A responsable da Área de Xestión da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, en virtude das competencias que en materia de selección e contratación de persoal lle son atribuídas polo padroado e polos estatutos da Fundación,
RESOLVE:
Acordar a publicación do anuncio da convocatoria do proceso selectivo para a selección dun posto de persoal investigador, baixo a modalidade contractual de investigador/a distinguido/a, como responsable da dirección científica da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica.
A convocatoria ten por obxecto a incorporación dunha persoa investigadora de excelencia e recoñecido prestixio en ámbitos relacionados coa medicina xenómica, a xenética humana, a investigación biomédica, a medicina de precisión ou disciplinas afíns, que asumirá a dirección científica da actividade investigadora da Fundación.
As persoas interesadas terán ao seu dispor toda a documentación relativa ao proceso na web www.sergas.es (Recursos Humanos/Emprego Público/Outros procesos selectivos/Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica).
O prazo de presentación de solicitudes será de dez (10) días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. A solicitude deberase presentar a través do enderezo: rrhh.fpgmx.santiago@sergas.es
Santiago de Compostela, 3 de agosto de 2026
Rocío Mosquera Álvarez
Responsable da Área de Xestión
da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica
