DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 158 Venres, 21 de agosto de 2026 Páx. 46182

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 31 de xullo de 2026, do Departamento Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción e a declaración de utilidade pública, en concreto, dunha instalación de distribución eléctrica no concello de Boqueixón (expediente IN407A 2026/029-1).

Expediente: IN407A 2026/029-1.

Promotor: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Proxecto: reforma CT e nova LMTS para o peche entre as liñas SNT839 e PAI802.

Concello: Boqueixón.

Feitos:

1. O día 4.2.2026, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación de distribución eléctrica mencionada. Co fin de mellorar a calidade da subministración eléctrica no lugar de Lestedo, no concello de Boqueixón, proxéctase o peche de dúas liñas de distribución de media tensión: SNT839, procedente da subestación Santiago, e PAI802, procedente da subestación Paizás, instalando unha nova liña soterrada de media tensión que conectará as dúas liñas, e a reforma do centro de transformación soterrado existente CT Lestedo I (IN407A 08/382), de 630 kVA de potencia.

Ao abeiro dos artigos 123 e 143 do Real decreto 1955/2000, xunto coa relación de bens e dereitos afectados de necesaria ocupación para a construción da instalación proxectada, presentan o proxecto de execución denominado Reforma CT e nova LMTS para o peche entre a liñas SNT839 y PAI802, asinado o día 26.1.2026 por Antonio Javier Sabín Vázquez, enxeñeiro técnico industrial eléctrico, núm. colexiado 2.233.

2. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante un acordo do 19.4.2026, publicado nos seguintes medios:

• Portal de transparencia e Goberno aberto da Consellería de Economía e Industria.

• DOG: 13.5.2026.

• BOP: 24.4.2026.

• Xornal La Voz de Galicia: 28.4.2026.

• Taboleiro de anuncios do Concello: segundo o certificado municipal do 8.7.2026.

3. Durante o período en que o proxecto se someteu ao trámite de información pública non se presentou ningunha alegación, reclamación nin suxestión relacionada coa documentación obxecto de publicación.

4. Consonte o artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, solicitouse o informe preceptivo ás distintas entidades afectadas: Concello de Boqueixón e Patrimonio Cultural. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos informes emitidos no prazo outorgado para ese efecto.

5. O día 30.7.2026 emitiuse o informe técnico.

Consideracións legais e técnicas:

1. O director territorial é competente para resolver este expediente, ao abeiro do disposto no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro), e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio).

2. Lexislación de aplicación:

• Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

• Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

• Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (BOE núm. 310, do 27 de decembro).

• Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica (BOE núm. 310, do 27 de decembro).

• Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalación eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 (BOE núm. 68, do 19 de marzo).

• Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23 (BOE núm. 139, do 9 de xuño).

• Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas (BOE núm. 246, do 14 de outubro).

• Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa (BOE núm. 351, do 17 de decembro).

• Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o regulamento da Lei de expropiación forzosa (BOE núm. 160, do 20 de xuño).

3. Características técnicas.

As instalacións obxecto deste expediente están situadas no lugar de Lestedo, no concello de Boqueixón, e as súas características técnicas son as seguintes:

• LMTS a 20 kV, de 958 m, condutor tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 3x(1x240) mm2 Al, con orixe no PA/S proxectado no apoio núm. 43-16 existente tipo frecuentado da liña SNT839, procedente da subestación Santiago, e remate na nova cela de liña no CTS Lestedo I existente, que se reformará.

• Reforma do CT Lestedo I (IN407A 08/382) soterrado existente de 630 kVA, con relación de transformación de 20.000/400-230 V: substitución do conxunto de celas existente en configuración 2L+1P por unha configuración 3L+1P.

4. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos deste departamento territorial.

Consonte todo o sinalado,

RESOLVO:

A) Conceder a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da dita instalación de distribución eléctrica.

A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos afectados e implicará a urxente ocupación, para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

B) A instalación executarase no prazo de dous anos, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

C) Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá achegar ante este departamento territorial unha solicitude á cal xuntará a seguinte documentación:

• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.

• Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e das prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.

• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

D) Esta autorización outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial no relativo á ordenación do territorio e ao ambiente.

O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia ao interesado, segundo o establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderá interporse recurso de alzada perante a conselleira de Economía e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da dita Lei 39/2015, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren axeitado.

Mediante este documento notifícaselles aos interesados esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da Lei 39/2015.

A Coruña, 31 de xullo de 2026

Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña

ANEXO

Relación de bens e dereitos afectados. Concello de Boqueixón

Núm. parcela

Lugar

Referencia catastral

Cultivo

Titular

Afección de solo en pleno dominio

Afección de solo por servidume de paso de enerxía eléctrica

Apoio núm.

m2

ml aér.

ml sot.

m2 aér.

m2 sot.

1

Pedralta

15012D516006850000UO

Prado

José Cedeira Segade

7.0

21.0

Abreviacións:

ml aér.: lonxitude da servidume aérea en metros lineais.

ml sot.: lonxitude da servidume soterrada en metros lineais.

m2 aér.: superficie de servidume aérea en m2.

m2 sot.: superficie de servidume soterrada.