DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 146 Mércores, 5 de agosto de 2026 Páx. 43213

I. Disposicións xerais

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

DECRETO 83/2026, do 20 de xullo, polo que se modifica o Decreto 172/2022, do 6 de outubro, polo que se aproba o Catálogo de actividades que deben adoptar medidas de autoprotección e polo que se fixa o contido desas medidas.

I

A Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, sinala no artigo 39 que as persoas, empresas e, en xeral, entidades e organismos que realizan actividades que poden xerar situacións de grave risco colectivo, catástrofe ou calamidade, así como os centros e instalacións públicos e privados que poidan resultar afectados de forma especialmente grave por situacións deste carácter, están obrigados a adoptar medidas de autoprotección e a manter os medios persoais e materiais necesarios para afrontar situacións de risco e emerxencia, e que será a Xunta quen determinará mediante un regulamento o catálogo de actividades e os tipos de centros que deberán adoptar as devanditas medidas, así como as medidas mínimas que se deben adoptar en cada caso, de acordo coas directrices básicas de autoprotección establecidas na lexislación vixente.

A Lei 17/2015, do 9 de xullo, do Sistema nacional de protección civil, inclúe os plans de autoprotección como plans de protección civil no seu artigo 14.2 e defíneos, no seu artigo 15.4, como aqueles plans que establecen o marco orgánico e funcional previsto para os centros, establecementos, instalacións ou dependencias recollidos na normativa aplicable, co obxecto de previr e controlar os riscos de emerxencia de protección civil sobre as persoas e os bens e dar unha resposta axeitada a estas situacións.

O Decreto 171/2010, do 1 de outubro, sobre plans de autoprotección na Comunidade Autónoma de Galicia, desenvolveu a Lei 5/2007, do 7 de maio, tendo en conta o disposto no Real decreto 393/2007, do 23 de marzo, polo que se aproba a Norma básica de autoprotección dos centros, establecementos e dependencias dedicados a actividades que poidan dar orixe a situacións de emerxencia. Este Decreto 171/2010, do 1 de outubro, foi derrogado polo Decreto 172/2022, do 6 de outubro, polo que se aproba o Catálogo de actividades que deben adoptar medidas de autoprotección e polo que se fixa o contido desas medidas. Nel establécese o Catálogo de actividades, centros, establecementos, espazos, instalacións ou dependencias dos cales as persoas titulares teñen a obrigación de elaborar e rexistrar un plan de autoprotección; determina o contido mínimo dos plans de autoprotección; establece os sistemas de coordinación entre as actividades do Catálogo e os servizos públicos que forman o Sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia; regula a elaboración e implantación material efectiva dos plans de autoprotección e o mantemento da súa eficacia, para o que as persoas titulares da actividade deben emitir unha declaración responsable da implantación, que mantén a denominación de certificado da implantación, coa finalidade de axustarse á empregada na Norma básica de autoprotección; asegura a existencia e o mantemento dos medios mínimos de autoprotección por parte das persoas titulares das actividades, centros, establecementos, espazos, instalacións ou dependencias a que é de aplicación; regula os mecanismos organizativos e a provisión dos medios necesarios para asegurar a detección e pronta resposta ante unha situación de emerxencia, e establece os casos en que é obrigatorio o rexistro dos plans de autoprotección na plataforma do Rexistro Electrónico de Plans de Autoprotección de Galicia.

II

A experiencia destes anos na aplicación do Decreto 172/2022, do 6 de outubro, fixo patente a conveniencia de modificar o texto para facilitar a aplicación e interpretación da norma.

O presente decreto responde a esta finalidade. Así, por unha banda, engádense tres definicións no artigo 3, e modifícase a definición de espazo delimitado.

Modifícanse o artigo 10 e o artigo 11 para clarexar que os simulacros forman parte do mantemento do plan e non da implantación, e o momento de informar o CIAE-112 dos simulacros de emerxencia que se realicen.

O artigo 13 modifícase para permitir as baixas de oficio no rexistro. Engádese tamén neste artigo a posibilidade de rexistro dun compromiso de implantación previo á emisión do certificado de implantación para aquelas actividades temporais en que non é posible a comunicación da implantación completa do plan de autoprotección coa antelación suficiente para permitir o rexistro dos datos significativos do plan. E engádese o número 5, que sinala que os datos do rexistro poderán ser utilizados para fins estatísticos.

O anexo I actualízase, estrutúrase e organízase para facilitar a interpretación do Catálogo. Actualízanse as referencias normativas en relación con varias actividades incluídas no Catálogo, inclúense os tuneles das estradas do Estado, en coherencia coa Norma básica de autoprotección e defínense máis claramente os tuneles sen regulamentación específica que deben contar cun plan de autoprotección, PAU.

Modifícase o punto 2.5 do anexo II, para que sexa coherente co novo contido do Rexistro Electrónico de Plans de Autoprotección da Comunidade Autónoma de Galicia previsto no anexo IV, que tamén se modifica, estruturando os apartados do rexistro e agrupando os plans para facilitar a súa inscrición e consulta.

Por último, modifícase o anexo V, Medios de autoprotección mínimos, para permitir prazos máis realistas na comunicación da celebración de eventos á Administración autonómica.

III

O texto consta dun artigo único, que recolle modificacións nos artigos 3, 10, 11 e 13, e nos anexos I, II, IV e V, que substituirán os contidos no Decreto 172/2022, do 6 de outubro, unha disposición derrogatoria e dúas disposicións derradeiras relativas ao desenvolvemento e á entrada en vigor da norma.

O texto axústase aos principios de boa regulación previstos no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 37.a) da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, ao dar pleno cumprimento aos principios de necesidade, proporcionalidade, eficiencia, seguridade xurídica, transparencia e accesibilidade, simplicidade e eficacia, e ao constituír unha modificación necesaria e proporcional aos fins a que se dirixe.

No que se refire aos principios de necesidade e eficacia, a modificación proposta do Decreto 172/2022, do 6 de outubro, xustifícase pola necesidade de facilitar a súa aplicación ao tempo que se garanten as obrigas en materia de autoprotección da actividades recollidas no devandito decreto. En canto ao principio de proporcionalidade, o decreto contén a regulación necesaria para atender a necesidade que cómpre cubrir, modificando os artigos mínimos imprescindibles para alcanzar os obxectivos propostos, e non se trata dunha norma restritiva de dereitos ou que impoña novas obrigacións ás persoas interesadas. Respecto ao principio de seguridade xurídica, a norma resulta coherente co resto do ordenamento xurídico e adecúa o seu contido ao recollido no Real decreto 393/2007, do 23 de marzo. En relación cos principios de transparencia e accesibilidade, na tramitación da norma posibilitouse a participación da cidadanía a través da publicidade no Portal de transparencia e goberno aberto da Xunta de Galicia e do trámite de audiencia. Respecto ao principio de eficiencia, a presente norma non establece novas cargas administrativas, senón que persegue a mellora da autoprotección da nosa cidadanía, cunha norma clara que lles facilite ás persoas titulares das actividades de risco cumpriren coas súas obrigas.

A tramitación deste decreto realizouse de conformidade coa Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e coa Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. Entre outros trámites, o proxecto foi sometido ao informe económico-financeiro da consellería competente en materia de facenda, ao informe de impacto demográfico, ao informe sobre impacto de xénero, ao informe da Comisión Galega de Protección Civil, en cumprimento do artigo 29 da Lei 5/2007, do 7 de maio, e ao informe da Asesoría Xurídica Xeral.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, de acordo co Consello Consultivo de Galicia, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do vinte de xullo de dous mil vinte e seis,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 172/2022, do 6 de outubro, polo que se aproba o Catálogo de actividades que deben adoptar medidas de autoprotección e polo que se fixa o contido desas medidas

O Decreto 172/2022, do 6 de outubro, polo que se aproba o Catálogo de actividades que deben adoptar medidas de autoprotección e polo que se fixa o contido desas medidas, queda modificado como segue:

Un. Engádese no artigo 3 o número 1.bis:

«1.bis. Actividade temporal: conxunto de operacións ou tarefas que poidan dar lugar a situacións de emerxencias, que se desenvolve nun período de tempo limitado e se esgota na súa propia celebración».

