BDNS (Identif.): 924361.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publicase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (BDNS):
https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/924361
Primeiro. Beneficiarios
Poderán solicitar este equipamento os concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de concellos galegos que cumpran as seguintes condicións:
a) Que o solicitante teña unha AVPC con persoal voluntario operativo e asegurado, inscrita no Rexistro de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme a Lei 5/2007, do 7 de maio, e o Decreto 56/2000, do 3 de marzo, ou que presentase oficialmente a solicitude de inscrición de nova AVPC neste. Neste caso a concesión da subvención queda condicionada á efectiva inscrición, segundo se establece no artigo 59 e concordantes do Decreto 56/2000, do 3 de marzo. Esta condición debe cumprirse, como máis tarde, no último día do prazo de presentación de solicitudes.
b) Ter presentado as contas a que se refire o artigo 208 e seguinte do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, correspondentes ao exercicio orzamentario 2024 no Consello de Contas de Galicia.
c) Que non recibisen o mesmo equipamento por parte da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes ou organismos e entidades adscritas a esta nos últimos 5 anos, destinado á prestación dos servizos de protección civil e emerxencias.
Se, unha vez asignado o equipamento ás entidades locais tendo en conta a condición anterior, queda equipamento vacante, este será asignado a entidades locais que xa o teñan recibido nos últimos 5 anos de acordo coa puntuación acadada nesta orde.
Segundo. Obxecto
O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras para a adxudicación, en réxime de concorrencia competitiva, de equipamentos de emerxencias aos concellos, mancomunidades e agrupacións de concellos galegos que conten con AVPC, inscrita no Rexistro de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme a Lei 5/2007, do 7 de maio, e o Decreto 56/2000, do 3 de marzo, e a súa convocatoria para o ano 2026.
O procedemento regulado nesta orde habilitarase na Guía de procedementos e servizos co código de procedemento PR450A.
Terceiro. Bases reguladoras
Orde do 3 de agosto de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións, para o ano 2026, para a adxudicación de equipamentos de emerxencias, en réxime de concorrencia competitiva, a concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de concellos galegos, cofinanciados pola Unión Europea nun 60 %, no marco do programa Galicia Feder 2021-2027 (código de procedemento PR450A).
Cuarto. Importe
A actuación que se vai desenvolver ten natureza de subvención en especie e o equipamento que se vai ceder distribúese nas seguintes liñas de axuda:
Liña 1. 19 kits de material loxístico de seguridade viaria.
Liña 2. 20 kits de ferramentas eléctricas para a atención ás emerxencias.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 3 de agosto de 2026
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes
