O 16 de marzo de 2026 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 10 de marzo de 2026 pola que se convoca o procedemento de adxudicación de prazas nas escolas infantís de 0 a 3 anos dependentes desta axencia para o curso 2026/27 (códigos de procedemento BS402A e BS402F).
Esta resolución ten por obxecto convocar o procedemento de adxudicación de prazas nas escolas infantís de 0 a 3 anos dependentes da Axencia Galega de Servizos Sociais (AGSS) para o curso 2026/27, tanto de novo ingreso coma de renovación de praza, a través dos procedementos BS402A e BS402F, respectivamente.
O obxecto desta modificación é revisar o calendario de apertura das escolas infantís dependentes da AGSS no que respecta ao día de comezo do curso escolar, establecidos no artigo 4.1 da referida resolución.
A modificación do prazo de inicio escolar, establecidos na devandita resolución, ten como finalidade garantir o correcto funcionamento dos centros, derivado do movemento de persoal previsto para o mes de setembro na rede de escolas infantís da Xunta de Galicia, con motivo da resolución do concurso de traslados e das tomas de posesión do persoal funcionario dos centros, en cumprimento da lexislación vixente en materia de emprego público.
Deste xeito, modifícase o comezo do período escolar, que pasa a ser o día 7 de setembro do ano 2026.
En consecuencia, de conformidade co Decreto 40/2014, do 20 de marzo, polo que se crea a Axencia Galega de Servizos Sociais e se aproban os seus estatutos,
RESOLVO:
Artigo único. Modificación da Resolución do 10 de marzo de 2026 pola que se convoca o procedemento de adxudicación de prazas nas escolas infantís de 0 a 3 anos dependentes desta axencia para o curso 2026/27
O número 1 do artigo 4 da Resolución do 10 de marzo de 2026 pola que se convoca o procedemento de adxudicación de prazas nas escolas infantís de 0 a 3 anos dependentes desta axencia para o curso 2026/27 queda redactado como segue:
«1. Nas escolas infantís de 0 a 3 anos a que se refire esta resolución, o curso escolar comezará o luns 7 de setembro de 2026.
Os centros permanecerán abertos de luns a venres, excluídos os días considerados festivos no calendario laboral, e permanecerán pechados os días 24 e 31 de decembro. Ademais, estarán pechados os días 28, 29 e 30 de decembro de 2026.
As escolas pecharán ás 15.00 horas os días 5 de xaneiro e 9 de febreiro de 2027. No caso das escolas infantís situadas en concellos en que o día 9 de febreiro, martes de Entroido, sexa festividade local, poderán pechar ás 15.00 horas o luns día 8 de febreiro.
Así mesmo, con carácter xeral, todos os centros permanecerán pechados durante o mes de agosto correspondente ao curso 2026/27.
Excepcionalmente, no mes de agosto de 2027, sempre que exista unha demanda igual ou superior a 15 alumnos/as, podería abrirse un centro por localidade. Nestes casos, o seu peche diario realizarase ás 17.00 horas. Neste suposto, a familia deberá xustificar, con base en motivos laborais ou de saúde, a necesidade de levar o alumno ou alumna ao centro durante o citado período do mes de agosto. En todo caso, o alumnado so poderá asistir ao centro un máximo de 11 meses dentro do período de setembro a agosto do curso 2026/27».
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 7 de agosto de 2026
O/a director/a da Axencia Galega de Servizos Sociais
P.S. (Disposición transitoria primeira do Decreto 40/2014, do 20 de marzo)
Jacobo Rey Sastre
Director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica
