DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 145 Martes, 4 de agosto de 2026 Páx. 43130

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Augas de Galicia

ANUNCIO do 22 de xullo de 2026 polo que se emprazan os interesados para seren notificados por comparecencia dos importes do canon da auga, coeficiente de vertedura e canon da xestión das depuradoras declarados como non pagados polas entidades subministradoras de auga.

O 21 de xullo de 2026, o director de Augas de Galicia ditou unha resolución cuxa parte resolutiva dispón:

«Primeiro. Aprobar o padrón cobratorio que contén a relación de debedores e os importes do canon da auga, coeficiente de vertedura e canon da xestión das depuradoras declarados como impagados polas entidades subministradoras de auga nos modelos de autoliquidación dos anos 2023 e 2024.

Segundo. Expoñer ao público para a súa notificación colectiva, na Subdirección de Réxime Económico-Financeiro de Augas de Galicia, con enderezo na praza de Camilo Díaz Baliño, 7-9, en Santiago de Compostela, o referido padrón polo prazo dun mes a partir do día seguinte ao da inserción do correspondente anuncio no Diario Oficial de Galicia. Os debedores, ou os seus representantes, deberán comparecer no dito prazo no citado enderezo, das 9.00 ás 14.00 horas, de luns a venres.

Transcorrido o mencionado prazo sen se efectuar a comparecencia, a notificación entenderase producida desde o día seguinte ao do vencemento do prazo sinalado para comparecer.

Advertencias

Recursos:

Contra as liquidacións que figuran no indicado padrón de debedores os interesados poderán interpoñer, alternativamente, recurso de reposición ante o director de Augas de Galicia ou ben reclamación económico-administrativa ante a Xunta Superior de Facenda (Consellería de Facenda e Administración Pública) no prazo dun mes (1 mes) a partir do día seguinte a aquel en que se notifiquen por comparecencia as liquidacións ou, de ser o caso, desde que se entendan notificadas por falta de comparecencia.

En calquera dos casos anteriores o escrito de interposición dirixirase ao director de Augas de Galicia.

Lugar e prazo de pagamento:

O pagamento das liquidacións deberá realizarse en calquera das oficinas de Abanca nos prazos seguintes en función da data en que se notifique por comparecencia ou, de ser o caso, se entenda notificada a liquidación por non comparecencia:

– Polas liquidacións notificadas ou que se entendan notificadas entre os días 1 e 15 de cada mes, ata o día 20 do mes seguinte.

– Polas liquidacións notificadas ou que se entendan notificadas entre os días 16 e derradeiro de cada mes, ata o día 5 do segundo mes posterior.

No caso de que o último día de pagamento non sexa hábil, estenderase o prazo de pagamento ata o inmediato día hábil seguinte.

Unha vez transcorridos os devanditos prazos, procederase á recadación en vía executiva.

Forma de pagamento:

Aqueles contribuíntes que comparecesen dentro do prazo sinalado poderán efectuar o pagamento mediante a carta de pagamento que se lles entregará no momento de comparecer.

Aqueles contribuíntes que non comparecesen dentro do prazo sinalado poderán efectuar o pagamento mediante a carta de pagamento que recibirán no seu domicilio. No caso de que non recibisen a carta de pagamento no seu domicilio, ou a extraviasen, poderán dirixirse a Augas de Galicia para solicitar a carta de pagamento para poder efectuar o seu pagamento».

Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2026

Roi Fernández Añón
Director de Augas de Galicia