DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 159 Luns, 24 de agosto de 2026 Páx. 46373

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 10 de agosto de 2026, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se aproba e publica a oferta de destinos do concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas para as categorías de persoal sanitario e de xestión e servizos no ciclo de adxudicación correspondente ao ano 2026.

Mediante a Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde do 20 de novembro de 2017 (Diario Oficial de Galicia núm. 227, do 29 de novembro) aprobáronse as bases do procedemento de concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario do Sistema público de saúde de Galicia, as cales foron modificadas pola Resolución do 25 de abril de 2023 (Diario Oficial de Galicia núm. 86, do 5 de maio).

Na súa base 7.1 disponse que dentro do prazo dos quince (15) días naturais seguintes ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da oferta de prazas correspondente a cada ciclo anual de adxudicación, o/a concursante poderá modificar a través de Fides/Expedient-e, no seu formulario de participación, a selección de prazas efectuada.

Mediante a Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde do 31 de xullo de 2026 (Diario Oficial de Galicia núm. 149, do 10 de agosto) aprobouse e publicouse a relación provisional de persoas admitidas e excluídas do concurso de traslados neste ciclo de adxudicación do ano 2026.

Con esta resolución ofértanse as prazas básicas obxecto de provisión neste ciclo de adxudicación para o persoal estatutario do Sistema público de saúde de Galicia, logo de negociación na correspondente mesa sectorial, consonte a base 3.5.2 da resolución de convocatoria.

En aplicación das previsións anteriores, e de conformidade coa Resolución do 20 de novembro de 2017, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro. Aprobar e publicar a oferta de destinos correspondente ao ciclo de adxudicación do ano 2026 do concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas nas categorías de persoal estatutario do Sistema público de saúde de Galicia.

A relación de prazas ofertadas por categoría e centros nos cales poden existir resultas está publicada na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es), na sección Emprego público/Concurso de traslados/Concurso de traslados aberto e permanente 2026.

Ademais, poderá ser consultada pola persoa solicitante no seu expediente electrónico persoal en Fides/Expedient-e, na sección de Procesos.

Segundo. Os/as profesionais que consten na relación de participantes deste ciclo disporán dun prazo de quince (15) días naturais, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para poderen modificar, a través de Fides/Expedient-e, no seu formulario de participación, a selección de destinos efectuada, se así o desexan.

As modificacións que se realicen na selección de destinos deberanse presentar por rexistro electrónico e non requirirán a entrega de ningunha documentación. Terase en conta a última modificación presentada por rexistro electrónico dentro do prazo indicado.

De igual forma, as persoas aspirantes que, resultando admitidas con carácter provisional neste proceso, non seleccionaran na instancia de participación ningún destino disporán do prazo de quince (15) días naturais, contados desde o seguinte ao da publicación desta resolución, para efectuaren a través de Fides/Expedient-e, mediante o oportuno rexistro electrónico, a selección de destinos que consideren.

De conformidade coa base 3.5.1 da Resolución do 20 de novembro de 2017, pola que se aproban as bases do procedemento de concurso de traslados aberto e permanente, aquelas solicitudes de participación que, logo do prazo anteriormente sinalado, non conteñan a selección de, polo menos, un destino non terán a consideración de solicitude validamente presentada e quedarán excluídas automaticamente do ciclo de adxudicación en curso.

Terceiro. Os/as profesionais que opten a algún dos destinos que exixen habilitacións específicas para o seu desempeño deberán rexistrar, dentro do prazo dos quince (15) días naturais seguintes ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, a posesión de tal competencia en Fides/Expedient-e, na epígrafe Outros méritos, e deberán acreditar documentalmente no mesmo prazo, mediante certificación orixinal ou copia compulsada ou auténtica dirixida á mesma unidade de validación en que presentaron a solicitude de participación, a posesión de tal habilitación.

Os/as profesionais que optaron a algún destes postos pero que non acreditaron, na forma e prazo expostos, as condicións exixidas para o seu desempeño non poderán resultar adxudicatarios/as deles.

Do mesmo xeito, de conformidade co previsto no artigo 8.3 do Decreto 48/2023, do 20 de abril, de ordenación do sistema de formación sanitaria especializada na Comunidade Autónoma de Galicia, na relación de prazas que se fai pública mediante esta resolución figuran destinos ofertados cun requisito de docencia (prazas «con titorías»).

Consonte o mesmo precepto, o/a profesional que opte a tales prazas deberá estar acreditado/a como titor ou titora no prazo máximo dun ano desde a súa toma de posesión, e exercer como tal unha vez acreditado/a. No caso de que non obteña a dita acreditación nese período, perderá o destino definitivo e deberá participar no seguinte ciclo anual do concurso de traslados.

Cuarto. A adxudicación dun destino neste proceso de mobilidade voluntaria suporá a obriga para o/a profesional adxudicatario/a do cumprimento dos requisitos e condicións do posto que se detallan na relación de prazas ofertadas, que se fai pública mediante esta resolución. En caso contrario, o/a profesional decaerá do dereito a obter ou, de ser o caso, manter tal destino con carácter definitivo.

Santiago de Compostela, 10 de agosto de 2026

A directora xeral de Recursos Humanos
P.D. (Acordo do 31.7.2026)
Begoña Caamaño del Castillo
Subdirectora xeral de Xestión de Profesionais