En cumprimento do Acordo de 29 de xullo de 2026, do Pleno do Consello de Contas, polo que se aproba o proxecto de política de uso da intelixencia artificial no Consello de Contas de Galicia, resolvo publicar no Diario Oficial de Galicia o seu texto completo.
Santiago de Compostela, 13 de agosto de 2026
Juan Carlos Aladro Fernández
Conselleiro maior do Consello de Contas de Galicia
ANEXO
Acordo do 29 de xullo de 2026, do Pleno do Consello de Contas de Galicia,
polo que se aproba o proxecto de política de uso da intelixencia artificial
no Consello de Contas de Galicia
Preámbulo
A transformación dixital e a aplicación de novos sistemas baseados na intelixencia artificial no ámbito das administracións públicas achegan un conxunto de oportunidades para mellorar a eficiencia, a calidade técnica e mais o alcance cos que o Consello de Contas de Galicia desenvolve as funcións que ten encomendadas. A natureza das competencias esenciais do Consello –fiscalización externa do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia, prevención da corrupción e función consultiva– exixe que calquera incorporación tecnolóxica preserve os principios institucionais de independencia e sometemento ao ordenamento xurídico incluídos na Lei 6/1985, do 22 de marzo, do Consello de Contas de Galicia, e no Regulamento de réxime interior.
Por outra banda, o eixe 3 do Plan estratéxico do Consello de Contas (2023-2028) establece no obxectivo estratéxico 3.1 (Desenvolver sistemas avanzados de goberno do dato) a necesidade de asegurar que os datos recibidos e procesados respondan a criterios estritos de calidade en termos de corrección, fiabilidade, seguridade e utilidade. A seguir, propón a creación dunha estrutura robusta de normas e procesos para asegurar a calidade do dato en todo o seu ciclo. Adicionalmente, o obxectivo estratéxico 3.2 (Implantar un modelo dixital e colaborativo de auditoría) insta para promover e articular o traballo colaborativo dos equipos de auditoría por medio da implantación do posto de traballo dixital.
A intelixencia artificial xerativa pode e debe contribuír ao mellor cumprimento destes principios e á consecución dos obxectivos do plan estratéxico, sempre que o seu uso se realice dentro dun marco de gobernanza sólido, ético e seguro que garanta a primacía da decisión humana, a protección dos datos, a ausencia de nesgos inxustificados, a rastrexabilidade dos procesos e a inexistencia de automatismos susceptibles de afectar o xuízo profesional do persoal. Por todo isto, cómpre que o Consello de Contas de Galicia dispoña dunha política explícita para que a adopción da intelixencia artificial en todos os seus ámbitos de actuación –non só na fiscalización, prevención e función de asesoramento, senón tamén nos seus procesos internos de administración e xestión– se realice de maneira coherente, planificada e eficaz.
A regulación proposta a través desta política é un primeiro paso que ten como finalidade promover non só a eficiencia no desenvolvemento de todas as actividades que se desenvolven dentro do Consello de Contas, senón tamén a calidade dos procesos, así como a dos produtos e resultados obtidos. Neste sentido, a creación dun marco regulatorio básico para a aplicación da intelixencia artificial concíbese como o alicerce sobre o que se poida ir consolidando unha arquitectura institucional que deberá necesariamente incorporar outros aspectos, como a formación do persoal e a adopción de solucións técnicas concretas adaptadas a un contorno tecnolóxico en constante evolución.
Esta política sitúase no contexto da regulación adoptada polas institucións con competencias en materia de intelixencia artificial, así como polas iniciativas emprendidas polos referentes máis próximos no eido do control externo.
Así, no ámbito da Unión Europea, atende ao Regulamento (UE) 2024/1689 do Parlamento Europeo e do Consello, do 13 de xuño de 2024; ao Regulamento (UE) 2016/679, de protección dos datos persoais (RXPD); ás directrices da Comisión Europea relativas á definición de sistemas de intelixencia artificial establecida no Regulamento da Unión Europea 2024/1689, e ás directrices da Comisión sobre as prácticas de intelixencia artificial prohibidas que se establecen no Regulamento UE 2024/1689.
No plano estatal, considera o establecido polo Real decreto lei 6/2023, do 19 de decembro, polo que se aproban medidas urxentes para a execución do Plan de recuperación, transformación e resiliencia en materia de servizo público de xustiza, función pública, réxime local e mecenado.
No eido autonómico, malia que a Lei 2/2025, do 2 de abril, para o desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial en Galicia, non inclúe o Consello de Contas dentro do seu ámbito subxectivo de aplicación, este órgano de control externo recolle e fai seus os principios consagrados nesta norma, en exercicio da súa autonomía organizativa como órgano estatutario.
Para a elaboración da presente política, consideráronse de xeito moi salientable as iniciativas desenvolvidas en diferentes institucións de control externo. En concreto, tivéronse en conta documentos do Tribunal Europeo de Contas (Artificial Intelligence initial strategy and deployment roadmap 2024-206 e Artificial Intelligence strategy 2026-2023), así como as experiencias que están implantando nos ámbitos da formación e das aplicacións de carácter experimental á fiscalización o Tribunal de Contas e mais outros órganos autonómicos de control externo. En particular, cómpre salientar como un froito relevante da colaboración dos OCEX a aprobación dunha guía práctica de fiscalización para a aplicación da intelixencia artificial á auditoría no marco de Asocex.
Por último, o presente texto tamén recolle aspectos derivados da Política do Comité Técnico Estatal da Administración Xudicial Electrónica (CTEAXE) de uso da intelixencia artificial na Administración de xustiza, do 21 de xuño de 2024, e a Instrución 2/2026, do 28 de xaneiro, do Pleno do Consello Xeral do Poder Xudicial, na medida en que constitúen un referente inmediato dentro do sector público español.
TÍTULO I
Disposicións xerais
Artigo 1. Obxecto
A presente política ten por obxecto regular o uso, implantación, avaliación, supervisión e control das tecnoloxías baseadas en intelixencia artificial no ámbito do Consello de Contas de Galicia, garantindo a súa utilización responsable e cumprindo a normativa vixente e os seus principios institucionais.
Artigo 2. Ámbito de aplicación
Esta política é aplicable ao emprego dos recursos tecnolóxicos agrupados baixo a denominación de Intelixencia artificial no Consello de Contas de Galicia.
Artigo 3. Definicións
Para os efectos desta política, enténdese por:
a) Sistema de intelixencia artificial: sistema baseado nunha máquina que está deseñado para operar con distintos niveis de autonomía e capacidade de adaptación posterior ao seu despregamento e que, para obxectivos explícitos ou implícitos, infire a partir da entrada que recibe resultados tales como predicións, contidos, recomendacións ou decisións que poden influír en contornas físicas ou virtuais.
b) Sistema de intelixencia artificial xerativa: sistema capaz de xerar de forma automatizada contidos, incluídos textos, imaxes, sons, códigos ou outros materiais, a partir de instrucións formuladas pola persoa ou axente usuario.
c) Datos de fiscalización: toda información incorporada aos procedementos de fiscalización á que ten acceso o persoal do Consello no exercicio das súas funcións, incluídos borradores de informe, papeis de traballo, correspondencia con entidades fiscalizadas e datos de carácter reservado.
d) Datos persoais: toda información sobre unha persoa física identificada ou identificable, conforme ao artigo 4 do Regulamento (UE) 2016/679, do 27 de abril.
e) Nesgo algorítmico: desviación sistemática nos resultados xerados por un sistema de intelixencia artificial derivada dos datos, modelos ou procesos utilizados, susceptible de producir efectos arbitrarios ou discriminatorios.
f) Fontes abertas: toda información accesible ao público en xeral sen restricións.
g) Alucinación: resposta xerada por un sistema de intelixencia artificial formalmente coherente, pero de facto incorrecta, ficticia ou non verificable, presentada con aparencia de fundamento técnico.
TÍTULO II
Principios reitores do uso da intelixencia artificial
Artigo 4. Primacía do xuízo humano
A intelixencia artificial terá exclusivamente carácter de apoio e asistencia técnica, sen que poida substituír en ningún caso o xuízo profesional do persoal do Consello de Contas.
Artigo 5. Independencia institucional do Consello de Contas
A utilización de sistemas de intelixencia artificial realizarase de maneira compatible coa independencia institucional do Consello de Contas respecto das entidades fiscalizadas, sen que os resultados xerados polos devanditos sistemas poidan condicionar, directa ou indirectamente, a obxectividade do xuízo profesional.
Artigo 6. Legalidade, ética e proporcionalidade
1. Comprobarase que o uso da intelixencia artificial se axuste sempre á legalidade vixente.
2. Os sistemas de intelixencia artificial empregaranse unicamente cando sexan adecuados, necesarios, con proporcionalidade á finalidade perseguida, e sempre han evitar impactos indebidos sobre dereitos ou intereses lexítimos.
Artigo 7. Transparencia, explicabilidade e intepretabilidade
Todo uso de intelixencia artificial deberá ser auditable, documentable e susceptible de supervisión posterior para asegurar niveis suficientes de coñecemento sobre os eventos realizados no sistema (transparencia), o proceso a través do que se xeraron as decisións adoptadas polo sistema (explicabilidade) e a motivación da decisión e o contexto de aplicación para a persoa usuaria (interpretabilidade).
Artigo 8. Categorías de risco e medidas de mitigación
1. O uso da intelixencia artificial someterase a unha análise previa de riscos.
2. As medidas de mitigación incluirán a limitación e a minimización de datos; a anonimización ou a pseudoanonimización, cando proceda; os controis de acceso, e o rexistro de actividades.
3. Queda prohibido o tratamento masivo ou indiscriminado de datos persoais e de datos de fiscalización mediante sistemas de intelixencia artificial.
4. Os sistemas de intelixencia artificial autorizados deberán incorporar medidas técnicas e organizativas que garantan a seguridade dos datos tratados, a prevención de accesos non autorizados, a rastrexabilidade das operacións realizadas e a imposibilidade da súa reutilización con finalidades distintas daquelas para as que foron tratados.
Artigo 9. Non discriminación e control de nesgos
1. Queda prohibida a utilización de sistemas de intelixencia artificial que, de forma coñecida ou probable, produzan nesgos discriminatorios ou resultados inxustos.
2. O persoal do Consello adoptará as cautelas necesarias para identificar e evitar nesgos algorítmicos derivados da utilización de sistemas de intelixencia artificial.
3. Antes da autorización dun sistema de intelixencia artificial, avaliarase o risco de nesgos coñecidos ou previsibles e estableceranse, de ser o caso, as condicións de uso que mitiguen ese risco.
4. Adoptaranse mecanismos de avaliación periódica que permitan identificar nesgos non aparentes na fase de autorización inicial.
Artigo 10. Formación e capacitación do persoal
O persoal do Consello de Contas recibirá a formación e a capacitación específica sobre o uso dos sistemas de intelixencia artificial. O Consello asume o compromiso institucional de ofrecela de forma continuada. A formación recollerá tanto os aspectos técnicos coma os principios éticos e operativos da utilización da intelixencia artificial no ámbito do Consello de Contas, incluídos os riscos asociados á intelixencia artificial xerativa, os nesgos algorítmicos e as alucinacións.
TÍTULO III
Gobernanza da intelixencia artificial
Artigo 11. Órgano de gobernanza da intelixencia artificial
1. Créase o Comité de Gobernanza da Intelixencia Artificial como órgano colexiado encargado da coordinación, supervisión e control da implantación e uso da intelixencia artificial no Consello de Contas.
2. O Comité estará integrado por:
a) Presidente/a: a Presidencia será asumida polo conselleiro ou conselleira maior ou a persoa en quen delegue.
b) Vogais: un auditor ou auditora por cada un dos distintos departamentos sectoriais do Consello, designado polo respectivo conselleiro ou conselleira; a persoa responsable do Servizo de Informática, e a persoa titular da Delegación de Protección de Datos.
c) Secretario/a: actuará como secretario ou secretaria da Comisión a persoa titular da Secretaría Xeral do Consello de Contas ou a persoa en quen delegue.
3. O Comité actuará segundo as normas xerais sobre órganos colexiados e elaborará un regulamento interno de funcionamento que será aprobado polo Pleno.
4. En función das necesidades concretas, o Comité de Gobernanza poderá crear grupos de traballo integrados polo persoal que considere adecuado a cada actuación. Dada a súa importancia estratéxica, o persoal do Consello de Contas de Galicia prestará a súa colaboración a estes proxectos.
Artigo 12. Funcións específicas do Comité de Gobernanza da Intelixencia Artificial
Corresponderanlle ao órgano indicado no artigo anterior:
a) Autorizar novos usos, proxectos ou adquisicións de sistemas de intelixencia artificial.
b) Avaliar os riscos derivados do uso da intelixencia artificial.
c) Fixar estándares, procedementos e guías internas para o uso da intelixencia artificial.
d) Manter un rexistro actualizado dos sistemas autorizados, condicionados ou prohibidos, que será accesible para o persoal.
e) Promover a formación e a capacitación do persoal nesta materia.
f) Elaborar un informe anual sobre o uso da intelixencia artificial no Consello, que se incorporará á memoria anual do Consello e cuxo contido se fará público no portal de transparencia institucional. No informe suprimiranse aqueles aspectos cuxa publicidade poida comprometer a seguridade da información ou os intereses lexítimos da institución.
Artigo 13. Rexistro e autorización de sistemas de intelixencia artificial
1. Todo sistema de intelixencia artificial de uso corporativo deberá contar con autorización previa.
2. Os sistemas autorizados serán obxecto de revisión periódica polo Comité, cunha periodicidade non superior a dous anos, sen prexuízo de que se poidan realizar revisións extraordinarias en caso de se produciren cambios significativos nos sistemas, no marco normativo aplicable ou nas condicións do servizo. O resultado da revisión poderá conducir á confirmación, condicionamento ou revogación da autorización inicial.
3. O Comité manterá un rexistro no que constarán os sistemas autorizados e prohibidos, así como as condicións do seu uso. Todo o persoal do Consello de Contas terá que coñecer e observar as especificacións contidas no devandito rexistro.
4. Fóra do rexistro de sistemas autorizados e prohibidos, o persoal do Consello poderá utilizar outros sistemas de intelixencia artificial, sempre que:
a) A información empregada con tal fin proceda exclusivamente de fontes abertas.
b) Non se incorporen, directa ou indirectamente, datos do Consello de Contas nin información clasificada como de difusión limitada ou confidencial.
c) Os resultados así obtidos non se incorporen aos traballos de fiscalización en curso. O Comité poderá publicar orientacións sobre este particular.
TÍTULO IV
Usos permitidos, limitacións e prohibicións
Artigo 14. Usos permitidos na fiscalización
Poderán empregarse sistemas de intelixencia artificial, baixo supervisión humana, para:
a) A análise masiva de datos públicos, orzamentarios ou contables.
b) A busca semántica e a extracción automatizada de información.
c) A detección preliminar de riscos ou anomalías.
d) O apoio á elaboración de borradores internos non vinculantes.
e) A clasificación e organización documental.
Artigo 15. Limitacións no uso da intelixencia artificial
1. En ningún caso poderá empregarse a intelixencia artificial como substituto do xuízo profesional.
2. Todos os materiais (informacións, análises, resultados e documentos) xerados mediante intelixencia artificial deberán ser revisados e validados por unha persoa responsable.
3. A intelixencia artificial non poderá elaborar conclusións de auditoría, recomendacións formais, cualificacións xurídicas; tomar decisións automatizadas; elaborar xuízos profesionais nin realizar valoracións sobre responsabilidades.
4. Queda expresamente prohibida a utilización de sistemas de intelixencia artificial para a elaboración de perfís de persoas físicas, predición de comportamentos, avaliación de riscos individuais ou clasificación de suxeitos no exercicio das funcións do Consello, fóra dos supostos expresamente autorizados pola normativa vixente e debidamente autorizados.
Artigo 16. Natureza e valor dos resultados obtidos mediante sistemas de intelixencia artificial
1. Os resultados xerados por sistemas de intelixencia artificial terán carácter auxiliar e non constituirán por si mesmos evidencia de auditoría suficiente e adecuada.
2. A súa utilización deberá ser corroborada mediante outras fontes de evidencia obtidas conforme ás normas de auditoría aplicables.
Artigo 17. Documentación, rastrexabilidade e identificación do uso da intelixencia artificial
1. Todo uso de intelixencia artificial deberá quedar documentado, especialmente nos papeis de traballo de fiscalización.
2. En todos os documentos xerados no Consello de Contas en que se empregue intelixencia artificial deberá indicarse expresamente esta circunstancia, o sistema utilizado e a persoa responsable da validación.
TÍTULO V
Responsabilidades
Artigo 18. Responsabilidades no uso da intelixencia artificial
O persoal do Consello é responsable de utilizar a intelixencia artificial conforme a esta política. O uso indebido da intelixencia artificial poderá dar lugar ás responsabilidades que procedan conforme á normativa aplicable.
A responsabilidade plena polas conclusións, valoracións e recomendacións contidas nos informes de fiscalización corresponde, en todo caso, ao persoal auditor e aos órganos do Consello competentes para a súa aprobación, con independencia da utilización de sistemas de intelixencia artificial como instrumento de apoio ou asistencia. O uso de intelixencia artificial non altera nin atenúa esta responsabilidade.
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
A presente política entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