Dous. Engádese no artigo 3 o número 12.bis:

«12.bis. Elemento vulnerable: elemento (por exemplo poboación, edificación, obra de enxeñaría civil, infraestrutura, actividade económica ou servizo público) exposto a un fenómeno dunha severidade determinada que lle pode provocar danos».

Tres. O número 13 do artigo 3 queda redactado como segue:

«13. Espazo delimitado: espazo acoutado por pechamentos, particións ou outros elementos perimetrais especificamente instalados para crear este espazo. Tamén se considerarán espazos delimitados aqueles que, a pesar de non estaren acoutados por pechamentos, teñan unha relación entre o número de persoas que ocupan un espazo non delimitado e a suma dos metros de anchura de todos os pasos para acceder ou saír (cociente de saídas RS) igual ou superior a 175».

Catro. Engádese no artigo 3 o número 15.bis:

«15.bis. Foco de perigo: fonte, situación ou acto con potencial para causar dano humano, deterioración da saúde, danos físicos, danos aos bens ou ao ambiente, ou unha combinación destes».

Cinco. Elimínase a letra d) do número 2 do artigo 10.

Seis. O número 7 do artigo 11 terá a seguinte redacción:

«7. A empresa informará previamente o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias CIAE-112 dos simulacros de emerxencia que realice, e conservará a información sobre as actividades de mantemento da eficacia do PAU, así como os informes de avaliación realizados, debidamente asinados polo responsable do PAU, que poñerá á disposición das administracións públicas».

Sete. Engádese no artigo 13 o número 2.bis, e queda redactado como segue:

«2.bis. Para solicitar a inscrición no rexistro deberá achegarse, entre outra documentación, o certificado de implantación do PAU.

No caso de actividades temporais poderá achegarse, en lugar do dito certificado, un compromiso de implantación do PAU no que se faga constar que se realizará a implantación do dito plan, nos termos que se recollen nel e de acordo cos criterios establecidos na Norma básica de autoprotección, previamente ao comezo da actividade. O anterior enténdese sen perxuízo da obriga de emitir o certificado de implantación do PAU conforme o previsto na Norma básica de autoprotección e neste decreto».

Oito. O número 4 do artigo 13 queda redactado como segue:

«4. Sen prexuízo das obrigas que fixe a normativa específica que sexa aplicable, unha vez finalizada a actividade obxecto de inscrición no rexistro, a persoa titular debe solicitar a baixa da inscrición no prazo máximo de tres meses desde o cesamento da actividade. En caso de producirse modificacións na actividade que supoñan a súa exclusión do catálogo do anexo I, o prazo para solicitar a baixa será de tres meses.

Transcorrido o prazo sen que a persoa titular solicitase a baixa, esta poderá producirse de oficio, logo do trámite de audiencia e mediante resolución motivada».

Nove. Engádese un número 5 no artigo 13 coa seguinte redacción:

«5. O Instituto Galego de Estatística terá dereito a solicitar e obter os datos contidos no rexistro para executar a planificación estatística».

Dez. O anexo I queda redactado como segue:

«ANEXO I

Catálogo de actividades

1. Actividades con regulamentación sectorial específica.

a) Actividades industriais, de almacenamento e de investigación.

1º. Establecementos en que interveñen substancias perigosas: aqueles en que están presentes substancias perigosas en cantidades iguais ou superiores ás especificadas na columna 2 das partes 1 e 2 do anexo 1 do Real decreto 840/2015, do 21 de setembro, polo que se aproban medidas de control dos riscos inherentes aos accidentes graves en que interveñan substancias perigosas.

2º. As actividades de almacenamento de produtos químicos acollidas ás instrucións técnicas complementarias e nas cantidades seguintes:

MIE APQ-1 (almacenamento de líquidos inflamables e combustibles en recipientes fixos) de capacidade maior de 200 m³.

MIE APQ-2 (almacenamento de óxido de etileno en recipientes fixos) de capacidade maior de 1 t.

MIE APQ-3 (almacenamento de cloro) de capacidade maior de 4 t.

MIE APQ-4 (almacenamento de amoníaco anhidro) de capacidade maior de 3 t.

MIE APQ-5 (almacenamento de gases en recipientes a presión móbiles) de categoría 4 ou 5.

MIE APQ-6 (almacenamento de líquidos corrosivos en recipientes fixos) de capacidade maior de 500 m³.

MIE APQ-7 (almacenamento de líquidos tóxicos en recipientes fixos) de capacidade maior de 200 m³.

MIE APQ-8 (almacenamento de fertilizantes a base de nitrato amónico, con alto contido en nitróxeno) de capacidade maior de 200 t.

3º. Establecementos nos que interveñen explosivos: aqueles regulados na ITC 10 sobre prevención de accidentes graves, recollida no Real decreto 130/2017, do 24 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de explosivos.

4º. Actividades de xestión de residuos perigosos: aquelas actividades de recollida, almacenamento, valorización ou eliminación de residuos perigosos, de acordo co que establece a Lei 7/2022, do 8 de abril, de residuos e solos contaminados para unha economía circular.

5º. Explotacións e industrias relacionadas coa minaría: sempre que se desenvolva unha actividade subterránea ou haxa máis de vinte traballadores, as reguladas polo Real decreto 863/1985, do 2 de abril, polo que se aproba o Regulamento xeral de normas básicas de seguridade mineira, e polas súas instrucións técnicas complementarias.

6º. Instalacións de utilización confinada de organismos modificados xeneticamente: as clasificadas como actividades de risco alto (tipo 4) no Real decreto 178/2004, do 30 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento xeral para o desenvolvemento e execución da Lei 9/2003, do 25 de abril, pola que se establece o réxime xurídico da utilización confinada, liberación voluntaria e comercialización de organismos modificados xeneticamente.

7º. Instalacións para a obtención, transformación, tratamento, almacenamento e distribución de substancias ou materias biolóxicas perigosas: as instalacións que conteñan axentes biolóxicos do grupo 4, determinados no Real decreto 664/1997, do 12 de maio, sobre a protección dos traballadores contra os riscos relacionados coa exposición a axentes biolóxicos durante o traballo.

b) Actividades de infraestruturas de transporte.

1º. Tuneles de estradas do Estado regulados no Real decreto 635/2006, do 26 de maio, sobre requisitos mínimos de seguridade nos túneles de estradas do Estado.

2º. Portos comerciais: os portos de interese xeral con uso comercial e os seus usos complementarios ou auxiliares, definidos no Real decreto lexislativo 2/2011, do 5 de setembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de portos do Estado e da mariña mercante.

3º. Aeroportos, aeródromos e demais instalacións aeroportuarias: aqueles regulados pola Lei 21/2003, do 7 de xullo, de seguridade aérea, e pola normativa internacional (normas e recomendacións da Organización da Aviación Civil Internacional-OACI) e nacional da Dirección Xeral de Aviación Civil aplicable.

c) Actividades e infraestruturas enerxéticas.

1º. Instalacións nucleares e radioactivas reguladas polo Real decreto 1217/2024, do 3 de decembro, polo que se aproba o Regulamento sobre instalacións nucleares e radioactivas, e outras actividades relacionadas coa exposición ás radiacións ionizantes.

2º. Infraestruturas hidráulicas (presas e encoros): as clasificadas como categorías A e B consonte o Real decreto 264/2021, do 13 de abril, polo que se aproban as normas técnicas de seguridade para as presas e os seus encoros.

d) Actividades de espectáculos públicos e recreativas, entendidas como lugares, recintos e instalacións en que se celebren os eventos regulados pola normativa vixente en materia de espectáculos públicos e actividades recreativas, sempre que cumpran con algunha das seguintes características:

1º. En espazos pechados:

Edificios pechados permanentes non desmontables, cubertos total ou parcialmente, cunha cabida ou capacidade igual ou superior a 1.000 persoas ou cunha altura de evacuación igual ou superior a 28 m.

Instalacións ou locais pechados desmontables ou de tempada, cubertos total ou parcialmente, cunha cabida ou capacidade igual ou superior a 1.500 persoas.

Outras actividades en espazos delimitados cun número de asistentes e participantes previstos igual ou superior a 5.000 persoas.

2º. En espazos non delimitados: actividades cun número de asistentes e participantes previstos igual ou superior a 10.000 persoas.

e) Outras actividades reguladas pola normativa sectorial de autoprotección. Aqueloutras actividades desenvoltas en centros, establecementos, espazos, instalacións ou dependencias ou medios análogos sobre os cales unha normativa sectorial específica estableza obrigacións de autoprotección nos termos definidos nesta norma.

2. Actividades sen regulamentación sectorial específica.

a) Actividades industriais e de almacenamento.

1º. Aquelas cunha carga de lume ponderada e corrixida igual ou superior a 13.600 MJ/ m², con risco intrínseco alto (tipo 8), segundo a táboa 1.3.1 do anexo I do Real decreto 164/2025, do 4 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de seguridade contra incendios nos establecementos industriais, ou aquelas en que estean presentes substancias perigosas en cantidades iguais ou superiores ao 60 % das especificadas na columna 2 das partes 1 e 2 do anexo 1 do Real decreto 840/2015, do 21 de setembro.

2º. Instalacións frigoríficas con líquidos refrixerantes do segundo e terceiro grupo cando superen as cantidades totais empregadas en 3 t.

3º. Establecementos con instalacións acollidas ás ITC IP02, IP03 e IP-04 con máis de 500 m³.

b) Actividades e infraestruturas de transporte.

1º. Estacións e intercambiadores de transporte terrestre: aqueles cunha ocupación igual ou superior a 1.500 persoas.

2º. Tuneles de estrada, urbanos ou interurbanos, con máis de 1.000 m de lonxitude.

3º. Tuneles de estrada, urbanos ou interurbanos, entre 500 e 1.000 m de lonxitude, cunha intensidade media diaria (IMD) superior a 5.000 vehículos/día, incluídos os que formen parte da mesma vía e que estean separados entre si por unha distancia inferior a 500 m.

4º. Túneles ferroviarios de lonxitude igual ou superior a 1.000 m, incluídos os que forman parte da mesma vía e están separados entre si por unha distancia inferior a 500 m.

5º. Autoestradas de peaxe.

6º. Áreas de estacionamento para o transporte de mercadorías perigosas por estrada e ferrocarril.

7º. Portos comerciais.

8º. Os condutos que transportan substancias perigosas: gasodutos, oleodutos ou condutos similares. No caso dos gasodutos, inclúense as conducións que transportan gas natural por encima de 16 bares (presión de transporte secundario).

c) Actividades e infraestruturas enerxéticas.

1º. Centros ou instalacións destinados á produción de enerxía eléctrica: os de potencia nominal igual ou superior a 300 MW.

2º. Subestacións de distribución de enerxía eléctrica en alta tensión da rede de transporte á de distribución.

d) Actividades sanitarias.

1º. Establecementos de usos sanitarios en que se prestan coidados médicos en réxime de hospitalización e/ou tratamento intensivo ou cirúrxico, cunha dispoñibilidade igual ou superior a 100 camas, ou ben que, sen chegar ás 100 camas, se encontren na zona de intervención de accidentes graves en que interveñan substancias perigosas, definida conforme o disposto no artigo 2 do Real decreto 1196/2003, do 19 de setembro, polo que se aproba a Directriz básica de protección civil para o control e planificación ante o risco de accidentes graves en que interveñen substancias perigosas.

2º. Calquera outro establecemento de uso sanitario que dispoña dunha altura de evacuación igual ou superior a 28 m ou dunha ocupación igual ou superior a 1.000 persoas.

e) Actividades docentes.

Para os efectos deste catálogo, entenderanse como centros de uso docente os centros educativos descritos no artigo 40.1 da Lei 5/2007, do 5 de maio, de emerxencias de Galicia.

1º. Establecementos de uso docente especialmente destinados a persoas con discapacidade física, sensorial, intelectual ou con enfermidades mentais.

2º. Establecementos de uso docente destinados a persoas que non poidan realizar unha evacuación polos seus propios medios.

3º. Calquera outro establecemento de uso docente sempre que dispoña dunha altura de evacuación igual ou superior a 28 m ou dunha ocupación igual ou superior a 1.000 persoas, ou ben que, sen chegar a eses limiares, se encontre na zona de intervención de accidentes graves en que interveñan substancias perigosas, definida conforme o disposto no artigo 2 do Real decreto 1196/2003, do 19 de setembro.

f) Actividades residenciais públicas.

Establecementos de uso residencial público que cumpran algunha das seguintes características:

1º. Aqueles en que se desenvolven actividades de residencia ou centros de día destinados a persoas anciás, con discapacidade física, sensorial, intelectual ou con enfermidade mental.

2º. Aqueles en que habitualmente haxa usuarios e usuarias que non poidan realizar unha evacuación polos seus propios medios.

3º. Calquera outro establecemento de uso residencial público sempre que dispoña dunha altura de evacuación igual ou superior a 28 m ou dunha ocupación igual ou superior a 1.000 persoas, ou ben que, sen chegar a eses limiares, se encontre na zona de intervención de accidentes graves en que interveñan substancias perigosas, definida conforme o disposto no artigo 2 do Real decreto 1196/2003, do 19 de setembro.

g) Outras actividades.

Aqueloutras actividades desenvoltas en centros, establecementos, espazos, instalacións ou dependencias ou medios análogos que reúnan algunha das seguintes características:

1º. Edificios que alberguen actividades comerciais, administrativas, de prestación de servizos, ou de calquera outro tipo, sempre que a altura de evacuación do edificio sexa igual ou superior a 28 m ou dispoñan dunha ocupación igual ou superior a 1.000 persoas.

2º. Instalacións ou locais pechados desmontables ou de tempada, cubertos total ou parcialmente, cunha cabida ou capacidade igual ou superior a 1.500 persoas.

3º. Instalacións de cámping cunha cabida ou capacidade igual ou superior a 1.000 persoas.

4º. Outras actividades en espazos delimitados cun número de asistentes e participantes previstos igual ou superior a 5.000 persoas.

5º. Actividades en espazos non delimitados cun número de asistentes e participantes previstos igual ou superior a 10.000 persoas.

6º. Os espazos naturais protexidos definidos na Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia, cando teñan unha afluencia media anual de visitantes nos últimos 5 anos de máis de 10.000 persoas».

Once. O punto 2.5 do anexo II queda redactado como segue:

«2.5. Descrición dos accesos. Condicións de accesibilidade para a axuda externa. Este capítulo desenvolverase mediante documentación escrita e acompañarase, como mínimo, da documentación gráfica seguinte:

Plano de situación que comprenda a contorna próxima urbana, industrial ou natural en que figuren os accesos, comunicación, etc.

Planos descritivos de todos os andares dos edificios, das instalacións e das áreas onde se realiza a actividade, identificando os elementos vulnerables».

Doce. O anexo IV queda redactado como segue:

«ANEXO IV

Contido mínimo do Rexistro Electrónico de Plans de Autoprotección da Comunidade Autónoma de Galicia

1. Datos xerais:

a) Nome do establecemento.

b) Enderezo completo.

c) Teléfono, fax, correo electrónico.

2. Número de ocupantes (clasificación).

3. Número de empregadas/os (clasificación).

4. Actividade ou uso do establecemento. Actividades ou usos que convivan na mesma edificación.

5. Datos da persoa titular (nome, enderezo, teléfono...).

6. Data da última revisión do PAU.

7. Datos estruturais:

a) Tipo de estrutura.

b) Número de plantas sobre e baixo rasante.

c) Superficie útil ou construída (por plantas).

d) Número de saídas ao exterior.

e) Número de escaleiras interiores.

f) Número de escaleiras exteriores.

g) Sectorización de incendios.

h) Información relevante sobre a estrutura e/ou edificio.

i) Localización das chaves de corte da subministración enerxética (gas, electricidade, gasóleo...).

