BDNS (Identif.): 925689.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:
https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/925689
Primeiro. Persoas beneficiarias
Empresarios (persoas físicas ou xurídicas) e as persoas físicas e xurídicas sen ánimo de lucro que promovesen as intervencións arqueolóxicas comprendidas no ámbito desta orde, desenvoltas en bens inmobles de titularidade privada, sempre que non se atopen en ningún dos supostos dos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei de subvencións de Galicia, e que cumpran os seguintes requisitos:
a) Que as actuacións arqueolóxicas estean autorizadas desde o ano 2021 en adiante, estean finalizadas na data de publicación desta orde, e os xustificantes dos custos pagados pola execución estean facturados e pagados entre o 1 de outubro de 2025 e o 30 de setembro de 2026.
b) Que as actuacións se desenvolvesen conforme os proxectos arqueolóxicos presentados, de acordo co establecido no Decreto 199/1997, que regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia.
c) Que se acredite a presentación e a entrega dos correspondentes informes valorativos ou das memorias técnicas e da acta de depósito dos materiais de acordo co citado Decreto 199/1997.
Segundo. Finalidade
A concesión de axudas, polo procedemento abreviado de concorrencia non competitiva, aos promotores particulares de calquera tipo de obras que afecten un conxunto histórico, zona arqueolóxica ou xacementos catalogados ou inventariados, nos casos en que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ou a figura de planeamento vixente determine a necesidade de realizar intervencións arqueolóxicas, en concepto de colaboración no financiamento do custo da execución do proxecto arqueolóxico realizado de acordo cos requisitos establecidos nos artigos 96 e 97 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.
Terceiro. Bases reguladoras
Orde do 20 de xullo de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas destinadas á colaboración no financiamento de intervencións arqueolóxicas e se convocan para o ano 2026 (código de procedemento CT104B).
Cuarto. Importe
Para a concesión das subvencións convocadas destinarase un crédito total de 50.000,00 euros coa seguinte distribución por aplicacións orzamentarias:
13.04.433A.770.0: 25.000,00 €.
13.04.433A.781.2: 25.000,00 €.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que comezará ás 9.00 horas do sexto día hábil contado desde o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia e rematará ás 20.00 horas do último día. Se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2026
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude
P.D. (Orde do 28.6.2024; DOG núm. 130, do 5 de xullo)
Elvira María Casal García
Secretaria xeral técnica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
