxecto. A memoria será en formato libre, tamaño A4 con marxes normais en letra Arial 10, e extensión máxima 60 páxinas. A memoria deberá incluír, cando menos, os seguintes puntos:
1º. Resumo dos obxectivos do proxecto de empresa, grao de cumprimento e xustificación.
2º. Actuacións do proxecto. Explicación detallada das tarefas levadas a cabo e impacto para a entidade no ámbito tecnolóxico, capacitación interna e potencial comercial.
3º. Proxecto tecnolóxico. Explicación do desenvolvemento de produtos/servizos conseguido e proxecto de desenvolvemento futuro indicando innovacións destacadas.
4º. Gasto executado. Xustificación detallada dos custos executados e a súa vinculación coas tarefas levadas a cabo. Explicación das desviacións respecto do orzamento inicial.
5º. Mantemento e creación de emprego. Tanto en termos cuantitativos como cualitativos (perfís contratados), así como estrutura inicial e actualizada do organigrama. Previsión de emprego a tres anos.
6º. Vendas. Cadro comparativo das previsións de vendas indicadas na solicitude e facturación real, así como actualización de previsións a cinco anos. Explicación de principais clientes e modelo de negocio final.
2. Sen prexuízo da documentación anteriormente indicada, poderá requirirse do solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.
Artigo 29. Pagamento
1. O pagamento da axuda da Axencia Galega de Innovación efectuarase á entidade beneficiaria ou entidade con dereito a cobramento, logo da verificación da documentación xustificativa presentada e as accións de inspección e verificación preceptivas.
2. Poderán realizarse pagamentos anticipados das subvencións recollidas nesta resolución, de acordo co establecido no artigo 31.6 da Lei 9/2007, nos artigos 62 e 63 do Decreto 11/2009 e nesta convocatoria.
3. Pagamentos anticipados.
Poderán autorizarse pagamentos anticipados de ata o 70 % da subvención total concedida en aqueles supostos en que o investimento exixa pagamentos inmediatos de acordo co artigo 63 do Decreto 11/2009. Estes anticipos non poderán superar o importe da subvención prevista para cada anualidade. A concesión do anticipo realizarase mediante resolución motivada.
Estes pagamentos están exentos da presentación de garantías, de acordo co establecido no artigo 67.4 do Decreto 11/2009, conforme a autorización do Consello da Xunta de Galicia.
A entidade beneficiaria que queira solicitar o anticipo deberá presentar a solicitude segundo o modelo que estará á súa disposición na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal) e na que se incluirá unha declaración responsable de iniciar as actividades do proxecto, así como achegar a documentación complementaria indicada:
a) Declaración do conxunto das axudas solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade ou proxecto, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional.
b) Certificados de estar ao día coa Seguridade Social, Facenda e Facenda autonómica no caso de que se opoña á súa consulta por parte do órgano xestor ou non a autorice expresamente, no caso das certificacións que deba emitir a AEAT.
c) Para o primeiro pagamento, certificación bancaria actualizada onde se materializará o pagamento.
d) Para o segundo e terceiro pagamento, de ser o caso, un resumo de execución do proxecto da anualidade anterior para a que se solicita o anticipo, segundo o modelo que estará dispoñible na web de Gain.
Os prazos de presentación de solicitudes para o pagamento anticipado das anualidades son os seguintes:
– 1ª anualidade: desde a data de concesión e ata o 31 de outubro de 2026.
– 2ª anualidade: desde a finalización do prazo de execución da primeira anualidade e ata o 31 de marzo de 2027.
– 3ª anualidade: dende a finalización do prazo de execución da segunda anualidade e ata o 31 de marzo de 2028.
No caso de que os gastos incorridos de acordo co declarado na letra d) anterior sexa insuficiente e dea lugar a unha minoración da subvención, detraerase do importe para pagar, de ser o caso, no anticipo da seguinte anualidade ou, en todo caso, no pagamento final.
4. Ademais, con carácter previo ao pagamento final da subvención, será obrigatoria unha actividade de inspección por parte da Axencia Galega de Innovación para comprobar a realización das actividades desenvoltas no proxecto de innovación.
Artigo 30. Control
1. A Axencia Galega de Innovación poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento do obxecto das subvencións.
En calquera momento, poderanse realizar visitas ás entidades beneficiarias coa finalidade de realizar comprobacións e solicitudes de aclaracións que se consideren necesarias para a verificación do correcto desenvolvemento das actividades para as que se concedeu a axuda, así como para acreditar o cumprimento das medidas de publicidade de orixe dos fondos. Se se constata unha incorrecta utilización dos fondos ou o desvío dos obxectivos para os que se concederon, poderá propoñer a suspensión da subvención concedida.
2. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia (en diante, Decreto lexislativo 1/1999) e a Lei 9/2007. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.
3. Así mesmo, a Axencia Galega de Innovación poderá convocar as entidades beneficiarias, se o considera necesario, a unha entrevista en relación coa execución das actividades e os resultados obtidos.
4. Os beneficiarios destas subvencións someteranse ás actuacións de comprobación e/ou control financeiro que poidan realizar os distintos órganos de control a nivel autonómico, estatal ou comunitario, en particular o órgano concedente, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, a Intervención Xeral da Administración do Estado, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas ou, en xeral, as verificacións previstas no artigo 74 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 que realice o organismo intermedio, a autoridade de xestión e, de ser o caso, os órganos de control da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e outras instancias de control como a Oficina de Loita Contra a Fraude ou a Fiscalía Europea, achegando canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. Para tal fin, garantirase que todos os documentos xustificativos da operación se conserven durante un prazo de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que se efectúe o último pagamento ao beneficiario, segundo o establecido no artigo 82 do Regulamento (UE) nº 2021/1060.
5. Previamente ao pagamento final da subvención, será obrigatorio que a Axencia Galega de Innovación realice unha actividade de inspección. Ademais desta actividade final de inspección, a Axencia, no marco dos seus plans de inspección, poderá realizar as visitas e comprobacións iniciais, intermedias e finais que considere convenientes.
A comprobación dará lugar a un informe técnico positivo ou negativo. O segundo caso supoñerá, de acordo co disposto nesta convocatoria, unha minoración da axuda igual á porcentaxe de incumprimento sinalado no informe técnico, coa condición de que o incumprimento non supere o 40 % do investimento concedido, suposto no que procederá o reintegro total.
6. Conforme o sinalado no artigo 30 da Lei 9/2007, no caso de subvencións de capital superiores a 60.000 euros, no seu cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, será requisito imprescindible a comprobación material do investimento por parte da Axencia Galega de Innovación, e quedará constancia no expediente mediante acta de conformidade, asinada tanto polo representante da Administración como pola entidade beneficiaria.
Artigo 31. Gradación dos incumprimentos, perda do dereito a cobramento, reintegros e sancións
1. A entidade beneficiaria deberá cumprir cos obxectivos, actividades e comportamentos que fundamenten a concesión da axuda, así como os compromisos asumidos nela durante a execución das actividades subvencionadas e o tempo establecido na normativa de aplicación. En caso contrario, perderá o dereito á súa cobramento e, de ser o caso, procederá ao reintegro da subvención.
Tamén deberán proceder o reintegro total ou parcial da subvención e dos xuros de demora correspondentes desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos supostos recollidos no artigo 32 e seguintes da Lei 9/2007. Para facer efectiva esta devolución tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto na citada lei e no Decreto 11/2009.
2. É causa de perda do dereito ao cobramento da subvención o incumprimento por parte da entidade beneficiaria da súa obrigación de estar ao día nas súas obrigas coa Facenda estatal, a autonómica e coa Seguridade Social.
3. Non xustificar adecuadamente a obriga de contar cun capital social mínimo, ou capital social máis prima de emisión ou asunción, de 20.000 euros, desembolsado integramente e inscrito totalmente no rexistro correspondente, constituirá causa de perda do dereito ao cobramento da subvención.
4. Serán causas de reintegro as seguintes:
1º. A falsidade, a inexactitude ou a omisión dos datos fornecidos pola entidade beneficiaria que servisen de base para a concesión da axuda, ou a ocultación daqueles datos que a impedisen.
2º. O incumprimento total ou parcial do obxectivo, actividade, tarefas, compromisos ou condicións do proxecto de innovación inicial ou da finalidade para a cal foi concedida a axuda.
3º. O incumprimento da obrigación de xustificación, xustificación insuficiente, xustificación fóra do prazo establecido, falsidade, terxiversación ou ocultación nos datos ou documentos que serven de base para xustificar os investimentos subvencionables, ou outras obrigas impostas na resolución de concesión da axuda.
4º. O incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión contidas no artigo 25 desta convocatoria.
5º. A resistencia, a escusa, a obstrución ou a negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, así como o incumprimento das obrigas contables, de rexistro ou de conservación de documentos, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de axudas, para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional, da Unión Europea ou de organismos internacionais.
6º. O incumprimento dos prazos de mantemento da actividade ou do emprego da convocatoria de referencia.
7º. A obtención de financiamento de distintas procedencias ou concorrencia de subvencións por encima do custo das actividades subvencionadas ou dos límites fixados pola normativa de aplicación.
8º. Non facilitar cantos datos resulten necesarios para o seguimento e avaliación destas axudas no marco da avaliación da RIS3 Galicia e do Proxecto galego de investigación e innovación 2025-2027 ou doutros instrumentos relacionados coa medición da I+D+i, entre outros, as enquisas do INE, segundo o establecido no artigo 25.n) desta convocatoria.
9º. O incumprimento do principio de «non causar un prexuízo significativo» no sentido do artigo 17 do Regulamento (UE) nº 2020/852.
10º. Non someterse ás actuacións de comprobación e/ou control financeiro que poidan realizar os distintos órganos de control a nivel autonómico estatal ou comunitario, en particular o órgano concedente, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, a Intervención Xeral da Administración do Estado, o Tribunal de Contas o Consello de Contas ou, en xeral as verificacións previstas no artigo 74 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 que realice o organismo intermedio, a autoridade de xestión e, de ser o caso, os órganos de control da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e outras instancias de control como a Oficina de Loita Contra a Fraude ou a Fiscalía Europea, achegando canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. Para tal fin, garantirase que todos os documentos xustificativos da operación se conserven durante un prazo de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que se efectúe o último pagamento ao beneficiario, segundo o establecido no artigo 82 do Regulamento (UE) nº 2021/1060.
11º. Calquera das demais causas previstas no artigo 33 da Lei 9/2007.
5. O incumprimento total dos fins para os que se concedeu a axuda, da realización do investimento financiable ou da obriga de xustificación, determinado a través dos mecanismos de seguimento e control, será causa de perda do dereito ao cobramento ou de reintegro total da subvención.
En todo caso, serán causas de incumprimento total:
1º. Non xustificar a execución dun orzamento mínimo do 60 % do orzamento aprobado ou que o custo total do proxecto finalmente xustificado fose inferior ao orzamento mínimo subvencionable establecido no artigo 6.1.2.
2º. A obtención dun informe final negativo que estableza unha porcentaxe de incumprimento superior ao 40 %, de acordo co disposto no artigo 30.5 desta convocatoria.
6. Sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomados en conta na concesión das axudas, poderase apreciar un incumprimento parcial e deberase resolver sobre o seu alcance aplicando a mesma ponderación que teña a condición incumprida na resolución de concesión e, de ser o caso, establecendo a obriga de reintegro parcial cos seguintes criterios:
1º. No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente aos conceptos subvencionables deixados de practicar ou aplicados a outros distintos dos considerados subvencionables, e, se é o caso, deberá reintegrarse as cantidades percibidas na devandita proporción.
2º. Se se incumpriron as tarefas, compromisos, obxectivos ou condicións do proxecto dando lugar a un informe final negativo, o incumprimento valorarase en función deste e suporá a aplicación dunha minoración da axuda igual á porcentaxe de incumprimento sinalado no informe técnico, sempre que se alcance a porcentaxe mínima para non dar lugar ao reintegro total.
3º. Non comunicar a obtención doutras subvencións e axudas que financien as actividades subvencionadas suporá o reintegro do exceso percibido máis os xuros de demora e a perda dun 5 % da subvención concedida, unha vez recalculada e descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.
4º. Non dar publicidade ao financiamento recibido por parte da Axencia Galega de Innovación e da Unión Europea ou non executar as accións de comunicación propostas na solicitude suporá a perda de ata un 3 % da subvención concedida.
5º. Non comunicar a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención suporá a perda do 5 % da subvención concedida.
6º. Non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados, suporá a perda dun 2 % da subvención concedida.
7º. Non facilitar cantos datos resulten necesarios para a avaliación do instrumento no marco da avaliación da RIS3 Galicia ou outros instrumentos relacionados coa medición da innovación será causa de reintegro de ata o 2 % da subvención concedida.
8º. Non contratar doutor/es conforme a solicitude, a penalización no caso de proxectos non STEP suporá a diminución do importe máximo da axuda concedida ata 250.000 euros, de conformidade co artigo 6.1.a). Por outra banda, no caso de proxectos STEP, a non contratación de doutores conforme a solicitude no caso de proxectos STEP suporá a redución da intensidade da axuda ao 70 %, segundo o establecido no artigo 6.1.b).
No caso de condicións que constitúan obrigas que a entidade beneficiaria debe acreditar en fase de xustificación (obrigas de publicidade, comunicación doutras axudas, etc...), estas deberán xustificarse en todo caso para poder proceder ao pagamento da subvención, polo que a gradación fixada neste punto só resultará aplicable para supostos de reintegro, no caso de que se detecte, en controis posteriores ao pagamento, algún incumprimento relativo a esas obrigas.
A concorrencia de distintas causas de incumprimento dará lugar á apreciación conxunta das mesmas, aplicando a minoración conxunta correspondente.
7. Se o incumprimento deriva da inobservancia dalgunha condición ou suposto distinto dos anteriores, o seu alcance será determinado en función do grao e da entidade da condición incumprida.
8. Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007.
Artigo 32. Procedemento de reintegro
1. Se, aboada parte ou a totalidade da axuda, acaecesen os motivos que se indican no artigo 31 desta convocatoria, incoarase o correspondente expediente de reintegro, o cal se tramitará conforme o previsto no artigo 37 e seguintes da Lei 9/2007.
2. Procederá o reintegro das cantidades percibidas, e a exixencia dos xuros de mora correspondentes desde o momento do pagamento da axuda ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro.
3. O procedemento de reintegro de subvencións iniciarase de oficio por acordo do órgano concedente destas e comunicarase á entidade beneficiaria a iniciación do procedemento de declaración de perda do dereito, ou de reintegro e as causas que o fundamentan, seguindo o procedemento establecido para o reintegro no artigo 37 e seguintes da Lei 9/2007, e 77 e seguintes do Decreto 11/2009.
4. A resolución do procedemento de reintegro porá fin á vía administrativa.
5. Sen prexuízo do anterior, as entidades beneficiarias das subvencións reguladas nesta resolución seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no artigo 50 e seguintes da Lei 9/2007, e no título VI do Decreto 11/2009.
Artigo 33. Prescrición
1. O dereito da Administración para recoñecer ou liquidar o reintegro prescribirá aos catro anos, sen prexuízo do establecido na normativa de axudas de Estado.
2. Este prazo computarase, en cada caso:
a. Desde o momento en que venceu o prazo para presentar a xustificación por parte da entidade beneficiaria.
b. Desde o momento da concesión, no suposto previsto no punto 9 do artigo 28 da Lei 9/2007.
c. No caso de que se establecesen condicións ou obrigas que debesen ser cumpridas ou mantidas por parte da entidade beneficiaria durante un período determinado de tempo, desde o momento en que venceu devandito prazo.
3. O cómputo do prazo de prescrición interromperase:
a. Por calquera acción da Administración realizada con coñecemento formal da entidade beneficiaria, que conduza a determinar a existencia dalgunha das causas de reintegro.
b. Pola interposición de recursos de calquera clase, pola remisión do tanto de culpa á xurisdición penal, ou pola presentación de denuncia ante o Ministerio Fiscal, así como polas actuacións realizadas con coñecemento formal da entidade beneficiaria no curso dos devanditos recursos.
c. Por calquera actuación fidedigna da entidade beneficiaria, conducente á liquidación da subvención ou do reintegro.
Artigo 34. Normativa aplicable
As axudas obxecto desta convocatoria réxense polas normas comunitarias aplicables por razón do cofinanciamento pola Unión Europea e polas normas nacionais de desenvolvemento ou transposición destas. En particular, seralles de aplicación a seguinte normativa:
a. Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e de maneira supletoria, a normativa básica da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.
b. Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado.
c. Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de apoio financeiro á xestión de fronteiras e á política de visados.
d. Regulamento (UE) nº 2020/852 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xuño de 2020, relativo ao establecemento dun marco para facilitar os investimentos sustentables e polo que se modifica o Regulamento (UE) nº 2019/2088.
e. Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro.
f. A Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
g. Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio de 2003, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas (DOUE núm. L124, do 20.5.2003).
h. Comunicación 2003/C 118/03 da Comisión. Exemplo de declaración sobre a información relativa á condición de peme dunha empresa (DOUE núm. C118, do 20.5.2003). Corrección da Comunicación 2003/C 118/03 da Comisión, no que se refire á nota explicativa relativa aos tipos de empresas consideradas para calcular os efectivos e importes financeiros (DOUE núm. C42, do 18.2.2005).
i. Decreto 138/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional (DOG núm. 101, do 27 de maio).
j. Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación e se aproban os seus estatutos (DOG núm. 19, do 27 de xaneiro).
k. Regulamento (UE) nº 2021/1058 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e ao Fondo de Cohesión.
l. Regulamento (UE) 2024/795 do Parlamento Europeo e do Consello, do 29 de febreiro de 2024, polo que se crea a Plataforma de tecnoloxías estratéxicas para Europa (STEP).
m. Orde HFP/1414/2023, do 27 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Fondo de Transición Xusta para o período 2021-2027.
Supletoriamente, seralles de aplicación a Resolución do 30 de abril de 2025, da Presidencia do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e a Innovación (CDTI), pola que se aproba a convocatoria para o ano 2025 do procedemento de concesión de axudas destinadas a novos proxectos empresariais de empresas innovadoras (programa Neotec), dentro do Programa de innovación do plan estatal de investigación científica, técnica e de innovación 2024-2027.
Artigo 35. Publicidade
No prazo máximo de tres meses contado desde a data límite de presentación das solicitude, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas, con indicación da norma reguladora, entidade beneficiaria, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.
Artigo 36. Medidas antifraude
Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco desta convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servicio Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto https://www.igae.pap.hacienda.gob.es/sitios/igae/es-ES/Paginas/Denan.aspx
Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento
Facúltase a persoa titular da Dirección da Axencia Galega de Innovación para que leve a cabo as actuacións que sexan precisas para o desenvolvemento e a aplicación desta resolución.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2026
Carmen Cotelo Queijo
Directora da Axencia Galega de Innovación

_fmt.png)