8. Contorna:

a) Información sobre a contorna (urbana ou rural; proximidade a ríos, a roteiros polos que transitan vehículos con mercadorías perigosas, a industrias, a zonas forestais; edificio illado ou medianeiro con outras actividades). Tipo de actividades da contorna e dos seus titulares.

b) Vulnerables existentes na contorna.

9. Accesibilidade:

a) Datos e información relevante sobre o acceso.

b) Características dos accesos de vehículos ás fachadas do establecemento.

c) Número de fachadas accesibles aos bombeiros.

10. Focos de perigo e vulnerables:

a) Tipo de risco máis significativo do edificio.

b) Tipo e cantidade de produtos perigosos que se almacenan e/ou procesan.

c) Vulnerables.

11. Instalacións técnicas de protección contra incendios. Dispón de:

a) Detección e alarma de incendios. Data de revisión da instalación.

b) Pulsadores de alarma de incendios. Data de revisión da instalación.

c) Extintores de incendios. Data de revisión da instalación.

d) Bocas de incendio equipadas. Data de revisión da instalación.

e) Hidrantes. Data de revisión da instalación.

f) Columna seca. Data de revisión da instalación.

g) Extinción automática de incendios. Data de revisión da instalación.

h) Iluminación de emerxencia. Data de revisión da instalación.

i) Sinalización. Data de revisión da instalación.

j) Grupo electróxeno e sistema de alimentación ininterrompida (SAI). Data de revisión da instalación.

k) Equipo de bombeo e alxibe ou depósito de auga. Data de revisión da instalación.

12. Planos. Extraídos do PAU. Agruparanse no rexistro do seguinte xeito:

a) Plano de situación que comprenda a contorna próxima urbana, industrial ou natural en que figuren os accesos, comunicacións, etc.

b) Planos descritivos de todos os andares dos edificios, das instalacións e das áreas onde se realiza a actividade, identificando os elementos vulnerables.

c) Planos de situación por andares de todos os elementos e/ou instalacións de risco, tanto propios coma os da contorna.

d) Planos de situación dos medios de autoprotección que inclúan o punto de recepción dos medios externos, percorridos de evacuación, áreas de confinamento e compartimentación de áreas ou sectores de risco».

Trece. O número 1 do anexo V queda redactado como segue:

«1. Dispositivos para a vixilancia, identificación da emerxencia, coordinación da resposta e ordenación da autoprotección.

As actividades recollidas no anexo I deste decreto téñense que dotar de persoal suficiente ou de sistemas tecnolóxicos adecuados e suficientes para a identificación das emerxencias e deberase garantir o aviso aos servizos públicos para a súa xestión.

As actividades con afluencia de público superior a 2.000 persoas teñen que dispoñer, ademais, do persoal oportuno para a prevención e identificación de emerxencias por aglomeracións e para garantir unha evacuación ordenada ou un confinamento, de ser necesario.

Cando o evento teña unha afluencia de público prevista superior a 5.000 persoas, en espazos delimitados ou non delimitados, será condición indispensable para a súa celebración a constitución dun posto de mando avanzado que garanta o mando único e a coordinación dos servizos públicos e privados de intervención, seguridade e sanitarios, e que teña contacto permanente co Centro Integrado de Atención ás Emerxencias CIAE-112 en caso de emerxencia. Ademais, a persoa titular da actividade deberá comunicar á Axencia Galega de Emerxencias a realización do evento cunha antelación mínima de dez días».

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto no presente decreto.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Autorízase a persoa titular da consellería con competencia en materia de protección civil para aprobar as ordes necesarias para o desenvolvemento deste decreto no relativo á organización e ás materias propias do seu departamento.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte de xullo de dous mil vinte e seis

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes