De acordo co Convenio de colaboración subscrito entre a Escola Galega de Administración Pública (EGAP) e o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación, convócase un curso en materia de prevención de riscos laborais.
RESOLVO:
Convocar o curso de prevención de riscos laborais que figura no anexo II, que deberá desenvolverse segundo as bases detalladas no anexo I.
Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2026
Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública
ANEXO I
Primeira. Requisitos do persoal participante
Poderán participar nesta actividade formativa o persoal empregado público, traballadores/as por conta allea ou autónomos/as, empresarios/as e aquelas persoas con inquietudes no ámbito da prevención de riscos laborais.
Segunda. Desenvolvemento das actividades de formación
As actividades formativas realizaranse cos requirimentos, a duración e as condicións que para estas actividades se indiquen na convocatoria. A información relativa ao desenvolvemento das actividades, así como as súas posibles modificacións, será actualizada e ampliada na páxina web https://egap.xunta.gal
Terceira. Solicitudes e prazos
1. O prazo de presentación de solicitudes será do 24 de agosto ao 4 de setembro de 2026.
2. As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo https://egap.xunta.gal/matricula desde as 9.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 23.55 horas da data de finalización. As solicitudes consideraranse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.
3. Excluiranse automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude, non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección ou se presenten fóra de prazo.
4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte, que se contará desde que se detecte o feito.
5. As persoas interesadas en recibir mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil e, ao tratarse de actividades impartidas na modalidade de teleformación, deberán dispor dun equipo informático que cumpra os seguintes requisitos técnicos:
– Un ordenador con conexión a Internet.
– Un navegador web actualizado.
6. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 57, 981 54 62 53, 981 54 62 54, 981 54 62 73 e 981 54 63 35 en horario de atención ao público (das 9.00 ás 14.00 horas) e do enderezo de correo electrónico xestion.egap@xunta.gal
Cuarta. Criterios de selección
1. Unha vez que se reciban as solicitudes correctamente, asignaranse as prazas no curso solicitado por orde de inscrición ata esgotar o total de prazas. Terán prioridade aquelas persoas que posúan o título de monitor/a ou director/a de tempo libre e as que teñan o carné xove vixente (deberán achegar a documentación que o acredite a través do enderezo issga.cursoprl@xunta.gal dentro do prazo de presentación de solicitudes) e reservarase o 50 % das prazas do curso para o persoal empregado público.
Todo isto sen prexuízo da aplicación dos criterios de reserva de prazas para persoas con discapacidade, así como das medidas de promoción da igualdade e da conciliación establecidos na normativa autonómica vixente.
2. No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que cumpran os requisitos do curso, poderá completarse o número de participantes asignado mediante a apertura dun novo prazo público na páxina web da EGAP.
Quinta. Publicación das relacións do alumnado seleccionado
1. A EGAP publicará no enderezo https://egap.xunta.gal unha relación das persoas admitidas, en reserva e excluídas para participar no devandito curso, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).
O prazo de presentación de alegacións será de dez días desde a súa publicación, de acordo co artigo 82.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
2. Logo de transcorrer o prazo de alegacións, a EGAP publicará no enderezo https://egap.xunta.gal a listaxe definitiva de persoas admitidas no curso. Contra esta listaxe poderase interpoñer un recurso de alzada no prazo dun mes desde a devandita publicación, de acordo co disposto polos artigos 112.1, 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Sexta. Cambios ou substitucións na selección. A renuncia e o seguimento das actividades formativas e desenvolvemento das probas de avaliación
1. Os cambios ou as substitucións na selección:
En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.
2. A renuncia:
a) As persoas seleccionadas poderán renunciar á actividade formativa. A renuncia debe ser comunicada por escrito á EGAP cunha antelación de tres días ao inicio da actividade formativa. Na páxina web da Escola está dispoñible un modelo de renuncia.
Para isto poderase utilizar, alén do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, o enderezo de correo electrónico xestion.egap@xunta.gal
b) As persoas que incumpran o prazo previsto pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte, que se contará a partir do día da finalización desta actividade, agás que a renuncia teña algunha das seguintes causas:
– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.
– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte das persoas responsables dos centros directivos.
– Por razóns de conciliación familiar.
– Por outras causas xustificadas documentalmente.
3. Seguimento das actividades de teleformación:
As persoas que non completen o 50 % das actividades e tarefas propostas pola titoría pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte, que se contará a partir do día da finalización desta actividade.
4. Desenvolvemento das probas de avaliación:
A proba final do curso realizarase de xeito telemático a través da aula virtual.
Sétima. Superación da actividade formativa
Para poder superar a actividade de teleformación, é necesario cumprir unha serie de requisitos obrigatorios na súa totalidade:
– A adecuada realización de todas as actividades que o/a titor/a propoña. Estas deben constar debidamente presentadas nos prazos estipulados na programación didáctica do curso. A non superación das actividades obrigatorias suporá a perda automática do dereito a participar no exame final.
– A superación das probas de avaliación que para os efectos se establezan. Para superar as probas de avaliación, o alumnado deberá responder de forma correcta a un 50 % das preguntas da proba. As respostas incorrectas non descontarán acertos. As datas e o horario de realización destas será o indicado no anexo II.
Oitava. Certificados
Para a obtención do certificado de aproveitamento, o alumnado deberá obter a avaliación positiva do seu profesorado, o cal emitirá un informe no que declare apto/a ou non apto/a a cada alumno/a en función do resultado da proba de avaliación.
Novena. Facultades da EGAP e do ISSGA
1. A EGAP e o ISSGA poderán modificar o desenvolvemento, as datas e os lugares da actividade formativa, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir.
2. No suposto de que o número de persoas admitidas sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a EGAP e o ISSGA reservan para si o dereito a suspender ou cancelar a actividade, caso no que empregará os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.
3. A EGAP e o ISSGA garantirán nas actividades derivadas desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.
