O tribunal nomeado pola Resolución do 6 de maio de 2026 (DOG núm. 87, do 12 de maio) para cualificar este proceso selectivo
ACORDOU:
Primeiro. De conformidade co disposto na base II.1.1.1 da convocatoria, o primeiro exercicio da fase de oposición cualificarase de 0 a 60 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de trinta (30) puntos. Cada resposta incorrecta descontará un cuarto dunha pregunta correcta. As preguntas non contestadas non penalizan nin reciben puntuación.
Así pois, e de conformidade co disposto na citada base, mediante a Resolución deste tribunal, do 15 de xuño de 2026, déuselles publicidade aos criterios de corrección, valoración e superación do primeiro exercicio, publicados o 18 de xuño de 2026 no portal web corporativo da Xunta de Galicia funcionpublica.xunta.gal, que establecen que superarán este exercicio as persoas aspirantes que teñan as mellores puntuacións ata completar o número máximo de persoas aspirantes determinado polo resultado de multiplicar por cinco (5) o número de prazas convocadas, sempre que acaden o mínimo do 40 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes. Este exercicio cualificarse de 0 a 60 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de trinta (30) puntos. Asignaráselles a valoración de 30 puntos ás persoas aspirantes que obteñan unha nota equivalente á nota de corte fixada. O resto das persoas declaradas aptas terán unha cualificación distribuída entre os 30 e os 60 puntos, proporcional ao número de respostas correctas. As persoas aspirantes que non acaden trinta (30) puntos non superan o primeiro exercicio e serán declaradas non aptas.
Segundo. Unha vez feita a corrección dos exames en sesión do 28 de xullo de 2026, consonte os criterios anteriores, acadou a puntuación mínima de 30 puntos un total de vinte (20) aspirantes pola quenda de promoción interna, fixouse en corenta (40) o número de respostas correctas para acadar a dita puntuación, unha vez feitas as deducións segundo o establecido na base II.1.1.1 da convocatoria, e acordouse publicar no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal os resultados obtidos polas persoas aspirantes que se presentaron ao primeiro exercicio.
Terceiro. Consonte o disposto na base II.1.2.8 da convocatoria, os aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas con relación ás puntuacións no prazo de dez (10) días hábiles, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
Cuarto. De conformidade co disposto na base II.1.1.2 da convocatoria, estarán exentas de realizar o segundo exercicio as persoas aspirantes que acrediten que posuían o día de finalización do prazo de presentación de instancias neste proceso o Celga 3 ou o título equivalente debidamente homologado consonte a disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro).
O prazo de acreditación referido no parágrafo anterior será de dez (10) días hábiles, contados desde o seguinte ao da publicación en DOG da resolución pola que o tribunal faga públicas as cualificacións do primeiro exercicio, e deberá tramitarse a través da aplicación Fides (https://fides.xunta.gal) na epígrafe «Expediente-e: idiomas-galego». Esta acreditación realizarase de conformidade co establecido na Resolución do 5 de decembro de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se ditan instrucións para regular o contido, uso e acceso ao expediente persoal electrónico do persoal empregado público da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais (DOG núm. 237, do 15 de decembro).
A Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal publicará, no portal web corporativo xunta.gal/funcion-publica unha lista de persoas aspirantes que deben realizar a proba por falta de acreditación de coñecemento do idioma galego.
De acordo co disposto na base III.13 da orde de convocatoria, contra esta resolución poderase interpoñer recurso de alzada, ante a persoa titular da consellería competente en materia de función pública, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2026
Antonio Lamas Fernández
Presidente do tribunal
