Segundo sinala o artigo 13 do Decreto 29/2017, do 9 de marzo, de cooperación para o desenvolvemento, de acordo co previsto polo artigo 89 da Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento, o Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento é o órgano de consulta e participación da sociedade galega en materia de cooperación para o desenvolvemento e estará adscrito ao departamento competente nesa materia.
O punto primeiro do artigo 15 do Decreto 29/2017, do 9 de marzo, de cooperación para o desenvolvemento, regula a composición do Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento (Congacode).
O punto terceiro do dito artigo 15 sinala que as persoas vogais do Congacode, agás a persoa titular da vicepresidencia e as persoas representantes das consellerías da Administración xeral da Xunta de Galicia, serán nomeadas e cesadas pola persoa titular da consellería competente en materia de cooperación para o desenvolvemento, por proposta das entidades con representación nel, mediante unha orde publicada no Diario Oficial de Galicia, e desempeñarán os seus cargos por un período de catro anos.
Polo tanto, vista a proposta de nomeamento formulada polos órganos de goberno dos distintos axentes de cooperación con representación no Congacode e de acordo co disposto no número 3 do artigo 15 do Decreto 29/2017, do 9 de marzo, de cooperación para o desenvolvemento,
DISPOÑO:
Artigo único
1. Cesar como vogais titulares e suplentes do Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento en representación dos axentes de cooperación, agradecéndolles os servizos prestados, ás seguintes persoas:
– María José López Couso, en representación das universidades públicas de Galicia, a causa do cesamento no posto que desempeñaba como vicerreitora de Titulacións e Internacionalización da Universidade de Santiago de Compostela.
– María José Cabaleiro Casal, profesora titular da Universidade de Vigo, en representación das universidades públicas galegas, a causa da expiración do mandato para o que foi nomeada.
– Esther Basanta Regodesebes (Fundación Mujeres), en representación das entidades inscritas na sección D do Rexistro Galego de Axentes de Cooperación, a causa da expiración do mandato para o que foi nomeada.
– Débora Navarro García (Fundación Galicia Innova), en representación das entidades inscritas na sección D do Rexistro Galego de Axentes de Cooperación, a causa da expiración do mandato para o que foi nomeada.
– Juan Redondo Abelenda (Cruz Vermella), en representación das organizacións non gobernamentais que traballen no eido social e/ou con persoas migrantes ou refuxiadas e outros colectivos afíns ao traballo en cooperación, educación ou acción humanitaria, a causa da expiración do mandato para o que foi nomeado.
– Joaquín Varela Rivera (Cruz Vermella), en representación das organizacións non gobernamentais que traballen no eido social e/ou con persoas migrantes ou refuxiadas e outros colectivos afíns ao traballo en cooperación, educación ou acción humanitaria, a causa da expiración do mandato para o que foi nomeado.
2. Nomear como vogais do Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento, en representación das universidades galegas, a:
Titular: Pablo Cabanelas Lorenzo, catedrático da Universidade de Vigo.
Suplente: Acacia Naves García-Rendueles, profesora axudante doutora da Universidade da Coruña.
3. Nomear como vogais do Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento, en representación das entidades inscritas na sección D do Rexistro Galego de Axentes de Cooperación, a:
Titular: Débora Navarro García (Fundación Galicia Innova).
Suplente: María Hervada Caamaño (Fundación Mujeres).
4. Nomear como vogais do Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento, en representación daquelas organizacións non gobernamentais que traballen no eido social e/ou con persoas migrantes ou refuxiadas e outros colectivos afíns ao traballo en cooperación, educación ou acción humanitaria, a:
Titular: María Isabel Vicandi Plaza (Cruz Vermella).
Suplente: Joaquín Varela Rivera (Cruz Vermella).
Disposición derradeira
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 11 de agosto de 2026
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes
