Mediante a Resolución do 30 de decembro de 2025 publicouse a resolución pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) que aproba as bases reguladoras das axudas a servizos modulares de asesoramento especializado a empresas galegas prestados por entidades colaboradoras (programa Re-acciona), cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para os anos 2026 e 2027, en réxime de concorrencia non competitiva (DOG núm. 10, do 16 de xaneiro de 2026).
O punto cuarto da citada resolución establece que o prazo de presentación de solicitudes rematará o 30 de setembro de 2026 ás 14.00 horas, agás que se produza o esgotamento do crédito.
O punto quinto fixa a distribución inicial dos servizos ofertados e prevé que, transcorridos catro meses desde o inicio do prazo de presentación de solicitudes, se avaliará a demanda das distintas tipoloxías e, de ser necesario, se poderá redistribuír a asignación dos servizos pendentes de maneira proporcional á demanda, mediante unha modificación da resolución publicada no Diario Oficial de Galicia.
O seguimento da convocatoria pon de manifesto que o ritmo de presentación de solicitudes está a ser inferior ao inicialmente previsto e que a demanda presenta unha distribución desigual entre as distintas tipoloxías de servizo. Segundo os datos actualizados no 28 de xullo de 2026, a demanda neta ascende a 205 servizos; en particular, o servizo de preparación de procesos certificables conta con 70 solicitudes netas, fronte aos 60 servizos inicialmente previstos.
O 23 de xullo de 2026 solicitóuselles ás entidades colaboradoras unha previsión actualizada dos novos servizos susceptibles de se tramitaren durante o prazo ampliado. Á vista da demanda rexistrada e das previsións recibidas, considérase conveniente ampliar o prazo de presentación de solicitudes e redistribuír os servizos pendentes, co fin de adecuar a oferta á demanda e favorecer unha mellor execución dos fondos dispoñibles.
A ampliación acórdase antes do vencemento do prazo vixente, non excede a metade da súa duración inicial e non prexudica dereitos de terceiros. A redistribución non supón un incremento do número total de servizos nin da dotación orzamentaria da convocatoria.
Polo exposto, de conformidade co previsto no punto quinto da Resolución do 30 de decembro de 2025, no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e coas facultades que teño conferidas,
RESOLVO:
Artigo 1. Ampliación do prazo de presentación de solicitudes
Amplíase ata o 16 de novembro de 2026, ás 14.00 horas, o prazo de presentación de solicitudes de axuda establecido no punto cuarto do resolvo da Resolución do 30 de decembro de 2025, agás que se produza antes o esgotamento do crédito.
Artigo 2. Redistribución dos servizos ofertados
Substitúese a distribución de servizos do punto quinto do resolvo da Resolución do 30 de decembro de 2025 pola seguinte:
|
Nome do servizo |
Número de servizos |
|
Análise do potencial competitivo e primeiras accións de mellora |
32 |
|
Desenvolvemento estratéxico integral da empresa |
40 |
|
Análise do cumprimento normativo e dos riscos legais (Compliance) |
54 |
|
Captación, fidelización e xestión de talento |
13 |
|
Desenvolvemento dunha estratexia de integración ESG na peme |
15 |
|
Mellora da xestión financeira e procura de financiamento |
74 |
|
Circularización e optimización dos procesos de produción e cadea loxística |
47 |
|
Asesoramento para o relanzamento comercial |
36 |
|
Preparación de procesos certificables |
75 |
|
Apoio para empresas emerxentes innovadoras |
11 |
|
Deseño e lanzamento de produtos e servizos innovadores |
10 |
|
Protección da innovación |
32 |
|
Asesoramento para o financiamento da innovación |
39 |
|
Total |
478 |
O número de servizos establecido para cada tipoloxía constitúe o límite máximo de servizos que poderán concederse nela. A concesión estará, en todo caso, condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente. Se o crédito dispoñible resulta insuficiente para atender o número máximo de servizos previsto, prevalecerá o límite orzamentario, sen que poidan concederse axudas por importe superior á dotación da convocatoria.
Artigo 3. Aplicación da redistribución e prelación das solicitudes
A redistribución aplicarase aos servizos pendentes de asignación e non afectará as reservas de crédito efectuadas nin as resolucións de concesión ditadas.
As solicitudes presentadas conservarán a prelación temporal que lles corresponda de acordo co artigo 2 das bases reguladoras e resolveranse ata o esgotamento do crédito.
Artigo 4. Mantemento das restantes condicións
Mantéñense inalteradas as restantes condicións da Resolución do 30 de decembro de 2025 e das resolucións de concesión ditadas ao seu abeiro.
Artigo 5. Eficacia
Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2026
Covadonga Toca Carús
Directora xeral do Instituto Galego de Promoción Económica
