Pola Resolución do 12 de xuño de 2026, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DOG núm. 114, do 19 de xuño), resolveuse o concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes de corpos e escalas de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia: escalas de arqueólogos, técnica de restauración, técnica de delineantes, de facultativos de arquivos, bibliotecas e museos; de axudantes de arquivos, bibliotecas e museos; técnica de arquivos, bibliotecas e museos; e de auxiliar de arquivos, bibliotecas e museos, e acordouse diferir os prazos posesorios ata que se publique no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se indique a data de inicio dos ditos prazos.
No anexo II da dita resolución publicáronse os postos adxudicados ás persoas participantes no concurso de traslados.
Polo exposto, no uso das competencias que ten atribuídas segundo o artigo 1 da Orde do 8 de xaneiro de 2020 sobre delegación de competencias na Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, e de conformidade co previsto na base XI da convocatoria, esta dirección xeral
RESOLVE:
Primeiro. Abrir o prazo de toma de posesión que se establece no punto terceiro da Resolución do 12 de xuño de 2026, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal.
Segundo. De conformidade co previsto na Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e no artigo 8 do Decreto 151/2022, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento dos procedementos de mobilidade do persoal funcionario de carreira de Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais integrantes do sector público autonómico, o prazo da toma de posesión comezará a contar a partir do día seguinte ao do cesamento e será de tres días hábiles se non implica cambio de residencia, ou de sete días hábiles se comporta cambio de residencia.
O cesamento deberá efectuarse o día 15 de setembro de 2026.
Se a adxudicación comporta o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión será dun mes e empezará a computarse o día 16 de setembro de 2026.
Terceiro. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer, con carácter potestativo, recurso de reposición ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou directamente recurso contencioso-administrativo perante as seccións da orde xurisdicional contencioso-administrativa do tribunal de instancia correspondente, no prazo de dous meses contados desde a mesma data, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2026
Nuria Aguilar Vázquez
Directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal
