DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 157 Xoves, 20 de agosto de 2026 Páx. 45891

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 19 de agosto de 2026, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se fan públicas as listas provisionais para o desempeño transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario do corpo de axudantes de carácter facultativo, escala de axentes facultativos ambientais, da Xunta de Galicia.

De conformidade co artigo 6.2 do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, polo que se regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia, o prazo de presentación de solicitudes para formar parte das listas iníciase anualmente o 1 de marzo e remata o 30 de abril.

Unha vez finalizado o dito prazo, foron examinadas as instancias presentadas coa finalidade de comprobar a concorrencia dos requisitos exixidos e valorar os méritos alegados polas persoas interesadas.

Os postos do corpo de axudantes de carácter facultativo, escala de axentes facultativos ambientais da Consellería do Medio Rural, desenvolven a súas tarefas na súa maior parte nos servizos de prevención e defensa contra incendios forestais e dado que existe unha necesidade de contratación máis intensa na actualidade nesa lista e non figuran nela persoas integrantes dispoñibles suficientes, urxe a súa publicación con anterioridade e de xeito independente á publicación das restantes listas para o desempeño transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia e aplicarase ao procedemento a tramitación de urxencia prevista no artigo 33.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

Concluídos os anteriores traballos, elaboradas e aprobadas as listaxes correspondentes, a Comisión Permanente, de acordo co establecido no artigo 4 do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, acordou elevar á titular da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal as listaxes provisionais de admitidos e excluídos para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

De conformidade co establecido no artigo 11 do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro. Facer pública a lista provisional para o desempeño transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario do corpo de axudantes de carácter facultativo, escala de axentes facultativos ambientais, da Xunta de Galicia.

Segundo. A lista poderá consultarse no portal web corporativo da Xunta de Galicia, http://funcionpublica.xunta.gal, na epígrafe <Listas de contratación> e no Servizo de Atención e Información á Cidadanía a través do teléfono 012.

Nas devanditas listas figura a seguinte información:

– Solicitantes admitidos na lista con indicación da puntuación provisional resultante da aplicación do baremo establecido no artigo 9 do Decreto 37/2006.

– Solicitantes excluídos con expresión da causa de exclusión.

Terceiro. Acordar a aplicación da tramitación de urxencia prevista no artigo 33.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común (BOE núm. 236, do 2 de outubro.

En consecuencia, as persoas interesadas disporán dun prazo de cinco días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para presentar reclamacións ante a Comisión Permanente (Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, Consellería de Facenda e Administración Pública, Edificio Administrativo San Caetano, s/n, Santiago de Compostela).

As persoas integrantes das listas que na súa solicitude de inclusión autorizasen expresamente a consulta dalgúns datos pola Administración e que figuren excluídas nestas listas provisionais por causas relacionadas coa imposibilidade material de obter os ditos datos deberán achegar, para acreditar o cumprimento dos requisitos exixidos, no indicado prazo de cinco días concedido para formular reclamacións contra as listas provisionais, unha copia auténtica da documentación respecto á cal non foi posible obter datos ao realizar a consulta.

As persoas que solicitaron a inclusión electronicamente a través de fides.xunta.gal, para realizar as alegacións que consideren oportunas, deberán acceder a fides.xunta.gal, onde se lles permitirá xerar un documento para remitir a través dun rexistro presencial a documentación que deba presentarse e que non sexa copia auténtica ou non fose posible comprobala automaticamente. Só se admitirán as alegacións que se realicen por medio desta aplicación informática para as solicitudes que se presentaron a través de fides.xunta.gal

Xunto coas ditas reclamacións achegarase, de ser o caso:

– Documentación precisa para emendar a causa de exclusión.

– Certificación dos servizos prestados na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou en entidades públicas instrumentais do sector público autonómico incluídas no artigo 45.a) da Lei 16/2010, do 17 de decembro, no mesmo grupo, categoría, corpo ou escala, nos termos previstos no artigo 9 do Decreto 37/2006, segundo o modelo que figura como anexo I desta resolución. A certificación será expedida polas unidades seguintes:

– Servizos centrais:

Secretario/a xeral técnico/a, subdirector/a xeral ou xefes/as de servizo que teñan atribuídas funcións en materia de xestión de persoal, dependentes da secretaría xeral técnica da consellería respectiva ou do ente público instrumental onde estea a prestar servizos ou onde os prestou por última vez.

– Servizos periféricos:

Directores/as territoriais ou funcionarios/as responsables da área de persoal dos departamentos territoriais da consellería ou do ente público instrumental onde preste servizos ou onde os prestou por última vez.

No suposto de que algunha das persoas solicitantes provisionalmente excluída non presente a documentación necesaria para emendar a causa de exclusión, quedará definitivamente excluída.

Cuarto. A partir da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, tanto as persoas solicitantes provisionalmente admitidas como as provisionalmente excluídas poderán presentar a solicitude de suspensión de chamamentos, de conformidade co establecido no artigo 15.2. do Decreto 37/2006.

O modelo de solicitude está á disposición das persoas interesadas no portal web corporativo da Xunta de Galicia, http://funcionpublica.xunta.gal, na epígrafe <Listas de contratación>.

Unha vez transcorrido o prazo para formular alegacións, levaranse a efecto as emendas procedentes e darase publicidade das listas definitivas no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de agosto de 2026

Nuria Aguilar Vázquez
Directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal

ANEXO I

Certificación de servizos prestados

(Resolución do ... DOG núm. ... do ... de ... de 202...)

Dª./D. ...........................................................................................................................................................................................

(Nome da/do funcionaria/o competente para certificar en materia de persoal)

CERTIFICA:

Que dona/don ....................................................................................... con DNI núm. .......................prestou servizos no grupo e categoría e nos períodos que a seguir se indican:

GRUPO/CATEGORÍA

DENOMINACIÓN

DO POSTO

CÓDIGO DO POSTO

DE TRABALLO

(de ser o caso)

DESCONTINUO (SI/NON)*

FIN DE SEMANA (SI/NON)*

DATA INICIO

DATA FIN

TOTAL

(En días)*

E para que así conste, asino a presente certificación en ................................ , o ........ de ............ de 202....

(SINATURA)

* Nota:

– É moi importante que no caso de postos descontinuos ou de fin de semana se reflictan exclusivamente os días efectivamente traballados.