BDNS (Identif.): 921765.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:
http://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/921765
Primeiro. Beneficiarias
Terán a consideración de entidades beneficiarias as pequenas empresas innovadoras que, tendo presentado unha solicitude de axuda á convocatoria de referencia e obtido o selo Neotec conforme o artigo 14 da convocatoria de referencia, resultasen desestimadas por insuficiencia de orzamento dispoñible para financiar o proxecto con cargo á devandita convocatoria, conforme a resolución definitiva da Presidencia do CDTI da convocatoria do programa Neotec do ano 2025.
Segundo. Obxecto
Apoiar a posta en marcha de novos proxectos empresariais que requiran o uso de tecnoloxía ou coñecementos desenvoltos a partir da actividade investigadora e nos cales a estratexia de negocio se basee no desenvolvemento de tecnoloxía, rescatando para iso aqueles proxectos presentados á convocatoria de referencia (programa Neotec) que obtiveron o selo Neotec na devandita convocatoria do ano 2025 pero que non foron beneficiarios por insuficiencia de crédito.
Terceiro. Bases reguladoras
Publícanse conxuntamente coa convocatoria.
Cuarto. Contía
Para a concesión desta subvención destinarase un importe total de 2.625.000 € con cargo á aplicación orzamentaria 07.A2.561A.770.0 e código de proxecto 2023-00007, dos cales 656.250 € corresponden ao ano 2026, 1.312.500 € ao ano 2027 e 656.250 € ao ano 2028.
Destas contías reservaranse 1.625.000 € para os proxectos que obteñan a cualificación de STEP segundo o Regulamento (UE) nº 2024/795. Este importe desagrégase por anualidades do seguinte xeito: 406.250 € no ano 2026, 812.500 € no ano 2027 e 406.250 € no ano 2028.
O 1.000.000 € restante da convocatoria poderá repartirse entre os proxectos que, cumprindo os requisitos, non teñan a consideración de STEP. Este importe desagrégase por anualidades do seguinte xeito: 250.000 € no ano 2026, 500.000 € no ano 2027 e 250.000 € no ano 2028.
As actuacións deberán ter un orzamento financiable mínimo de 175.000 € e máximo de 750.000 €.
A convocatoria financiarase con fondos Feder, no marco do programa Galicia Feder 2021-2027.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará a computarse unha vez transcorridos 5 días hábiles, que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, ás 9.00 horas, e rematará ás 23.59 horas do día 30 de setembro de 2026.
Sexto. Procedemento de concesión, período subvencionable e xustificación das axudas
As axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva.
A data de comezo dos proxectos será o 1 de xullo de 2026.
A presentación da documentación xustificativa realizarase no prazo dun mes desde a data de remate do proxecto. Para estes efectos, terase en conta o establecido no artigo 26.1.
Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2026
Carmen Cotelo Queijo
Directora da Axencia Galega de Innovación
