DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 152 Xoves, 13 de agosto de 2026 Páx. 44403

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

DECRETO 91/2026, do 3 de agosto, polo que se aproba a agrupación voluntaria entre os concellos de Baralla e das Nogais, da provincia de Lugo, para o sostemento en común do posto de traballo de secretaría-intervención, reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional.

Os concellos de Baralla e As Nogais acordaron aprobar definitivamente a constitución dunha agrupación voluntaria para o sostemento en común dun único posto de traballo de secretaría-intervención, reservado a persoal funcionario da Administración local con habilitación de carácter nacional e, en consecuencia, elevaron o expediente á Xunta de Galicia para a súa aprobación.

De conformidade co disposto na normativa estatal, en particular no artigo 92.bis da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, e no Real decreto 128/2018, de 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional, correspóndelles ás comunidades autónomas acordar, no seu respectivo ámbito territorial e conforme á súa normativa propia, a constitución e disolución das agrupacións para o sostemento en común de postos reservados a este persoal funcionario.

No eido autonómico, as agrupacións voluntarias para o sostemento en común de postos de traballo reservados a persoal funcionario da Administración local con habilitación de carácter nacional regúlanse nos artigos 165 e seguintes da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e nos artigos 11, 12, 13 e 16 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto do persoal funcionario con habilitación de carácter estatal. Así mesmo, o artigo 10 do citado decreto establece as normas xerais para a clasificación de postos de traballo reservados a funcionarias e funcionarios con habilitación de carácter nacional.

No expediente administrativo observáronse os trámites previstos na normativa aplicable anteriormente referida. En particular, solicitáronse os informes da Deputación Provincial de Lugo e da Delegación do Goberno na Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 167.c) da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e no artigo 13 do Decreto 49/2009. Así mesmo, consta no expediente a proposta de clasificación do posto resultante.

De acordo co disposto no artigo 167 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e no artigo 13 do Decreto 49/2009, a competencia para aprobar a agrupación correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, por proposta da persoa titular da consellería competente en materia de réxime local.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día tres de agosto de dous mil vinte e seis,

DISPOÑO:

Primeiro. Aprobar a agrupación voluntaria dos concellos de Baralla e As Nogais, da provincia de Lugo, para o sostemento en común do posto de traballo de secretaría-intervención, reservado a persoal funcionario da Administración local con habilitación de carácter nacional, así como os estatutos polos que se rexerá a devandita agrupación, que forman parte integrante do expediente.

Segundo. Clasificar o posto de traballo reservado resultante da agrupación voluntaria dos concellos de Baralla e As Nogais nos seguintes termos:

Posto: secretaría de clase 3.

Subescala: secretaría-intervención.

Forma de provisión: concurso.

Nivel de complemento de destino: 28.

Terceiro. Adscribir a Sandra Díaz Álvarez, funcionaria da Administración local con habilitación de carácter nacional pertencente á subescala de secretaría-intervención, ao novo posto de secretaría de clase 3, resultante da agrupación de concellos de Baralla e As Nogais, e revogar o nomeamento temporal outorgado á citada funcionaria para o desempeño do posto de traballo reservado de secretaría de clase 3 no Concello de Baralla.

Contra este acto, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Potestativamente, e con carácter previo, poderase interpoñer recurso administrativo de reposición perante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015. Así mesmo, as entidades locais poderán presentar previamente requirimento no prazo de dous meses, conforme ao disposto no artigo 44 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, tres de agosto de dous mil vinte e seis

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes