DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 158 Venres, 21 de agosto de 2026 Páx. 46164

IV. Oposicións e concursos

Axencia de Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 14 de agosto de 2026 pola que se resolve a convocatoria de provisión, polo sistema de libre designación, dun posto de traballo na Axencia Turismo de Galicia (código do posto PX.A20.00.003.15770.001), anunciada mediante a Resolución do 7 de xullo de 2026.

Mediante a Resolución do 7 de xullo de 2026, publicada no Diario Oficial de Galicia número 134, do 20 de xullo, convocouse a provisión, polo sistema de libre designación, dun posto de traballo vacante na Axencia de Turismo de Galicia.

De conformidade co establecido no artigo 92 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e no artigo 26 do Decreto 151/2022, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento dos procedementos de mobilidade do persoal funcionario de carreira da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais integrantes do sector público autonómico, e do uso das atribucións conferidas pola disposición adicional primeira do Decreto 16/2025, do 10 de marzo, polo que se modifica o Decreto 135/2024, do 20 de maio, da estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia,

DISPOÑO:

Primeiro. Resolver a convocatoria pública efectuada pola Resolución desta axencia, do 7 de xullo de 2026, e designar a persoa cuxos datos se sinalan no anexo desta resolución para ocupar o posto que tamén se especifica e que é seleccionada conforme o establecido nas bases da citada convocatoria.

Segundo. De conformidade co establecido no artigo 8 do dito Decreto 151/2022, do 4 de agosto, o prazo para tomar posesión do novo destino será de tres días hábiles se non implica cambio de residencia ou de sete días hábiles se comporta cambio de residencia. Cando o/a adxudicatario/a do posto obteña coa súa toma de posesión o reingreso ao servizo activo, o prazo será dun mes.

O prazo de toma de posesión comezará a contar a partir do día seguinte ao do cesamento, que se deberá producir no prazo de tres días hábiles contados a partir do día seguinte ao da data da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, agás no caso de procedencia doutras administracións, en que se deberá efectuar dentro dos tres días hábiles seguintes ao da comunicación da resolución de traslado á Comunidade Autónoma, co límite de dous meses.

Se a resolución comporta o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión computarase desde a data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

O cómputo dos prazos posesorios iniciarase cando rematen os permisos ou licenzas que, se é o caso, lle fosen concedidos ao/á interesado/a.

Nos supostos de baixa temporal ou transitoria, o cómputo do prazo iniciarase a partir da correspondente alta.

Terceiro. A xefatura do centro en que cause baixa o/a traballador/a, así como a daquel en que obteña destino, emitirán, dentro do prazo sinalado no punto anterior, as correspondentes dilixencias de cesamento e toma de posesión, das que se dará traslado á Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal.

Cuarto. Contra a presente orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer un recurso potestativo de reposición perante o director da Axencia Turismo de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderán impugnala directamente ante o xulgado do contencioso-administrativo competente no prazo de dous meses contados a partir da mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 14 de agosto de 2026

José Manuel Merelles Remy
Director da Axencia de Turismo de Galicia

ANEXO

Datos do/da funcionario/a:

Apelidos e nome: Meléndez Medela, Iván.

NIF: ***5266**.

Corpo/escala/clase: corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

Subgrupo: A1.

Datos do posto de traballo:

Denominación do posto: director/a de Competitividade.

Código do posto: PX.A20.00.003.15770.001.

Subgrupo: A1.

Nivel: 30.

Centro directivo: Axencia de Turismo de Galicia.

Localidade: Santiago de Compostela.

(*) O NIF amósase cifrado coa finalidade de protexer os datos de carácter persoal.